Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Resaca electoral

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil084.html




Resaca electoral


     Pode resultar sorprendente, pero Fernando Henrique Cardoso pasará á historia de Brasil, entre outrasc ousas, por ser o primeiro presidente reelixido no país desde a proclamación da República no ano 1890. A Constitución aprobada no ano seguinte non contemplou esa posibilidade, quizais porque o novo réxime viña substituír corenta e nove anos de reinado imperial de Pedro II. As dos anos 1934, 1946 e a vixente de 1988, votada afirmativamente polo propio Cardoso e que conseguiu finalmente enmendar, tampouco. Os propios xenerais durante a dictadura militar alternábanse educadamente cada certo tempo entre eles na xefatura do Estado.
     A modificación constitucional acaba de traer como consecuencia un segundo mandato de catro anos para o presidente e a ocasión de seren reelixidos os demais cargos públicos como os gobernadores de estado, algo quizais perigoso nunha democracia limitada como a brasileira, onde o poder dos caciques rexionais poderíase ver aínda máis reforzado, como sinalaba hai pouco o prestixioso comentarista Barbosa Lima Sobrinho, presidente da Asociação Brasileira da Imprensa.
     Eso si. traerá estabilidade política, que é o que agora precisa o país na difícil situación económica actual, porque o futuro de Brasil xogábase o domingo pasado non só nas miles de urnas, electrónicas ou non, espalladas polos vintesete estados do inmenso territorio, senón tamén nas despachos de Washington onde o ministro de Facenda Pedro Malán negociaba unha axuda financeira desde hai varios días cos dirixentes do Fondo Monetario Internacional, que non tiveron reparos en aplaudir publicamente, postos en pé, os resultados preliminares que indicaban a victoria do "seu" candidato.
     Co compromiso de seguir mantendo a economía aberta ao exterior e case asegurado o socorro financeiro internacional, queda agora por saber cales son as medidas internas que vai adoptar o goberno para frear a grave crise e evitar a desvalorización da moeda e a consecuente fustración popular. Entre elas, probablemente, a suba de impostos, o que levaría ao país, segundo o derrotado Lula da Silva, á beira mesmo do abismo, como aconteceu xa coa aplicación desta mesma receita en Tailandia, Corea e Rusia. Pero ¿hai outra saída? Para Fernando Henrique Cardoso —quen o diría hai trinta anos— trátase dun purgatorio necesario. "Un acordo significa cumprir metas de política económica e sufrir críticas á perda de soberanía", respondeu hai pouco á denuncia feita polo seu contrincante electoral de someter o país aos intereses do Fondo Monetario Internacional.
     O que está claro e que os brasileiros terán que aturar o que veña. A resaca electoral será forte e durará moito tempo. É a consecuencia dunha xornada de voto obrigatorio na que, como novidade, determinouse a inutilidade da tradicional lei seca que de maneira ridícula prohibía —constituía un delito electoral— a venda e consumo de bebidas alcohólicas nas vésperas e durante a votación. Polo menos esta vez non houbo que agochar as botellas como outros anos.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega