Versos primos

Páxina Anterior

Páxina 27

Páxina Seguinte

Epílogo

ESCONXURO

A QUEIMADA

     Por determinadas circunstancias persoais tocoume durante un tempo ofrecer queimadas a grupos diversos, o que me deu ocasión de probar diferentes feituras e, moi especialmente, de meditar sobre a súa natureza e tirar algunhas conclusións.
     Se alguén lle preguntase a un galego pola queimada, pola súa orixe, polo seu significado ou pola súa elaboración, podería obter as respostas máis diversas, ás veces pintorescas e frecuentemente tan distintas e tan afastadas entre si, que parecerían referirse a realidades diferentes.
     Non parece que a queimada sexa algo ancestral. Aínda que o poida ser o hábito de queimar augardente para quentar un cuarto ou un local, no que, por exemplo, había que bañar un neno cando nas casas non había calefacción. Ou como remedio caseiro para curar un arrefriado. Ou o costume dos pobos primitivos de reunírense arredor do lume para contar anécdotas ou comentar os acontecementos da xornada. Ou o consumo de bebidas quentes coma o "carajillo".
     Pero a queimada é outra cousa e a súa orixe, como tal, recente. Parece que un grupo de soldados galegos queimaba augardente para combater as xélidas temperaturas da trincheira e a algún se lle ocorreu que era unha parvada tiralo despois.
     O costume estendeuse rapidamente por toda Galicia como ritual de fin de festa, ás veces con carácter simplemente festivo e informal, pero tamén cun sentido máis serio e profundo, como rito de irmandade, de acollemento, de hospitalidade.

     Respecto á forma de facela, uns diranvos que con augardente, azucre, limón e un pouco de café (en gran, moído ou feito). Para outros debe levar, durante a súa elaboración ou ao final, para apagala, un chorro de viño tinto. Hai quen lle bota laranxa e mesmo mazá, plátano ou outras froitas chegando a convertela -permítaseme a expresión- nunha especie de "macedonia de queimada".
    Opino que todo iso son adulteracións, non só do seu contido senón, moi especialmente, do seu significado.
     A queimada é, sinxelamente, augardente galega queimada. E pode admitir, para mellorar o seu padal e o seu aspecto, algo de azucre, feito caramelo en parte, o que lle da unha atractiva cor e un agradable sabor "tostado"; e, durante uns minutos, unha codia de limón. Todo o demais é exceso innecesario. E supón unha desvirtuación do seu espírito; porque a queimada non é unha bebida. Nin sequera necesita ter un sabor exquisito (aínda que facéndoa como indico resulta realmente gorentosa): no mercado pódense atopar decenas de licores que a superan. A queimada é un rito: un rito de irmandade, de acollemento, de hospitalidade.
    O importante é o ritual da súa elaboración: non tería sentido ofrecerlle a ninguén unha copa de queimada que non fose elaborada na súa presenza, coa súa participación.
     En calquera momento un pode ofrecer un convite a "tomar algo". E preguntar: ¿cervexa, café, viño, un refresco,...? Pero este non é o caso porque a queimada non é un convite senón unha ofrenda, e polo tanto insubstituíble.
     Enlazando cos ancestrais ritos do lume e a bruxaría estableceuse o costume de pronunciar, durante a súa elaboración, unha especie de exorcismo. Supostamente conxúranse, e quéimanse, as bruxas, os malos espíritos que se puidesen interpor entre nós. E así xorden os esconxuros. Non hai un só, nin un máis ou menos "oficial", segundo se cre ás veces; pero xeneralizouse, adquirindo gran popularidade, aquel que fala de "sapos, curuxas, mouchos e bruxas..." pouco axeitado, na miña opinión, para o significado que pretendo descubrir na queimada.
     Afortunadamente, os poetas galegos foron sensibles a esta cuestión e escribiron esconxuros de maior calidade. Con frecuencia lin un de Xosemaría Pérez Parallé que di:

Lume,
lumiña,
que verde camiña...

     Pero recentemente, un poeta actual, creo que un gran poeta e en calquera caso moi querido para min (trátase do meu irmán) escribiu un esconxuro que considero especialmente belo e profundo e que, como podedes supor, é o que uso dende entón. Parte dunha referencia telúrica aos catro elementos e remata converténdose nun canto de Paz.

Luís Felipe Mouriño


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega