Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

O Pelourinho

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil092.html




O Pelourinho


     A semana pasada abriuse o calendario oficial das festas baianas do verán coa tradicional homenaxe a Santa Bárbara na capital, Salvador. Pola mañá cedo deu inicio ás conmemoracións unha misa celebrada na Igrexa de Nosa Señora do Rosario dos Pretos, levantada no século XVIII por escravos negros nas pausas, poucas, do seu traballo. O venres aparecía ateigada de xente que entoaba cánticos relixiosos ao son de instrumentos de percusión de orixe africana. O seu ritmo contaxiou a todos, acompañándoo con palmas e algúns pasos de danza.
     O sincretismo estaba presente. No momento do ofertorio varias mulleres encamiñáronse ao altar con flores, pan, trigo e froitos en reverencia á Iansá, a divinidade (orixá) feminina que no culto africano do candomblé se asocia a Santa Bárbara, padroeira do raio, das treboadas e do lume. Os fieis combinaban para a ocasión o branco tradicional baiano coas roupas vermellas. Fóra, unha multitude seguía emocionada a cerimonia polos altovoces.
     Outro momento significativo da liturxia foi cando o actor Mauro Moura, do curso de teatro da Universidade Federal de Bahía, interpretou o secular e barroco sermón proferido en 1640 polo padre Antonio Vieira, o xesuíta máis famoso do Brasil. Nel aproveitaba o heroísmo da lenda de Santa Bárbara para pregar polo éxito militar de Portugal contra os holandeses, dominadores durante anos do nordeste brasileiro desde o Ceará ata o río San Francisco, interesados no negocio do azucre e dos escravos, e en guerra contra as coroas de Portugal e Castela unidas con Felipe II.
     Ás dez da mañá saíu por fin en procesión a imaxe da santa polas rúas engalanadas, acompañada por centos de devotos que recibían con alivio —a calor xa era sufocante naquela hora— unha chuvia festiva e sensual de confetti, pétalos de rosas e miles de litros de auga perfumada lanzados desde as xanelas. Despois, unha parada obrigada da comitiva relixiosa: fronte ao Instituto do Patrimonio Artístico e Cultural en agradecemento ao excelente labor de restauración dos edificios e monumentos do centro histórico do Pelourinho, chamado así pola columna de pedra onde os escravos negros eran castigados publicamente, o corazón do Salvador, que durante moitos anos se deixou caer no abandono, na miseria e na degradación máis terribles.
     Proseguiu a procesión o seu camiño percorrendo as principais rúas da cidade alta. Daba gusto pasear polo barrio. Unha sucesión de casas, conventos e igrexas magnificamente restaurados. Relucían os tellados, as cores, os muros e os azulexos na mañá limpa, colonial
e barroca.
     Pouco despois do mediodía recolleuse a imaxe da santa na súa igrexa. A festa continuou ata a noite. Por todas as partes, das barracas montadas ao ar libre e dos restaurantes cheos de xente, deixouse sentir o profundo arrecendo do carurú, o prato especial baiano para este día, todo un rito, feito a base de quiabo —que é o froito do quiabeiro—, picado ou cortado en toros e temperado con sal, cebola raiada, xenxibre, castaña de cajú e outros ingredientes e sementes de plantas descoñecidas por min.
     Non cabe dúbida, o Pelourinho concentra aínda todo o sabor do trópico.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega