Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Tempo para a política

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil095.html




Tempo para a política


     O primeiro de ano foi por excelencia en todo Brasil un día para os políticos.
     No Palacio do Planalto da capital, Fernando Henrique Cardoso amosaba, orgulloso, a faixa presidencial de seda verde e amarela cun brillante no centro representando a estrela da República, e vintesete estrelas máis arredor súa, bordadas en fíos de ouro, aludindo aos vinteseis estados da Unión e ao Distrito Federal. Non era para menos: convertíase no primeiro Xefe de Estado na historia do Brasil republicano en ter un segundo mandato consecutivo e un dos poucos nos últimos anos en completar a lexislatura.
     Con todo, a cerimonia da toma de posesión, celebrada con solemnidade pero sen moita pompa, resultou algo fría. O presidente viuse pouco arroupado polos deputados dos cinco partidos aliados que apoian o seu goberno, ausentes moitos deles, descontentos polas impopulares medidas económicas que en breve debe aprobar o Congreso cos seus votos. Pero, argumentou o presidente no seu discurso, "sempre é mellor o remedio amargo que cura a doenza que a febre crónica que debilita as forzas e compromete a saúde do organismo". Suliñou tamén que el non fora elixido simplemente para ser un xerente da crise económica, senón para superala e cumprir as promesas da campaña electoral de facer un novo Brasil máis xusto e moderno.
     Como o país gasta moitísimo máis do que recada, o combate contra o déficit público e o axuste fiscal serán, anunciou, as prioridades do goberno. E os novos ministros, que tamén tomaron posesión o venres, pero un pouco máis tarde, insistiron, nas súas primeiras declaracións, en alertar sobre a gravidade da situación económica e na necesidade dunha suba inmediata dos impostos, para garantir a axuda concedida polo Fondo Monetario Internacional e recuperar a credibilidade económica no exterior.
     Coa orde de apertar os cintos ao máximo, agora non só se abre a batalla política no Congreso. O proceso de reformas dependerá tamén da loita nos estados. Moitos dos novos gobernadores que asumiron o cargo —tamén o día 1 de xaneiro—, encontráronse coas arcas públicas baleiras e cunhas débedas monumentais. Terán que buscar formas de eliminar o déficit e algúns xa se inclinan por privatizar as empresas que aínda queden por facelo e reducir custos con xubilacións masivas de funcionarios.
     O problema reside en que os gobernadores, tanto da oposición coma dos partidos da alianza gubernamental, utilizan o cargo como plataforma política e teñen pouca marxe de actuación se queren ser candidatos á presidencia no 2002. É o caso de Itamar Franco, o ex presidente de quen Cardoso foi ministro de Facenda. Agora pretende organizar a oposición formal dos estados contra o goberno federal e propor unha alternativa á reforma tributaria. Xa anunciou a suspensión do pagamento da débeda que o estado de Minas ten coa Unión.
     Tamén ten aspiracións á presidencia un dos socios de Fernando Henrique Cardoso insatisfeito polas reformas, o reelixido gobernador de Ceará, Tasso Jereissati, que no seu discurso na asemblea lexislativa prometeu alcanzar en poucos anos un nivel ecconómico semellante ao dos estados do sur e, despois, na catedral metropolítana de Fortaleza, pediulle a Deus "a graça inmediata de chuvas para o Ceará".

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega