O surrealismo. Unha achega documental

Páxina Anterior

Conclusión provisoria

Páxina Seguinte

v1xggsurrealismo010.html

CONCLUSIÓN PROVISORIA

O surrealismo, hai anos, converteuse nunha mercadoría cultural, e non só. Sabemos que o surrealismo entrou na moda, na publicidade, na linguaxe cotiá, etc. O labor do esteticismo plástico ou poético, da crítica universitaria, a explotación publicitaria, etc., conxugáronse para darlle ao surrealismo unha grande audiencia. Evidentemente, este surrealismo que serve para caracterizar un poema, unha poesía, que nada di, para definir unha "composición" pictórica (?) ou escultórica, mesmo un filme, é unha falsa caracterización do surrealismo: nada ten de ver con el, e, apurando moito as cousas, nin coas súas "técnicas". A operación reductora do surrealismo alcanzou graus -e cumios- inimaxinábeis nin por os seus máis directos inimigos. Cando ninguén sabe que dicir dalgunha cousa, o adxectivo surrealista aparece para salvar a quen está a falar ou escribir. Chega un momento en que todo é surrealista ou o surrealismo anda polo medio. É hora de tentar pór unha pouca de orde na tenda -quen teña tenda que a atenda e senón que a venda, apelemos por un momento á "sabedoría popular". A tenda da crítica contemporánea, universitaria ou non, converteuse nun "baratillo" onde as mercadorías entran pola porta falsa e se vende como produtos artesanais ersatzs fabricados en serie e sen nome de marca. Quizais, con todo algunha culpa teña o surrealismo en todo isto. A primeira, a máis grave, sería que se é vítima desta redución é debido a que tentaba facerse coñecer como método accesíbel a todos -o método, continúa a ser accesíbel. Método inmemorial, mais método que levaría a unha nova coherencia e que declaraba de emprego universal.
A demostración do surrealismo como método -tanto universal como accesíbel a todos- pasaba pola exposición das probas, eses signos dunha actividade que apelaba a extender por invención multiplicada, e que, finalmente, foron o motivo dun malentendido probabelmente inevitábel nunha civilización en que o home é xulgado polas obras que se poden imitar. É o que se podía, e aínda se pode imitar do surrealismo é o exterior, a fachada, certos xestos, algunhas frases, parte dunha técnica, a súa linguaxe, cando a linguaxe surrealista non ten nada a ver coa linguaxe do seu medio ambiente. A linguaxe surrealista é a linguaxe dun grupo disidente. Disidente porque o surrealismo quere dar toda á forza a linguaxe, é dicir, a súa función propia. A linguaxe pública -contra a que se insurxe a función da linguaxe, surrealista ou non- coincide, desde sempre, coas estruturas de poder. O surrealismo, ao facer unha labor de zapa -como a vella touperia- das estruturas de poder (porque o surrealismo non é só produto da crise contemporánea que empezou en 1917 e continúa, senón que tamén é a súa consciencia crítica, é o instrumento que posúe o pensamento para constatar a crise, as súas formas, as súas consecuencias, senón tamén para edificar día a día a solución provisoria);

                                                                 AS MÁQUINAS LINGÜÍSTICAS

É urxente se interrogar sobre o que conserva valideza e realidade nos pretendidos "progresos do pensamento crítico" surxidos a partir de 1945, en nomes dos cais é de bo ton concluír no fracaso do surrealismo e na súa refutación global.
Pódese lembrar, quizais, que, desde 1947, en ¿Que é a literatura?, Sartre xa atacara agriamente o surrealismo e a André Breton que consideraba "superados" polo existencialismo. Lembrarase tamén que un dos primeiros en reaccionar contra esta diatriba de abondo sumaria foi Georges Bataille, polo de mais aprezado por Sartre cun mesmo desdén, o que lle valeu a ferinte resposta de Heidegger, para quen o único filósofo orixinal en Francia resultaba ser xustamente Bataille. Como se sabe, despois da súa morte, este último foi anexionado, como Antonin Artaud, polos denigradores actuais do surrealismo, que en compensación abateron a J.-P. Sartre, reducido á súa vez á condición de fósil.
Todo isto sería máis ben grotesco, cun aroma de eterno retorno, se a revolución de palacio da que a revista
Tel Quel foi o máis febril fermento, non rematase instaurando a ditadura arrogante dos profesores, contra a que o surrealismo sempre se rebelara, e é xustamente aí onde lles apreta o zapato.
Perdémonos, recoñecémolo, no dédalo das desavenencias, dos flechazos de Jarnac, das inventivas, das insinuacións biliosas, dos reviramentos políticos ou doutra natureza que, ao cabo dos anos fixeron estoupar
Tel Quel, até o punto que xa non se sabe moi ben o que é este grupo, cuxa composición é continuamente modificada, preconiza ou condena. As expulsións, tan frecuentemente reprochadas a Breton, xamais tiveran ese carácter furibundo e maniático, e era posíbel comprender as motivacións, en tanto que Tel Quel parece debatirse sen esperanza nas súas contradicións internas e, a simple vista, reducirse ás dimensións dun pequen corrillo provinciano.
Mais o noso propósito aquí é, sobre todo, distinguir entre os adeptos e a ideas que
Tel Quel, na súa cualidade de termómetro temporario e bastante servil da moda e da actualidade de certas cousas do espírito local, levou alternativamente até as nubes e escarneceu, aqueles ou aquelas que gozan aínda de benevolencia e cuxo aporte pode ser sempre considerado decisivo.
O achado básico de todos estes señores foi a lingüística, arredor da cal construíron os seus diversos sitemas cunha petulancia de inventores, aínda que se limitaban a derrubar as portas abertas desde comezos de século por Saussure, Benedetto Croce, Sapir e Bloomfield, Roman Jakobson e Troubetzkoi, polos círculos de Moscova e despois de Praga. O carácter serodio desta lingüística Parisina é tan patente como o foi tamén o defunto existencialismo de Sartre, derivado dos traballos anteriores de Husserl e Heidegger.
Claude Lévi-Strauss, o prócer do que se chamou "estruturalismo", do que tivo a revelación cara a 1942 en Nova Iork e fixo figura de innovador en París en 1949, cando aplicou os descobrementos fonolóxicos de Jakobson e Troubetzkoi á súa teoría en
As estruturas elementais do parentesco e cando publicou en 1959 a súa Antropoloxía estrutural. Esta brillante indución, que desencadeou o a maré "estruturalista" e que conduciu o seu autor até a Academia Francesa, ¿valeulle sempre a adhesión sen resevas dos seus pares Roland Barthes, Jacques Lacan, Louis Althusser, Michel Foucault, e dos acólitos pasados ou presentes de Tel Quel como Philippe Sollers, J. Derrida, J. P. Faye e a Srta. Kristeva?
Non se pode responder a esta cuestión sen versar na casuística que con arte sérvense uns e outros, aínda que parece ser que a eleción de Lévi-Strauss para a Academia espallou certo frío por eses medios onde sempre reina unha bela facundia revolucionaira e onde é mellor visto facer carreira baixo man que arrancarse publicamente a careta do non conformismo. O novo académico pregoa un pouco demasiado, sen dúbida, a inxenua satisfación do intelectual enriquecido e rexenerado, feliz de portar o bicornio e a espada* dos cagatintas asegurados, dos prebendados e dos cortesanos.
O seu discurso de recepción é, neste sentido, revelador polas hipérboles de gratidude con que cobre os que consentiron admitilo, pola louvanza ditirámbica do seu antecesor Montherlant e pola súa xustíficación sociolóxica da institución, mesmo da Academia. É raro que un recipendiario chegado do extremo oposto teña que tranquilizar tan vivamente os seus novos colegas acerca dos seus bos sentimentos, mais a resposta do seu "padriño" Roger Caillois acabou por mergullar esta cerimonia nun clima de enmenda honorábel.
Ambos, en épocas diferentes, filrtrearan un pouco co surrealismo e fixéranlle o reproche da súa falta de "obxectividade científica"**, podíase esperar que, cando menos, se lles escapase un sorriso cómplice polo feito de se encontraren en semellante compaña. Mais, pola contra, produciuse un desbordamento de vellas acritudes, como entre antigos presidiarios abruptamente enfrontados baixo disfarces mundanos. Os estupefactos inmortais asistiron a un verdadeiro axuste de contas. Roger Caillois atacando a quen tiña por misión recibir, encarnizándose en destrozar os seus traballos tan encomiados, rexeitándolles, mesmo, esa "obxectividade científica" da que o surrealismo parecíalle aos dous desprovista.
Non se está moi afeito baixo a cúpula*** a puñaladas tan virulentas e amorteceuse moito xa que o auditorio, cuxa competencia na materia se limitaba á afectada prosa de
Tristes trópicos, non comprendia nada do debate e interesábase pouco. ¿Foi, pois, en van que troara Roger Caillois non suscitando máis que os bocexos do público ou unha lixeira palideza e o semblante afectado da súa vítima? ¿Ou trataríase, máis ben, dunha crítica en toda regra que sobexaba o resentimento persoal, dirixida deliberadamente contra teorías xa arruinadas, á súa vez "superadas" e afogadas polo feito mesmo da oficialización do seu autor no pantano das ideas confortábeis? Noutros termos, desde a súa entronización na Academia, ¿os descobrimentos de Claude Lévi-Strauss perderían o seu valor de choque e el propio trocaríase no que Paul Nizan denominaba un "can gardián"?
Por outra parte, ¿non será conceder demasiada importancia ao caso individual (polo demais, clásico) dun sabio reputado que se rebaixa accedendo ás honras? Mais non é tanto Claude Lévi-Straus o que nos importa (salvo que padecesemos por el desta mortificación) como o verdadeiro valor da súa antropoloxía estrutural, da que se nos afirma desde hai vinte anos que o conmocionou todo. Corresponde aos especialistas determinalo e non temos a pretensión de selo, mais o ben fundado dunha doutrina pode tamén avaliarse a partir dos seus resultados
visíbeis, cando, como esta, penetrou na ideoloxía da época.
Mais se non nos aparvamos soamente co espectcáculo puro da
perfomance intelectual, que é importante pero non moito, dicía Duchamp, que o desempeño normal dun bo xogador de xadrez, resulta claro que a famosa brecha estruturalista praticada no inconsciente das linguas, logo no inconsciente dos lazos de parentesco, non foi levada alén do rexistro de novas constantes, leis ou subxeccións supostamente "universais", ás que o comportamento humano estaría ineluctábelmente submetido. Cando nos felicitamos por comprender que as regras do parentesco garanten a circulación das mulleres, como as regras económicas aseguran o intercambio de bens e as regras ligüísticas a comunicación de palabras, cando se reúnen todas estas leis nun sistema xeneralizado cuxas "combinacións" son limitadas en número como as das fechaduras dunha caixa forte, ¿non se estará acomodando ás ordes disciplinarias con que o bo siso nos cantarolea desde o fondo das idades? Fermoso asunto, despois de tantos cómputos, enumeracións e cálculos, que querería nos persuadir un pouco máis da fatalidade do determinismo social, senón divino, pero máis estraño aínda é o xúbilo que os estruturalistas manifestan ao nos transmitir as súas decisivas conclusións. ¿De quen son auxiliares e intérpretes: da verdade da ciencia ou do poder?
Baixo esta luz, o aliñamento político de Claude Lévi-Strauss e a súa eleción trunfal á Academia explícanse mellor, así como as reticencias cada vez menos respectuosas que opoñen ás súas teorías os partidarios dunha lingüística, dunha socioloxía, dunha semántica, dunha semiótica ou dunha antropoloxía máis moderadamente afirmativas. Efectivamente, comézase a dubidar, aquí e acolá, en América e en Europa, que os mecanismos subxacentes da linguaxe poidan ser tan netamente reveladores noutras esferas do pensamento e das condutas humanas. Certos esquemas non hai moito declarados irrecusábeis, xa foron rebaixados ao estado máis modesto de hipóteses. A imaxinación, durante moito tempo sobrecollida pola seguridade dos perspicaces no tema, desperta e se subleva. Jacques Lacan, a personaxe máis indócil e sardónica do estruturalismo, afastouse con estrépito, propagando providencialmente para o noso alivio esas fontes de "pracer", que son o saber e mais a escrita.
Os doutrinarios da linguaxe, desde entón, non son os únicos en seren inesgotábeis e capaces de deleitárense con ar entendido cos "praceres" ou a "polifonía" do "Texto". Considerada insignificante polos surrealistas, subordinada por Sartrre aos fins da propaganda, a literatura obtivo finalmente a súa completa rehabilitación e o verbo, liberado da súa caída, espállase voluptuosamente en logorrea. É suficiente, para que todo se lle perdoe, con "falar da linguaxe", é dicir, daquilo do que non fala.
Compracencia que os surrealistas non preveran, recoñezámolo. Non obstante, se se fai referencia en
Os Pasos Perdidos (1924) ao artigo titulado "As palabras sen enrugas" e que remata con "As palabras fan o amor", alusión directa aos xogos de palabras de Marcel Duchamp, dedúcese que Breton ventaba todos os problemas vindeiros (e aínda mal definidos) da linguaxe, comprendidas as súas implicancias eróticas, mais tiña "demasiado norte" como para chegar a considerar o acto de escribir como unha experiencia dramática ante todo e, polo tanto, dolorosa. A súa equivocación foi continuar a ver na escrita menos unha causa de pracer que un medio de revolta.
Este intermedio traxicómico do "pracer" dos escritores, que noutrora era sobre todo cuestión das súas "rampas", acha o seu lugar privilexiado nos recentes números de
Tel Quel, onde Philippe Sollers, derradeiro autor "furioso" da súa xeración de burócratas****, mais infatigábel protagonista da "extensión ao pracer", desprega un envexante fervor no seu esmagante papel de home orquestra, obrigado polas defeccións sucesivas dos seus colaboradores a redactar a súa revista e asumir as prerrogativas "da vangarda" case el só, co complemento casual de dous ou tres satélites e algunhas palabras paternais de Roland Barthes.
Confundindo a Althusser, Derrida e J.P. Faye nunha excomunión maior, os dous primeiros por delito de submisión á institución universitaria e ao partido comunista, o terceiro polo delito de "Cambio"***** e de desviación "chomskiana", Sollers ocupa finalmente unha posición comparábel á dos surrealistas en 1935, de quen parodia, a coarenta anos de distancia, o seu desgarramento entre psicanálise e marxismo, entre a linguaxe e o corpo, entre a revolución e a exasperación, entre a Historia e as prohibicións, entre a "poeticidade" discontinua-continua (acelerada, debe dicirse, polos roturadores americanos) e a prosa elaborada dos textos polémicos)
Mesmo podería pasar como un discípulo bastante ortodoxo dos surrealistas que fixera profesión de perdoavidas se, obrigado, el tamén, a invocar un intercesor non tivese escollido o "Presidente Mao", amo dun formidábel imperio, para reemprazar a Trostki, o réprobo, nesa afastada función. O uso dos caracteres chineses aos que se submete, aproximativo aínda que asiduo, ¿valeralle ser mellor tratado polos activistas de Pekín do que o foi Breton pola célula do Gas?

Robert Lebel


*Elementos distintivos dos académicos franceses.
**A Roger Caillois encántalle repetir que perdeu a fe o 26 de decembro de 1934, a propósito dunha sombría historia da "xudía saltarina". A súa desconfianza cara ao maravilloso é, pois, anterior á de Claude Lévi-Strauss. A Academia debeu tomar nota (N. do A.).
***No orixinal, "coupule", nome familiar da Academia Francesa, La Coupule.
****No orixinal, "assis", referencia ao poema homónimo de Rimbaud
*****No orixinal, "Change", nome da revista que pasou a dirixir Jean Pierre Faye


diciamos, que ao facer unha labor de zapa das estruturas do poder, o surrealismo fai unha labor de zapa, de destrución, da linguaxe pública. Esta labor de zapa non é cega como a da toupeira, mais si é verdade que hoxe, e desde hai anos, se fai ocultamente. Non pode ser doutra maneira. Os mercaderes culturais e políticos, os mercaderes civilizacionais, usan o surrealismo, un surrealismo reducido e falaz, para vender e facer máis agradábeis, mais modernas, as súas mercadorías -e non só culturais- (lémbrese que o mesmo pasou co marxismo); usan, en fin, un surrealismo que se podía chamar surrealismo xeneralizado, polo que a consigna bretoniana do Segundo manifesto -"demando a ocultación do surrealismo"- continua a ser válida e está á orde do día. O surrealismo, como a vella toupeira, continúa aí, unicamente "audível nos intervalos do terror" (81), que escribiu o poeta surrealista portugués António José Forte.
     O surrealismo, como se recordou ao inicio, naceu ao día seguinte da Primeira Guerra Mundial como unha reacción da consciencia, logo dunha crise que sen precedente dos valores. Unha reacción da consciencia á que o surrealismo lle deu unha forza excepcional. André Breton soubo, con xenio, catalizar esa forza, esas forzas, e con elas destruír os calores caducados. Á vez que foi o promotor dos novos valores, quizais o último. Os seus xuízos, e os dos outros surrealistas, foron implacábeis e imprecatorios, impiedosos (os surrealistas eran Xuíces en toda a extensión do termo, imbuídos do carácter sagrado da súa misión), guindaron definitivamente ás sombras as glorias consagradas, facendo saír do esquezo glorias novas, ao mesmo tempo que a súa influencia prestixiosa imantaba todo o movemento literario da época, do século XX. Despois de Breton, despois do surrealismo, como escribiu Jean Piel (82), foi necesario refacer o Larousse. Hoxe, nun momento en que os valores están en crise total, máis grave e dura que a de 1919, é necesario "algo", non sei que, que aúne reaccións e consciencias. Quizais ese algo volte ser o surrealismo. Si, o surrealismo:


                    canto da vella toupeira
                    ondulante entre o diálogo dos mortos
                    na cinza das pátrias destruídas
                    en troca de uma estrela e outra estrela
                    até á constelaçao chamada sempre idade de ouro
                    e ilha de reuniao de todos os desejos
                    e do amor único e louco
                    até a grande maravilha do princípio
                    das mil e uma noites sem fim
                    numa nuvem de sangue muito doce
                    erguida á altura da paixao dos olhos
                    perdidos no infinito* (83)





Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega