O surrealismo. Unha achega documental

Páxina Anterior

Capítulo 6. A ética surrealista: O humor negro. Os xogos. O amor (parte 2ª)

Páxina Seguinte

v1xggsurrealismo007b.html

6.4. O amor. Desde hai trinta anos, para os amantes das datas fixas, e nos imos repetir o que dicía Hans Arp, poderiamos sinalar a revolta francesa de maio de 1968, a liberdade sexual entrou nos costumes "consetudinarios" até tal ponto que o erotismo é explotado durante as vintecatro horas do día, e durante os 365 días do ano, pola publicidade, esa grande produtora de desexos innecesarios e... indesexábeis. O erotismo, ou mellor, a pansexualidade tomou a vida cotián desprazando e remprazando o amor. Os surrealistas, aínda que homenaxearon os grandes libertinos, sitúanse máis ben na tradición dos grandes amantes, dos grandes namorados, de Abelardo a Shelley, máis que na esteira dos libertinos ou dos pornógrafos, aínda que o concepto -ou noción- de pornografía e a súa diferenzación con erotismo é unha cuestión que continúa cima do tapete (60). Para eles, a sexualidade non pode estar separada do amor, e viceversa. O amor (¿surrealista?) desenvolve unha sensibilidade nova. Inventa un escenario encantador e irresistíbel: dous seres que se encontran ao azar desencadean acontecementos sorprendentes, descifran ao seu paso os múltiples signos do seu desexo, constatan a fusión do real co imaxinario, verifican as convulsións do tempo e da beleza. O amor surrealista mestura a dimensión horizontal do cotián coa vertical do maravilloso. Achamos o ser amado e comeza daquela unha sucesión de prodixios.
     A muller amada... Eis o "pecado" do surrealismo. Para o surrealismo histórico, o surrealismo dos tres primeiros períodos, só existe o amor heterosexual. E a muller é mistificada e mitificada, en certo modo; pois a muller está no centro da mitoloxía surrealista. Transcendida na poesía, que se quere ritmo amoroso, a muller presta ouvido ao eco infiel da súa propia verdade existencial. André Breton, na súa esixencia de amor louco, único e eterno -ba- seado, non o esquezamos tampouco, en Engels, exactamente nese belo libro pragado de erros que é A orixe da familia, da propiedade privada e do estado-, irmán xémeo do amor sublime de Benjamin Péret ["o amor sublime é precisamente este acordo (cando o home desenvolveu todas as súas posibilidades virís e a muller todas as súas virtualidades femininas) perfecto entre dous seres harmoniosamente emparellados" (61)], emprende unha procura surreal no seo da cal a muller e a grande promesa. A muller presentada nun tríptico: a muller/nai, terríbel; a muller/nena, a face optimista do amor; e a muller/fada-bruxa, a face pesimista do amor (62).
     O amor surrealista non será a arma coa que as mulleres consigan a súa liberación, pero malia todo, e ben se o surrealismo se enganou ao anticipar unha idea visionaria da muller -como Blake, como Novalis, como Fourier e outros- non é menos certo que revelou un principio feminino que fai da muller a encarnación dunha enerxía libre e esencial, e non un lugar dentro de cuxos límites todos os poderes intentan secuestrala -e entre eses poderes quizais debamos contar o neofeminismo que intenta converter o amor nunha pura unión mecánica entre máquinas celibatarias que reproducirían un mundo tamén celibatario, onde xa non existirían nin o desexo, nin o amor, só un pracer mecánico, sen sentimento. Un mundo onde a unión harmoniosa de dous seres -sexa cal for o seu sexo- non existiría, e o chamado pracer sexual xenerado pola unión de dous corpos podería ser, facilmente, substituído polo que un surrealista checo definiu como "máquinas ipsatrices", masturbadoras.

     Mais tamén é verdade que as acusacións de "machismo", de misoxinia, contra o surrealismo -que parten case todas de O segundo sexo, de Simone de Beauvoir- teñen moito a ver con a incapacidade do/as fiscais para apreixaren a imaxe poética, a poesía, en derradeira instancia. A requisitoria clásica parte do libro de Xavière Gauthier, Surréalisme et sexualité (63), libro inzado de erros e de falsas, ou más, lecturas. Por outra parte, o (des)coñecemento da Gauthier, e o seu (des)uso tanto da psicanálise como do marxismo, por non falar da arte e da poesía, descalifican moitos dos seus -falsos- "achados ". O libro de Gauthier é un libro datado. O mao, con todo, non é iso, senón que sendo datado e atravesado por unha ideoloxía que acababa por confundir poesía con reportaxe, poesía con ideoloxía, poesía con pensamento abstracto. Evidentemente, a tradición en que se inscribía o libro da Gauthier proviña do libro de Beauvoir Le déuxieme sexe, onde se nos dicía que o desexo era propio do home e o goce da muller, disterando o ser humano, que é masculino-feminino en dous: masculino e feminino e, en certa maneira, comportaba unha desxualización da vida e certa incomprensión do namoramento, ou, para mellor dicilo do amor (64). Finalmente, a tese de Xavière Gauthier -implícita, nunca explícita- era que a misioxinia (sic) do grupo surrealista, considerado como unha "fatria", impediu a creación "artística" e/ou "poética" por parte das mulleres do grupo, que non eran, segundo ela, máis que as mulleres dos membros da fatria.



Para ter unha idea do carácter esencialmente policiaco da empresa [a despoetización da vida por parte do neo-feminismo], só hai que considerar o tecido de mentiras e parvadas saído directamente das meditacións de Xavière Gauthier sobre o tema "Surrealismo e sexualidade": desacreditanto pacientemente o obsesivo "punto de vista da muller", tanto pola miopía do ollar que bota sobre o obxecto do seu estudo como pola confusión de medios que está obrigada a recorrer para levala a cabo. Xavière Gauthier intenta explicarmos o que queren dicir, evidentemente "desde un punto de vista de muller", os textos e as obras sobre as que se encarniza. Proxecto quizais loábel nos límites do padroado de bruxas*, mais que chega para nos convencermos da incompetencia total desta para falar de poesía ou de calquer outra forma de expresión lírica. ¿Hai necesidade de lembralo? A poesía non quere dicir, é, e é seguramente noutra parte, diferente daquela onde se sitúa Xavière Gauthier para quebrar o código do inimigo surrealista. Pois, por razóns militantes que se nutren da máis deficiente crítica de arte, Xavière Gauthier aínda cre que a prática artística é unha maneira alambicada de dicir que é necesario aos eséxetas do seu xénero traducir en termos claros e definitivos para un publico supostamente, por este feito, incapaz de comprender o que sexa sen a axuda destes mesmos eséxetas. E o neo-feminismo transformaría as vellas correas de transmisión en cintas de transmisión, constatemos, desde xa, que o desprezo pola base continúa a ser o mesmo. Con efecto, esta sospeita verbo de todo o que non se descodifica tan fácilmente como unha frase do tipo "Pásame o sal" non é novo: é o que conduciu aos nazis a combater a "arte dexenerada" e aos estalinianos a "arte decadente" cos persuasivos argumentos que se sabe. Coñecemos a manobra e é doado recoñecela, despois da rexeneración pola raza ou a rexeneración pola clase, autorízase hoxe unha rexeneración polo sexo, feminino nin hai que dicilo. En fin, contemplando o cadro final que Xavière Gauthier nos deseña a brocha gorda do surrealismo -unha banda de rugbymens travestidos que morren de envexa e de medo de que os enculen- (ao que ela chegou explicando penosamente o que quere dicir unha fotomontaxe de Pierre Molinier) tense a certeza que esta sospeita continúa a funcionar moi ben como detección policiaca de toda expresión lírica, co único fin de colocar esta baixo a protectora ollada dun realismo cuxa única realidade é defender e ilustrar os imperativos ideolóxicos do momento, aquí a arianeidade, alá a proletariedade, hoxe a femineidade.
Grazas, Xavière Gauthier, por ensinarnos que: "A arte surrealista, máis que ninguna outra, é exhibicionista. Se o artista que pendura un cadro mostra unha cousa no canto do seu sexo, o surrealista mostra unha cousa erótica" (
Surréalisme et sexualité, p. 312). Comprendése mellor a partir de aquí que se lle escapa que o surrealimo é indifinitamente máis que isto, malia os ornatos de rudimentos de psicanálise, de marxismo e de filosofía grazas aos que vostede pensa apreixalo. Compréndese mellor tamén porque a pintura de Leonor Fini, cuxa produción non ten nada de surrealista, a maravilla cando non é máis que un desfile para cadros medios eróticamente subdesenvolvidos. Compréndese mellor que vostede se convertese na grande sacerdotisa dunha estética feminina que non mostra mesmo "unha cousa no canto do seu sexo" senón o seu sexo convertido en cousa a punto de se esterilizar na pacotilla dunha superproducción de badgets e de gadgets orgánico-culturais".

Annie Le Brun
*Referencia á revista Sorcières, órgano do que Le Brun chama estalo-feminismo.
Lachez Tout, pp. 124-127


O FUTURO É DAS MÁQUINAS IPSATRICES
Os nosos devanceiros desceron das árbores e ergueron a columna vertebral para liberaren os seus membros anteriores. Tiñan grande necesidade de dispór á súa maneira das patas dianteiras. Só elas podían permitir a prática da ipsación. A despeito das calumnias con que a encheron os hipócritas e as prevencións das que foi vítima por parte dos timoratos, a prática da ipsación non cesou de ser proveitosa á humanidade, como ben demostrou Bohuslav Brouk no seu libro "Autosexualidade e psicoerotismo".
As posibilidades que oferecen as técnicas actuais, singularmente no eido das técnicas de punta, permiten augurar para un futuro próximo a aparición dunha ipsación de masas verbo da cal a experiencia solitaria do ipsante do século XIX e de comezos do XX aparecerá como o resto dun pasado preindustrial, de que se poderá, segundo os gostos e as ideoloxías, lamentar o encanto artesanal ou deplorar o carácter caduco porque non está á altura dos problemas que formula a explosión demográfica. De aquí ao ano 2000 serán 8 mil millóns de persoas que será necesario non só alimentar e vestir, senón facer gozar. Só se conseguirá xeneralizando a prática da ipsación automática.
A aceleración do proceso de produción intelectual que se comunica a todos os sectores da existencia, tende a reducir a cero o tempo necesario ao aparellamento humano, do que se sabe pode ser de abondo longo. O home e a muller cada vez terán menos tempo para se coñeceren, para se elixiren mutuamente.
As máquinas ipsatrices permitiranvos, instantaneamente e con toda liberdade, escoller a vosa parella e comportarvos nesta decisión como se nunca tiverades que superar a timideza ou as convencións.
Estas máquinas son o futuro. E, non obstante, a ipsación mecánica non data de hoxe.

1 Aparatos de serie desviados da súa función
A ipsación mecánica pode ser praticada coa axuda de diversas máquinas que, concibidas para outro uso, se prestan non obstante a este singular emprego. Os casos de ipsación eran frecuentes nas costureiras que se servían de máquinas de coser de pedal**. Desde a aparición da máquina de coser eléctrica, que se demostrou impropia para este uso, as ipsantes chimpáronse sobre a lavadora, cuxas vibracións, que comunica ao seu medio, por pouco que se saiba coller unha posición adecuada, procurarán intensas satisfacións. Numerosas mulleres entréganse a este exercicio de maneira completamente inconsciente. [...] O mellor exemplo de desvío dunha técnica a favor da ipsación énos dado pola televisión. Até a introdución masiva da pequena pantalla nos fogares, os diversos aparatos domesticos só aportaban á ipsante unha axuda mecánica. Coa televisión, a técnica intervén a nivel psíquico. [...]

2. Máquinas ipsatrices de fabricación artesanal
A máis coñecida -unha máquina de pedais para uso de mulleres- encóntrase no Museo de Criminoloxía de Dresde. Moito máis interesante, non obstante, desde o punto de vista da cronstrución é a máquina ipsatriz para homes que se conserva no Museo de Criminoloxía de Praga, rúa de San Bartolomé. A primeira vista, trátase máis ben dunha "dama de viaxe", pero un exame máis detido permite descobrir no seu interior un mecanismo moi orixinal. A cabeza da Dama encerra, con efecto, un péndulo cuxa extremidade inferior remata na entreperna e soporta unha luva de coiro cuxos dedos repregados sobre a perla parecen apretar un membro invisíbel.
Chea dun morteiro que asegura a súa aplicación, esta luva, previamente aceitada na súa parte interna, simula o orificio vaxinal onde o ipsante introduce o seu penis afin de ser ipsado grazas ao movemento do péndulo que el propio porá en marcha.

3. Máquinas ipsatrices inspiradas pola curiosidade científica
Segundo W.H. Masters e V.E. Johnson***, os radiofísicos puxeron a punto un simulador capaz de reproducir artificialmente as condicións do coito e de medir a intensidade das reaccións dun individuo en circunstancias semellantes. O aparato comporta unha gama de penis plásticos, concibidos para se adaptaren ás particularidades físicas da maioría das mulleres, posuíndo as cualidades ópticas dun vidro plano. Unha iluminación a luz fría permite observar e rexistrar a amplitude dos seus movementos. A medida que se eleva o grau de excitación da paciente, obsérvase que a amplitude e a frecuencia dos movementos do pene medran en proporción ás súas operacións sexuais subxectivas. O aparato funciona electricamente.

4 Máquinas ipsatrices especiais
O desenvolvemento da cultura de masas vai acompañado dun empobrecemento da imaxinación individual. Disto deita que a estrutura psíquica da ipsación, o psicoerotismo, tende a desaparecer. Consecuentemente,a ipsación clásica, reducida a unha simple manipulación non pode xa satisfacer o ipsante, mesmo se se axuda con todo un arsenal de aparatos electrodomésticos. É que a máquina ipsatriz propiamente dita, reservada unicamente á satisfación psíquica e física do ipsante, está aínda por construír. A súa construción, con todo, non formula ningun problema teórico e as técnicas actuais deberían permitir fabricala en serie. Podemos, xa que logo, asombrarnos de que aínda non aparecera no mercado, tanto máis porque respondería ás necesidades da maioría dos nosos contemporáneos, procurándolles a vontade, sen perda inútil de tempo, un pracer erótico personalizado. A máquina ipsatriz descarga, con efecto, ao ipsante das fastidiosas dilixencias para coa parella e da obriga de lle facer a corte. Abonda introducir unha moeda na rachadela do aparato e de apretar un botón para que surxa a imaxe do ou da que se desexa.

5. Funcionamento da máquina ipsatriz
Pódense considerar xa resolvidos os problemas puramente mecánicos ligados ao funcionamento da máquina ipsatriz. Abondará, con efecto, adoptar con vistas á súa produción a escala industrial o prototipo posto a punto polos radiofísicos (ver supra). O mesmo se pode dicir da programación psicoerótica da máquina que pon delicados problemas de escolla. Os medios de comunicación de masas, se teñen un carácter decisivo na formación do ego ideal, o cal adquire na nosa época un carácter máis ou menos colectivo, contribúen tamén á formación do animus e da anima, que á súa vez adquiren un carácter de masa. É preciso termos en conta este fenómeno de reducción do individual ao colectivo para programar a máquina ipsatriz. A escolla de secuencias visuais e sonoras destinadas a excitar a imaxinación psicoerótica debilitada do ipsante medio, pode, pois, remitirse a un problema de estatística.
Recomendaría aos construtores se inspiraren, para a presentación do conxunto do autómata, nos juke-box. Como se se tratase de escoller o título dun disco no teclado do aparato, o ipsante escollería o nome dunha parella, cuxa imaxe aparecería axiña na pantalla. Este parceiro, home ou muller, estaría filmado coa axuda dun grande angular de maneira a presentar ao ipsante a imaxe, cara e costas, de personalidades coñecidas polo grande público: cantantes masculinos e femininos, actores e actrices, locutores e locutoras, presentadores e presentadoras de anuncios e de televisión, deportistas, políticos, etc., escollidos en función do seu grau de popularidade.

Duración das sesións
Cada quen debera pode prolongar o seu cara a cara co autómata segundo as súas posibilidades e as súas esixencias. Non obstante, nos autómatas ipsadores públicos como nas cabinas teléfónicas, o tempo de utilización será contado en unidades de tres minutos. Pasado este tempo, o ipsante deberá introducir unha nova moeda ou unha nova ficha no aparato se desexa prolongar a experiencia.

Instalación de autómatas ipsadores públicos
Deberíase, ao meu parecer, contar co emprego de máquinas ipsatrices por parte de particulares para xeneralizar o uso. Ao principio, cando menos, será necesario a organización de lugares públicos de ipsación coa participación do Estado.
Nun primeiro tempo, as máquinas ipsatrices de modelo corrente deberan ser instaladas en lugares fechados: clubs de empresa, salas de reunión de xoves, sesións de propaganda, residencias escolares, cuarteis, etc. Logo se colocarían nas proximidades dos lugares de traballo, a fin de reducir as perdas de tempo máis importantes durante a xornada. Finalmente, podería extender a súa implantación a todos os lugares públicos onde a reunión dun certo número de persoas provoca o desexo. Piscinas, estadios, estacións, hoteis, restaurantes, salas de espera, etc.
Canto as máquinas especialmente programadas para os desvíos sexuais, recomendaría instalalas máis ben en hospitais e nos estabelecementos de cura. Desta maneira, sería protexido o anonimato dos ipsantes perversos contra a maledicencia da multitude. Os sádicos e os pedófilos, sobre todo, terían ademais a vantaxe de se entregaren aos seus exercicios favoritos baixo control médico. Percibiríase entón que as desviacións sexuais son moito máis frecuentes do que mostran as estatísticas. Mañá, as máquinas ipsatrices permitirán a todos estes aberrantes segredos, até hoxe condenados a unha sexual convencional, se liberaren felizmente das súas fustracións.
En resumo, colocación, en todos os lugares publicos e os lugares de traballo, de cadeas de autómatas ipsatrices oferece á sociedade unha serie de vantaxes de primeira importancia.
1. Man de obra sana e non fustrada, pensando só na tarefa durante a xornada de traballo.
2. Familia harmoniosa. Menos divorcios e, xa que logo, menos nenos desgrazados.
3. Praticamente, liquidación da prostitución e das afeccións venéras.
4. Liberdade para os anormais sexuais, a súa integración no proceso de traballo.
5. Diminución dos delitos sexuais.Polo efecto das máquinas ipsatrices, democratización do erotismo e, xa que logo, da sociedade enteira, pois terán suprimido o privilexio da beleza dos dous sexos.
6. Control do Estado sobre a vida sexual dos cidadáns.

Conclusión
As vantaxes que deitan do uso das máquinas ipsatrices na vida da sociedade son tan evidentes que se pode celebrar como próximo o advento das máquinas ipsatrices cuxo orixinal exposto sen nome de autor no Museo de Criminoloxía, rúa de San Bartolomé, será solemnemente transportado ao Museo Nacional da Técnica de Praga-Letna para figurar a carón da lámpada a ARC de Krizik e do pararraios de Divis.

Jan Svanjmajer

*"Desde o punto de vista da crítica social, a ipsación oferece á sociedade máis vantaxes que inconvenientes. Pode ser considerada, sobre todo hoxe, como un remedio contra unha proliferación excesiva da especie humana. En todos os tempos xogou un papel beneficoioso previndo a gravidez precoz, cuxas consecuencias son, en opinión dos médicos, desagradábeis para a descendencia. Vese, por tanto, que a prática da ipsación é beneficiosa para a humanidade e só espíritos batidos de cegueira moral poderían denegarlle este mérito". -Bohuslav Brouk: Autosexualidade e psicoerotismo, Edicións Surrealistas, Parga. 1935
**Pouillet na súa obra De l'onanisme chez la femme, menciona a seguinte observación: visitando unha fábrica de confeción de vestidos militares, notara que unha xove obreira, cuxa excitación era evidente, imprimía á súa máquina un movemento cada vez máis acelerado. Ao cabo dun certo tempo, a moza palideceu bruscamente, fechou os ollos e deixou escapar suspiros apagados. Permaneceu inmóbil durante algúns segundos, despois enxoitouse a fronte coa axuda do seu pano e reemprendeu o seu traballo. Segundo o testemuño da directora, escenas semellantes producíanse moi frecuentemente entre o personal feminino da empresa.
***W.H. Master e W.E Johnson entregáronse, a partir de 1954, a investigacións sobre a sexualidade no servizo de xinecoloxía da Faculdade de Medicina da Universidade de Washington. Afirman na obra Woman sexual reponse que en once anos de observación "ningún dos 312 homes e das 382 mulleres que participaron nos seus experimentos, foron quen, no curso dos exames, de chegar ao orgasmo baixo a influencia da imaxinación".

Con todo, o encontro entre surrealismo e feminismo pode darse, sobre todo a través das mulleres surrealistas, mais non será un encontro fácil. Se o feminisno, até o de agora, actuou arrogantemente contra o surrealismo, este responde con forza por medio da voz de Annie Le Brun, en procura doutro feminismo, doutras bases ideolóxicas para un feminismo "revolucionario".
     Sabemos que o marxismo, ao privilexiar unha clase social como determinante da cohesión social significativa implicou a marxinalización da diferenza sexual. Malia o frutífero que poida ser o comparar o intercambio de mulleres co intercambio de mercadorías -que é o fondo da "tese" de Xavière Gauthier sobre o surrealismo-, sabemos agora que a política de reprodución non pode ser completamete redescripta en termos de política de produción. Xa que logo, as loitas sociais respecto ás cuestións de patriarcado e misoxinia nunca poden subsumirse baixo as loitas sociais que tratan con cuestións económicas, malia o imbricadas que poidan estar. Malia os numerosos intentos de formular un socialismo feminista coherente, é difícil eludir a idea de que a relación entre os dous movementos é máis ben incómoda. Por outra banda, neste século XXI tamén cómpre redifinir o socialismo e, sobre todo, saber que xa non hai suxeito revolucionario. Xa que logo, ¿cómo dar un contido ao "feminismo" para que este chegue a ser revolucionario, como sustraer do marxismo a idea -¿concepto?- de suxeito revolucionario? Se a crítica feminista foi importante para facer esquecer miraxes, unha crítica surrealista do neo-feminismo, como a implicada en Lâchez tout, de Annie Le Brun, e en Du trop de realité, quizais sirva para que o neo-feminismo esqueza as súas miraxes e se entre nun movemento revolucionario que debe comezar, dunha vez, pola "remetaforización" do mundo. Unha idea, un concepto, de que o movemento, ou os movementos feministas, non goza(n). Un concepto, unha idea, que pode encher de contido o feminismo mediante o surrealismo.





Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega