O castelo de Pambre

Páxina Anterior

Capítulo XV (páx. 165-180)

Páxina Seguinte

m5lopferrocastelodepambret015.html


[p. 165]


XV
COMO NUNCA É TARDE
cando a dicha é boa



   Levantábanse as torres de Sampayo, das que inda hoxe quedan importantes ruinas, no bico d' un alto cotarro, á unhas tres legoas ao Norte d' Ambreixo, e aa beira d' un rigueiro que pouco distante d' alí mestura as suas augas cas do Narla. Era esta fortaleza a casa petrucia dos señores de Sampayo; e pel-o mesmo o atacar a Vasco Gomez naquelas torres era como atacal-o no corazon.
   Estando ainda ascondido en Cuiña, ao outro día da batalla chegoulle noticia de que os de Gonçalo Ozores quirían marchar contra Sampayo. O sabel-o, e comezar de xurar e esbarafundar e botar por aquela boca o que non se pode ouvir, foy todo un; tanto mais que él nunca coidara que a ousadía do seu anamigo había de chegar á

[p. 166]

tal punto. Xa nadia pudo tornal-o de ir a brincos aas Torres acompañado d' alguns escudeiros e pions que quedaran con él. Pasou, por eso, poI-o Castro das Seixas onde alcontrou reunida a mayor parte dos que escaparan da derrotand' Ambreixo. Alí deu as suas disposicions; escolleu aos mais valentes e atrividos, e antr' eles ao Guedelludo, pra reforzar a gornicion de Sampayo; e aos outros mandoulles que o esperasen ao pee do monte Oroso, mentres él non volvía das Torres, e no intre deixou por capitans ao seu fillo Vasco e á outros da sua confianza. Todo o poido facer sin estorbo mayor; porque, como xa dixemos, os de Gonçalo Ozores non chegaron á Sampayo hastra a tarde baixa do segundo día, despois da de Ambreixo. Así que chegaron, uns puxéronse á abrir gavias, outros á buscar leña, outros estacas e ramallos. Ca leña fixeron grandes lumaredas así que zarrou a noite, e cos ramallos fortes estacadas e palançates sobre das gavias. Visto esto xa naide podía dudar que os seus porpósitos eran poñer estreito e rigoroso sitio ao castelo, cando xa tan de camiño emprendían obras tan aditadas pra o caso.
   Ao outro dia foron estendendo o cerco por todo arrededor das torres; e ademais unha boa partida deles repartidos en patrullas pol-os casares dos labradores ou serviciales do señor de Sampayo, iban requisan-

[p. 167]

do gando, bestas, porcos, carneiros, froitos e toda cras de comestibres. Ao mesmo tempo os balesteiros desd' os sitios convenentes comenzaron de batir a fortaleza e os seus defensores para tel-os sempre en contina alarma; pois aa vez enfinxían marchas e movimentos e avances como pra asaltar o castelo.
   Vasco Gómez, que se retirara ao monte Oroso, estaba desde alí en ouservacion das maniobras do anamigo; pero como tiña a sua hoste bastante disminuida, pois con traballo chegaban á mil homes, non se astrevía á atacar de frente e sin mais perparativos as fortes posicions dos sitiadores. Asperaba, polo mismo, poder poñerse en comunicacion cos da fortaleza pra dar o ataque en combinacion con eles. 
   Nesto Gonçalo Ozores creyeu que era chegado o momento oportuno pra levar á cabo os seus proyeutos sobre o libertamento de Beringuela e de seus pais.
   Xa antes de deixar á Sobrado puxérase d' acordo con Fernán Vazquez acerca do modo de poñer libres aos seus amigos. EncargáralIe moito que percurara enteirarse ben de como era o Castro das Seixas por dentro e dos sitios onde estaban encalabozados Beringuela e seus pais, mentras él iba ao feito de Curbián. Déralle tamén unha carta pra que, podendo ser, lla entregase á Beringuela na sua propia man.

[p. 168]

   Fernán Vazquez, coma sempre, non pensou mais que en dar cumprimento aos deseyos do seu señor; e anque a cousa tiña de todo, como apuraba, puxo en pláutica o pirmeir espediente que se lIe veu ao caletre. Colleu unhos farrapos, visteunos como pudo, e asi disfrazado presentouse un día ao caer o sol aa porta do castelo das Seixas pidindo pousada por aquela noite, pois era de lonxe e era home vello e eivado e non sabía de sitio mais preto onde pousar. Pouco caso Ile fixeron ao prencipio; mais él porfiou; e, en fin, como nunca falta algunha alma caridosa, botáronlle un cubo cunha corda, pois a ponte levadiza xa estaba retirada; e mitido nél fóron-o izando hastra entrar por un postigo que daba sobre o foxo. Foy á dar a un patio onde estaban tomando o fresco alguns peons, (que aquel día fixera un sol que esmechaba); e eles por matar o tempo, como sol dicirse, puxéronse enmoita conversa con él. O Fernán Vazquez foilles contando as cousas que vira e os moitos casos que Ile pasaran andando mandingando pol-o mundo; e tamen lles dixo que tiña visto e dormido en moitos castelos, pero que poucos topara tan fortes e tan ben arreados coma aquel. E ao mesmo tempo que adimiraba e alababa o ben custruidas qu' estaban as paredes, os torreons, as troneiras e demais partes do castelo, con moita esturcia e desemulo

[p. 169]

íbase él enteirando da distribucion e disposicion do adificio e do mais que lle conviña saber.
   D' unhas noutras foy á parar aos calabozos e suterráneos do castelo, dicindo que tamén os había de têr boos como cuase todol-os demais castelos. Todo esto íbao él mesturando con contos e pasos que vira ou oira para meterlles os cas na bouza e mais acuItar o seu ouxeto; asi é que lles foy pescando onde estaban os calabozos e cuase todos saían alí ao patio, e ainda que soilo tres deles estaban acupados, que facía unhos días que viñeran para eles os señores do Vilar de Mella.
   —Parezme que conozo á esa xente —ouservou Fernán Vazquez —pois nesa casa xa me teñen dado algunha vez non moitas limosna, e ainda m' alembro da rapaza que era bastante lercha e raida e que cando me vía fartábase de facer bulra de mín; pero, xa se sabe, neste mundo non hay que facelas, que aa hora menos pensada, páganse. Boo siría que yeu fose agora á volverlle as tornas!
   —Alí a tendes naquel calabozo —saltou un dos da tortulia.
   —Toda a culpa ainda non-a ten ela; sinon os pais, que tal aducacion lle deron. A eses boa castaña lles estalou cando foy á desfeita de D. Fernando de Castro; antes boas roncas botaban, que lles paricía

[p. 170]

que non había outros coma eles, e que aquelo nunca se Iles había d' acabar.
   —Mirade en que veu á parar toda a sua borra.
   —O vento! Noso Señor á cada un dalle o seu merecido.
   —Eso xa é.
   Nesto chegou a hora da cea. A él apartárono cunha cunca de caldo e un codelo de centeo; e o que Ila trouxo, ao poñerlla na man, díxolle moy pracenteiro: —Madía levas; hoxe matáchel-o porco.
   No m' abafés; pero si neste mundo non houbera almas caritativas non sey que había de ser de nos os probes.
   Pideu despois unha manda de pallas para pasar a noite debaixo dun pendello que había no patio, pois alí alomenos non lIe vindrían á facer festas os lobos. Déronllas, nafeuto; e él co feixe debaixo do brazo foyse moy ledo á estrar o seu leito nun curro do alpendre. E anque as paIlas non estaban tan bastas e mechas, que en sitios non poidese á través delas dexergarse o chan, él por eso agarrouse á elas con moy boa voontá e resolucion. Mais cando lIe pareceu que todos habían de estar ben prendidos no sono, ergueuse, colleu unha xostra, aa que xa lle tiña botado o ollo, recortouna e afeitouna un pouco cun canivete que levaba, envolveuna pol-o medio ca carta que lle dira Gonçalo Ozores para Beringue-

[p. 171]

la, atou todo cun trapello, e moy á xeiteniño e despois de estar un pouco escoitando á ver si se sentía algún ruido, chegouse pee ante pee ao calabozo onde lle dixeran que estaba a moza, e poI-o bufarro guindou pra dentro o pequeno envoltorio qu' acababa de enliar; e logo volveuse moy quedo pra o seu cochofrito. 
   A carta mandada en tan estrana balixa dicía así: .
   «Beringuela: A afrenta que tan sin causa e tan sin razon sufrides, é tal cousa, que posta ao cabo da longa série dos meus amargos infortunios co agudo e intenso da sua door á todol-os fixo esquencer e borrar da miña memoria. Ese aldraxe é tan meu, como voso; ou, por mellor dicir, é mais meu que voso. A mín, pois cara amiga, toca o tomar a correspondente vinga; e así o farei ca axuda de Dios e pol-o nome d' Ulloa e pol-o amor que vos teño, anque para arrincarvos das maos do meu anamigo me fose perciso asinalar con rigueiros do meu sangre o camiño da vosa libertá.
   «Eu non sey si merecerei a groria de poder chamarme voso marido; pol-o menos a eso hay xa tempo que aspiro; pero entramentres folgome en contemprar na miña maxinación aa miña arrogante e xentil Beringuela tranquila e sigura, coma a águia no seu niño, na torre que habemos d' edificar no mais enriscado das marxes

[p. 172]

do Pambre. E cando eu a vexa así libre e satisfeita dispoñer como raiña do meu corazon e da miña voontá, estonces o meu deseyo e o meu contento serán mais que cumpridos e colmados. E para que me creades e estedes certa, quero aquí poñer o meu nome. —Gonçalo Ozores.»
   Ao autro día ben cediño deixou Fernán Vazquez o seu leito e con moy boas palabras e moy corteses razós despideuse dos do castelo, e foyse axiña á Curbián á debuxar nun pergamino a pranta e o modo da fortaleza das Seixas.
   Desde Curbián mandoulle aviso de obrado á Gonçalo Ozores, que xa estaba co cerco das torres de Sampayo; e insiguida por encargo do seu señor foy reunindo ciceles, furadores, ganchos, uñas de ferro con cordas e outros apetrechos dos mais únicos para gatear e apoliñar pol-as paredes.
   Cando, pois, calculou o d' Ulloa que toda a xente de Vasco Gomez había de estar ao redor das Torres de Sampayo co afán de facer levantar o cerco que tanto á todos lles entrara, dicideuse á dar o golpe que viña meditando, e mandoulle recado á Fernan Vazquez que para tal noite, e era a décema despois que se puxeron sobre Sampayo, á eso das dez lle saise ao sitio que lle marcaba, onde a eirexa de Moredo, cos apetrechos que lle dixera e mais con tres ou catro cabalos.

[p. 173]

   Aa hora e sitio convenidos apareceu Gonçalo Ozores con quince ou dezaseis homes escollidos da sua man. Non levaban mais armadura que a cota de malla, para iren mais soltos e lixeiros; sosmentes a cabeza levábana resguardada ca capucha do camal e mais cun chapeu puntiagudo de ferro de aas anchas e abaixadas á modo d' un pequeno para yaguas. Todos cinguían daga ou coitelo, e ademais uns levaban espadas e outros unhas moy afiadas visarmas. Recolleron os apetrechos que trouxera Fernán Vazquez, e acompañados déste e por sitios destraviados, encamiñáronse moy calandiño ao Castro das Seixas. En canto aos cabalos dera orde Gonçalo Ozores aos que os trajían, que fosen con eles á unha gran zanca que había antre as serras de Carión e de Corno de Boy, e que alí asperasen e estivesen dispostos para cando se lles mandase aviso.
   Aa verdá, a aperacion que iban á emprender era non pouco arresgada e peligrosa. Pol-o certo, pol-o certo, non sabían cantos homes habería dentro do Castro, nin que cras de xente era, nin que maneira de vixilancia; porque, anque Fernán Vazquez, pol-o que poidera escudrumar, hachara que habería alí coma vinte homes, e que o cintinela estaba no torreon de sobre a porta, desd' aquela xa tiveran tempo para poñer mais ou menos xente e para

[p. 174]

aregrar as cousas d' outro modo. Pero ¿quén Ile iba con estes contos á Gonçalo Ozores, que tiña todo o seu corazon e todo o seu tesouro alí dentro, e que ardía e non fumeaba ca ansia de chegar alí canto mais antes? ¡Bóo che estaba él pra detêrse entonces en moitas refreusios!
   Ao primeir cantar dos galos siría cando chegaron á dar vista aos muros do castelo. A noite non era escura, e estaba tan mainiña e tan ausente que paricía que o mais pequeno roído trasmitíase e chegaba enteiro á onde queira que alcanzase a vista. Así e que por un pedazo estiveron contendo o folgo pra non seren descubertos, e ao mesmo paso para ver si no castelo rexurdía algo; mais como o silencio e o sosego era tan profundo, dicidíronse á irse chegando pasiño á pasiño e como quen vay asentando ao xeito a pranta do pee no tarreo pra deixar alí todo o molde dela.
   Mais antes desto xa Gonçalo Ozores impuxera ben á todos no que habían de facer. Como xa dixemos, o castelo que se erguía sobr' un coto de moy áspara e agra subida, era de pranta cadrada con catro cubos cadrados nas esquinas, e estaba rodeyado d' un foxo bastante ancho. No ángulo Noroeste o foxo estreitábase, porque alí empalmaba cunha fendedura aberta naturalmente no monte que se extendía ensanchándose hastra a faldra. Por suposto,

[p. 175]

aquí o foxo, ou mais ben a fendedura, estaba estremada por un lado, poI-o cubo ou torreón do Noroeste, e pol-o outro por un serrón de penedos que alí formaba cugulo e despois viña baixando pol-o monte abaixo somellando o lombo d' un inmenso cocodrilo.
   Gonçalo Ozores quiría escalar con outros dous dos seus o castelo por esta parte: porque por alí hachábanse as habitacions do alcaide ou casteleiro; aa demais xente reparteuna así en grupos d' a tres, pra que cada un pol-o seu lado asaltase a fortaleza menos poI-o sitio onde estaba o torreon de sobr' a porta.
   Asinalado á cada un o seu feito, todos se lanzaron ao fondo do foxo, quen botándose á rolos, quen desenganchándose cas maos. Gonçalo Ozores cos seus dous compañeiros subeu ao cruto que formaban os penedos e que estaba á unhos cinco ou seis metros do torreon d' enfrente. Desd' alí, co antusiasmo de ser él o pirmeiro que penetrase na fortaleza, ceibou un ferro ou escarpia de duas puntas atada nunha corda chea de noos, de maneira que prendese no muro antre as almenas; e así lanzada a escarpia, lanzouse tamén él ao aire agarrado aa corda e facendo fincapé nos noos foy aganchando e subindo.
   Xa estaba mismo pra chegar ao alto do adarve; pero de repente sóltase a escarpia,

[p. 176]

que non prendera o bastante, e para mais mataran alí o corte do muro cun pequeno chafrán ou ochava; e a Gonçalo Ozores non lle quedaba mais romedeo que medir a fondura d' aquel horribre precipicio. A altura era de cerca de vinte metros; o bastante para chegar esfachicado ao fondo. Por sorte ao caer engarróuselle a faldra da cota de mallas nun xuntoiro salente da paredere con esto tivo modo de collerse á él con dentes e uñas e quedar así dependurado sobre o abismo.
   Os que o acampañaban, ao apelumbral-o d' aquel xeito desd' o penedo onde se hachaban, que cuase estaba ao mesmo univel, cos pelos direitos botaron as maos aa cabeza como para desdicharse do que lles pasaba; e logo as sombras da noite, non pirmitindo afirir ben os ouxetos, enfundian mais terror e espanto. A un deles parez que lle viñeran impulsos de botarse a treu para pillar no aire ao seu señor e tiralo d' aquel percipicio; pero o outro, mais cordo, lanzou a escarpia que tiña na man contra o adarve dándolle todo o voo que pudo, probouna á ver si prendera ben, e facendo o sinal da cruz guindouse no espacio agarrado fortemente aa corda. Comezou logo de tecer cas pernas e cos brazos como si estivera nadando no aire; e por fin, agaduñando, agaduñando, chegou aa cima do muro sin mais novidá. Desd' ali botou a corda

[p. 177]

por arrentes do xuntoiro en que estaba colgado Gonçalo Ozores; o cal pillouna nun sopro ca mesma ansia con que un afogado s' agarra á unha táboa de salvacion; e desta amposta con mais fertuna que da outra, pudo enfiarse sin mayor tropezo hastra enriba do adarve; onde o pirmeiro que fixo, foy dar gracias á Dios e mais ao seu ánxel da Guardia que así o libraran das gadoupas da morte.
   Despois de descansar un pouco pra tomar folgo e desentumir os brazos que os tiña coma entalados e dormentes, dispúxose á baixar co compañeiro pol-a estreita escaleira que daba desd' a prataforma aa pirmeira cámara do torreon. Pouco, aa verdá, lle quedaba que facer; pois os outros seus homes xa cuase todos se colaran dentro da fortaleza, e, como quen di, xa tiñan á un lado aos defensores. E foi que Gonçalo Ozores non gorismara mal e os seus cálculos saíranlle ao pee da letra. No castelo non quedaran mais que nove ou dez homes e cuase todos froxos e cativos. A os dous que estaban no torreón de sobre a porta, colléronos de socato os seus, trincáronos e atafegáronlle ben a boca para deixallos sin aición. Ao mesmo tempo outros con ciceles e palanquetas forzaron as portas das habitacions en que pousaba o casteleiro e a sua xente; e cando xa á todos os tiñán boos de rendir, sinteuse Gonça-

[p. 178]

lo Ozores pelexando por botar abaixo a porta que había no fondo da escaleira que baixaba da prataforma. Non foi perciso; porque Ila abreu un dos seus; e con eso xa quedaron por donos da fortaleza.
   ¿Qué era o que lles faltaba por facer? Eso non había que dicirllo á Gonçalo Ozores. Quixo pidir pol-as chaves dos calabozos de Vasco Fernandez e da sua xente; pero ¿qué falla lle facían?; e despois que non estaba para perder o tempo nestas dilixencias. Baixou, pois, siguido dos seus; e achandadas as portas dos calabozos, doulle un, dous e mais abrazos ao seu amigo Vasco, que se vía libre e no-o cría; á Eldonza, que a probe estaba tirada sobre d' unhas táboas sin saber o que lle pasaba doulle mil soúdes e tratou de convencel-a de que ao fin xa se acabara o seu coutiverio; e á Beringuela, con Beringuela derriteuse o home en cumprimentos, en parabéns e nos mais corteses ousequios.
   —Dichoso eu —díxolle, que poido dicir que nacin hoxe duas veces; unha, porque cuase por milagre me librei d' unha morte segura; e outra, porque recobrei a vida da miña alma, o lume dos meus ollos, a prenda e impulso do meu corazon.
   —E dicíndolle esto facía mostra de quererlle bicar a man.
   O cal ela de ningunha maneira quixo consentir; antes ben,

[p. 179]

   —Ay! señor —contestoulle —si algunha man, se debe bicar, é a vosa, que tanto ben nos fixo, a vosa á quen tanto debemos, que marcou o trémiño da miña orfandá volvéndome as caras presonas que me deron o ser; á esa man xenerosa, que nos libertou da horridez e estreitura destas paredes pondereina eu sobre o meu peito pra que mellor perciba os latidos da miña gratitú; bicareina eu cen veces, non cos labios, si non con todo o resollo da miña alma.
   Sinon co mesmo fogo e ca misma vehemença, con non menor sinceridade e amor se espresaron Vasco e Eldonza. A todos correspondeu Gonçalo Ozores cas mayores mostras de respeito e consideracion.
   Nesto foron chegando aas portas estriores do castelo, que logo desatrancaron e desferrollaron; e botada a ponte levadiza, puxéronse todos fora. Beringuela, asi que se veu á ceo descuberto, dou un suspiro como si de sobre o peito lle arredaran unha gran lousa de chumbo. Iba pra un mes que se hachaba alí enzarrada e represa, metida naquela prensa que Ile atorturaba a alma e inda o demais adentro dela, o amor e cariño dos seus probes pais.
   Ao pouco tempo presentárose cos cabalos os piós que quedaran agardando na zanca do Carión; pois Gonçalo Ozores mandárelles recado asomade se veu dono do castelo.

[p. 180]

   EIdonza estaba tan postrada e esvaecida que non se tiña en pee; o cual visto pol-o de Ulloa, dixo que consideraba coma unha honra, que non estaba disposto á ceder á ninguén, o leval-a diante de si na caballería.
   Montaron, pois, todos e puxéronse en camiño pra Curbián siguidos soilo de catro escudeiros; porque aos demais mandárelles Gonçalo Ozores que se quedaran gardando o Castro das Seixas.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega