O surrealismo. Unha achega documental

Páxina Anterior

Capítulo 6. A ética surrealista: O humor negro. Os xogos. O amor (parte 1ª)

Páxina Seguinte

v1xggsurrealismo007a.html

6. A ética surrealista: O humor negro. Os xogos. O amor.

6.1. Os surrealistas rebélanse contra as autoridades, as institucións, os valores que achan esmagadores ou infamantes -a Igrexa, os cregos, a patria, o traballo, a familia, a academia artística ou literaria, o lavado de cérebro xornalístico. Contra todas estas institucións, usan dun anarquismo salvaxe, da provocación e do irrisorio, escriben para demoler ou desmoralizar. Contra todo iso, colocan a súa trindade: a poesía, o amor, a liberdade. Mediante o soño, a escrita automática, o poeta entrégase ás potencias da imaxe e da imaxinación, do desexo e do inconsciente, do verbo e do proverbio, liberándose dos seus pensamentos ordinarios. Roubándolle algúns procedementos aos artistas e aos artesáns (e aos xogos infantís), forxando unha memoria nos pregues da materia, usando impertinentemente da súa biografía paixonal, o poeta surrealista magnetiza as palabras, os obxectos, entrégase a unha actividade colectiva, quere acadar o cumio da súa utopía surrealista. Esa utopía que non é un fin en si mesma, esa utopía que para acadala non son válidos todos os medios, senón só aqueles que fagan o mundo mellor: a utopía onde bondade e beleza son irmás. [Breton, o surrealismo, insúrxense contra a máxima: o importante son os fins, non os medios. Abstractamente, esta fórmula pouco significa. Para o surrealismo os medios están determinados polo fin e o fin só é válido polos medios, pois o fin non pode xustificar os seus medios cando lle son radicalmente contrarios. A crueldade non pode servir para promover a mansedume, a non ser en mentes débeis que descoñecen todo da natureza humana. Ou cando se procuran dous fins contradictorios. Saint-Just dicía: "A revolución é o terror, ou a virtude", non estaba a afirmar que para conseguir a virtude había que mesturala co terror. Marx, malia moitos dos seus díscípulos, percibiuno ben: "O medio é parte da verdade tanto como o resultado. Cómpre que a procura da verdade sexa ela propia verdade: a procura verdadeira. É a verdade despregada da que os membros espallados se reunen no resultado".] Por iso a ética surrealista ten uns límites. Ora ben, tamén é verdade "que a moral que tende a promover o surrealismo está aínda nun estadio intuitivo" (48), o que levou a afirmar a Albert Camus (L'homme revolté, "Surréalisme et révolution): "Perante o horror dunha época na que o home que quería magnificar é teimudamente degradado en nome mesmo de principios que o surrealismo adoptara, Breton sentiuse forzado a propór, provisoriamente, un retorno á moral tradicional" (49), para continuar dicindo: "Nos tempos miserábeis que lle tocou vivir, e isto non se pode esquecer, é o único que falou profundamente do amor. O amor é a moral angustiosa que serviu de patria a este exilio. Certamente, aínda falta aquí unha medida. Nin unha política, nin unha relixión, o surrealismo quizais só é unha imposíbel sabedoría (50)".
6.2 O humor negro.
Segundo o surrealista serbio Marko Ristic na resposta que deu á enquisa publicada en LSASDLR núm. 6, 1933, "¿O humor é unha atitude moral?": "O humor, en contacto coa poesía é a expresión extrema dunha incomodidade convulsiva, dunha revolta á cal a súa moderación, a súa comprensión non fan máis que dar máis forza" (51). O humor é, xa que logo, para os surrealistas a expresión dunha angustia, da revolta. ¿E o humor negro? Se o humor, segundo Breton, é dificilmente reducíbel a unha noción conceptual definíbel (non coñecía o francés o ensaio do noso Celestino Fernández de la Vega, O segredo do humor (52)), o humor negro, aínda máis. Breton apóiase en dous puntos: Freud ("O humor ten algo de liberador, algo de sublime") para propór de saída unha relación do humor co inconsciente -o que explica o seu valor vital- e tamén unha relación coa poesía e coa liberdade, que o preservan de ser ironía disecadora. O outro punto: Hegel, que ve no humor obxectivo un punto de encontro dos dous extremos da arte romántica: realismo (obxectividade, imitación da natureza) e humorismo (subxectividade, autoexhibición do artista, iluminacións do pensamento) e mais unha mestura da interiorización romántica cun interese animado levado cara a un obxecto exterior. Estes dous puntais sérvenlle para delimitar fronteiras: "O humor negro ten demasiadas fronteiras: a parvada, a ironía escéptica, a broma sen gravidade (...) mais sobre todo é inimigo mortal do sentimentalismo (...) e dunha certa fantasía de curto vóo" (53)
     Da unión entre Freud e Hegel, a importancia dada por Breton ao primeiro é maior. Pondo o acento sobre o eu, o superego -lembremos que para Freud o superego ten como funcións: a consciencia moral, a auto-observación, a formación de ideais-, o humor nega os traumatismos da vida exterior e tende a tirar pracer dela. Ao negar os traumatismos da vida exterior, o humor negro é a representación dunha realidade en estado de crise, que significa a imposíbel adaptación do home á existencia e ao mesmo tempo unha flutuación do mundo real baixo o prodixioso empuxe das forzas máis profundas da vida que intentan fronte a todo e contra todo afirmarse. É dicir, mediante o humor -que é indiferenza elevada á enésima potencia, distración sublime, improdutividade, segundo a dinámica que explicou filosoficamente Hegel e un proceso que analizou psiquicamente Freud, dunha condición de sofrimento pásase a unha condición de pracer. Da contradición á sintese. Isto é o humor negro, tendo en conta que o humor se fai xustiza ao obxecto en tanto tal. É, como afirmaba Walter Benjamin, "o paradoxo dunha xustiza feita por aplicación muda do dereito en xeral, sen aceptación do ser da persoa no que non é persoalizado. De aí o carácter 'monstruoso' de todo humor. Pódese facer xustiza de dúas maneiras: respectando a integridade da persoa ou ignorando expresamente a persoa" (54). O humor negro ignora a persoa para facer xustiza ao obxecto en tanto tal, o obxecto non pode ser outro que a sociedade. A sociedade que produtora de sofrimento é convertida polo individuo, mediante o humor negro nunha condición de pracer. Polo que se impón unha interrogante: nunha sociedade xusta, ¿sería posíbel o humor negro?
     Non é de estrañar, pois, que a reflexión sobre o humor negro deba moito ás condicións "exteriores" en que se movía Breton: auxe e caída da Frente Popular Francesa, Guerra de España, Procesos de Moscova, asasinato de Trostki, fascismos varios, comezo da Segunda Guerra Mundial.

6.3. Os xogos.
O xogo é para o surrealistas de carácter lúdico, ninguén ten obriga de participar e nel reina ese principio do pracer que os surrealistas sempre exaltarán. Moitos son os xogos inventados por eles. Mencionemos os máis importantes e coñecidos:
6.3.1 O cadáver esquisito. De todos os "xogos" surrealistas é o máis coñecido. Inventado en 1925 polo grupo da rue du Château -Marcel Duhamel, Jacques Prévert, Yves Tanguy- é definido no Dictionnaire abrégé du surréalisme como "xogo de papeis dobrados que consiste en facer compór unha frase ou un deseño por varias persoas, sen que ningunha delas saiba da colaboración ou colaboracións anteriores. O exemplo, xa clásico, que deu nome ao xogo e que foi a primeira frase así obtida, é o seguinte: O cadáver-esquisito-beberá-o-viño-novo" (55). (Con está "técnicas" tamén se fixeron os diálogos surrealistas; digamos, como información complementaria, que os surrealistas portugueses foron quizais os que usaron destas técnicas e de maneira máis "brillante" (56).) A base do "cadáver esquisito" está en certos xogos infantís, e por iso córrese o perigo, verbo do seu resultado, de recoñecer unha identidade ao conxunto, como se fose obra dunha soa persoa, ignorando voluntariamente -estamos perante un xogo- o carácter fundamentalmente revolucionario dunha "arte" en equipo. Ou querer identificar unha figura verosímil, preparada, para alcanzar os nosos fins, a concesións incribelmente laxas no confronto cunha improbábel analoxía literal coa realidade. É aconsellábel -perante un cadáver esquisito- abandonarmos a unha mirada vacía e indiferente, e, tras a impresión do caos instaurado, coller os prinicipios formais da organización que residen nas estruturas profundas do inconsciente. O sentimento dunha subtil harmonía, que provén do choque de esferas moi profundas do inconsciente colectivo, é capaz de abrir insospeitábeis parcelas da realidade. Os cadáveres esquisitos, malia o que poida parecer que teñen de xogo banal, son polifonías: as diversas voces poden ter o mesmo valor ou ser dominadas por unha voz principal, que (ulterior dificuldade) pode acharse en calquer nivel do eixo (normalmente) vertical do deseño. Neste caso a lectura encontrará un punto focal de irradiación, simétrico ou desimétrico verbo do contido. O cadáver esquisito fai abalar entre a consciencia e a inconsciencia, entre o prexuízo estético de coherencia, unidade e simplicidade e un máis alá da percepción inquietante mais vital, polo que é unha ximnástica absolutamente benéfica para a saúde mental, á parte dun camiño para unha arte (?) feita por todos.
6.3.2 O un no outro. A base do xogo está na idea que tivo Breton de que calquer obxecto está contido en outro. En L'un dans l'autre (57) explica que tendo en conta a teoría das correspondencias que está na base do ocultismo, segundo a cal "todo obxecto forma parte dun conxunto único e ten con calquer outro elemento deste conxunto relacións necesarias intencionais, non temporais e non espaciais" (Robert Amadou). Breton engade que esta "definición se sostén sempre que se lle amputen as seis últimas palabras, que son para min inintelixíbeis. (...) Deixarémolo, pois, en 'necesarias'". Matinando nisto, unha noite, a discutir cos seus amigos, foron dar como sempre ao tema das analoxías e "ócorréuseme dicir que o león podía facilmente describirse a partir do misto que me dispuña a frotar. En efecto, pensei de pronto que a chama en potencia no misto 'daría' en semellante caso a crina, e que chegarían, a partir de aquí, poucas palabras tendentes a diferenzar, particularizar o misto para presentar o león. O león está no misto, da mesma maneira que o misto está no león". Podíase dicir que este xogo é a analoxía levada aos seus máximos extremos. Eis un exemplo, posto por Georges Goldfayn: "Son un ASADOR que fai como que non xira para non asarse a si propio" (A resposta: Galileo Galilei).
6.3.4 Outros xogos. O xogo de cartas de Marsella ou Tarot surrealista, de que as figuras foron inventadas e deseñadas por Lam, Masson, Ernst, Breton, Jacqueline Lamba, Oscar Domínguez, Hérold e Brauner, e os personaxes representados: Sade, Pancho Villa, Novalis, a monxa portuguesa, Paracelso, Hegel, Lautréamont, etc. O xogo das definicións. Un surrealista apuntaba nun papel, "¿Que é...?" e o segundo, sen mirar o que apuntara o seu viciño, anotaba noutra folla unha resposta á pregunta feita en segredo. O xogo das condicións ou hipóteses. A pregunta "¿Que é...? era remprazada por se ou cando. O procedemento era o mesmo.
(Exemplos:
"-O que é a família?
-É o acto sexual praticado com um cadáver;
-O que é o surrealismo?
-É a morte dos séculos projectando uma sombra muito longa debaixo da água do sonho.
-O que é o sonho?
-É uma obsecurecida pelo recalcamento do desejo.
-O que é a pátria?
-É uma coisa sem soluçao.

-És mulher?
-Sim.
-Porque?
-Porque é útil".
Carlos Calvet e Mário Henrique Leiria.
"-Se os cabelos tivesen por ferros imáns" -Breton.
-O corazón dos amantes cesaría de latexar" -Desnos.
"-Cando se eleve unha estatua á asociación de ideas" -Unik.
-O anxo do bizarro inventará a arte do billar" -Aragon.)

Dentro do apartado dos "xogos" lingüísticos non podemos esquecer o dos proverbios e/ou aforismos. Con todo, se ben se pode considerar un xogo é algo máis: a superación poética (e lingüística?) do aforismo, do refrán mediante unha serie de procedementos de tipo lingüístico e psicanalítico sen esquecer os retóricos -como o "plaxio", levado a extremos dificilmente superábeis por Isidore ducasse en As poesías.
Segundo Marie-Paule Berranger, o aforismo surrealista "conserva desde as súas orixes un vínculo privilexiado coa acción, a moral e o coñecemento [...] Instalado desde sempre na praza pública (a sentencia está ligada ao exercicio da democracia), o aforismo surrealista é desde o primeiro momento unha palabra colectiva a reivindicar un poder efectivo de trasmutación. Privilexia a forza ilocutoria da enunciación e presupón unha continuidade entre a lingua e o mundo, entre a palabra e a acción -o que é o fundamento mesmo dunha posíbel 'revolución' surrealista"58. Aforismos, proverbios que foron praticados (inventados) por moitos surrealistas, como Michel Leiris, Glossaire: j'y serre mes glosses, Paul Éluard e Benjamin Péret, Cent cinquante deux proverbes mis au goût du jour (59), Robert Desnos, Rrose Sélavy, Marcel Duchamp, Duchamp du signe, Jacques A. Boiffard, Nomenclature, Achille Chavée, Laetare 59, Le prix de l'évidence, Aphorismes, Au demeurant, etc.; e moitos máis que sería demasiado longo reseñar.


                                                                 ALGUNS PROVÉRBIOS E NAO

                                                            Pao a cozer -menino a ler
                                                            Muller francesa -toalha na mesa
                                                            Vinho no corpo -bandeira no topo
                                                            Menino esperto -barquinho en el puerto
                                                            Neo-realista -ó ver a lista
                                                            Gente que berra -marinheiro em terra
                                                            Pevide a ler -nao pode ser
                                                            Peles de coelho -vício velho
                                                            General Franco -sal tim tim banco

Alexandre O' Neil, Mário Cesariny, 1947


Unha querida merece outra (Un vicio conduce a outro)
Non queimedes os perfumes nas flores (
Non lancedes a auga co neno)
A dición é unha segunda punición (
O costume é unha segunda natureza)
Cando un ovo escacha ovos é que non ama as tortillas (
Para facer tortillas, hai que romper o ovo)
Os elefantes son contaxiosos
Ninguén nada na floresta (
Ninguén é profeta na súa terra)
Non hai desexo sen raíña (
Non hai fume sen lume)
Quen sementa uñas recolle un facho (
Quen sementa ventos recolle tempestades)
Un trombón nun vaso de auga (
Unha tempestade nun vaso de auga)
A costa é birolla (
A fortuna é cega)

Paul Éluard, Bemjamin Péret


En certos lugares da rota subsiste unha única maneira de amar aínda os homes, é esquecelos.
Cómpre non espir nunca á nai
Compre bater na muller, como no ferro, cando está quente.
A patria descansa na tumba.
Nunca un canonazo abolirá a balística.
Cómpre honrar o xendarme cando é pai de André Breton.
Axúdate, o azar obxectivo axudarate.
A poesía non é unha vaca leiteira.
Amo a libeliña, mais tamén amo o paxaro que como á libeliña.
Tendo violado á nai patria, foi tratado de desertor.
Non cómpre bater na muller cando está morta.
¡Quen non tivo, cando menos unha vez na vida, o desexo case irresistíbel de levantar as saias a unha monxa!
Entre dous males cómpre elixir o que non existe.
O pan nunca ten fame
.

Achille Chavée

Estes foron os xogos máis importantes inventados polos surrealistas, o que non quere dicir que non houbese máis, pero foron pouco praticados, maiormente pola súa pouca produtividade poética.


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega