Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Amores

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil081.html




Amores


     O cine non é tan fugaz coma o teatro ou a vida mesma. E agradécese. Hai uns días o director Domingos de Oliveira transformou o zaguán do Espaço Unibanco 1 de Cinema de Botafogo nunha improvisado e animado salón de baile para acoller a estrea do seu último filme, Amores, que recibiu os premios da crítica, do público e o especial do xurado no recente Festival Internacional do Gramado en Río Grande do Sur.
     Baseada nunha peza teatral homónima, gaña na pantalla esta comedia romántica de costumes á carioca, interpretada polos mesmos actores que nos escenarios, unha especie de crónica moderna das relacións amorosas, un pouco ao xeito de Woody Allen, pero substituíndo o nicho ecolóxico de Manhattan por un Río contemporáneo e sempre tropical, do que o seu director odia saír. E contando tamén problemas universais. Neste caso, as desventuras dun solitario escritor de TV (interpretado polo propio Oliveira) que ve como a súa filla (tamén na vida real) parece disposta a abandonar o niño paterno e voar libremente. Completan o labirinto sentimental duas parellas en crise, a primeira por non conseguir ter fillos despois de anos de casamento e a outra porque a esposa se apaixona por un bisexual. Todo servido con moito humor e optimismo.
     Afastado vinte anos do cine, Domingos de Oliveira non é un descoñecido, senón unha figura emblemática do medio artístico carioca e brasileiro, fundador no seu país da comedia de costumes urbana que nos anos 60 ousou competir, coas risas e gargalladas que provocaba, cos sisudos directores do Cinema Novo. Nacido en Río no seo dunha familia de clase media de Copacabana, estudiou enxeñería e deu clases de Física e Matemáticas, antes de se dedicar ao teatro, ao cine e á televisión, capítulos profesionais dunha biografía que, sempre o di, preferiría titular mellor cos nomes das mulleres que amou.
     Domingos de Oliveira fíxose protagonista da historia do cine brasileiro con Todas as mulheres do mundo, unha deliciosa e poética longametraxe en branco e negro que inaugurou este xénero naturalista no ano 67. Trata a historia dun conquistador que entra en crise por estar namorado dunha única muller, interpretada pola actriz Leila Diniz, a súa propia esposa na vida real e da que daquela se estaba a separar. O filme consagrouna como mito nacional. Ela simbolizaba o desexo de liberdade para toda unha xeración nunha época pouco tolerante, e, como tal, foi coroada musa da República de Ipanema e o seu comportamento liberal e radical axudou a quebrar algúns tabús e mudar costumes, aínda que despois fabricouse con ela unha imaxe falsa de feminista exaltada e revolucionaria.
     Todas as mulheres do mundo resulta unha película máis redonda, completa e apaixonada que estes Amores de trinta anos despois. Constitúe unha marabillosa oda á cidade de Río e unha lección, como a de Truffaut, de como filmar unha muller. Cego de amor, mesmo separándose dela e tendo que traballar xuntos, Domingos de Oliveira fixo case un requiem, anticipando a morte prematura de Leila Diniz nun accidente de avión en 1972 cando tiña vintesete anos. O filme nace precisamente da dor da separación. Conta ao respecto o actor Paulo José, o alter-ego do director naquela película e portavoz dos seus sentimentos, que o seu amigo choraba sempre ás agochadas a cada intervalo da rodaxe.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega