O surrealismo. Unha achega documental

Páxina Anterior

Capítulo 7. A arte surrealista (parte 3ª)

Páxina Seguinte

v1xggsurrealismo008c.html

7.6. A crítica surrealista.
¿Existe unha crítica surrealista? Crítica literaria, para entendermos. Se a pregunta é doada, a resposta quizais non tanto, tal e como hoxe se entende esta póla da literatura. Non existe, nin poderá exisir, unha "metodoloxía" crítica surrealista. Nin, moitos menos, un intento de método científico de crítica literaria por parte do surrealismo. Con todo, pensamos que si existe unha crítica literaria exercida polos surrealistas que nada ten a ver co que se coñece por métodos críticos.
     Desde hai xa moitos anos asistimos ao afundimento perpetuo da chamada crítica literaria -por suposto, tamén da crítica de arte. As causas deste afundimento son múltiples, mais unha é a fundamental: a falta duna adhesión sensíbel. A chamada obxectividade da chamada crítica (sexa literaria, sexa de arte, mesmo sexa política) conduciu a esta a un cul-de-sac. Propagouse aos catro ventos que o papel da crítica non era xulgar as obras, é dicir, valoralas, o que, se a crítica fose unha ciencia, en derradeira instancia é xusto, xa que a ciencia non opera con individualidades, nin con sentimentos, e unha verdadeira crítica de poesía, de arte, de literatura, que queira operar entre a obra e o sentimento producido por ela debe apelar, pensamos, para xustificar as súas proposicións, a unha evidencia intuitiva, máis ou menos vaga. (Estamos a falar de crítica da obra, non de historia da obra ou da literatura e as necesarias contextualizacións, que ese é outro problema.) A crítica literaria non pode ser científica por que debe -queira ou non- emitir xuízos de valor, cousa que non podería facer unha "crítica científica". Debe emitir xuízos de valor porque esa crítica debe ser "intrínseca" e non "extrínseca" á obra. Xuízos de valor sobre a obra -é dicir, sobre literatura-, non sobre as repercusións da obra na sociedade -no lector- ou sobre a ideoloxía que, supostamente, deita, nin, evidentemente, sobre o autor. Non se pode chegar aos extremos dun Tery Eagleton cando di que "O valor é unha palabra transitiva, significa que o que se valora, sexa o que sexa, é valorado por certas persoas en situacións específicas, de acordo cuns determinados criterios é á luz duns propósitos dados" (73). Partindo de aquí, nunca saberemos porque sempre se manteñen arriba escritores como Dante e Shakespeare ou Dante e non unha Barbara Cartland (74). Non pequemos de "científicos". Esa cientificidade é a que afastou a moita xente da literatura e, por suposto, da crítica. A crítica duna obra de arte -literaria, pictórica, musical- debe adherirse sensibelmente á obra á que se achega e, infelizmente, emitir un xuízo de valor. Xuízo de valor que fará que o lector desa crítica se achegue á obra máis libre de prexuízos, curiosamente, que se lese un dos chamados críticos presuntamente científicos polo simple feito que o crítico "non-científico", intuitivo se se quere chamar así, aínda que ese crítico saiba usar -e use- os instrumentos dos chamados achegamentos científicos á obra de arte, apela non só ao seu coñecemento da arte, ou da literatura, senón que por riba da sobreabundancia de informacións intenta apreixar un ser, un acontecemento, unha situación por medio do sensíbel. O crítico non debe temer o xuízo de valor. Como dicía Gabriel Ferrater, citado por Salvador Oliva, "de gostos hai moito escrito e moi bo: ou se se prefere, sobre gostos edificaron moi sólidas fortunas Duret, Vollard ou o señor Rosenberg" (75). O xuízo de valor non é un mero proferimento sentimental; é acertado ou erróneo e o seu acerto ou erro son obxectivamente comprobábeis [...] a obxectividade do xuízo de valor dáse exclusivamente en relación ao presente. O connaisseur pode e debe xulgar as obras do pasado, e en certo modo, os xuízos que pronuncie sobre as obras que a tradición lles presenta constitúen a súa pedra de toque, a única comprobación innegábel da súa actitude" (76).
     Todas estas citas veñen para dicir que si existe unha crítica surrealista. Unha crítica surrealista exercitada polo crítico -en palabras de Ferrater, o que emite xuízos de valor- e por connaisseur, que xulga as obras do pasado. Esa crítica foi exercitada por Breton -Le Pas Perdu, Point de Jour, Le surréalisme et la Peinture, La Clé des champs, Perspective Cavalière- que tivo que intervir publicamente en diversas ocasións para botar abaixo os falsos "Rimbaud" que aparecían, sendo a última ocasión en 1950, cando os grandes críticos franceses Maurice Saillet, Maurice Nadeau e Pascal Pia apadriñaban La chasse espirituelle como un texto auténtico de Rimbaud, demostrouse que era unha falsificacións duns actores; por Aragon, por Éluard, por Robert Desnos, por Antonin Artaud, Jehan Mayoux, etc, por só falar dos primeiros nomes da constelación surrealista, que foron tanto críticos como connaisseurs. Evidentemente, os surrealistas que apareceron posteriormente, tamén exercitaron a crítica. Como os seus maiores, unha crítica de aprehensión sensíbel debido á climatización sensíbel que operou neles a tradición surrealista. Evidentemente, a crítica surrealista non deita de si propia nin regras nin a partir dela se poden inventar métodos. A crítica da poesía opera desde dentro da obra. Deste tipo de crítica hai obras maiores: os libros de Julien Gracq: André Breton aspects de l'écrivain, Prefférences; os escritos de Marguerite Bonnet, de Annie Lebrun, de Gérard Légrand de Claude Courtot ou de Philippe Audoin, etc, por citar algun dos que produciron libros dedicados a escritores. Mais a "crítica" surrealista que máis se achega ao lector é a que foi producida para ser publicada en calquer das revistas do grupo. Unha crítica que incorpora a obra, que casa con ela. Unha crítica que, maiormente, serve á obra con respecto, entusiasmo e amor, a non ser que considere a obra como a negación da liberdade e da dignidade humanas. Eis uns exemplos:

WESTWEGO, por Philippe Soupault (Éd. de la librairie Six.)

Philippe Soupault é o home de todas as cancións e sobre todo das
Chansons des buts e des rois:

                                        O pequeño Édouard Maisonnet
                                        habita na súa casiña
                                        Pesca os peixiños
                                        do seu amigo ferreiro.

Ou ben:
                                        O señor Miroir mercader de roupas
                                        morreu onte á tarde en París.
                                        Vai noite, vai negro,
                                        vai noite sobre París

Cando camiña pola rúa, até un sorrisiño entra nos taxis e nos aparadores dos almacéns, "vaise divertir", din eles.
É que fala de todo co seu sorriso e a súa poesía é unha brincadeira como os castelos de naipes.
Despois de
Aquarium, Rosa dos ventos, Campos magnéticos e esa Invitación ao suicidio, cuxa edición orixinal está limitada a un só exemplar, eis Wetswego, en que certos críticos pudieron ver a influencia de Zona e da poesía de Cendrars: mais estes versos:

                                        Marchemos para ser parvos
                                        Corramos para ser ledos
                                        Riamos para ser fortes

¿Lembran a Apollinaire ou a Cendrars?
Non, Philippe Soupault rube ás árboes para percibir o mar. Cando nada no Océano, déixase levar para verificar a existencia dos bogavantes.
Se fuma é para virar a cabeza -Se vira a cabeza é porque hai unha doniña diante del, mais dádelle un teléfono e veredes...
Un científico inglés conseguíu cambiar o sexo das moscas coa axuda dun raio X. Soupault non esperara isto para esmagar as vellas fechaduras. Mais que se permita máis unha vez abrir o seu libro:

                                        Seus ollos meu raio son tesouras.
                                        Chóferes quédanme aínda sete cartuchos,
                                        nin un máis nin un menos,
                                        nin un deles é para vós.
                                        Sodes feos como interrogatorios
                                        e leo sobre todos os muros
                                        tapete tapete tapete
                                        os grandes convois das experiencias
                                        perto de nós perto de min
                                        cerillas suecas.

¿Onde estamos? ¿No mar ou nos campos? -Pouco importa, o que conta nun avión é a densidade dos metais empregados para a súa construcción.
Resumo: Philippe Soupault non ten mostachos. Leva un caxato que lle serve para dicir bos días ao seus amigos e un sombreiro para os outros. En fin, interésase nas inscricións: Prohibido fixar carteis... Coidado co can... Ollo, recen pintado...
PS.- Dise tamén que pasea cos cabelos na mans, mais eu nunca o vin así.

                                                                      Benjamín Péret


PROXECTO DE HISTORIA LITERARIA CONTEMPORÁNEA

                                                                                Limiar
Agadir. - Os roubos do Louvre. - O futurismo. - Os balets rusos. - Nick Carter. -Os Duncans.

                                                                      De 1913 á guerra
Alcools. - Como se falaba de Lautréamont. - Verso e prosa, a Closerie des Lilas. - Rimbaud en mans de Paul Claudel. -La Phalange. - A época das veladas de París. - Apollinaire únese ao futurismo un día de Grand Prix (rebaixas, ndt). - Sabino en mangas de camisa. - Os independentes. - Cravan. - A baronesa. - Le Phalène. - Le sacre. - Chirico. - Carta de Arthur Rimbaud con Rêve (N.R.F. do 1 de agosto de 1914).

                                   Do 1 de agosto de 1914 á morte de Apollinaire (10 de novembro de 1918)
O cinema, Charlot e os Vampiros, - A palabra, o Degoro e os Solsticios. -Montparnase e Montmartre. - Guillaume Apollinaire e mais a guerra. - Os martes de Flore. - Sic. - Kisling, Abdul, Modigliano, etc. - Bautizo de Max Jacob. - Manifestación da O.S.T.: Philippe Soupault, Os Fuégiens. - Parade. - A rúa Huyghens: onde se mestura a música. - As mameiras de Tiresias. - Jacques Vaché. - A revolución rusa. - Paul Valéry dá ao prelo La Jeune Parque. - A aventura Fraenkel-Cocteau: ¿que pensar da poesía moderna?. - 291. - Nord-Sud. - Querelas monmartreñas. - O proceso Satie. - O Val-de-Grâce: André Breton. - Apollinaire censor e Louis Delluc. - Eu fago un soneto en honra ao xeneral Joffre. - A influencia de Jarry faise notar. - Guillaume Apollinaire e o espírito novo, Roger Allard, o cubismo literario. - Philippe Soupault no hospital. - Organización comercial da Nouvelle Revue Française. - Les Trois Roses, L'Éventail, L'Instant, La Belle Éditions, Madame Aurel, Madame Lara, Arte et Vie. - Soi-même e La Caravane. - 391. - Pierre Bertin, Pélleas no Odeon. - Madame Bathory no Vieux Colombier. - Paul Guillaume, os Rosenbergs. - Picabia en España, en Suíza e en América. - Suíza durante a guerra: Dadá, Bolo, Casella, Guilbeaux, Romain Rolland. - España: Marie Laurencin, Robert Delaunay. - América: Marcel Duchamp, Man Ray, Cravan, W.C. Arensberg, etc.- Alemaña: Huelsenbeck, Baader, Max Ernst, Baargeld, etc. - Les Écrit Nouveaux: admiración de André Germain por André Breton. - Velada en casa de Valéry. - André Breton en Moret. - A miraxe americana. - Adrienne Monnier. - Monsieur Dermée e os loucos. - Casamento de Philippe Soupault. - Morte de Guillaume Apollinaire.

                                             Do armisticio a Dadá (novembro de 1918 a xaneiro de 1920)
Manifesto Dadá 1918. - Codificación do cubismo literario. - Hoxe nace e morre Valori Plastici. - Art et Vie convértese en Art et Actino. - Cocteau descóbrese. - Morte de Jacques Vaché. - A época das colaxes. - Le Dit des Jeux du Monde, Les Cuis de Boeuf. - Le Crapouillot, l'Europe Nouvelle.- Os prolegómenos de Littérature (o xove Cliquennois). - Gide ponse ao día. - Littérature. - Le Sans-Pareil rue du Cherche Midi. - Comezos de Paul Morand. - Isidore Ducasse. - Max Jacob e os seus ananos. - Matinée Reverdy: Raymond Radiguet. - A NRF Recomeza. - Fraenkel no Rin. - Eu volto a París. - Cor do Tempo: Paul Éluard cre que recoñeceu un morto. - O surrealismo. - Os premios literarios. - Onde se comeza a fartarse do cubismo. - Conversacións con Zurcí. - O restabelecemento de relacións internacionais (Ezra Pound, Yvan Goll, etc.). - Eu coñezo Drieu la Rochelle. - Vlaminck, Derain, Picasso. - A ofensiva reaccionaria en pintura e os primeiros Independentes: J.L. Vaudoyer, A. Lhôte, J.E. Blanche, Louis Vauxcelles un pouco por todas partes. - ON LANCE FAVORY. - J.E. Blanche crítico literario. - Georges Auric no Val-de Grâce. - Maurice Ravalna Renaissance. - Fernand Vandérem descubre a literatura moderna. - VAI SER NECESARIO COMPROMETER TODO. - Primeiros bater de dentes (Reverdy). - Francis Picabia volta a París.

                                                            Dadá (xaneiro de 1920 a outubro de 1921)
Picabia. - Ribemont-Dessaignes. - Os balets rusos: un voo de peles. - Primeiro venres de Littérature. - A grande cólera. - A Sección de Ouro. - Era das manifestacións: Grand Palais, Faubourg, Universidade Popular, Oeuvre, as cartas anónimas, a Sala Gaveau. - Rachilde e Dadá. - O Salon de Madame Erlanger: Drieu, Ève, Francis. - Max Jacob en Lariboisière: aparición de Benjamín Péret. - Público de Dadá. - Dadá alcanza o éxito filosófico. - Paul Valéry en casa de Miss Barney. - Salon M¨hfeld. - André Germain invita na rúa Mont Tabor. - O silencio. - Exposición no Sans-Pareil. - Aparecen os libros dadá. - Cannibale. - Tzara fai o seu pequeno Chateaubriand. - A antoloxía Crès. - Madame de Noailles. - Clément Pansaers e Bélxica. - Éxito de Picabia: vernissge chez Povolotzki. - Carco grande home para Cora e Mistinguett. - Le Boeuf sur le toit e os espectáculos Cocteau. - Picabia afástase de nós. - Jacques Rigaut fai ilusionismo. - Aínda 391. - ¿Onde están os pintores? L..A. Moreau, Nam, Sgonzac, etc., en casa de Madame Rappoport. - A miraxe alemana: Max Ernst, exposición e manifestación. - Marinetti en París: cólera de Madame Gustave Kahn. - Venda Kahnweiler. - Saint-Julien-le-Pauvre. - Filmes de Louis Delluc. - O Asunto Barrès. - A excomunión maior. - Pequena empresa de demolición: historia dunha carteira. - Picabia director de Little review reemprazando a Jules Romains. - As disidencias. - André Breton afástase de Dadá. - O Salón dadá, programa e manifestación. - Os barullos futuristas. - Hébertot, clausura do Salón dadá. - Os noivos da Torre Eiffel: Robert Delaunay. - O Tirol durante o outono de 1921.

                                                       Despois de Dadá (outubro de 1921 aos nosos días)
Veladas de Broussais. - Un puñetazo de Georges Braque. - Marido e muller andan a paus. - Informe de Fernand Divoire sobre a poesía (educación pública). - Aventure, Roger Vitrac, Jacques Baron, (Henry Cliquennois reaparece). - Vernissage Man Ray e a Librairie Six. - Congreso de París (Max Morise). - Cocteau quere reconciliarse con André Breton. - ¡O Salon de Madame Aurel aínda existe! - Comité do C.P. - André Breton reconcíliase con Francis Picabia: revelacións. - Tzara desenmascarado. - A grande crise sentimental e o que se segue. - A Closerie des Lilas. - Como acaba o Congreso. - Le coeur à barbe (o corazón con barba) que debía chamarse L'Oeil à poil (o ollo nu). - Dados: política de Tzara. - Americanos: Josephson, Brown, Cummings. - Secesión en Viena. - O Doutor Caligari. - Salon, autor dramático. - Robert Desnos. - Le Peit casino: proxectos de manifestacións. - Benjamín Péret en Le Matin. - A manifestación prohibida: belezas da pasaxe do Cairo. - Os medios anarquistas. - Man Ray, grande fotógrafo. - Os literatos organízanse. - Proceso Bessarabo. - Francis Picabia no campo. - Paul Éluard no Tirol. - Philippe Soupault, home de negocios. - Drieu retorna a París. - Baile en Bullier. - Pinturas de Crotti: André Lhôte. - O grande premio de novela para Francis Carco. - Paul Souday tómaa con Baudelaire: NADA FOI AÍNDA ENTENDIDO.

                                                                                     Conclusión
Estado dos espíritos nos inicios do verán de 1922. - Como dadá non salvou o mundo. - Preámbulos dunha nova literatura para ler no tren da que Chateaubriand e Max Jacob serán os prototipos. - Unha vaga de reacción. - Aínda hai varios que non se colgaron. - Todo é clasificado. - Mediocridade universal. - Como se escribirá a historia.

Louis Aragon


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega