Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Biopiratería

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil077.html




Biopiratería


     Os segredos da selva. Iso é o que está en xogo. O Parlamento brasileiro está a debater estes días o proxecto de lei sobre o acceso aos recursos xenéticos da Amazonia, e a Funai (Fundación Nacional de Axuda ao Indio) tenta regular as condicións de entrada ás terras indíxenas. Mentres, multiplícanse, por un lado, as denuncias na comisión lexislativa que sobre biopiratería se constituíu o ano pasado no Congreso, e, polo outro, aumentan as presións políticas para facilitar o traballo aos investigadores dos grandes laboratorios, universidades e multinacionais.
     Constátanse prácticas irregulares cada vez máis sofisticadas, coa autorización oficial na man e servíndose de enganos. Xa non se trata de apropiarse de coñecementos tradicionais dalgunhas tribos, como aconteceu en 1992 cun equipo de italianos que patentou un poderoso analxésico a partir das instruccións dadas xenerosamente por un chamán dos indios marubos, no oeste do Amazonas, sobre o uso da secreción dunha especie de sapo da rexión. Aquilo considerouse un roubo e o Brasil non deixará de pagar royalties polo medicamento.
     Outra cousa ben diferente é o que se soubo a semana pasada: que os médicos da empresa norteamericana de bioxenética Coriell Cell Repositories, coa desculpa de facer un documental e procurar un tratamento contra a malaria e a anemia, extraeron sangue dos indios caritianas e suruís, que viven no estado de Rondonia, sangue que está depositado agora no banco de células mutantes humanas da empresa, clasificadas por étnias, e serve para as pesquisas sobre o xenoma humano por ser "un material de alta cualidade e libre de contaminación".
     A salvo, polo momento, desas prácticas está o Parque Nacional Indíxena do Xingú, unha reserva administrada directamente pola Funai e situada ao norte do Mato Grosso, que abrangue unha área de dous millóns e medio de hectáreas onde viven case catro mil indios de quince tribos diferentes que manteñen con forza as súas tradicións. Ben protexida pola natureza, a rexión converteuse nun refuxio durante
séculos para pobos indios de moi variada procedencia que fuxían do avance colonizador dos portugueses.
     A creación oficial deste gran parque data do ano 1961, pero só foi posible gracias á famosa expedición Roncador-Xingú, unha mestura de nacionalismo e necesidade xeopolítica do goberno de Getulio Vargas, que supuxo o descubrimento nos anos 40 do Brasil central e a primeira presencia real do Estado naquel afastado territorio. Os protagonistas daquela ?marcha para o oeste?, ao corazón de Brasil, foron Orlando, Claudio e Leonardo Villas-Boas, indixenistas de gran prestixio que, despois de moitos anos de esforzos e loitas, lograron das autoridades o recoñecemento dos dereitos dos indios iamén e que se pechara a reserva para evitar no posible a contaminación e contacto cos brancos.
     Pero o Xingú serviu tamén de laboratorio para as pesquisas antropolóxicas. Sábese, por exemplo, que os irmáns Villas-Boas fomentaron os casamentos intertribais, para o que non dubidaron en animar aos indios iaulapitis, numerosos no pasado e á beira da extinción hai medio século, a raptar mulleres camaiurá. Logrouse así que comezasen a renacer, chegando hoxe a case duascentas persoas.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega