O surrealismo. Unha achega documental

Páxina Anterior

Cronoloxía do surrealismo (parte 2ª)

Páxina Seguinte

v1xggsurrealismo013b.html

Maio: número de Littérature dedicado exclusivamente a Dadá. Primeiras retransimisións radiofónicas. Congresos de Tours e Livorno, escisión da tendencia maximalista que dá nacemento aos Partidos comunista de Francia e Italia, respectivamente. Folga xeral en Francia.
1921.- 2 de maio: exposición de Max Ernst nas salas da Editorial Au Sans Pareil. 13 de maio: Proceso a Barrès na sala des Societés Savantes.


                                                                      PROCESO A BARRÈS
                                                                                (fragmento)

                                                                      ACTA DE ACUSACIÓN

Maurice Barrès, autor de tres volumes reunidos co título de
O culto ao eu, O inimigo das leis, e Outro día co Sr. Renan, escritor decadente, propagandista da escola romana, autor de Os dessarraigados, Colette Baudoche e dunha Crónica da Grande Guerra, antigo socialista, deputado, ateo, un dos piares do boulangisme, un dos lugartenentes de Paul Dérouledè, un dos instigadores do caso Dreyfus, un dos denunciantes de Panamá, nacionalista, apóstolo do cullto aos mortos, presidente da Liga de Patriotas, académico, redactor de L'Echo de París, conferenciante popular, partidario da revancha, o home da estatua de Estrasburgo, o home de Xoana de Arco, presidente de honra de cento setenta e cinco sociedades de beneficencia, Maurice Barrès creouse nos nosos días unha reputación de home de xenio que o protexe de toda investigación profunda, de todo control, de toda sanción, a súa lucidez, posta como exemplo aos estudantes, baséase nun malentendido completo entre unha especie de lirismo romántico e unha claridade de espírito que non tivo en ningún momento.
Os libros de Barrès son propiamente ilexíbeis, a súa frase só satisfai ao oído. Maurice Barrès usurpou, pois, a reputación de pensador. [...] Intimado a se explicar sobre algunhas das súas máximas máis célebres, Maurice Barrès áchase na imposibilidade absoluta de forrnecer un argumento serio que as apoien. É moi evidente que se reflicte no sentido dunha frase como "Escollín o nacionalismo como un determinismo calquer", áchase 1º oscura e 2º absurda. Escoller un determinismo é cousa imposíbel por definición.
[...] Un home como Barrès, proseguendo a súa obra literaria e escollendo para a segunda parte da súa vida unha forma distinta, en aparencia, da súa actividade primeira, pasaría hoxe por ter renegado dela completamente, se esta poidese ser tomada no mesmo senso que a vida de Rimbaud.
Aproveitar dos outros e de si propio só as disposivións servís, conservarse con moito custo a covardía, tal é a conduta adoptada por Barrés, hoxe presidente da Liga dos Patriotas.[...]
Lonxe de nós reprochar a Barrés que se contradiga. [...] Non, Barrés nunca foi un home libre [...]
As ideas non teñen valor en si propias; só valen polo desafíos con que se as acompaña; e as ideas de Barrès nunca foron acompañadas de ningún desafío.

Primeira disidencia con dadá. Breton visita a Freud. Éluard: Les necessites de la vie et les conséquences des Rêves. Péret: Le passager du transantlantique. Novo curso na URSS: comeza o período da NEP (nova política económica). Fundación do Partido Comunista Chinés. Hitler encabeza o Partido Nacional-Socialista alemán.
1922.- Xaneiro-febreiro: chamado de Breton para a reunión dun "Congreso internacional pola determinación das directivas e a defensa do espirito moderno", o que provoca a ruptura con Tzara e dadá. O congreso non ten lugar. Marzo, nova serie de Littérature, inícianse as bases do surrealismo. Setembro-decembro: período dos soños. Morre Marcel Proust. Aparece en París a novela de James Joyce: Ulises

(inicio do monólogo de Molly Blon, do Ulises de James Joyce feita por Fernando Pérez-Barreiro)

Eso si porque nunca tal cousa fixera pedir o almorzo na cama con un par de ovos máis que aquela vez no hotel no City Arms cando lle daba por deitarse de maula con voz doentía e facéndose o interesante para a vella torda da misis Riordan que pensou que xa a tiña no bote e non nos deixou nin unha cadela todo foi para misas para ela e a súa alma soviña máis grande non a houbo até tiña pena de gastar catro peniques no seu metílico e sempre contándome de alifafes chea a reverter de falatorios de política e terremotos e o fin do mundo ímolo pasar ben primeiro Deus nos libre como había de andar o mundo se as mulleres todas foran coma ela rosmando contra os bañadores e os decotes baixos que ninguén ía querer que os levase ela tan beata porque ninguén a ollaría dúas veces oxalá non acabe eu coma ela aínda non sei como non quer que andemos coa cara coberta pero aprendida era eso si e o pico dalle que dalle que se mister Riordar isto mister Riordar o outro seguro que debe quedar contente de escambrullarse dela e o can que viña oliscarme o astracán e sempre arrechegándose para ver de se meter por baixo dos meus refaixos sobre todo naqueles días contudo góstame iso de que el sexa así educado coas señoras de idade e os camareiros e os pobres de pedir tamén non é fachendoso de nada aínda que non sempre se algún día chega a ter algo grave de verdade mellor vaian ao hospital que está todo limpiño pero seguro que ía ter que teimar con el un mes e despois íamos ter unha enfermeira no tapete e el a querer quedarse alí até que o botasen à forza ou quen sabe se unha monxa como a da foto porca que ten esa é tan monxa coma min eso si porque póñense tan frouxos e chorimiqueiros cando adoecen que queren unha muller para sandar se lle sangra o narís xa parece ouh que traxedia e aquel mediodifunto da Circunvalación que escordou o pé na excursión do coro ao Pan de Azucre o día que eu levaba aquel vestido Miss Starck que lle traía flores as máis murchas que atopou no fondo do cestillo o que sexa con tal de metérselle no dormitorio a un home con aquela voz de solteirona a pensar que morría por ela oxalá non che volva a ver a cara aínda que máis parecía un home con un chisco de barba na cama o papá igual e para máis estóxame vender e dar remedios cando se fixo o corte no dedo do pé coa navalla de afeitar ao desbastar os calos o medo de que se lle envelenara o sangue agora que se fora eu que tivese calqueira cousa xa veríamos o que me atendía xa se sabe que a muller esconde para non dar toda a amoladela que eles dan si el fíxoo por aí nalgures véselle no apetito como quer que sexa amor non é que se fose non comía de pensar nela así que ou foi unha desas fulanas da noite se andivo por alá que seguro que andivo que a historia do hotel foi un conto para tapar o que quería facer Hymes embolicoume a quén encontrei lémbraste en Menton e quen ía ser se non e que me deixou ver aquela cara grande de naipelo vinno acabado de casas namoriscando con unha rapaza de Myriorama de Oooles e vireime de costas cando el se escapuliu de rabo entre as pernas e aínda tivo o descaro de facerme as beiras en tempos estívolle ben ao bocachas ao ollomol de todos cantos baballocas levo vistos e aínda lle chaman a iso un abogado se non fora porque non me gusta enredarme en liortas na cama ou entón se non é unha cadela será outra que atoparía vai saber onde ou que a engaratuxou por aí que se o coñecesen como eu eso si porque aínda antonte andaba el rascuñando non sei o que nunha carta cando entrei na sala polos mistos para lle mostrar a esquela de Dignam no xornal como se alguén mo dixera que tapou todo co secante e fixo coma quen pensa no negocio así que seguramente aí está o asunto para algunha que pensa que ten a gran cousa con el e o caso é que a todos os homes dalles por aí un pouco a esa edade endemais cando van chegando aos corenta está agora mesmamente para que lle chuche cantos cartos ela poida canto máis vello máis pelexo e ben quixera sabelo con tal de non telos aos dous todo o tempo diante dos fuciños como aquela pindonga aquela Mary que tivemos en Otario Terrace con postizos nas cachas para esquentalo xa abonda con ter que aguentarlle o cheiro de mulleres pintadas que bota unha vez ou dúas tiven martelos ao facelo achegarse a min cando lle encontrei aquel cabelo comprido no abrigo sin contar cando entrei na cociña e fixo como que estaba bebendo auga 1 muller non lles chega todo foi culpa del claro estragarlles a honra às criadas e despois vir con que debíamos sentala connosco á mesa no Nadal faime o favor que é isto Non non na miña casa roubándome as patacas e as ostras 2/6 a ducia que ía visitar à tía dela faime o favor rouballeira a eito iso mais con aquela estaba segura de que tiña que ver con el que a min estas cousas non se me escapan díxome non tes probas contra ela Ai eso si à tía dela saberíanlle ben as ostras pero ela ouviume el animaba a saír para poder quedar con ela eu non me rebaixo a espialos as ligas que encontrei no cuarto dela o venres xa me chegou un pouco demais tamén vin como se lle hinchaba a cara coa rabia cando lle din a semana de aviso do despido mellor non ter axuda desas para nada eu amaño os cuartos máis axiña se non fora polo demo dos guisos e de deitar fora o lixo ben crariño llo puxen ou sae ela da casa ou saio eu non podía nin tocalo pensando que estivera con aquela porca mentireira e zarrapallosa negándoo na miña cara

J.V. Stalin, novo secretario xeral do PC da URSS. Marcha fascista sobre Roma.
1923.- Péret: Au 125 du Boulevard Saint-Germain. Tzara: De nos oiseaux

                                   A MORTE DE GUILLAUME APOLLINAIRE

                                                  nós non sabemos nada
                                             nós non sabemos nada da dor
                              a estación amarga do frío
                                                                 abre longos trazos nos nosos músculos
                              el amaría antes a alegría da vitoria
                                             sabios baixo as tristezas calmas                    na cadea
                                                                                          non podemos facer nada
                                        se a neve caía de acima
                              se o sol ascendía sobre nós durante a noite
                                                                                          para quentarmos
                                        e as árbores penduraban coa súa coroa
                                                                                     -único pranto-
                                        se os paxaros estaban entre nós para se miraren
                              no lago tranquilo acima das nosas cabezas
                                                                 PODERÍASE COMPRENDER
                                        a morte sería unha bela e longa viaxe
                              e as vacacións ilimitadas da carne das estruturas e dos ósos

Breton: Clair de Terre. Ocupación do Rhur polo exército francés. Falido golpe de estado por parte do Partido Nacional-Socialista alemán. Terramoto devastador no Xapón.

1924.- Marzo, desaparición misteriosa de Paul Éluard que parte en viaxe arredor do mundo, durante varios meses, sen avisar. Maio, viaxe experimental de Aragon, Breton, Morise e Vitrac, que comenza en Blois, unha cidade escollida ao acaso no mapa. Xullo-setembro, polémica co Ivan Goll e Paul Dermée que reivindican a etiqueta de surrealismo

                                                                      A QUERELA DO SURREALISMO
Caro Señor
É con forte sorpresa que, no último número do
Journal Littéraire vimos un escritor non cualificado o señor Ivan Goll, colocarse como protector do surrealismo e, con este pretexto, facer máis aborrecido o malentendido. Dubidamos, por outra parte, que os seus lectores entenderan nada dese galimatías. O señor Ivan Goll escribiu ese artigo despois dunha conversa con Robert Desnos en que lle anunciaba a aparición, en outubro, dunha revista titulada La Révolution surréaliste, que debe coincidir co inicio dun "Movemento surrealista". O señor Goll tenta, a este respecto, vincular a "eses mozos de vinte anos" os Srs. Birot e Dermée, aos cales nós pretendemos que non debemos nada e, co mesmo motivo, sentarse el mesmo nos eixos do "último convoi".
Remitímonos, por toda explicación sobre a cuestión, á revista anunciada acima. Verase que o surrealismo non foi asfixiado en nada polo movemento Dada, xa que diversos dos seus membros contribuíron ao seu desenvolvemento. A este respecto, parécenos útil precisar que o Sr. Dermée xogou involuntariamente as utilidades grotescas do dadaísmo e que a súa actividade foi sempre estraña ao surrealismo. Se así non fose, ¿pretrendería, en 1924, facer o primeiro artigo sobre Lautréamont cando vinte persoas o precederon (Valery Larbaud, Soupault, Bretón, Tzara, Aragon, por citar os máis modernos) e descubrir a Pétrus Borel seis meses despois do artigo de André Bretón en
Les Nouvelles littéraries? ¿Ignoraría que toda a actividade de Littérature exerceuse nese sentido, e particularmente desde 1922, coa colaboración de Louis Aragon, Jacques Baron, André Bretón, Joseph Délteil, Robert Desnos, Paul Éluard, Georges Limbour, Man Ray Benjamin Péret, Francis Picabia, Philippe Soupault, Roger Vitrac, etc.?
O surrealismo é outra cousa que a vaga literatura imaxinada polo Señor Goll. É o retorno á inspiración pura, é a poesía finalmente liberada de todo control arbitrario do sentido crítico e, lonxe de ser abandonado desde Apollinaire, é desde este tempo que tomou todo o seu valor: aínda que a cuestión é outra.
Sen insistir sobre o feito de desnaturalizar as súas declaración, queremos afirmar, dunha vez por todas, que non temos relación ningunha co Sr. Goll como tampouco cos seus amigos. O primeiro número de
La Révolution surréaliste, os libros a aparecer: Manifeste du surréalisme (Bretón, Kra, édit.), Deuil par deuil (Desnos Kra, édit.), Les Amants de l'horloge (Péret), Le Mouvement perpétuel (Aragon), Les Mystères de l'amour (Vitrac, N.R.F. édit.), etc., desempatarannos: a modo de compensación, abandonamos voluntariamente a Paul Dermée e a Ivan Goll, todo parestesco con Rabelais.
Reciba, caro Señor os nosos máis distinguidos saúdos

Louis Aragon, André Boiffard, André Breton, Robert Desnos, Francis Gerard, Georges Limbour Georges Malkine, Max Morise, Pierre Naville, Benjamin Péret, Roger Vitrac.

Publicación de Un cadáver, contra Anatole France, que acaba de morrer e a quen os surrealistas vían como o paradigma de filisteu, loubado pola dereita e polos "revolucionarios".

                                                       ¿XA ABOFETEOU VOSTEDE UN MORTO?
[...]
Os concellos municipais de localidades a meus ollos indistintas conmóvense hoxe por unha morte, poñen nas fachadas das súas escolas placas nas que se le un nome. Isto abondaría para deseñar ao que remata de desaparecer, xa que non é posíbel imaxinarse a Baudelaire, por exemplo, ou a calquer outro, se se mantivera nese extremo do espírito que é o único que desafía a morte, a Baudelaire, pois, celebrado pola prensa e os seus contemporáneos, como un vulgar Anatole France. ¿Que tiña este que logrou conmover a todos os que son a negación mesma da emoción e da grandeza? Un estilo precario e que todo o mundo se coida autorizado a xulgar pola propia vontade do seu posuidor; unha linguaxe universalmente eloxiada, en tanto que a linguaxe só existe máis alá, fóra das aprezacións vulgares. Escribía moi mal, xúroo, o home da ironía e do bon senso, o mediocre descontador do medo ao ridículo. E aínda non sería grande cousa escribir ben, escribir simplemente, en relación co que merece unha soa ollada. Toda a mediocridade do home, o limitado, o medoñento, o conciliador a todo custo, a especulación coa carencia, a compracencia na derrota, o estilo satisfeito, home prudente, necio, xunco pensante, encóntranse fregando as mans neste Bergeret do que non en van se me fará notar a dozura. Grazas, non irei acabar nese clima fácil unha vida que non se preocupa por dar excusas nin polo que dirán.
Considero a todo admirador de Anatole France un ser degradado. Agrádame que o literato que que saúdan hoxe, á vez, o antílope Maurras e Moscova a chocha, e por un incríbel engano o propio Paul Painlevé, escribira para facer cartos e cun abxecto instinto, o máis deshonroso dos prefacios a un conto de Sade, que pasou a súa vida na cadea para recibir finalmente a patada deste asno oficial. O que lles afaga del, o que o volve sagrado, déixenme en paz, non é sequer o talento, tan discutíbel, senón a baixeza que lle permite ao primeiro vagamundo cegado exclamar: "¡Como non o pensei antes!". "Execrábel histrión do espírito, era necesario que respondese verdadeiramente á ignominia francesa para que ese pobo escuro estivese até ese punto feliz de prestarlle o seu nome. Tatexen a gosto sobre esa cousa putrefacta, sobre ese verme que á vez os vermes van posuír, aserrín da humanidade, xentes de todas partes, boticarios e charlatáns, criados do Estado, criados do ventre, individuos revolcados na mugre e os cartos, vostedes que rematan de perderen tan bo servidor no compromiso sobirano, Deus dos seus fogares e das súas xentís felicidades.
Mantéñome hoxe no centro deste mofo, París, onde o sol é pálido, onde o vento confía ás chemineas o seu espanto e a súa languidez. Ao meu redor, realízase o movemento e, miserabel, a actividade do movemento en que toda grandeza volveuse obxecto de irrisión, o alento do meu interlocutor está envelenado pola ignorancia. En Francia, segundo din, todo remata en cancións. Entón, que quen acaba de finar no corazón da beatitude xeral se disipe, á súa vez, en fume. Quedan poucas cousas dun home. Mais é de todos modos indignante imaxinar que
foi. Algunha veces soñei cunha goma capaz de borrar a inmundicia humana.

                                                                                 
    Luis Aragon


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega