Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Submundo

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil090.html




Submundo


     A sospeita de que a morte "por sobredose" —hai xusto un mes en Tel Aviv— de Kelly Fernanda Martins, unha carioca de 26 anos, fose en realidade un asasinato cometido por membros da mafia rusa, fixo aflorar nos medios de comunicación brasileiros —destacáronse en especial as denuncias do xornal O Globo— algo que non resulta novo pero que se incrementa cando aumentan os problemas económicos: que Brasil é un dos principais países fornecedores do tráfico internacional de mulleres para a prostitución, un negocio que move millóns de dólares cada ano.
     Segundo un informe da Policía Federal entregado a semana pasada ao Ministro de Xustiza, rusos e españois, moitos, hai que dicilo claramente, da colonia galega de Río, teñen montada unha rede mafiosa con axentes e conexións en varios países, como Israel, Italia ou Xapón. O modo de actuar é semellante e tradicional: enganan ás mulleres, a maioría entre dezaoito e vintecinco anos, con falsas promesas dun traballo digno, como empregadas domésticas, limpadoras de hoteis, camareiras, ou bailarinas de grupo de samba. A ilusión dunha saída da miseria fainas soñar, pero, cos seus pasaportes retidos ao chegaren ao país, son obrigadas a prostituírse, malvivindo nun réxime de semiescravitude, explotadas e vixiadas baixo ameazas de malos tratos ou mesmo de morte, como aconteceu coa devandita Kelly que xa estaba a preparar a súa fuga.
     O goberno brasileiro emprendeu recentemente algunhas accións ao respecto. O Ministro de Xustiza, Renan Calheiros, acaba de visitar Israel, onde, por certo, a policía logrou rescatar a oito brasileiras dun local nocturno, e España, co obxecto de asinar acordos bilaterais de colaboración para combater estas prácticas. En Madrid entrevistouse cos ministros de Xustiza e de Interior e debateu con eles a situación e algunhas cifras elocuentes. Só no ano 1996 foton deportadas de España trescentas brasileiras en situación ilegal, duascentas no ano 1997 —unha media de vinte por mes— acusadas de exercer a prostitución.
     Téndese en Galicia a esquecer a cara máis escura da emigración. Moitos galegos foron e son expertos proxenetas, empresarios do lenocinio, reis dun submundo de hoteis, axencias-tapadeira de viaxes e discotecas no Brasil; "güisquerías", barras americanas, clubes de alterne, "boates" e sórdidos "puticlubs" de luz vermella e ambientador barato espallados polas estradas ou suburbios das cidades e vilas galegas.
     Hai tres anos e medio tributouse unha homenaxe ao daquela alcalde de Santa Comba, José Manuel Arufe, aquí, na Cámara Municipal de Río onde hai unha colonia importante daquelas terras do Xallas, con ocasión do proxecto de irmanamento dos dous municipios (agora estase por fin a conseguir). Das intervencións, gustoume a dun ilustre emigrante, Manolo Rieiro, do que xa falei algunha vez. Con voz serena e valente deixoulles claro aos presentes, entre eles moitos compatriotas dos turbios negocios da noite, que se sentía un fillo agradecido de Brasil, a onde chegou con dezasete anos e xa levaba trinta e cinco, e que só lle dera alegrías e satisfaccións. "É verdade", engadiu, "traballei e podo estar feliz porque traballei a conciencia. Non vin aquí para montar bordeis, traballei, traballei, traballei con dignidade... "

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega