Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Santo remedio

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil087.html




Santo remedio


     Na pequena Guaratinguetá, a medio camiño entre Río e São Paulo, no val do río Paraíba, as familias católicas manteñen aínda o costume, que me leva á miña infancia, de recibir na casa por un ou varios días imaxes da Virxe ou dos santos. Curiosamente, circula tamén entre elas a de frei Galvão, un franciscano ao que se lle ten moita devoción na súa cidade natal, sobre todo desde que en abril deste ano o Papa anunciou a súa beatificación, que finalmente tivo lugar o pasado domingo . Falta agora continuar co proceso de canonización. "Un santo, por favor", parecen reclamar algúns aquí no Brasil, a maior nación católica do mundo sen representantes nos altares.
     A verdade é que o país xa tiña dous beatos, pero non eran brasileiros: a madre Paulina, unha italiana que se instalou en Santa Catarina no século pasado, e o padre Anchieta, un xesuíta nacido en 1534 na illa de Tenerife e autor, por certo, da primeira gramática da lingua tupí que utilizaba para a catequese dos indios. Coa cerimonia do domingo no Vaticano, frei Galvão convértese así no candidato máis sólido para ser o primeiro santo brasileiro. Segundo as regras, despois da beatificación, precísase que de novo propicie un milagre.
     Frei Antonio de Sant´Anna Galvão (1739-1822) naceu nunha familia rica e importante de Guaratinguetá, fillo dun portugués que chegou a capitán e dunha facendeira. Formouse na disciplina dos xesuítas no Seminario que estes tiñan en Salvador de Bahía, poucos anos antes de que pechase debido a expulsión do reino desta orde decretada polo goberno portugués. Ao rematar os seus estudios, ingresou na orde franciscana en Macacu, Río de Xaneiro, e despois cursou Filosofía e Teoloxía en São Paulo, cidade da que foi membro da súa Academia de Letras.
     Os fieis dicían de frei Galvão que era quen de estar fisicamente ao mesmo tempo en dous lugares distintos: no mosteiro da Luz, por exemplo, que fundou no centro de São Paulo e onde está o seu túmulo, ou atendendo un moribundo a centos de quilómetros do claustro. Adquiriu fama de santo sobre todo nas súas dúas viaxes apostólicas que fixo a pé como peregrino da caridade e da solidariedade entre São Paulo e Río. Curaba enfermos a través de oracións e das súas famosas "pílulas" milagrosas, en realidade uns papelciños dobrados e enrugados que levaban escritas pregarias á Virxe María e que os doentes debían tragar, tal e como el mesmo lle mandara facer por primeira vez a un rapaz que padecía da vesícula e que co remedio quedou libre dos cálculos instantes despois.
     Hoxe en día as pílulas continúan a ser feitas por freiras de clausura do mosteiro da Luz e o de Nosa Señora da Inmaculada Concepción de Guaratinguetá. Pero co anuncio da beatificación en abril decidiron suspender a fabricación dos
"comprimidos" por causa das falsificacións detectadas e o aumento esaxerado da súa demanda.
     Cada fiel recibía nove pílulas para ser inxeridas durante unha novena, o que significaba nove días de oración. Co aumento dos pedidos, xa comezaran a distribuír a penas tres. Para xustificar a decisión da suspensión, o arcebispo Aloísio Lorscheider, viuse na obriga de explicar que todo isto da beatificación podía "estimular o curanderismo". Pero tamén clarexou que a medida era provisional (non vaia ser, calculou, supoño, que pola súa culpa deixe de ser o beato unha nova ocasión de se amosar milagreiro e pola súa culpa non suba un brasileiro aos altares).

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega