O surrealismo. Unha achega documental

Páxina Anterior

Antoloxía de surrealistas mulleres (parte 2ª)

Páxina Seguinte

v1xggsurrealismo012b.html

LISA DEHARME (1898-1980)

                                                                                A RAPACIÑA DA
                                                                                FLORESTA NEGRA

                                                                      Había unha rapaciña
                                                                      en farrapos
                                                                      que só tiña unha idea
                                                                      no fondo do seu desespero
                                                                      unha idea de morrer
                                                                      na floresta Negra

                                                                      Acabouse por hoxe


                                                                                PRINCESA RATIÑA

Era unha gata branca como unha flor de nenúfar, con grandes ollos de auga doce, ollos de estanque, un nariz pálido como un ramallo de salgueiro e un fronte franzido sobre soños que retiña con todas as súas forzas para non mostralos.
Viña de non se sabe onde, pois os gatos non teñen familia. Proveñen deses deuses perdidos nas nubes, ou quizais son colocados polas noites, por estatuas, nos vellos parques abandonados.
Se me poidera falar, riríase dos meus ridículos tormentos, das miñas irrisorias ocupacións de todo o que o Diabo, ou Deus, me fai facer coa doce teimosía imbécil das mulleres sensíbeis. Non me insultaba -isto fatigaríaa; fixaba sobre min o brillo vexetal da súa ollada que dicía: "¿Para que?". O sol e mais a luz aloumiñaban as súas orellas, semellantes a dous pétalos de rosas, semellantes tamén á pel dun porco moi novo. O seu pelo era como a flor penuxenta do edelweis cando menos do que chamamos a flor no edelweis. Non ronronaba, pois nunca estaba absolutamente satisfeita. A súa serenidade aliábase sen contrastes á súa descontenta indiferenza.
É máis bela ca min, mais honesta ca min, máis misteriosa, máis louca e máis sabia ca min, a súa ximnástica delirante é como unha danza sagrada nunha música que só ela entende. Non ten necesidade de nada nin de ninguén, pasea en soño todo o día por rexións prohibidas aos nosos soños.
¿É cruel? Mais se persegue os paxaros é para comelos. E acho que é unha grande sorte que, despois de mirala, os homes pensen aínda en amar a algunha da miña raza.


NICOLE ESPAGNOL

                                                                                O VENTO VIRA

                                                                  A corda está trenzada coas cores do amor
                                                                  O chaveiro perdeu a súa estrela
                                                                  E o momento que ela escolle
                                                                  Felicie!
                                                                  As súas trenzas dirixidas ás abóbadas
                                                                  A man na pátera
                                                                  E voga a galera!
                                                                  Latitude ignorada
                                                                  Mais o arbitrario é denunciado
                                                                  Trunfo indiscutíbel da arpía
                                                                  O falcón domesticado escolle dólares
                                                                  A porta entrega
                                                                  E aquel que non se esperou
                                                                  Atravesa o baile enmascarado



MIRABELLE DORS

O Capitalismo e o Mundo Burgués desenvolven unha negatividade esencial que, maculando os sentidos e trastornando o Espírito, incitan ao rexeitamento dun estado socio-económico que disemina e produce o non-Amor. Neste sistema, en que toda liberdade é recusada e afastada, as relacións sociais auténticas son reprimidas para daren lugar ás relacións de produción, de distribución e de consumo que se institúen seguindo o procedemento do Capitalismo Monopolista de Estado. De feito, acharemos a nivel do cidadán e da cidadá a existencia dunha prostitución fundamental (véndense entre eles), mais aínda unha prostitución máis xeral que consiste en tributos financeiros benévolos concedidos aos poderes alienantes e corruptores do diñeiro. Así, son os cidadáns e as cidadás quen subvencionan os estereotipos monstruosos aos que están submetidos e esmagados definitivamente baixo o impulso dos mass-media. En réxime capitalista, o consumo é radicalmente contaminado polos modelos que son impostos aos consumidores consentidores, que desenvolven ao mesmo tempo do consumo a consciencia dunha privación intensa e dunha carencia desproporcionada. Canto as prestacións sexuais, xa non poden chegar ao Espírito baixo aspectos autentificados e puros (tenrura, afecto, don do sexo e do corpo), xa que "instruccións de uso" son apreixadas polo comercio e se acrecentan ás situacións persoalmente vividas que, desequilibradas, conducen ao desespero e á solidade. Mais este desespero e esta solidade son extraídas polo Capitalismo do seu fundamento ontolóxico verdadeiro e caracterizadas en actitudes falsificadas submetidas a novos modelos propostos polos mass-media e impostos pola ideoloxía burguesa dominante, segundo a cal todo é vacío, absurdo privado de sentido, informe, censurado, non figurativo, cruel, mórbido, estúpido, incomunicábel. Colocados estes esterotipos do desespero e a solidade no lugar axeitado, os cidadáns e as cidadás se prostitúen uns a outros, mais seguindo a forma: desespero contra desespero, solidade contra solidade. Engano que afortala, mais en segundo grau, a coerción adxacente e un neo-consumo que só vehicula Infelicidade, vendido el mesmo -ao prezo máis caro- segundo os máis seguros métodos de merchandising. Psicanalistas, abortistas, médicos-clandestinos, avogados, auxiliares de xustiza, traficantes de droga e innumerábeis oficinas capitalistas viven regaladamente neste inferno que se desenvolve a plena luz. Nós, surrealistas, non aceptamos esta connivencia coa imundicie, nós loitamos no pasado, loitamos agora e loitaremos con todas as nosas forzas contra o Capitalismo espoliador, contra o seu Amor-modelo, os seus gadgets envilecedores e criminais. Mais neste combate, desde maio do 68, non estamos xa sós, porque sectores enteiros da poboación francesa se revoltan contra a vergoña do Amor-á-Burguesa, que degrada á muller até lle retirar a esperanza de acceder un día a un estatus xurídico aceptábel. Pois é mediante a promulgación de leis sociais novas e ben pensadas, pola posta ao día dun comportamento amoroso correctamente situado na igualdade absoluta da parella, que será feito un esforzo para a reivención do Amor.


JACQUELINE (DUPREY ) SÉNARD

                                                                                GATO=TREBOL

Se algún tirano non podendo conciliar o soño, unha noite de marzo, polo miañamento dos gatos, decretara a súa morte, diso deitaría unha colleita de trebos menos abundante; é improbábel que se achase entón algún Darwim para explicar ao tirano mediante que subtil cadea o efecto, neste caso, estaba vinculado á causa.
Darwim, con efecto, decatouse que a presenza dos gatos condicionaba a abundacia do trebol, e eis como: en ausencia dos gatos, os musgaños proliferan: ora, os musgaños gostan moito dos abellóns; mais os abellóns fecundan os pistilos transportando o polen de flor en flor; xa que logo, máis gatos = máis abellóns = máis trebol.
A utilización de vacinas, as medidas profilácticas e o uso de medicacións de choque reduciron considerabelmente a mortalidade e eis que se percibe que a extensión da polimelite é probabelmente debida ao feito que, liberado de numerosas doenzas relativamente benignas, o organismo, desacostumado á loita e despoxado de certos microbios, non sabe resistirse a esta, de quen leva o xerme en estado latente.
E así que, se se consideran as construcións que balizan o camiño do coñecemento e que, falsamente, parecen engrandecerse achegándose a nós, pódese preguntar o que elas aportaron en definitiva ao home e non é de temer que un impulso, de orixe descoñecida, veña botar abaixo os seus edificios a penas acabados. O mesmo acontece con certas clases de velenos que, proliferando esaxeradamente, foron eliminadas completamente, como por un decreto de potencias ocultas.
O mesmo acontece para coa especie humana, á que as fames e epidemias tenden, en certas rexións, a restabelecer o equiibrio biolóxico ameazado.
Noutro terreno, pódese constatar que os descendentes dos revolucionarios restabeleceron en proveito propio os títulos abolidos polos seus pais, e que non é de director, de xefes de departamento que, á maneira do "Meu Señor" de antes, só exise que se trate de "Señor director". As castes tenden sen cesar a se reformaren e, para sobresaír sobre o resto, adoptan unha linguaxe de especialista ou iniciado. Cada póla do saber ten a súa xerga e, por amor do latín ou do grego, torna pesada unha lingua que o popular fixera nerviosa, suxestiva e viva. As grandes escolas reflicten esta tendencia adoptando entre si un barallete onde florecen as palabras do pasado e nos usos da linguaxe e até na maneira de levar o sombreiro non hai nada que non sexan elementos dunha actitude de clase.
O home é un ser que se coñece existente en tres dimensións, o universo, quizais, admite unha infinidade. En xeral, a intelixencia humana proxecta grades máis ou menos furadas, segundo os seres, sobre o criptograma que lle presenta o universo. Todo o que acontece é inintelixíbel, o que non acontece non é soamente inintelixíbel, senón que fica totalmente ignorado. E, non obstante, o que non acontece non deixa de existir, non xace e non actúa* menos até na subtancia mesma do home. De aí, un descoñecido que ningún Darwim poderá esclarecer.
Entón, podemos preguntarmos con inquietude o que nos reserva un mundo en que están estabelecidas multitude de relacións cegas. Por exemplo, entre o home e o obxecto non realmente querido, escollido, producido, interponse a máquina imposibilitando a emoción. As formas devidas anónimas son proxectadas por un xesto automático que, excluíndo toda intervención, aseptiza o medio até o vacío absoluto.
Por outra parte, contactos son suprimidos: o misterio é perseguido en cada espazo, en cada obxecto, perseguido no corazón mesmo da floresta destruída por estradas onde zomban estupidamente os maniacos do "termo medio", as florestas deforestadas para fins mesquiños, expurgadas de cervos e de lobos pola imbecilidade automática dos cazadores. Este mundo actual onde os aprendices de bruxo, finchados polos seus rudimentos de saber, editan, promulgan para o ben dun individuo-esquema e, ao faceren isto, ignoran soberbamente as consecuencias imprevisíbeis das reaccións suscitadas polos seus decretos, seguros como están, polo demais, de estar sempre en medida de voltar levar a orde a Varsovia.
O home, dise, está aínda próximo de mais á idade das cavernas para que as impulsións do ancestro non sexan molas sempre armadas; e moitos modos de actividade non son máis que un recordo, un simulacro das actividades doutra idade. A procura do proveito é a forma actual do despoxo e o apetito de poder. Os combates son imitados nos estadios e nos rings que serven de exutorios a un público fascinado.
Mais, ¿é imposíbel non sofrer esta filiación e rexeitar os límites da memoria pensando que é arbitrario deterse no tempo das cavernas mais que en non importa que outro momento do pasado ilimitado e que, en fin, o pitecantropo non é máis, quizais, que un curmán?
Sen dúbida, reconsiderando a nosa ascendencia que, cómpre non esquecelo, se identifica no infinito e, consecuentemente, abranxe todos os "posíbeis", encontra el puntos incandescentes onde xacen as agullas que é necesario voltar encontrar.

*No orixinal, "non gît e n'agit"


GIOVANNA*

É brutal como unha crítica prendida con alfinetes nun turbante que xira arredor dun eixo.
Os decenios non son sempre poéticos, de aí que se tenda a eliminar a somnolencia de cada atrocidade precipitándose na escrita como nun acampamento, arborando na súa membrana elaborada estilo pilón renacemento, o que non é severamente reprensíbel senón xustificábel. A linguaxe protexe antes de protestar e desenvolve sen vergoña a xustificación de licións particulares que estiman os criterios extintos.
"Un fillo de casa boa" acha a musa un pouco puta e fabrica anatemas circulando baixo forma de manuscritos protectores e salaces. Fillo necesario da rima e reflexibilidade da prosodia. Corta-lumes mental por excelencia.
Coloquio desesperado das cores prendidas aos colos enrolados dos desexos escurecidos.
Inconcebíbel, o realismo seduce o suceso sen facer sangrar a prosa mentres que a dozura dos baños de mar empurra os afogados a mollar o cigarriño do condenado.
Desde que o día nace cóase como un xordo no atlas reconciliándoo co advento do poema estrangulador. A actualidade máis ilexíbel que imprevisíbel enrólase exoticamente como un elemento simbólico nun leito desfeito. Estenderse sobre a glosa reduce o contacto coa rapidez típica do pulso tomado erroneamente baixo a presión do tempo. A sintaxe seméllase a esas roupas femininas tanto máis excitantes canto poden ser tamén paralizantes. O monte Irónico domina tamén o sentido plástico inerte e se permite achar na base de de todo rexeitamento unha aparencia de anatomía. A terra golpea co pé cando non é afectada polo xesto obsceno do aeroplano suscitado pola graza das cuíñas.
Obstruír a realidade cando ela se pretende en plena forma, certo serán, cando un simple perfil toma a aparencia dun longo discurso.
O escándalo foi consumado ao fin do xantar cando a chave reapareceu con porta como proba.
Consolámonos como un mármore se fende.
Canto a min, insensibelmente devalo o ioio mordiscando o meridiano.
Ao longo do garabato se prolongan as noites enérxicas.

*O presente texto é resposta á pregunta, ¿onde estamos co surrealismo?


 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega