Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Foraxidos

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil094.html




Foraxidos


     Saio de Salvador co desembarque dos primeiros turistas da temporada alta e regreso a Río. As bruxas andan soltas. Son unhas bolboretas que nesta época voan por toda a cidade e entran nas casas á noitiña atraídas pola luz, anunciando á súa maneira o comezo do
verán. No hemisferio sur o cambio de ano resulta moito máis convincente porque coincide coa chegada da calor e das longas vacacións escolares. Coma sempre, o novo ano será recibido por unha multitude de xente en todas as praias cariocas, en especial na de Copacabana, onde xa se está a preparar o popular e xigantesco réveillon da Noitevella.
     Hai agora dez anos, lémbrome ben, a celebración viuse traxicamente interrompida polo accidente do Bateau Mouche IV, un barco de recreo que partira dun peirao da enseada de Botafogo e se dispoñía a celebrar o Aninovo no mar, cando unha forte onda o fixo virar por completo. Morreron cincuenta e cinco persoas. Sóubose despois que levaba xente de máis, que non había salvavidas dabondo e outras irregularidades... Puido evitarse quizais o afundimento do iate, propiedade dun grupo de empresarios da colonia galega que deberon enfrontarse aos tribunais. A polémica sentencia do xuíz Jazmin Simões Costa absolveu a todos os reos.
     Pero as familias das víctimas continuaron a súa particular cruzada e algúns dos sobreviventes decidiron contratar avogados e investigar pola súa conta as noventa empresas do grupo. A Xustiza deulles en parte a razón: no ano 1991 o galego Faustino Vidal Puertas e o portugués Alvaro Pereira da Costa foron condenados a catro anos de prisión en réxime semiaberto por "homicidio culposo", pero despois de varios meses de cumprimento da pena fuxiron. Tamén desapareceron os outros cinco socios, despois de que se pedira para eles a prisión preventiva, acusados pola Xustiza federal dun grave delicto fiscal, falsificación de documentos e asociación para delinquir.
     Hai varios días o xornal O Globo destapou en varias reportaxes algo que moita xente sabía: que dous deses empresarios, foraxidos da Xustiza brasileira, viven na actualidade en Galicia e continúan ao fronte de varios negocios. Trátase do devandito Faustino Vidal Puertas, localizado polos xornalistas brasileiros en Pontevedra, e Avelino Fernández Rivera, o que foi varios anos presidente da Federación Galega de Empresarios no Exterior (Fegaex) e que vive entre Ourense e Vigo.
     A reacción das familias das víctimas ao coñeceren a noticia foi de grande indignación e de frustración pola impunidade constatada e polo que supón de crise do sistema xudicial e de inoperancia da policía. O ministro de Xustiza Renán Calheiros, que se reuniu cos afectados, que gañaron nos tribunais o dereito a unha indemnización, declarou que xa informou á Interpol para que prenda aos acusados e ten previsto pedir a extradicción a España, aproveitando o Tratado asinado en 1990 entre os dous países, que permite, ademais, a aprensión de bens.
     A extradicción dun cidadán español a Brasil vai ser difícil. Para un dos sobreviventes da traxedia, o ex ministro Aníbal Teixeira, que perdeu a muller e tres parentes no naufraxio, sería lóxico, xa que España está a loitar pola extradicción de Pinochet, pedir a destes foraxidos para que veñan ao Brasil, respondan polos seus delictos e se poidan defender como é o seu dereito*.


___________________

*
Este foi o único artigo que non quixo publicar O Correo Galego.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega