Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Telebrás

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil076.html




Telebrás


     Voraz a Telefónica en Brasil. E frenética e arriscada a súa carreira de expansión en Iberoamérica. A súa ousadía sorprendeu a todos, incluído o goberno brasileiro. Na poxa celebrada o pasado xoves das doce compañías nas que se desmembrou o xigantesco monopolio de telecomunicacións Telebrás, na maior privatización da historia de América, a empresa española papou a compañía de telefonía fixa máis cobizada, a Telesp, que atende ao estado de São Paulo, o máis rico e populoso, con trinta e catro millóns de habitantes, dos que dous están na lista de espera para obter unha liña de teléfono. "Sen ter São Paulo, non se é lider na América Latina", declarou, moi rufo el, o presidente de Telefónica, Juan Villalonga.
     Pero ao insaciable apetito de Telefónica non lle abondou con gastar 752.735 millóns de pesetas pola Telesp (un 64,28 % máis do prezo de saída). Coa axuda da eléctrica Iberdrola adquiriu a Tele Sudeste Celular, telefonía móbil para os estados de Río de Xaneiro e Espírito Santo, e participou tamén, como socio minoritario, na compra de Tele Leste Celular (móbil para os estados de Bahía e Sergipe). A estes triunfos hailles que engadir as alianzas que mantén Telefónica, mediante participacións cruzadas, coa norteamericana MCI, que se fixo na mesma poxa coa estratéxica Embratel, a única operadora de longa distancia do país, e con Telecom Portugal, gañadora da telefonía móbil de São Paulo. Tendo en conta que xa exercía o control da Compañía Riograndense de Telecomunicacións (CRT), de Río Grande do Sur, da que agora terá que vender parte das súas accións como lle esixe a lei antimonopolio, é lóxico que algúns vexan aquí a compañía española como unha perigosa ameaza de concentración de poder.
     Debido ao golpe de 1964, os gobernos militares da dictadura organizaron o sistema de telecomunicacións acabando coa excesiva fragmentación da situación anterior, na que Brasil dispoñía dunha rede ridícula e moi defectuosa, en mans privadas. Déronlle, ademais, unha dimensión nacional coa creación en 1972 do monopolio estatal Telebrás, o que supuxo un crecemento vertixinoso, a mellora dos servicios e a ampliación da cobertura territorial, resultado dos grandes investimentos financeiros e tecnolóxicos que só comezanon a decaer na década dos oitenta. O xigante tiña os pés de barro.
     Co diñeiro recadado na privatización, que superou as mellores espectativas, o goberno actual vai combater e reducir a débeda pública. Agora as esperanzas de modernización están postas nas novas companías estranxeiras, coas que, suponse, sairán beneficiados os consumidores, aínda que teño dúbidas de que Telefónica non traslade a Brasil a habitual política de abuso de cotas e tarifas que aplica en España.
     O futuro de Brasil pasa tamén polos fíos telefónicos: transmisión de datos, servicios integrados de voz e vídeo, internet, etc. ¡Que lonxe queda a visita do emperador de Brasil Pedro II á Exposición Universal de Filadelfia de 1876! Naquela ocasión atopouse no recinto da feira con Alexander Graham Bell, o inventor do teléfono, un enxeño que lle tentaba vender, con pouco éxito, ao público. De volta ao seu país, o emperador ordenou a instalación das primeiras liñas telefónicas entre o seu palacio e as residencias do seus ministros.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega