Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

O Ratiño

Páxina Seguinte

O Ratiño




O Ratiño


     Del dáme noxo todo, ata o bigote. É un histrión. Nestas eleccións pasadas moitos políticos achegáronse ao seu buraco televisivo na procura de votos. Os candidatos que apoiou expresamente con participacións no seu programa non conseguiron o cargo ou deben disputalo aínda na segunda volta. Non funcionou, pois, a transferencia de popularidade da nova estrela do canle SBT (Sistema Brasileiro de Televisão), Carlos Roberto Massa, o Ratinho, un roedor de audiencias cazado cun contrato millonario por Silvio Santos, propietario da emisora, que o viña murando desde hai nove meses.
     Vin por primeira vez en acción ao Ratiño hai un ano na Record, a cadea do bispo Edir Macedo da Igreja Universal do Reino de Deus. Pareceume xa daquela groseiro, violento e ridículo, pero desgraciadamente eficaz na explotación da miseria allea, facendo de avogado dos marxinados que desconfían das institucións, dos pobres coitados que van expoñer no plató os seus dramas máis íntimos, das víctimas da fatalidade que reclaman máis atención dos políticos. Continúa co mesmo estilo de montar canto máis barullo mellor, inspirado no éxito dalgúns programas sensacionalistas norteamericanos como o de Jerry Springer, pero quizais algo máis político. E fai e fará o que sexa para subir a audiencia. É a lei implacable da televisión.
     Carlos Roberto Massa é o segundo fillo dunha familia moi pobre de Aguas de Lindoia no estado de São Paulo. O seu pai era pedreiro. Cando tiña seis anos mudáronse ao sur, ao estado de Paraná. Foi alí onde lle puxeron o alcume: pequeno e fraco como era, non lle deixaban xogar ao fútbol os mangallóns do seu barrio e vingábase deles colocándose detrás da portería, roubándolles o balón cando saía do campo e agochándose nas veciñas plantacións de café. "Foi outra vez o Ratinho", dicían. Aos doce anos enrolouse nun circo e viaxou varios meses pola rexión actuando de pallaso.
     Comezou o Ratiño a súa carreira nos medios de comunicación como locutor dunha radio paranense, pero traballou tamén como vendedor de laranxas, oficinista de banco, operador de raios X, lavador de cadáveres, vendedor de churrasco (de carne de gato, di) á beira das estradas... E non desbotou a política, logrando ser elixido por dúas veces consecutivas deputado estatal, pero renunciou e volveu ás ondas cun programa de reportaxes policiais. En 1990 apoiou a Fernando Collor na campaña pola presidencia e el mesmo chegou a deputado federal. Pero aquilo de Brasilia non o convenceu. O seu era outra cousa.
     Con temas cada vez máis escabrosos, o Programa de Ratinho, así se chama, estase a converter nun circo de horrores e atrocidades. Aumenta o seu éxito, pero provoca cotinuas polémicas e a persecución dos tribunais, cos que xa ten algúns casos pendentes. O mes pasado por ousar amosar en detalle o corpo brutalmente asasinado dunha prostituta de Ribeirão Preto. O máis recente, por entrevistar en directo á nena de dez anos violada en Goiás á que nun principio un xuíz lle prohibía o aborto (practicouse finalmente, despois de recorrer a decisión xudicial a familia). O Brasil de Ratiño existe, si. O bicho aliméntase dos refugallos e do lixo das cloacas, que despois regurxita todas as noites no salón da casa. Pero non nos confundamos de animal. Non se trata dun inocente ratiño. É unha rata.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega