Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Mensaxeiro entre dous mundos

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil093.html




Mensaxeiro entre dous mundos


     Ás veces a historia parece querer enmendar a xeografía. Dígoo aquí, en Salvador, vendo a gran cicatriz aberta no Atlántico, atravesado durante séculos por sinistros navíos negreiros, entre o subcontinente americano e África, que na alborada dos tempos formaban unha única masa compacta, da que América quedou ao pairo no océano líquido, ao capricho dos ventos, das correntes e da rotación infinita da terra.
     Xogo nun mapamundi a recompoñer imaxinariamente as pezas, que non encaixan totalmente, deste desfeito quebracabezas. Sigo en Salvador. Africa está moi presente aquí, penso despois de varios días de estancia e de asistir no Teatro Jorge Amado á preestrea do documental Mensageiro entre dous mundos. Dirixido por Luis Buarque Holanda con guión, magnífico, de Marcos Berstein (o de Central do Brasil), conta a aventura do etnólogo francés Pierre Verger, morto en 1996 ao día seguinte da entrevista concedida ao cantante baiano Gilberto Gil que se inclúe no vídeo.
     Pierre Verger abandonou aos trinta anos París, onde nacera en 1902, e a vida cómoda e tranquila dunha familia burguesa de procedencia belgoalemana, para lanzarse á aventura. Primeiro en Córcega, onde percorre a pé a illa en compañía do fotógrafo Pierre Boucher, quen lle aprendeu a técnica e co que fundou a axencia independente Alliance Photo. Despois, como reporteiro por todo o mundo, sendo tamén encargado do laboratorio fotográfico do Museo de Etnografía de París (o actual Museo do Home), correspondente de guerra na China para a revista Life e documentalista fotográfico do Museo Nacional de Lima.
     De Perú viaxa en 1946 a Brasil e desembarca en Salvador atraído pola atmosfera descrita na obra Jubiabá de Jorge Amado. En Bahía, onde se estableceu e tamén en Pernambuco, as dúas antigas capitanías coloniais de Portugal que recibiron miles de escravos negros para a súas plantacións e enxeños de azucre, descobre Verger a África do Novo Mundo. Mergúllase nos costumes afrobrasileiros, sobre todo nos relacionados cos cultos relixiosos, que presentan moitas afinidades nos dous continentes, unha consecuencia imprevista do tráfico de escravos, e iníciase nos segredos do candomblé, nunha cerimonia na que a súa cabeza é consagrada a Xangó, a divindade masculina do trono, adoptando para sempre o nome de Fatumbi, "o fillo do trono".
     Consegue despois unha bolsa de estudios para investigar a forte influencia africana no nordeste, o que será a súa liña de traballo como fotógrafo e etnógrafo. Vai parar primeiro a Senegal, onde xa defendera a Francia como soldado durante a Segunda Guerra Mundial, e viaxa máis tarde polos países do Golfo de Guinea, as terras de orixe de moitos dos escravos brasileiros, en especial a República de Benín e Nixeria, onde coñecerá a fondo a cultura dos iorubas.
     O documental segue con precisión os pasos deste "mensaxeiro entre dous mundos", que levaba informacións dun a outro, ás veces con tanta paixón que parecía recrearse de máis nas súas ideas e inventar novas afinidades. En Africa, por certo, o equipo de Buarque Holanda viaxou pola rexión de Queto, no interior do remoto e pobre Benin, e encontrou descendentes de escravos que, despois da abolición, retornaran libres e con diñeiro ao país e que ata hoxe aínda conservan os seus alcumes brasileiros.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega