O surrealismo. Unha achega documental

Páxina Anterior

Apéndices A: Fragmentos do pensamento político de Benjamín Péret

Páxina Seguinte

v1xggsurrealismo011.html

APÉNDICES

A. Fragmentos do pensamento político de Benjamín Péret.

Carta aberta ao Partido Comunista Internacional. Sección francesa da IV Internacional
"A crise da humanidade -repitámolo con Leon Trotski- é unha crise de dirección revolucionaria". Todas as explicacións que intentan rexeitar a responsabilidade do fracaso da revolución nas condicións obxectivas, o atraso ideolóxico ou as ilusións das masas, no poder do estalinismo ou na atracción ilusoria do "Estado obreiro dexenerado" son falsas e boas unicamente para excusar os responsábeis, para virar a atención do verdadeiro problema e impedir a súa solución.
[...]
Ningún subterfuxio. O punto feble radica na dirección política. Lembremos a Revolución francesa... fusilaba os xenerais culpábeis de derrotas. Hoxe debemos condenar sen dilacións a política -os defensores da política- que nos conduciu á derrota, ou cando menos impidiu un trunfo. Razóns moito máis serias que as que tiña a revolución francesa para fusilar os seus xenerais incapaces esíxeno.
[...]
o primeiro punto a comprender na situación mundial, se non se comprende toda acción é estéril, é que o estado e o goberno ruso actuais, lonxe de ter como base algúns restos da revolución de 1917, representan fronte a ela a contrarrevolución máis feroz e completa.
[...]
sen Moscova e o estalinismo mundial ou ben a guerra imperialista tería sido evitada grazas á revolución europea, ou sería transformada rápida e vitoriosamente en guerra civil.
[...]
na súa cualidade de grupo rexenerador, a IV Internacional debeu desenvolverse como partido mundial, loitando pola transformación da guerra imperialista en guerra civil.
[...]
as tendencias oportunistas viron nos movementos de resistencia un elemento positivo na loita contra o fascismo e as tendencias internacionalistas un retorno á guerra imperialista [...] uns sostiveron as guerrilas e a sabotaxe, os outros combatírnolas como método nacionalista, incompatíbel co obxectivo supremo de transformación da guerra imperialista en guerra civil internacional.
O problema só ten un valor retrospectivo. A actitude que se ten hoxe cara a Rusia e o estalinismo mundial proveñen de que nos movementos nacionais, nos que o estalinismo estaba en todas partes, de Polonia a Iugoeslavia pasando por Francia, e era o principal animador.
[...]
A idea de defensa da URSS non é como pensan, infelizmente, algunhas tendencias absolutamente "consubstancial" do noso movemento. O criterio que sempre presidiu a nosa actitude perante este problema é o seguinte: ¿a defensa da URSS, nunha guerra contra inimigos exteriores, axuda ou porta perxuízo á revolución mundial? A resposta dependía naturalmente da estimación que se tiña sobre a natureza social da URRS e desta pregunta: ¿queda algo da revolución de Outubro que pague a pena ser defendido?
[...]
Sen facer outra cousa aquí que afirmar, vos declaramos, camaradas do Partido francés e da Internacional, que "a defensa incondicional" da URSS se revela incompatíbel coa defensa da revolución mundial. A defensa da URSS debe ser abandonada e moi rapidamente, pois entorpece todos os nosos movementos, embota a nosa progresión teórica e dános aos ollos das masas unha fisionomía estalinista.
[...]
A consigna de goberno PS-PC-CGT tal como foi empregada en Francia ou de goberno estaliniano-reformista en xeral é hoxe completamente errónea e serve unicamente para manter as masas alá onde están e tamén -é penoso mais necesario dicilo- para desenvolver as novas tendencias reformistas que existen en potencia no seo da IV Internacional.
[...]
Continuando co que escribiamos máis acima, nosa oposición á consigna das nacionalizacións é lóxica [...] En momentos revolucionarios, as nacionalizacións serviron tanto á contarrevolución rusa como á contrarrevolución de máis pura cepa burguesa para expropiar ao proletariado que entraba en posesión dos medios de producción [...] Fronte a esta consigna caduca, nós debemos lanzar a de expropiación do capitalismo e destrucción do seu Estado por comités obreiros democráticamente elixidos
[...]
Unha vez máis a fidelidade ao trosquismo non implica a repetición literal do que o trosquismo afirmou onte supondo mesmo que as súas afirmacións non sexan deformadas dunha maneira dereitista. A fidelidade ao trosquismo é a rectificación sincera, decidida, dalgunhas afirmacións que fixo onte. A revolución tamén é revolucionaria, ten necesidade de se modificar e de negar radicalmente as súas propias afirmacións anteriores. Si, a revolución é revolucionaria.
Abaixo o conservadurismo "trosquista".
Abaixo o fetichismo "trosquista".
Acabemos coa "defensa incondicional" da URSS.
¡Por unha internacional ideoloxicamente firme e renovada!
Viva a revolución proletaria francesa.
Viva a revolución mundial.
Viva a IV Internacional
México, xuño 1947

Natalia Sedova-Trostki, Benjamín Péret, G. Munis.


IV. CRITICA DO SINDICATO
Viuse que o sindicato nunca se propuxo un fin revolucionario, en primeiro lugar porque non se podía propolo na época da súa creación. Concibido con vistas a unha acción reformista da clase obreira na sociedade capitalista, non podía facer máis nada do que fixo. A súa acción foi, porén, de primeira orde, xa que se lle debe unha mellora considerábel da sorte da clase obreira e a consciencia de clase que, valla o que valer, anima hoxe ao proletariado. A dicir verdade, esta consciencia de clase é máis ben obra da acción realizada pola minoría sindicalista revolucionaria que da prática sindical en xeral. Era, por outra parte, todo canto o sindicalismo revolucionario podía esperar obter e obtivo. Non podía encarar realmente o derrocamento da sociedade capitalista doutra maneira que a partir do erro que constitúe o sindicato, pois este, revolucionario ou reformista, é impropio para tal cometido. Non é un simple acidente que a guerra de 1914, esclarecendo a natureza reaccionaria dos dirixentes sindicais, levase ao mesmo tempo á rápida desaparición do sindicalismo revolucionario, cando a traizón reformista debería, no momento da crise, producir un afortalamento do sindicalismo revolucionario en detrimento do sindicalismo reformista. Instintivamente, a clase obreira sentiu que o sindicato, mesmo revolucionario, non era o instrumento que necesitaba para a transformación da soiciedade. En fin, a resurrección do sindicalismo revolucionario despois da guerra de 1914 resulta dunha simple rutina que os revolucionarios, pouco numerosos, non souberon quebrar, mais xa soara a hora de acabar con eles.
O sindicato resulta, con efecto, dun erro inicial, quizais inevitábel na época. É o mellor medio para manter a cohesión necesaria entre traballadores do mesmo oficio ciscados en numerosos talleres; mais a industria, ao concentrarse, rexeitaba a un último plano eses talleres anacrónicos e congregaba nunha mesma fábrica masas de traballadores de profesións ás veces moi diferentes. Era necesario, por tanto, partir deste feito real que indicaba o sentido da evolución do capitalismo, da concentración nun mesmo punto dun grande número de obreiros, da célula social que constitúe a fábrica, no mundo actual tanto como na sociedade futura. Ora, o sindicato saca os obreiros da fábrica onde están os seus intereses vitais para crearlles outros superficiais, dispersándoos en tantos sindicatos como oficios hai. Destrúe a cohesión natural disposta a constituirse por si soa na propia fábrica -e que se trataba de afortalar- en proveito dunha organización xa caduca no seu nacemento, xa que reflicte os intereses das tendencias ideolóxicas de capas obreiras que representan a supervivencia dun estado superado pola producción.
Hai, na acción obreira, unha progresión constante. As organizacións de confraternidade (
compagonnage) agrupan primeiro os obreiros cualificados, os sindicatos agrupan os obreiros máis conscientes. Chegou o momento de que os comités de fábrica representen a totalidade da clase obreira para a realización da súa tarefa histórica: a revolución social.
Ademais, o sindicato, en canto adquire algunha importancia retira os seus dirixentes da fábrica, substraíndoos así ao control necesario dos traballadores. E, en xeral, unha vez fóra da fábrica, o dirixente sindical non volta nunca máis. Os innumerábeis dirixentes sindicais que abandonaron a fábrica creanse pouco a pouco intereses, en principio estraños, despois opostos aos dos traballadores que os elixiron. Aspiran antes de nada á estabilidade da súa nova situación que calquer acción dos traballadores corre o risco de pór en perigo. Vémolos, pois, interviren cerca dos patróns cando ameaza estalar unha folga. Primeiro porque esta folga fai surxir unha nova autoridade obreira, cuxa existencia é moi elocuente verbo das relacións reais entre sindicatos e dirixentes: o comité de folga elixido pola asemblea de traballadores de fábrica, sindicados ou non, que se interpón entre o despacho sindical e o patronato, como se quixese dicir a este último: "Acabou o papel do sindicato, comeza o meu".
É necesario subliñar que o nacemento do comité de folga demostra por si só a incapacidade do sindicato para dirixir mesmo unha folga, pois toda folga é unha acción revolucionaria, cando menos en potencia. [...] Se é necesario, para unha acción revolucionaria, que os dirixentes da mesma estexan baixo o control directo e constante dos seus mandatos, dedúcese que os dirixentes sindicais son inaptos para calquer acción revolucionaria, xa que escapan totalmente a este control. Si, mostrárono reiteradamente e principalmente en todas as crises revolucionarias ocorridas durante o século XX.
[...]
Se a emancipación dos traballadores debe ser obra dos traballadores mesmos, o que constitúe o postulado de toda acción revolucionaria auténtica, dedúcese que o sindicato, esganando o poder creador da clase obreira, oponse a esta emancipación que se convertiría, con el, en obra dos dirixentes, se estes foses capaces de acometela ou quixesen sequera consagrarse a ela. Pola contra, pódese constatar hoxe que un Jouhaux ou un Frachon non teñen máis intereses comúns cun albanel que o presidente da república (antimilitarista e "internacionalista" en 1907) ou co director do banco de Francia, mentres que os intereses de Jouhaux e Franchon, do presidente da república, do director do banco de Francia e outras notabilidades capitalistas están estreitamente ligados contra os traballadores.

Benjamín Péret

Le libertaire, xullo-setembro 1952


CONMEMORACIÓN DO COARENTA ANIVERSARIO DA REVOLUCIÓN DE OUTUBRO
Ao risco de parecer enunciar un un lugar común, non é indiferente repetir aquí que nunca ninguna revolución aportou a toda a humanidade tanta esperanza como a revolución de outubro, da que agora celebramos o coarenta aniversario. Mais, ¡ai! ¿que queda dela? Ao meu parecer, só un exemplo, xa que nunca tanta esperanza foi tan cruelmente decepcionada, non polos seus promotores, senón polos que usurparon a herencia. Aínda onte lía con indignación que a voz de Lenin resoaba na Praza vermella. É un pouco como se Hitler encomendara a Liebknecht e Rosa Luxemburg, mais, á súa maneira, era aínda máis honesto que Stalin e os seus sucesores. Non obstante, que precaucións non tomara o propio Lenin afirmando que o ensino dos revolucionarios era, despois da súa morte, utilizado polos traidores para consolar os oprimidos que quixeran liberar e para disimular os novos ferros que os agrilloan. A voz de Lenin, camaradas, non temos necesidade de escoitar o seu timbre, nos sabémolo, estouparía de cólera sabendo o uso que Stalin e outros Kruchevs continúan a facer do seu nome. Os que levaron a cabo a revolución de outubro están todos mortos, asasinados por Stalin. Novas xeracións de traballadores aparecen en Rusia que só coñecen da revolución a caricatura oficial; mais enfróntase con problemas que os seus maiores resolveran un tempo, e nin un nin mil sputniks lles impediran descobrir un día quizais próximo que os seus peores inimigos se sentan no Kremlin e nas súas sucursais. Entón, ¡fóra con eles!
[...] Pasaron coarenta anos desde ese día e se os problemas a resolveren continúan a ser os mesmos, os medios, as condicións concretas da acción dos revolucionarios e mesmo as solucións a aportaren a estes problemas non son idénticas as que eran entón. Quérase ou non, outubro de 1917 penetrou até o inconsciente das masas e quizais mesmo creou nelas especies de "reflexos condicionados" que as empurran automáticamente cara a medidas socialistas ás que os partidos chamados por antifrase socialistas e comunistas só poden oporse, un en nome de Washington, o outro pola imposición de Moscova. Se no noso país o inimigo principal é o noso propio capitalismo, recibe o seu apoio máis eficaz destes partidos, un emanación do capitalismo tradicional, o outro axente do capitalismo de estado ruso. Por outra parte, este automatismo é un feito novo descuberto pola revolución de outubro, xuño 1936, a revolución española e a crise revolucionaria de 1943-1947, é imposíbel non o ter en conta. Este feito, por si só, invalida unha boa parte do Programa de transición elaborado por Trotski en 1938. Este simple exemplo mostra que a necesidade dun rearmamento ideolóxico se fai notar cruelmente É, ao meu parecer, a mellor maneira de permanecier fiel nos actos ao ensino dos revolucionarios de outubro. Esta debe ser a nosa primeira tarefa se queremos que a vangarda do proletariado estexa en condicións de xogar o seu papel na revolución que se anuncia.
Para terminar, quixese aínda lembrar a esta asemblea que, nunha casa de Coyoacan, vive unha vella muller, que debe cada día, para atravesar o seu xardín, pasar perto da tumba do seu marido asasinado por Stalin, a camarada Natalia Sedova. Acho que o mellor consolo que podemos aportarlle hoxe é asociala á nosa reunión e, con este fin, eu propoño lle sexa enviado un telegrama.

La verité, 14 de novembro de 1957





Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega