Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Árbores que choran

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil088.html




Árbores que choran


     Despois de oito meses, aínda continúa a ser utilizada a fotomontaxe publicitaria da multinacional Pirelli coa maxestosa figura de Ronaldinho vestido coa camisola 10 do Inter de Milán, amosando a planta da súa bota esquerda e abrindo os seus brazos en cruz —nun xesto moi típico do goleador— sobre a cidade de Río de Xaneiro como se fose a estatua do Cristo Redentor do Corcovado. Hai que recoñecer que a imaxe, "irreverente" para a Igrexa católica, ten moita forza. Aínda máis aquí no Brasil, onde a explotación do caucho natural está ligada a outros sacrificios e calvarios.
     A seringueira ou Hevea brasiliensis é unha especie tropical natural da rexión amazónica. No seu tronco os seringueiros fan cortes diagonais e o látex vai saíndo e escorrendo nun recipiente amarrado á árbore, o caucho, "a árbore que chora", segundo os indios peruanos. Antigamente ese látex líquido aplicábase a unhas varas que se facían xirar sobre unha fogueira. Quente e afumado, perdía a toxicidade e volvíase sólido e resistente.
     En 1839 o invento da vulcanización do americano Charles Goodyear revolucionou a industria. Mesturando o caucho con xofre, logrou o punto ideal de elasticidade —o pe de Pirelli— e impermeabilidade. Un producto moi apropiado para a producción masiva de bicicletas e automóbiles. A súa demanda provocou unha migración de medio millón de persoas, procedentes a maioría do pobre nordeste, que entre 1850 e 1900 —o impacto foi brutal— multiplicaron por dez a poboación do val amazónico e fixeron florecer cidades como Belem ou Manaus.
     A riqueza parecía inesgotable, pero a euforia resultou pasaxeira. En 1876 o aventureiro inglés Henry Wickham, que se facía pasar por un excéntrico coleccionista de orquídeas, chegou ao Amazonas e conseguiu levar de contrabando milleiros de sementes. En poucos anos o cultivo da hevea nas colonias británicas do sueste asiático, plantacións racionais que, ademais, non acarreaban os perigos da selva, acabou co monopolio brasileiro. 1913 foi o ano do desastre. Milleiros de nordestinos víronse obrigados a regresar ás súas terras, deixando
os seringais practicamente abandonados.
     A historia repetiuse durante a Segunda Guerra Mundial, tralos acordos asinados entre Roosevelt e Getulio Vargas. En 1942 o goberno brasileiro pediu un ?esforzo de guerra? co fin de aumentar a producción de caucho natural en cen mil toneladas anuais e axudar aos aliados, carentes desta materia prima pola invasión xaponesa de Malaisia e Borneo. Recrutados de novo nas mesmas terras descarnadas, cincuenta e cinco mil nordestinos alistáronse, fuxindo da seca e da miseria, neste peculiar exército de seringueiros que se lanzou, voraz, sobre a Amazonia. Morreron trinta e tres mil, víctimas da malaria, a febre amarela, o paludismo e, en xeral, das durísimas condicións de traballo, cando non das loitas contra os indios.
     A epopea acabou en traxedia e alimentou algúns mitos. Como o da existencia de Mapinguari, un comedor de carne que, segundo os indios apurinãs, vivía na selva e asustaba aos seringueiros nos menceres da extracción de látex. Ao parecer, só un certeiro tiro no embigo podía matar o bicho. No Parque Chico Mendes, na periferia de Río Branco (Acre), un monumento reprodúceo a tamaño natural e axuda a contar a lenda aos visitantes.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega