Acuarela do Brasil

Páxina Anterior

Tradición local

Páxina Seguinte

v2sousajimenezacuareladobrasil096.html




Tradición local


     No estado nordestino de Alagoas, un dos dous pequenos situados entre Bahía e Pernambuco, chegou a gobernador nas últimas eleccións Ronaldo Lessa un enxeñeiro civil militante do Partido Socialista (PSB), que destacou pola súa exemplar xestión como alcalde da capital Maceió. Constituíu todo un fito a súa elección por ser alguén que, por primeira vez na historia do estado máis conturbado da política brasileira, non pertence á oligarquía dos facendeiros locais. Os desafíos que debe afrontar son grandes: Alagoas perdeu boa parte das colleitas, a base da súa economía, pola prolongada seca, ten as contas públicas en vermello e desángrase cos continuos crimes políticos, unha colección de traxedias que marca a súa historia contemporánea e lle dá a horrible fama, ben gañada, que ten.
     O último crime aconteceu o pasado 16 de decembro en Maceió. Foi asasinada (xunto co seu marido e outros tres parentes) a recentemente reelixida deputada federal Ceci Cunha, unha xinecóloga de corenta e nove anos, filla de agricultores, que era o principal apoio nesta rexión do partido Socialdemócrata (PSDB) do presidente Fernando Henrique Cardoso. Ceci Cunha comezou a súa carreira política como concelleira nos municipios de Feira Grande e Arapiraca, a segunda cidade do estado, famosa polas súas inmensas plantacións de tabaco, e foi a primeira muller en representar a Alagoas no Congreso de Brasilia. Na pasada campaña electoral falaba sempre nos seus discursos das dificultades de facer política nesas terras do sertão e do agreste.
     O pasado venres o delegado da Policía Civil que dirixe as investigacións entregou ao Ministerio de Xustiza e á comisión creada para este caso na Cámara de deputados de Maceió, un relatorio de máis de cen páxinas, feito en coordinación coa policía federal, que contén, ao parecer, elementos abondos para incriminar como autor intelectual da matanza a Talvane Alburquerque, deputado federal polo partido coligado da Frente Liberal (PFL) e xa desde o principio o maior sospeitoso por non ser reelixido e pasar a ser o primeiro suplente para substituir a Ceci Cunha, trala súa morte, o próximo 1 de febreiro.
     Para culpar a Talvane e pedir a súa prisión preventiva, a policía baséase fundamentalmente na declaración de Augusto Farias, outro deputado do mesmo partido (irmán, por certo, do tamén asasinado conselleiro do ex presidente Fernando Collor) quen afirma que Talvane contratou ao pistoleiro Mauricio Gomes Novães para matalo a el —achega unha grabación ilegal dunha suposta conversa telefónica entre eles—, pero como anda sempre moi protexido, decidiu eliminar a víctima máis fácil, tendo en conta que asumiría igual a vacante na Cámara.
     Chamou moito a atención a reaparición en escena de Mauricio Gomes Novães, un home que pasou trinta dos seus cincuenta e oito anos fuxindo da policía, por cometer varios crimes, xa prescritos, e ser un dos máis famosos pistoleiros profesionais da rexión, o chamado Chapeu de couro por usar un así. Bo coñecedor dos pronfundos meandros do sindicato do crime, presentouse voluntariamente a declarar contra Talvane, a quen acusa de querer contratalo para matar algún deputado. Parécese moito ao Antonio das Mortes, o personaxe da película de Glauber Rocha Deus e o diabo na terra do sol (1963), que tamén exercía o oficio de matar por encarga. Debe ser unha tradición local. Ou cousa de familia, pois o pai de Mauricio e dous dos seus irmáns —ao máis vello Floro, chamábanlle "o terror do sertão"— foron tamén asasinos profesionais. Ah, esquecíame, tamén o seu sogro.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega