v1xggsurrealismo012f.html
ALICE RAHON-PAALEN
MUTTRA
Rula por terra
procurando o coral para a súa lámpada
Seos liberados que voades e cantades
inversamente á pega que se enche do seu canto
invisíbel na árbore mollada
Todas as voces femias na orla da selva
baixo a pata espalmada
que espalla unha cebada de nuves
por cima das terrazas da civada
A selva imantada parte á deriva
a selva dos frutos de sexos confundidos
nos lentos amores dos miméticos nas lianas
esta folla me mira
coas súas órbitas vacías
no fondo do xardín voante.
PENELOPE ROSEMONT
ARCO
O
xelo
aquí
tintilea
como
un ventre de xirafa
as
vibracións
das
estrelas
son
o único cálido
deste
verán
AR
O
alimento favorito
da
noite
é
o esquivo sol azul
que
florece na veira
da
terrra
onde
se encontran
en
profusión
as
gaivotas flautistas
e
as xirafas
de
cristal
O
ERGUEMENTO DO
DORMIDO
En
homenaxe a Toyen
Hoxe
o vento está cheo de peixes
as
pólas das árbores
están
cheas de espellos
torbeliño
enguedellado da vida indómita
o
teu coitelo é un polbo
os
teus labios son un baile
as
túas dúas mans son dúas portas xiratorias
es
o Pólo Norte
DOROTEA THANNING (1912)
MAX
ERNST E OS SEUS LIBROS
O feito de que Max Ernst estudara filosofía na Universidade de
Bonn é un poderoso indicio de como vía o seu propio futuro.
Futuro- unha palabra que, certamente, el nunca se permitiu usar,
pois achábaa non só pedante, senón militar e, por tanto,
inaplicábel a si propio. Podíase pensar que, unido aos seus
outros talentos, posuía tamén o da clarividencia e que puido
ver na súa bola de cristal o camiño que tomaría o futuro.
[...] Que este filósofo fose artista non pode sorprender, porque
a verdadeira imaxe dun artista é sempre unha búsqueda, unha
pregunta, e se é bo tamén pode ser unha resposta. Un artista
que titulou os seus cadros Nadador cego,
Deseño na natureza, A
horda, -por só mencionar algún dos seus
sempre sorprendentes títulos- non deixa lugar para dúbidas
sobre as sús preocupacións. No incríbel ámbito da súa
imaxinación -era como se correse cara a unha meta imposíbel.
Traducir todo pensamento a imaxes resulta dunha miríada de
formas de pensar, de proposicións
para unha postura perante o feroz e esquivo prisma da vida mesma.
É precisamente este ámbito, a vastedade do seu terreno
pictórico, o que é profundamente desalentador para alguén que
queira entender o traballo de Max Ernst. Un investigador serio
pode ler rapidamente a maioría dos traballos dos artistas con
pouco esforzo. Mais un cadro de Max Ernst é case sempre un
enigma incómodo -unha interrogante carregada de núa
irracionalidade como unha tormenta eléctrica. O que a pregunta
implica, o que de feito esixe, é unha búsqueda, o tipo de
búsqueda que Max Ernst sotivo toda a súa longa vida nas
páxinas dos libros tanto como na súa propia psique e no mundo
que o arrodeaba.
Tratar de enumerar estes libros, separar para a nosa
consideración os que leu avidamente e os que só folleou, é
para min tan imposíbel como encontrar mil agullas nun número
igual de palleiros. Sobre todo, porque antes de me render perante
as agullas, é probábel que examinara moi coidadosamente uns
cantos palleiros, só para estar segura.
Ao contemplar as nosas itinerantes bibliotecas
[...] observei cambios subtís operados polo tempo e o espazo.
Mais tamén vin as constantes: Baudelaire [...] Jarry,
Apollinaire, Villiers, Valéry, Nerval, Mallarmé, Rimbaud,
Éluard, Crevel -os seus franceses eran os poetas.
[...]
Ao longo dos anos, sen erguer a voz, expresouse mediante
experimentos de escrita automática en colaboración cos seus
amigos poetas -con Paul Éluard, Robert Desnos, Theodore
Fraenkel, Benjamin Péret. Escribiu tratados irónicos para as
pequenas revistas semanais surrealistas e dadaístas. Escribiu
narracións autobiográficas que son preciosas revelacións de
cando menos dúas das súas innovacións técnicas, en síntese
coa súa profunda inspiración: a colaxe
e a frottage.
[...]
Non podo engadir [...] máis que a pregunta que Max Ernst fixo a
un visitante, o seu amigo Robert Lebel, unhas horas antes de
morrer:
"Robert, ¿que pensas da carta?"
Robert: ¿Que carta?
Max: "Sabes ben que carta, Robert. A carta
ao vidente".
Esta enigmática carta que Rimbaud escribiu ao seu amigo Izambard
en 1871 non foi até hoxe explicada satisfactoriamente. No seu
derradeiro día Max Ernst pensaba aínda nela, a piques quizá de
resolver o seu enigma.
UNICA ZURN (1916-1970)
NOTAS
DUN OBSERVADOR
SOBRE
HANS BELLMER
Silencio meditación solidade. Longa persecución onírica cara a
un tema máis novo. Coa forza equívoca dun namorado mira unha
insólita presenza nos seus ollos. Vertixe perante a riqueza das
variantes. Sen lei fundamental é a sorpresa e o choque, a
obsesión dun científico avaliando un país novo. Deséxao sen
fronteiras, como a aventura cunha querida.
Chegou agora o momento en que todo é posíbel.
-¿Que dirías tu se a Boneca* entrase provista das súas catro
pernas neste cuarto?
El responde: "Estaría obrigado a berrar como un boi, como o
neno que se asusta co seu propio xogo".
Filiación do seu célebre "Cefalópodo"
(Muller-Cabeza-e-Perna-sen-brazos) ela viu este monstro en
Sainte-Anne: unha doente mental entregándose nunha crise
erótica á súa parella imaxinada. Bellmer sería profeta. A
doente era horríbel de ver. Todo emerxía: as pernas e o lombo
en forma de arco, e a lingua terríbel.
As escenas da loucura, da tortura da éxtase están deseñadas
por Bellmer coa sensibilidade dun músico, a clareza dun
enxeñeiro, a crueza dun cirurxián. Se se mira a Bellmer
traballar, parece que a súa man non teña peso ningún. Malia
todo, a ternura enche todo o seu corpo e toda a súa alma.
Desconfíase de tantas facilidades. Quérese saber se a súa man
permanece en contacto co papel, se esta pegada cantante non é
unha bruxaría vida da Nada. Os deseños obscenos que repite
desde hai anos (quizais é erótomano) son executados nunha
infinita dozura, con prudencia e precisión, mestura de friaxe
incríbel, implacábel, e de febre.
Quen, home ou muller, é por el deseñado ou fotografado polo seu
lapiz comparte con el a abominación de si propio. Imposíbel
para min unha maior Loubanza del.
*"A boneca", maniquín de Bellmer considerada como unha
das obras eróticas da arte do século XX.
O
HOME LIXO
Cando traballa, ela vai ben. Está en harmonía coa vida. E que
felicidade no pasado en que cada quen traballaba na súa mesa, o
lixeiro ruído da pluma a deseñar esbarando sobre o papel, e o
son do lápiz, máis silencioso aínda. Anos de traballo á beira
do mar (a Illa de Ré, Palavas-les-Flots, a praia de Montpellier,
Saint-Cyr-sur-Mer, Cavalaire-sur-Mer). Dormimónos rápido cando
traballamos todo o día.
Bellmer e mais ela desde 1953, camaradas da miseria, unha grande
amizade... con algún horror para ela.
Ela escribe este texto apaticamente. Desde hai anos toma
calmantes.
El durme a seu carón. Está paralizado (un ataque cerebral).
Cada serán, o Kinesi polaco Joseph vén velo. Xove, sorrinte,
elegante, admira a obra gráfica de Bellmer. Despois dos
exercicios de relaxación, miramos libros de arte.
Bellmer, docemente, está un pouco afastado da vida. Por vez
primeira está enfermo: catro semanas de hospitalización en
Lariboisiere, París. Os seus fillos choran con el. El deseña
cada día no hospital e aspira á morte. Ten 67 anos. Os amigos
Parisinos veñen visitalo.
Escribiuse moito sobre Bellmer. Ela tamén: só unha páxina.
Esta páxina é probabelmente o único texto sobre Bellmer neste
libro. Bellmer non é certamente o Home-Lixo: este é simétrico
de O Home-Xasmín* que está
mal pagado por Gallimard en París. O grande escritor negro
Chester Himes, nacido en Harlem, autor do admirábel libro A
Raíña das mazás (Gallimard, Série Noire),
recibiu un millón de francos antigos por esta obra mestra: non
é xusto.
Ela farase psicanalista despois de oito anos de estudos
psiquiátricos en Alemaña e en Francia. Isto paga a pena e está
mellor pagado que artista-pintor. Que oficio non praticaría ela.
Agora ela é avó, avó internada en "La Chesnaie", en
Cahilles, até o fin dos seus días...
Aquí, no castelo do marqués de Sade, os Principiños
divírtense deseñando os Boshomes-Lixo...
¡Os Homes-Lixo son máis fermosos que este poeta defectuoso!
*Narración de Unica Zürn en que explica as súas experiencias
psiquiátricas, publicada, efectivamente, por Éditions
Gallimard.
REMEDIOS VARO (1908-1963)
RECEITA PARA PROVOCAR SOÑOS ERÓTICOS
Ingredentes:
Un kilo de raíz forte.
Tres galiñas brancas.
Unha cabeza de allos.
Catro kilos de mel.
Un espello.
Dous fígados de vitela.
Un tixolo.
Dúas pinzas para roupa.
Un corsé con baleas.
Dous bigotes postizos.
Sombreiros ao gosto.
Desplúmanse as galiñas conservando coidadosamente as plumas.
Póñense a ferver en dous litros de auga destilada ou de chuvia
sen sal e coa cabeza de allos pelados e moídos.
Déixase ferver a lume lento.
Mentres ferven as aves, colóquese a cama orientada de noroeste a
sudeste e déixese repousar coa xanela aberta.
Mentres repousa a cama, rállese directamente sobre o caldo a
raíz máis forte tendo coidado de que as mans estexan
constantemente impregnadas polo vapor.
Revólvase e déixese ferver.
Cóllense os catro litros de mel e esténdense cunha espátula
sobre os lenzois da cama.
Cóllanse as plumas das galiñas e espállense sobre os lenzois
enzoufados de mel.
Déitese na cama con coidado.
Non é indispensábel que as plumas sexan brancas, poden tamer
usarse de cor, mais hai que evitar as chamadas galiñas de Guiné
pois estas producen ás veces un estado ninfomaníaco de longa
duración ou graves casos de priapismo.
Póñase o corsé apertado de abondo.
Séntese ante o espello, afrouxe a súa tensión nerviosa,
sorríase, próbese os bigotes e sombreiros segundo os seus
gostos, tricornio napoleónico, capelo cardenalicio, cofia con
encaixes, boina vasca, etc.
Poña nun pratiño as dúas pinzas para roupa e déixeo xunto a
cama.
Ao baño María, póñanse tibios os fígados de vitela tendo
moito coidado que non cheguen a ferver, colóquense os fígados
tibios no canto da almofada (en casos de masoquismo) ou en ambos
lados da cama ao alcance das mans (en casos de sadismo).
A partir deste momento todo debe terminar de se facer a grande
velocidade para impedir que os fígados se enfríen.
Corra e verta velozmente o caldo (que debe estar moi reducido)
nunha cunca. Regrese con ela apresuradamente ante o espello,
sorría, beba un grolo de caldo, próbese un bigote, tome
groliño entre proba e proba e fágao todo tan velozmente como
sexa capaz.
Xa inxerido o caldo, corra á cama, déitese entre as sabas
preparadas, tome rapidamente as pinzas para roupa, introduza en
cada unha delas o dedo polegar do pé.
Estas pinzas deben se conservaren toda a noite e se colocaren nun
ángulo de 45º en relación co dedo oprimindo firmemente a uña.
Esta sinxela receita dá sempre bos resultados e as persoas
normais poden iren pracenteiramente do beixo á estrangulación,
da violación ao incesto, etc., etc.
As receitas para casos máis complicados como son os de
necrofilia, autofaxia, tauromaquia, alpinismo e outros, áchanse
nun volume especial da nosa colección "Consejos
discretamente sanos".