Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Corumbá

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil080.html




Corumbá


     As liñas que baixan ata o pulso na bacía da palma da man aseméllanse á rede hidrográfica do corazón de Suramérica, afectado por unha grave seca na rexión do Mato Grosso. O volume de auga diminúe cada día e xa foi suspendida a navegación de grandes embarcacións e convois comerciais polo treito brasileiro do río Paraguai, tributario do Paraná, co que constitúe unha estratéxica vía de comunicación para os países do Mercosur e a única saída natural ao mar para Bolivia e Paraguai.
     O comercio fluvial, tradicional na rexión, aumentou ao comezar o século. O fluxo de navíos da compañía estatal Lloyd brasileiro, entre Buenos Aires-Montevídeo e as terras do interior era enorme. Neses anos, procedente da capital arxentina e remontando o río Paraguai, chegou ao Mato Grosso Juan Rey Saavedra, un emigrante fillo duns labregos de Cabanas. A súa viaxe sen retorno levouno ata a cidade de Corumbá, a capital do chamado Pantanal, un santuario ecolóxico formado nunha planicie tropical especialmente lenta en escoar as augas que a invaden cada ano. Nacida á beira do Paraguai en torno a un presidio levantado polos portugueses no século XVIII, Corumbá, co seu porto fronteirizo con Bolivia, conseguiu atraer a moitos emigrantes (paraguaios, italianos, alemáns, ingleses, turcos...).
     Juan Rey Saavedra era o único galego alí. Traballou toda a súa vida como "comisario de a bordo?
" nos barcos da compañía de navegación da familia libanesa Kassar que facían o tramo desde Corumbá ata Cuiabá, ao norte (actual capital do estado do Mato Grosso), polas augas do río do mesmo nome, afluente do Paraguai, que a semana pasada chegou ao nivel máis baixo de toda a súa historia.
     "Juanciño" saíu de Galicia, dunha Cabanas orfa aínda da futura moda do veraneo, en 1907, con catorce anos. A súa familia nunca soubo nada del ata que no ano 1991, un dos seus netos, Antonio Carlos, un arquitecto que vive na actualidade en Cuiabá, ocorréuselle chamar por teléfono ao concello de Cabanas e, cerrando así o círculo, contactou por casualidade cun curmán seu, Juan Manuel Corbeiro. Ao ano seguinte visitou aos seus parentes e puido coñecer a casa onde nacera o seu avó, no "lugar da igrexa", na parroquia de Santo Estevo de Eirís, nunha paisaxe fermosísima sobre as últimas curvas que debuxa o Eume antes de chegar á ponte. Tivo tamén a oportunidade de coñecer en Formariz a un tío avó seu, Manuel Rey, un adorable velliño de noventa e catro anos e aínda con moita memoria, que tiña tres cando marchou o seu irmán máis vello, morto en 1963 e do que nunca tivo noticias...
     Aínda que a verdade é que as houbo. Un día do inverno de 1922, cando o pai de Juan Rey Saavedra baixaba do monte co estrume para as vacas, atopouse con don Senén:
     — ¿Estamos de voda, Bernardo?, díxolle.
     — ¿De voda?
     — ¿Non tes, logo, un fillo en Brasil?
O párroco recibira, ao parecer, unha carta dun cura de América —a Igrexa católica non descoidaba estas cousas— pedindo informes. No libro de bautizos, na marxe da partida de Juan Rey, don Senén anotou que "casara no Brasil o día 16 de decembro de 1922 na capela de Santa Teresa". Esqueceuse de poñer o nome da cidade: Corumbá, que en tupí-guaraní significa "lugar distante".

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega