Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Embaixadores de Brasil

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil078.html




Embaixadores de Brasil


     As súas fillas gañan o dereito a recibir a pensión e os pagamentos atrasados, pero parece unha insensatez: a Xustiza brasileira acaba de concederlle a amnistía, despois de dezaoito anos da súa morte, ao poeta e compositor Vinicius de Moraes, que foi afastado da carreira diplomática en 1969 durante o réxime militar.
     Nacido en Río en 1913, Vinicius entrou por concurso no corpo diplomático cando tiña trinta anos. Antes diso, estudiou Dereito, foi bolseiro na Universidade de Oxford, onde fixo un curso de literatura inglesa —para él "fundamental"—, e xa publicara algúns libros de poemas e traballara en varios xornais como crítico de cine, unha das súas paixóns.
     Como diplomático exerceu en Los Ángeles, onde foi vicecónsul, París (en dúas ocasións) e Montevídeo. E sempre puido cultivar a súa vocación pola literatura (teatro, crónica, poesía e canción). Durante a dictadura dos militares, no goberno do sinistro Costa e Silva, non parecía serio nin gustaba moito que un funcionario do Ministerio de Asuntos Exteriores andase con compañías politicamente sospeitosas, actuando, ademais, en locais nocturnos non recomendables, polo que foi apartado do seu traballo. "Cássese ese canalha" foi a orde dada, escrita nun papel de envolver, polo presidente da República.
     Despois, contoume Manolo Rieiro, os militares puxéronlle un espía no restaurante Antonio´s do Leblón, un refuxio habitual da bohemia carioca daquel tempo, ao que acudían todas as noites Vinicius e os seus amigos. Un día o poeta viuno sentado, solitario coma sempre, e, algo intrigado, convidouno á súa mesa. O home aceptou e acabou integrándose no grupo. Non tardou en confesarlles cal era a súa secreta misión alí, recoñecendo que non escoitara nada malo deles e que sentía envexa da vida que levaban.
     Fóra da carreira diplomática, Vinicius converteuse no maior embaixador que tivo Brasil no mundo e, como sinala o seu biógrafo José Castello, nun dos inventores do Río de Xaneiro solar, moderno e optimista que xa desapareceu... Un mito imposible sen o seu amigo Tom Jobim, músico xenial con quen formou un dúo lendario e inaugurou hai agora corenta anos xa —sen esquecer a João Gilberto— a bossa nova, esa delicada, sensual e feliz mestura de samba e jazz que revolucionou o panorama musical brasileiro e propagou unha nova imaxe de Brasil no mundo.
     O Senado acaba de homenaxear precisamente a semana pasada a Tom Jobim, catro anos despois da súa morte, aprobando o proxecto de cambio de nome para o Aeroporto Internacional do Galeão, o que recibe maior número de viaxeiros no país. Será chamado a partir de 1999 "Antonio Carlos Jobim". Seguro que máis dunha compañía aérea anunciará nos seus vóos a chegada a Río facendo soar a súa famosa composición Samba do avião :
                    Minha alma canta
        
          estou morrendo de saudade
       
            Rio teu mar, praias sem fim
       
            Rio você foi feito pra mim...
       
            Dentro de mais uns minutos
      
             estaremos no Galeão..
       
            agua brilhando, olha a pista chegando.
      
             Aperte o cinto, vamos chegar
       
            e vamos nós
       
            aterrar.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega