O surrealismo. Unha achega documental

Páxina Anterior

Cronoloxía do surrealismo (parte 3ª)

Páxina Seguinte

v1xggsurrealismo013c.html

11 de octubre: apertura do Bureau de recherches surréalistes, no número 15 da rúa de Grenelle. 17 de outubro: os primeiros exemplares do Manifesto do surrealismo chegan a París. 1 de decembro, La révolution surrealiste nº 1, directores, Pierre Naville e Benjamin Péret., revista na que se glorifica ao anarquista Germaine Breton, que acababa de asasinar ao xornalista de extrema dereita Marius Plateau. Homenaxe colectiva a Pierre Reverdy. Morren Franz Kafka e V.I. Lenin. Nace Mimi Parent. O deputado socialista Matteotti é asasinado polos fascistas italianos. Francia recoñece á URSS. Aragon: Une Vague de rêves. Robert Desnos: Deuil par deuil. André Breton: Les Pas perdus.
1925.- Ahesión do Grupo da rue du Château: Jacques e Pierre Prévert, Marcel Duhamel, Yves Tanguy. Entra Pierre Unik. Vaise afastando Philippe Soupault. 15 de abril, comunicados ao Papa e ao Dalai Lama, cartas aos rectores das universidades europeas, ás escolas do Buda e aos médicos directores dos asilos de loucos en La revolutión surréalista nº 3. Neste mesmo número aparece o seguinte texto de Antonin Artaud, quen escribira os anteriores, a non ser a carta aos médicos directores de asilos, que uns lle apoñen a Robert Desnos e outros a Theodore Fraenkel, compañeiro de estudos de Breton e membro do grupo até 1928:

                                             Á MESA

Abandonade as cavernas do ser. Vide. O espírito sopra procedente do espírito. É tempo de abandonar as vosas cousas. Cede ao pensamento integral. O Maravilloso está na raíz do espírito, no interior da cabeza. Ideas, lóxica, orde, Verdade (con V maiúscula), Razón, todo isto entregámolo á nada da morte. Coidado coas vosas lóxicas, señores, coidado coas vosas lóxicas: non sabedes até onde pode levarnos o noso odio á lóxica.
A vida, na súa fisonomía chamada real, só se deixa fixar mediante un afastamento da vida, mediante un suspenso imposto ao espírito; mais a realidade non está aquí. Non hai, xa que logo, que vir a nos amolar en espírito a nós, que miramos a eternidade surreal, a nós que xa non nos consideramos do presente e somos fronte a nós propios como as nosas sombras reais.
O que nos xulga non naceu para o espírito, a aquel espírito a que nos referimos e que, para nós, esta fóra do que vós chamades espírito. Non hai que chamar moito a nosa atención ás cadeas que nos unen á imbecilidade petrificante do espírito. Nos puxemos as mans sobre unha nova besta. Os ceos responden á nosa actitude de insensato absurdo. O hábito que tendes de dar de costas ás preguntas non impedirá que os ceos se abran, o día estabelecido, e que unha nova linguaxe se instale en medio das vosas necias contratacións, queremos dicir: das contratacións necias do voso pensamento.
Hai signos no Pensamento. A nosa actitude de absurdo e de morte é a da mellor receptividade. A través das rachadelas duna realidade en adiante impraticábel, fala un mundo voluntariamente sibilino.

2 de xullo, incidentes no banquete de homenaxe a Saint Pol Roux na Closerie des Lilas que acaba coa intervención da policía e a detención de diversos surrealistas. Lettre ouverte à M. Paul Claudel, octavilla. Enquisa: "¿É o suicidio unha solución?". 15 de xullo: André Breton toma a dirección de La Révolution surréaliste. Agosto, o manifesto ¡A revolución de inicio e sempre! é asinado por 28 surrealistas así como por membros de Clarté e Philosophies. 7 de outubro, asemblea xeral con intencións dun reagrupamento dos signatarios de ¡A revolución de inicio e sempre!; eleción dun comité directorial. 30 de outubro, o comité só reúne surrealistas e clarteístas. Decembro, afundimento Clarté: "Clarté desaparece La Guerre civil sucédelle". Comeza a Guerra do Rif. Primeira exposición surrealista en París. René Crevel: Mon corps et moi. S.M. Eisenstein: O acoirazado Pontemkin.
1926.-Marzo-abril, fracasa o proxecto de publicación de La guerre civil, boicoteada polo Partido comunista. 20 de marzo, apertura da Galerie surréaliste na rúa Jacques Callot. 30 de setembro, Breton garda distancias co Partido Comunista no folleto Lexítima defensa, en reposta a La Révolution et les Intellectuels. Que peuvent faire les surréalistes?, de Pierre Naville, xa membro do Partido Comunista. 4 de outubro, Breton encontra a Nadja. 23 de novembre, asemblea xeral no café Le Prophète, marcha de Antonin Artaud, dimisión de Philippe Soupault. 24 de decembro, despois dunha reunión, oito surrealistas, entre eles Aragon, Breton, e Eluard, se propoñen entrar no partido, onde se reunirán con Péret, xa militante. Jacques Baron, Robert Desnos, Malkine, Max Morise e Roland Tual, rexeitan. Aragon. Le Paysan de Paris; Éluard: Capital de la douleur; Crevel. La mort difficile. Desnos: C'est les bottes de sept lieux cette phrase: je me vois

                                                                           DESTINO ARBITRARIO

                                                                                                                   A Georges Malkine

                              Eis vir o tempo das cruzadas.
                              Pola fiestra fechada os paxaros obstínanse en falar
                              como peixes de acuario.
                              Xunto o escaparate dunha tenda
                              unha bonita muller sorrí.
                              Felicidade só es lacre
                              e eu paso como un fogo fatuo.
                              Un grande número de gardas persiguen
                              unha inofensiva bolboreta escapada do asilo.
                              Convértese baixo as miñas mans pantalon de encaixe
                              e a túa carne de aguia
                              ¡oh meu soño cando te acaricio!
                              Mañá enterrarase gratuitamente
                              non se enfriarán máis
                              falaran a linguaxe das flores
                              iluminaranse de luces descoñecidas até hoxe.
                              Mais hoxe é hoxe
                              Sinto que o meu comezo está próximo
                              semellante aos trigos de xuño.
                              Xendarmes poñédeme as alxemas.
                              As estátuas viran sen obedeceren.
                              No seu zócalo inscribirei inxurias e o nome
                              do meu peor inimigo.
                              Alá abaixo no oceano
                              Entre dúas augas
                              Un belo corpo de muller
                              Fai recuar os tiburóns
                              Soben á superficie a se miraren no ar
                              e non ousan morder nos seos
                              nos seos deliciosos.


México clausura as igrexas. Antonio Gramsci, líder comunista italiano e deputado, é encarcerado. Búster Keaton: O maquinista da General.
1927.- Xaneiro-marzo: enviado a unha célula de empregados da compañía de gas, Breton só aguanta un trimestre a vida de militante comunista. 21 de marzo, internamento de Nadja. Maio: Au grand jour, asinado por Aragon, Breton, Éluard, Péret e Unik, comprende cinco cartas abertas (a Paul Nougé e Camille Goemans -surrealistas belgas-; a Marcel Fourrier, un dos directivos da revista Clarté; aos surrealistas non comunistas, a Pierre Naville; aos comunistas).

                                                            A plena luz
A actividade surrealista acaba de atravesar unha crise que debe chegar ao seu fin. Ao non haber ningún tipo de manifestación exterior desta actividade, os equívocos, as interpretacións tendenciosas, as conclusións apresuradas eran inevitábeis. Se achamos que chegou o momento de denuncialas, é porque a súa variedade e o conxunto de argumentos que se nos opoñen é tal que nos bastará con lles faceren fronte para facer obxectiva a nosa verdadeira situación non faltará quen encontre nova da nosa parte esta preocupación polo que dirán. É coñecernos mal. Sempre fixemos un deber o caracterizarmos o máis claramente posíbel, e a cada momento, a nosa actitude moral. Máis unha vez trátase disto e só disto. En van tratarase de descobrir nos textos que e seguen a expresión de preocupacións poéticas ou políticas, segundo o tipo de interese que teñamos por cada unha. Non trataremos aquí estas preocupacións. Se reunimos estas cartas é, por unha parte, porque vemos unha vantaxe no feito que os seus destinatarios piodan confrontalas. Por outra, é doado comprender que alén destes destinatarios ocasionais dos que temos diversas opinións, consideramos, máis que as súas persoas, as teses xerais que estas sustentan. Desta maneira, a publicación deste informe ten por obxecto pór as pezas do proceso en mans de quen se interesen no fundamento moral das nosas accións.
En nome dun certo principio de honestidade que achamos debe colocarse antes que calquer outro, en novembro de 1926 rompimos con dous dos nosos vellos colaboradores: Artaud, Soupault. A notábel falta de rigor que aportaban, e o evidente contrasenso que implica, no que concerce a cada un deles, a prosecución
isolada da estúpida aventura literaria, o abuso de confianza do que en certa medida cada un deles é responsábel, foran tolerados por nós durante demasiado tempo. Terminamos con isto en pouco tempo. Co segundo por medio deste interminábel arrodeo, co primeiro... no momento en que para cada un de nós era importante condicionar, condicionar verdadeiramente a acción surrealista, cunha toma de consciencia unánime do seu obxectivo revolucionario, e para isto asignar a esta acción os límites exactos que ela implica, límites que, revolucionariamente falando, non son imaxinarios senón reais, tuvimos que enfrontar unicamente estas dúas defeccións.
[...]
Agora que estamos de abondo seguros uns doutros para non ter que ersperarmos mais aquí queremos dar conta duna primeira tentativa de recoñecemento levada a cabo por cinco de nós.
[...]
Sen ningún dogmatismo, e tratando só de tomar as palabras polo que din, a favor do que permiten pensar varias cartas datadas o mesmo día, esperamos dar a medida dos nosos esforzos actuais, facer aprezar o que nos custa un esforzo de adecuación, que nos custou elaborar, facer recoñecer esta vontade que se nos coñece e que nada está próximo a abater.
[...]
Aos comunistas
Camaradas,
no interior dun partido revolucionario e até que a situación non sexa insurrecional, non existen boas razóns para privar a ninguén do dereito de crítica, dentro dos límites en que este poida exercerse validamente. Polo que respecta os asinantes destas liñas, non está demostrado en absoluto que carezan, a propósito de calquer cuestión que sexa, de lucidez; por pouco que se lles queira recoñecer -e non é pedir moito- certo valor e certa fe, cada un deles, non doutro modo que cada un de vós, representa unha forza que non é desprezábel e que só espera, para se facer sentir, que o seu punto de aplicación se determine con algún rigor. ¿De que serve nos obrigar a intervir prematuramente en cuestións que até agora non foron da nosa competencia, mais das que non desconfiamos por completo que cheguen a selo? Debates puramente económicos, discusións que requeren un coñecemento profundo da metodoloxía política e cando menos algunha experiencia da vida sindical, son cousas das que non nos desinteresamos por completo, mais para as que non estamos totalmente preparados, como non sexa polo que respecta ao recoñecemento formal da súa importancia e da súa absoluta necesidade revolucionaria. Pola contra, estamos chamados, achamos, a xulgar sen vacilacións ou debilidades todo aquilo que de lonxe ou de perto se refera á verdade moral que o noso partido defende, só no mundo, e saberá impór...
Mais tamén queremos dicir canto doloroso resulta que a organización do Partido comunista en Francia non lle consinta utilizarmos nun ámbito no que nos sexa realmente posíbel facernos útiles, e que a noso propósito non se tomara outra decisión que a de nos sinalarmos, un pouco en todas partes, como sospeitosos. De aí unha campaña en contra nosa, até o de agora a penas insinuada, mais que non espera para se facer mais violenta que unha manifestación calquer da nosa presenza no seo do partido. É de sobra sabido que, noutros terrnos, nós sempre aceptamos a batalla. Aquela a que se nos quere obrigar, tida en conta a imposibilidade de considerar os comunistas como adversarios, non podemos refusala.
Neste caso, esperaremos con desagrado días mellores nos que a revolución recoñecerá os seus.

               Louis Aragon, André Breton, Paul Éluard, Benjamin Péret, Pierre Unik.


Ruptura con Roger Vitrac e Pierre Naville. Artaud, excluido do movemento, publica La grande Nuit ou le bluff surréaliste, verdadeira resposta surrealista á confusión dos surrealistas entre surrealismo e revolución.

          A PLENA ESCURIDADE, OU O BLUFF SURREALISTA

Que me botasen os surrealistas ou que eu mesmo me saíra dos seus grotescos simulacros, esa non é a cuestión desde hai moito tempo. Foi porque estaba canso duna mascarada que durara demasiado que me retirei, convencido polo demais que os surrealistas, no novo marco que escolleran, como en calquer outro, non farían nada, e o tempo e mais os feitos non deixaron de darme a razón.
Que o surrealismo se concerte coa Revolución ou que a Revolución deba facerse por fóra e por cima da aventura surrealista, un se pregunta que pode importarlle iso ao mundo se se lembra a pouca influencia que os surrealistas lograron adquirir nos costumes e as ideas destes tempos.
Polo demais, é que aínda existe unha aventura surrealista e é que o surrealismo non morreu a partir do día en que Breton e os seus adeptos acharon deberen adherirse ao comunismo e procuraren no terreno dos feitos e da materia inmediatra a realización duna acción que normalmente non podía desenvolverse máis que nos marcos íntimos do cérebro.
Eles pensan poderen permitirse burlarse de min cando falo de metamorfose das condicións interiores da alma, como se entendese a alma no senso infecto que eles a entenden e como se do punto de vista do absoluto fóra de menor interese que a armadura social do mundo se vise cambiar das mans da burguesía ao proletariado.
Se os surrealistas realmente intentasen conseguiren iso, cando menos poderían ser excusados. O seu propósito sería trivial e restrinxido, mais, en fin, existiría. Mais, ¿acaso teñen a menor finalidade cara á cal iniciar unha acción?, ¿e cando lles petou formular unha?
¿Acaso sempre se traballa un cunha finalidade? ¿Traballa un con mobéis? ¿Achan os surrealistas poderen xustificar a súa expectativa polo simple feito da consciencia que dela teñen? A expectativa non é un estado de ánimo. Cando non se fai nada, non se corre o risco de romperse a crisma. Mais non é unha razón suficiente para facer falar de si.
Desprezo demasiado a vida para pensar que un cambio calquer que se desenvolvese no marco das aparencias pudiese cambiarlle algunha cousa á miña detestábel condición. O que me separa dos surrealistas é que eles aman a vida tanto como eu a desprezo. O centro das súas obsesións é gozaren en todas as ocasións e por todos os poros. Mais, ¿acaso o ascetismo non é parte da verdadeira maxia, até da máis porca, até da máis negra? Mesmo o gozador diabólico ten o seu lado ascético, certo espírito de maceración.
[...]
Para min o surrealismo non foi mais que un novo tipo de máxia. A imaxinación, o soño, toda a intensa liberación do inconsciente que ten como finalidade facer aflorar á superficie da alma o que por costume ten agachado, debe necesariamente introducir profundas transformacións na escala das aparencias, no valor de significación e o sibilismo do creado. O conxunto do concreto cambia de hábito, de casca, xa non se aplica aos mesmos xestos mentais. O alén e o invisíbel rexeitan a realidade, o mundo xa non resiste.
É entón que se pode empezar a acribillar as fantasmas, a deter as falsas aparencias.
[...]
Canto a adiantar unha simple actitude moral, ¿pódese crer que poida chegar, se esa actitude está marcada pola inercia? O interior do surrealismo condúceo até a Revolución. Ese é o feito positivo. A única conclusión eficaz posíbel (din) e á que un grande número de surrealistas se negaron á adherirse; e aos outros, esa adhesión ao surrealismo, ¿que lles deu?,¿a que lles fixo renunciar? Non lles fixo avanzar un só paso. [...]
O surrealismo morreu do sectarismo imbécil dos seus adeptos. O que queda é unha especie de montón híbrido ao que os propios surrealistas son incapaces de lle pór un nome. Perpetuamente nos lindeiros das aparencias, incapaz de sentar praza na vida, o surrealismo aínda está a buscar o seu termo, pisoteando as súas propias pegadas. Impotente para escoller, para determinarse ben sexa totalmente pola mentira, ben sexa totalmente pola verdade (verdadeira mentira do espiritual ilusorio, falsa verdade do real inmediato mais destrutíbel), o surrealismo persegue ese insondábel, ese indefiníbel intersticio da realidade en que apoiar a súa panca outrora potente, hoxe caída en mans de castrados. Mais as miñas coñecidas debilidade mental e covardía néganse a ver o menor interese en trastornos que non afectarían máis que ese lado exterior. A min paréceme que a metamorfose exterior é algo que só pode darse de por si. O plano social, o plano material cara ao que os surrealistas dirixen as súas pobres veleidades de acción, os seus odios para sempre virtuais, non é para min máis que unha representación inútil e tácita.
Eu sei que no debate actual teño canda min a todos os homes libres, a todos os revolucionarios verdadeiros que pensan que a liberdade individual é moi superior a calquer conquista nun plano relativo.
[...]


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega