O surrealismo. Unha achega documental

Páxina Anterior

Antoloxía de surrealistas mulleres (parte 5ª)

Páxina Seguinte

v1xggasurrealismo012e.html

NORA MITRANI (1921-1961)


DAS ESCRAVAS, DAS SUFRAXISTAS, DO LÁTIGO

"A muller é un ser humano". Lin este profundo pensamento en Royaumont, nun libro titulado Phénoménologie de la femme, de cuxo autor non sabería citar o nome, pois a miña memoria -por razóns bastante claras despois de todo- negouse a rexistrar o seu nome. Unha afirmación tan perentoria non debería provocar o sorriso en ninguén, ás mulleres menos que a outros. Despois de todo, isto merece unha reflexión e quizais desde o primeiro día da creación do mundo está por probar que a muller non é unha gacela ou unha pobre gata ou un cérebro de paxaro ou unha fermosa planta ou unha porta do inferno ou unha fada ou unha perdición. ¡Sobre todo, non tentedes probar sexa o que sexa!, berrarán talvez algunhas mulleres. ¡Non nos traizoedes así! ¿E se isto nos dispón a deixar de seren consideradas como gatas ou fadas? Noso quiñón nunca foi tan bo como cando o home, ese ser humano, nos trata de animaliños encantadores que é necesario vestir, aloumiñar e perfumar. Se sospeita que pertencemos á mesma especie que el, entón, en menos de que canta un galo, ¡hop!, eisnos cinxidas con uniformes que nos mancan os seos, eisnos calzadas con botas militares, desfilando nos mornos desertos de Israel, nos desertos de China, nos desertos da URSS, ouveantes, afeadas polo patriotimo e a inmundicie. En verdade, ¿desexariades iso? Non, mellor é non probalo.
Non pedimos máis. Soamente existe unha raza de mulleres
intelixentes que, cotidianamente, mediante teses filosóficas, por accións escandalosas, conquistas xurídicas, tentan demostraren que posúen cérebro e nervios constituídos como os dos homes. Érguense, afírmanse, fundan ligas de virtude americanas e dirixen empresas metalúrxicas*, fanse enxeñeiros, lóxicos expertos, maxistrados, electricistas, ministros e sobre todo presidentes de todo o que se pode presidir. Non necesariamente feas (pretendelo testemuña xa a misoxinia fundamental, non só do home, senón tamén das belas mulleres un pouco paralizadas, que se defenden como poden contra as que posúen outros trunfos que a beleza), ostentan non obstante certa desenvoltura respecto da beleza física. Se unha destas presidentes posúe, ademais, a arte de elixir o carmín dos labios que harmoniza coa tinta dos seus belos ollos, provocará un sentimento de estupor infinito e racharán, ameazarán os vellos prexudicios dun uso tan cómodo: a disociación nas mulleres da beleza e da autonomía espiritual, co pretexto que esta só servirá para compensar a infelicidade experimentada a causa dun rostro sen graza.
¿Cómo? ¿Permítese ademais ser fermosa? Si, vede esa boca, eses nocelos de bailarina española... a presidente, a ideólogo poden probar que son seres humanos e deste xeito contribuír a "romper a infinita servidume da muller" e facer que o sorriso comprensivo, abominábel, dos homes repare nos seus labios, mais cunha única condición: que leven a súa beleza como un desafío e un escándalo, como o cabaleiro da espada, que fascinen durante moito tempo os corazóns e os sentidos ao tempo que engaiolan o espírito.
Mais, ¡ai!, a conxunción na muller da extrema fermosura e da audacia intelectual é aínda excepcional, pois o home disimuladamente vixía por unha parte que a fermosa muller non se emancipe (que floreza como a súa escrava de luxo, a súa raíña de beleza, a súa cover-girl). E por outra que a muller emancipada non poida pretender a beleza. De aí a infelicidade, infinita, da muller, desde sempre, e hoxe máis que nunca en medida que se imaxinen, pobriñas, que a liberación está ao alcance da man, porque esta man encerra unha papeliña de voto e un talonario de cheques persoal. Non comprenderon, ou interpretaron mal, a grande esperanza de Rimbaud; el queríaas humanas mais diferentes, poetas dun modo aínda descoñecido na terra: "¿Os seus mundos de ideas diferirán dos nosos? Encontrará cousas estrañas, insondábeis...". De feito, as máis intelixentes delas non acharon nada que testemuñe a existencia de outra noite e dun planeta afastado... Limítanse a adaptaren a lóxica dos homes, as súas obras e os seus tormentos e só parecen contentas se os seus escritos fan esquecer o seu sexo. Suzanne Bachelard, a quen se lle preguntaba por que razón escollera como tema de tese un tema tan arduo (Lóxica formal e lóxica transcendental en Husserl), respondeu desta estraña maneira: "Por gosto da abstracción". Non coñezo nada máis patético que estas palabras, na medida en que podo experimentar tentacións análogas, sen poder, polo demais, ceder a elas, xa que o xenio matemático da señorita Bachelard me é completamente alleo.
Queda aínda ás mulleres unha maneira de se probaren a si mesmas que cesarán de seren escravas: é no plano do amor, o uso concreto, simbólico e literario do látigo. Simone de Beauvoir reivindica para a muller unha posición amorosa que non a humille máis, nunca máis deitada á vontade do home, senón erguida á maneira deste, dominadora. Grazas a Simone de Beauvoir, o pracer dalgunhas mulleres debeu envelenarse, mais, sen dúbida, fixo sorrir a outras.
Pois sería quizais mellor non desvelar que Madame O, a despeito do seu envelecimento, a causa del talvez sen que pareza necesario, non obstante, se aventurar tan lonxe, é unha muller feliz, satisfeita; efectúa finalmente a súa revancha, chimpa á cara dos homes
a súa escandalosa maneira de existir. A muller converteuse en obxecto, consentidor até agora, porque tal é seu pracer fustigado, mais isto representa unha maneira de agresión respecto os homes: non se recoñecen xa.
Unha derradeira cousa é conveniente: que nesta postura a muller non esquece permanecer esencialmente insubmisa. Ciosa do que aínda non lle foi dado: a liberdade de espirito
(1957)

*Eis a carreira da Sra. Foinant, presidenta da Asociación de mulleres empresarias: "Cerralleira, vice-presidente do sindicato nacional de ferratería, primeira muller elixida para a cámara de comercio de París, oficial da Lexión de honra... esta criatura eléctrica traballa dazaoito horas ao día, salta no seu Dyna, abandónao precipitadamente para presidir, a lingua a colgarlle (sic) e o garfo alegre, banquetes onde fai calar a tres ou catro ministros aterrados, mais sorrintes, diante de centos e centos de confiteiras, de merceiras, de directoras de auto-escola, de empresarias de transporte..."


MERET OPPENHEIM (1913-1985)

                                                                           A CRÍA DE GANDO

Os artistas, falo dos homes, levan a vida que lles agrada: e os burgueses no poder fechan os ollos. Se unha muller fai o mesmo, os ollos ábrense completamente. Acomódanse ben que mal. Fica que a muller ten a obriga hoxe de probar polo seu comportamento cotián que xa non considera aceptábeis os tabús que serven desde hai milenios para manter as mulleres nun estado de servidume. A liberdade non se dá a ninguén, hai que tomala.
En toda grande obra, é o ser enteiro que se expresa. E este ser é tanto de esencia masculina como de esencia feminina. Na Grecia antiga as Musas inspiraban os grandes homes. É dicir, que o elemento feminino que portaban nelas concorrían á obra. Tanto como o elemento espiritual masculino ten a súa parte nas obras das mulleres. Para designarmos isto non temos aínda nin palabra nin imaxe. Para facer imaxe, eu diría que o elemento espiritual masculino nas mulleres está aínda obrigado a levar unha especie de armadura que o fai invisíbel. Non é todo. Pois despois do estabelecemento do patriarcado que institúe a desvalorización de todo o que é de natureza feminina, os homes proxectan sobre as mulleres a femineidade que levan neles porque pensan que é de esencia inferior á súa. O resultado é que as mulleres deben vivir á vez a súa propria femineidade e soportar a que os homes proxectan sobre elas. Querer que a muller se converta en muller á potencia dous é querer destanuralizar á muller; é sobre todo impedirlle crear e unirse nela mesma ao elemento espiritual masculino que é parte da súa propia natureza.
Nietzsche fala das mulleres como dun produto de cría: "As mulleres son aínda e sempre gatos e paxaros (observade este 'aínda') ou, no mellor dos casos, vacas" os feitos danlle a razón. Eis porque as mulleres non se estiman mutuamente. ¿Pódese estimar o que non ten valor? É dicir, que as mulleres esmagan nelas o seu propio elemento masculino para proxectalo sobre o home. As mulleres, entendámonos, non deben pensar. ¿A consciencia de si dos homes, sería tan vulnerável?
As producións espirituais das mulleres, dise, dan unha penosa impresión. É de abondo para rexeitalas e esquecelas o máis axiña posíbel. As mulleres, ¿teñen ideas novas? Toda idea realmente nova é unha agresión. Esta cualidade que é a agresión contradi absolutamente a imaxe da femineidade que o home se fai da muller e proxecta sobre ela. Todo isto cambiará pouco a pouco. Até que chegue, os homes tamén forman parte dun gando tan singular como os das mulleres e, como elas, fanse deles mesmos unha imaxe completamente deformada. Non se imaxinan aínda o que poderían ser se puidesen recoñeceren e integraren neles mesmos a súa propia femineidade. O mesmo acontece coas mulleres. Mais elas cambian.


VALENTINE PENROSE (1898-1978)

     
                                        Home
                                             en soño varias veces por min asasinado
                                             entre as túas mulleres man dereita man esquerda
                                             non obstante libres até os puntos cardinais como brancas

                                             e a máis bela que ti ocultas
                                             a outra querida nacente dos grandes ventos flor que amo tanto
                                                                      ela tamén azul ceo deus!


                                                                                     * * * *
                                             Vén dormir comigo neste leito dos ancestros
                                             Onde foron elaboradas as forzas da túa beleza viva.
                                             Volta oh fascinadora. Nas cortinas dos teus cadrís
                                             Onde me tes axeónllada
                                             Mais que ningunha outra rogou
                                             Rógoche me deixes durmir e mesturar aos tempos.


                                                                                     * * * *
                                             É así que o sol nas prazas ocupa o místico.
                                             Todos os nomes. Baixo os ares de Verónica
                                             O fronte sen cara tapada mostrouse agora.
                                             As negras saltando desprégano.
                                             As loiras e as morenas e as castañas tamén.
                                             Os croios discuten ao lume consigo
                                             Sen resoar do Ebro e do Segre.
                                             Luz vive nos teus ollos como podas
                                             Bate entre as asas do teu silencio
                                             Mentres se torna ao sangue e á cera.


GISÈLE PRASSINOS (1920)

                                                                                OS XERMES

Estaba no leito, fatigada, sentía un formiguexo nas pernas. Un serán, retirando os meus cobertores, percibín que os meus membros inferiores estaban completamente encheitos de xermes densos e que algúns deles, os máis avanzados, despregaban xa foliolos.
Fixen chamar un médico que prescribiu os remedios ao uso para este xénero de doenza.
Comezaba a estar mellor cando, subitamente, sentín pena, despois remorsos, finalmente unha aflición terríbel. Esta vida, que surxía do meu corpo e que del tiraba as súas xoves forzas,¿cómo puidera eu recusala, destruíla?
Despois, tentei imaxinar o que podería ser máis adiante, penso nos vínculos de amizade e de amor que nos unirían infalibelmente.


                                                                      ORACIÓN DO BURÓCRATA

Que cada hora pase rápida no seu pequeno cabalo e entregue a toda seguinte
O xinete máis esperto

Que o impulso obtido galope ao trote
Gaste dese día os derradeiros minutos
Industriais

Que o animal no limiar do meu dereito ao repouso
Se axeónlle cos zocos do rexeitamento
Teza a súa saliva divirta os instantes

Ou ben que lánguido se adormeza
Mentres eu afastarei as moscas
Do seu ollar hermético


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega