Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Cores de Santa Teresa

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil079.html




Cores de Santa Teresa


     Subo o domingo a Santa Teresa, un dos barrios máis antigos de Río, no sempre animado tranvía, un vello xoguete eléctrico que se despraza, preguizoso, polos raís do Acueducto da Lapa, antes de serpear polas duras pendentes do outeiro. A primeira edificación importante, levantada na ladeira no XVIII, foi o convento de Santa Teresa. Un século despois viñeron construír aquí, fuxindo da calor e da febre amarela, os aristócratas as súas elegantes residencias. Refuxio tradicional de artistas e intelectuais, hoxe os seus bares e restaurantes están de moda nas noites e madrugadas cariocas.
     Xa no cumio, achégome á Chácara do Céu, un dos mellores museos da cidade, aberto na que foi residencia de Raymundo Ottoni de Castro Maya, un industrial culto e refinado que formou unha das mellores coleccións de arte, europea e brasileira, do país. O moderno edificio de 1957 adáptase moi ben ao contorno gracias ás súas sinxelas liñas e tamén aos fermosos xardíns concibidos por Burle Marx.
     A trasfega no museo é enorme. O próximo xoves inaugúrase unha nova exposición temporal sobre "A paisaxe pintoresca no Brasil". Paisaxes pintorescas, dignas de seren pintadas. Curioso, pero antes de 1808, ano da apertura dos portos ás nacións amigas decretada polo rei João IV, o Brasil foi unha colonia portuguesa completamente pechada á influencia exterior. A mostra quere probar que as expedicións de artistas estranxeiros que seguiron a esa medida transformaron a pintura feita aquí e ensinaron a ver con outros ollos a natureza, asociada antes a escenas relixiosas.
     Un dos que abriu camiño no século XIX ao auxe do pintoresquismo, o austríaco Thomas Ender, chegou en 1817 con ocasión das nupcias da arquiduquesa Leopoldina, filla do emperador austríaco, co príncipe don Pedro de Alcántara, herdeiro do trono de Portugal e Brasil. Viña nunha comitiva de sabios e científicos dispostos a recoñecer o territorio brasileiro na procura de novas especies animais e vexetais. As acuarelas de Ender axudaron a desvelar unha natureza exótica e descoñecida.
     Jean-Baptiste Debret arribou en 1816 como membro da misión artística francesa e o alemán Rugendas en 1822 para participar na famosa expedición Langsdorff. Ámbolos dous conseguiron cos seus debuxos e litografías caracterizar a paisaxe tropical brasileira, chea de cores e exuberancia, e ofreceron ao mundo unha visión bastante ampla do Brasil, da súa xente e dos seus costumes.
     Saio do museo encantado coas obras. Ademais, este é un lugar privilexiado, de ar puro e fresco, para contemplar un panorama da cidade, con vistas espectaculares de todos os barrios: a Lapa, a Gloria, o Flamengo,... e sempre os azuis e verdes da baía de Guanabara ao fondo. Baixo a pé, confiado, polas rúas estreitas e empedradas de Santa Teresa, que lembran as de Alfama de Lisboa. Pendúranse xardíns e algunhas casas polas ladeiras, amosan outras, orgullosas, as súas novas cores (vermellos, amarelos, laranxas...) froito dun plan de restauración que xa se empeza a notar. E por todas partes sobresaen as palmeiras ¡Lástima dun lenzo e uns pinceis!

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega