Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

As curvas do tempo

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil089.html




As curvas do tempo


     Oscar Niemeyer inventou a arquitectura moderna brasileira e é unha das figuras da arquitectura mundial. Non hai moito logrou recuperar algúns azulexos entre as ruínas da vella casa derrubada do barrio de Laranjeiras onde naceu en 1907. Gárdaos aínda con emoción no seu despacho da Avenida Atlántica de Copacabana, convencido de que unha das cousas que máis marcan a vida dos homes son as casas que habitan —coas paredes que os separan do mundo—, onde o tempo pasa implacable. Hoxe martes preséntase en todo Brasil o seu libro de memorias publicado pola Editora Revan e titulado As curvas do tempo. Que son moitas, despois de case noventa e un anos de vida.
     Na autobiografía, sucinta e algo desordenada, hai sitio para as lembranzas de infancia nunha familia moi católica, para os seus anos de bohemia e pretensións literarias, e para a súa recalcitrante militancia comunista (non renega aínda hoxe da figura de Stalin). Tamén, claro, hai lugar para os amores, amigos, moitos, e para o traballo.
     Niemeyer chegou á arquitectura a partir do debuxo. Estudiou na Escola Nacional de Belas Artes e no final dos anos trinta participou, apoiado por Lucio Costa, nas obras de construcción do edificio do Ministerio de Educación supervisado por Le Corbusier. Afastouse despois dos rigores do seu adorado mestre, a quen non ten reparos en cualificar no libro como un xenio "extremadamente vaidoso".
     A súa primera gran creación, un manifesto das súas ideas sobre a beleza, foi a igrexa de São Francisco de Asís levantada en 1940 en Pampulha, preto de Belo Horizonte. As ousadas bóvedas parabólicas que utilizou nela, saídas do pracer do deseño no papel, fan lembrar a arquitectura barroca mineira e algo que Le Corbusire dicía del: que levaba nos ollos, aínda sen querer, as montañas do Río. Poeta do cemento armado, Niemeyer fixo da curva, libre e sensual, a súa estética: "de curvas é feito o universo, o universo curvo de Einstein", xustifícase nuns versos recollidos nas memorias.
     A segunda fase que divide a súa traxectoria comeza, despois de resolver o problema da liberdade plástica en Pampulha, co proxecto de levantar os edificios de Brasilia, a futura capital, nun espacio baleiro, desprotexido e abandonado do centro de Brasil, dentro do plano concibido por Lucio Costa. Niemeyer contará para aquela tarefa heroica cun equipo moi variado que se encargou el mesmo de contratar (vinte arquitectos e moitos dos seus amigos das profesións máis variadas aos que axudaba economicamente). Formouse así un grupo cohesionado que salvaba as incomodidades daquel lugar cuberto de po vermello, cando non de lama, coas rúas e todo, absolutamente todo, en construcción.
     Lembra no libro tamén aquela sensación de fin do mundo que tiñan. Todas as noites xuntábanse para conversar, comentar o ritmo dos traballos, xogar ás cartas, ollar as estrelas do ceo, rir e cantar. Ás veces confraternizaba con eles o propio presidente da República Juscelino Kubischek, só na súa residencia oficial do Palacio do Planalto, unha marabilla de edificio. Quedaba con eles falando sobre a cidade soñada, a estrada Brasilia-Belem que atravesaría a Amazonia, contaba tamén algunha confidencia ou soltábase a cantar e bailar coma un máis.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega