Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

A cor de Brasil

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil091.html




A cor de Brasil


     Segundo o último censo vixente, o de 1996, o Brasil ten oficialmente unha das menores poboacións negras do mundo: a penas un 6% dun total de case cento cincuenta e cinco millóns de habitantes. Nada que ver co que calquera pode ver na rúa. Nin coa realidade. Esta discrepancia débese á metodoloxía utilizada polo Instituto Brasileiro de Geografía e Estatística (IBGE). Os seus entrevistadores déixanlles aos cidadáns escoller no cadriño de "raza" entre varias opcións: branca, negra, amarela, parda ou indíxena. Dependendo da clase social, moitos negros prefiren definirse como pardos e outros, sendo mulatos, figuran como brancos. Ao parecer, esta é a noticia, quérense corrixir esas imprecisións para o próximo censo do ano 2000.
     O feito é que o cruzamento de etnias diferentes no Brasil foi tan intenso que resulta difícil encontrar un brasileiro que non teña no seu código xenético algún xen africano ou amerindio. Consecuencia dunha herdanza antiga, que vén xa dos primeiros tempos da colonización,
cando os portugueses, homes os máis, acabaron tendo fillos con nativas ou escravas africanas. De aí a visión que tiñan do país os viaxeiros europeos de finais do século pasado, que falaban dun "caso único e singular de extrema mestizaxe racial e mesmo", o francés Gustave Aimard en 1888, "dun festival de cores."
     Nun recente libro o norteamericano Anthony Marx (Making race and nation) compara a cuestión racial nos Estados Unidos con Suráfrica e Brasil. Aínda tendo, recoñece, experiencias comúns no pasado —como a escravitude e o colonialismo europeo— as diferencias son claras no proceso de formación nacional. Nos Estados Unidos e, sobre todo, en Suráfrica, o racismo apareceu de maneira explícita e brutal nas leis de segregación e apartheid. No Brasil, pola contra, as leis recoñeceron a igualdade. O racismo, aínda hoxe, instalouse na vida práctica. De aí o mito, falso, da democracia racial brasileira, a dun país aparentemente sen conflictos raciais. Na orixe quizais, apunta A. Marx, o gran peso dentro da sociedade da poboación mulata, que axuda a camuflar a posible discriminación.
     Neste asunto constituíu unha encrucillada na historia de Brasil a instauración do réxime republicano en 1890 despois da abolición da escravitude. A nova elite política constatou a diversidade de razas (brancos, negros e indios) e a gran mestizaxe do país, e implantou a igualdade conseguida polas conquistas políticas. Pero foi negada despois coa adopción das novas e sinistras teorías racistas chegadas de Europa que establecían a supremacia da raza branca fronte a negros e mestizos, considerados como "unha barreira para o progreso". Neste contexto enténdese mellor o pulo oficial dado á inmigracion de traballadores europeos como grandes substitutos dos escravos negros, e a esperanza de moitos políticos de que "branquearían" a poboación en poucas xeracións.
     Estes días está de visita no Brasil o prestixioso biólogo norteamericano Alan Templeton. Ergue o ánimo ler as súas respostas na entrevista concedida á revista Istoé, na liña xa marcada antes por outros como o italiano Luca Cavalli-Sforza: a raza non é un concepto necesariamente biolóxico, non hai razas entre os homes porque as diferencias xenéticas entre grupos das máis distintas etnias son insignificantes... "A nosa igualdade", recalcou, "reside xustamente no feito de que todos somos igualmente diferentes". Como mostra o rostro, fermoso, da poboación brasileira.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega