Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Palmeiras do Flamengo

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil083.html




Palmeiras do Flamengo


     Sábese que o pintor Rousseau o "aduaneiro" aproveitaba as visitas ao Xardín de Plantas de París para facer bosquexos de toda aquela vexetación exótica e colonial alí encerrada, e pintar despois as espesas selvas dos seus misteriosos cadros. Roberto Burle Marx, brasileiro nacido en 1909 en São Paulo e trasladado de neno a Río, foi encontrar nos xardíns botánicos de Alemaña, a onde viaxou para converterse nun artista, a beleza das plantas tropicais do seu país. De volta a Brasil, comezou a cultivalas e coleccionalas no xardinciño da súa casa de Laranjeiras.
     O primeiro traballo que lle permitíu plasmar a súa vocación artística de paisaxista fíxoo no inicio dos anos trinta, cando estudiaba na Escola de Belas Artes de Río, a pedido do seu amigo o arquitecto Lucio Costa, para quen proxectou o xardín particular da súa casa. Resultou verdadeiramente revolucionario atreverse a utilizar plantas tropicais nativas e unha nova estética afastada xa dos modelos europeos tradicionais e máis semellante nas formas á pintura vangardista que practicaba.
     Transformouse Burle Marx nun pintor e arquitecto de paisaxes, e, no deseño dos seus xardíns, "natureza ordenada e organizada polo home para o home", definiunos nunha entrevista antes de morrer en 1994, guiábase polos principios que rexen a música ou a pintura: a cor, o volume, o rítmo,... sempre en perfecta harmonía. Non tardou en acadar unha gran fama internacional con obras espalladas por todo o mundo e polo seu país, onde estiveron ligadas case sempre ao triunfo da arquitectura e o urbanismo modernos, como aconteceu en Pernambuco, Pampulha, São Paulo e, sobre todo, en Brasilia e no propio Río, ao que deu moito da súa nova imaxe de cidade maravilhosa.
     Dos moitos parques que aquí ten, a meniña dos seus ollos —e dos meus— era, sen dúbida, o do Aterro do Flamengo, o primeiro park way do Brasil, unha ampla área verde, aberta, debuxada con primor nos terreos gañados ao mar nos anos sesenta e feita en parte para compensar e mimar aos cariocas polo trauma que supuxo a perda da capitalidade. Hoxe o Aterro, como se lle coñece popularmente, continúa a ser un espacio de lecer —contén unha das máis belas vistas da cidade, co perfil do Pão de Açúcar, o barrio de Urca e a enseada ao fondo— pero a degradación que sofre é xa tan notoria que as autoridades acaban de lanzar un proxecto para revitalizalo, que comezará este mes de outubro. Difícil tarefa a que lles espera. Hoxe o parque vén sendo refuxio de día para atracadores, sempre ao axexo nas pasarelas que, sobre as rápidas avenidas, o comunican co centro, e mendigos que fan o seu abrigo nos poucos edificios que o salpican ou leña das árbores para poder pasar quentes as noites, alí sempre perigosas pola prostitución, a venda de droga e a violencia.
     Como para celebrar a reurbanización anunciada —a natureza ten tamén os seus misterios—, desde hai unhas semanas cinco palmeiras do Aterro, traídas por Burle Marx da India hai trinta e cinco anos e plantadas preto do Museu de Arte Moderna, floreceron de repente coa chegada da primavera, moito antes do tempo previsto para esta rara especie (uns cincuenta anos). Altas e elegantes, locen agora, moi coquetas elas, un penacho de flores verde limón que parece un anticipo do carnaval. Dentro de catro meses apodrecerán e morrerán irremediablemente cumprindo o seu ciclo vital.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega