O surrealismo. Unha achega documental

Páxina Anterior

Cronoloxía do surrealismo (parte 4ª)

Páxina Seguinte

v1xggsurrealismo013d.html

17 de outubro: exposición de Cadáveres esquisitos na Galerie Surréaliste. A. Breton: Introduction au discours sur le peu de realité; R. Desnos: La liberté ou l'amour. Trostki e Zinoviev excluidos do PC da URRS. Son executados en USA os anarquistas Sacco e Vanzetti, acusados dun asasinato que non cometeron. Comeza a guerra civil entre o Kuomintang e os comunistas en China. Fundación do Partido Nacional Vietnamita e da Federación Anarquista Ibérica (FAI). O cantor de Jazz, primeiro film sonoro.
1928.- Xaneiro-marzo: cinco sesións de "Procuras sobre a sexualidade".

                                             1ª SESIÓN
                                   27 de xaneiro de 1928

BRETON- Un home e unha muller fan o amor. ¿En que medida o home pode percibir o gozo da muller?
TANGUY- Nunha pequena medida
BRETON- ¿Coñece medios obxectivos de apreciación?
TANGUY- Si.
                                   (Non se chega a saber cales)
BRETON- ¿Que pensa Queneau?
QUENEAU- Que non existen medios para iso.
BRETON- ¿Prévert?
PRÉVERT- Depende da muller.
BRETON- ¿Dispón entón de medios obxectivos de aprezación?
PRÉVERT- Si, si, si, si.
BRETON- ¿Cales?
PRÉVERT- (Non responde)
BRETON- ¿Péret?
PÉRET- Ningún medio. ¿E Breton?
BRETON- Só existen medios subxectivos, nos que se pode acreditar na medida en que se confíe na muller que está en causa?
PÉRET- Concordo con Breton.
QUENEAU- ¿En que medida Breton confía nunha muller?
BRETON- Na medida en que a amo. Naville, ¿en que medida, etc.?
NAVILLE- Depende da muller.
BRETON- E nas circunstancias antes apuntadas, ¿poderá constatar o pracer?
NAVILLE- Si, con certeza.
BRETON- ¿Cómo?
NAVILLE- Grazas a diversas ilusións de orde mental.
MORISE- Se se trata de ilusións recoñecidas como tais, non son sinais obxectivos.
NAVILLE- Non acredito nos sinais obxectivos

Nacemento do grupo surrealista belga: C. Goemans, R, Magritte, E.T.L. Mesens, P. Nougué, André Souris, etc. 9 de xullo: incidentes con Artaud despois da representación de Soño de Strindberg. Desnos afástase. 1 de decembro: non se leva a cabo a representacion da obra de Aragon e Breton O tesouro dos Xesuítas. Estes últimos publican conxuntamente: Le cinquentenaire de l'hystèrie. Aragon: Le Traité de Style. Breton: Le surréalisme et la peinture e Nadja. Péret: Le grand jeu. Nacen Joyce Mansour e Vincent Bounoure. Primeiro plan quinquenal na URSS. Salazar sube ao poder en Portugal.
1929.- 11 de marzo, tumultuosa reunión no Bar du Château. Fracasa a tentativa de acercamento entre os surrealistas e os membros de Le Grand Jeu. Outubro, dia un, proxección de Un chien andalou de Buñuel e Dali no Studio 28. 15 de decembro: o Segundo manifesto do surrealismo é publicado no último número de La révolution surrealiste. Ruptura con Baron, Carrive, Desnos, Leiris, Masson, Prévert, Queneau, etc. Adhesión de René Char, Georges Sadoul, Francis Ponge, Luis Buñuel, Salvador Dalí, Roger Caillois, André Thirion, achegamento de Tzara. Suicidio de Jacques Rigaud

Todas as iniciativas, todas as tentativas de evasión, todos os esforzos cara á liberdade, todas as reaccións, todas as revolucións, todas as revoltas, todas as cóleras, todos os odios, non son máis divertidos que a espantosa pallasada en que vos compracedes. É bo ter percibido a existencia dunha orde, ter intentado escapar.
                                                                                     ***

Deixar o libro aberto sobre a mesa, non queimar unha carta, non romper un papel, sobre todo non deitarse no banco. Se fose conveniente, facer unha chamada telefónica -a, as derradeiras. Mais, á hora convenida, todas as cousas no seu sitio, coller o sombreiro, o abrigo, que indica a estación, partir. Partir como se parte cada día, con máis nada que o útil para a xornada.
Desaparecer. Perderse. Perderse na rúa, un taxi, perderse nun taxi. Perderse.
Tomar o metro ou un autobús (primeira clase, nada de exotismos), chegar a un barrio excéntrico (Grenelle, la Villette, etc.), un cuarto. Quedar alá. Alá, de hoxe en adiante aferrarse alá. E logo, non instalarse, aínda é a viaxe: estar instalado. Cada día ten vintecatro horas. Os días parécense, é necesario, sucédense. Esperar. ¿que é o que isto vos pode facer? E ollo ao voso teléfono.

                                                                                     ***
Vós sodes todos poetas e eu estou do lado da morte. Casade, escribide novelas, comprade automóbeis, ¿onde encontrarei a coraxe para me erguer da miña cadeira ou para resistir ao requerimento dun amigo, ou facer hoxe cousa distinta que a de onte? E a miña castidade é absolutamente como unha vella colaxe. Como vós, lóuvome de ser tal como son, sen vontade. A vosa vontade, abonda, perdestes o dereito de xulgarme. Un pouco incómodo é para uso de xentes acedas, mais o tomar partido é propabelmente a única actitude válida. Teño vintedous anos, non tiven un amor desesperado, non teño a sífile.

Nace Jean Schuster. Chirico: Hebdomeros. Éluard: L'amour la poésie. René Crevel: Étes-vous fou?; Dali: Le grand Masturbateur. Buñuel e Dali: L'Âge d'or. Trotski é expulsado da URSS. Crack en Wall Street, inicio da crise económica que só acabará coa Segunda Guerra Mundial.
1930.- 15 de xaneiro, publicase o panfleto Un cadavre, no que Ribemont-Dessaignes, Prévert, Queneau, Vitrac, Leiris, Limbour, Boiffard, Desnos, Morise, Bataille, Baron e Alejo Carpentier contestan aos ataques do Segundo manifesto. 25-30 marzo, Breton, Char e Éluard escriben conxuntamente Ralentir Travaux. O mesmo día que se suicida Maiakovski, o 14 de abril, Breton recibe o seguinte telegrama do Buró internacional de literatura revolucionaria : "O Buró internacional de literatura proletaria roga responder pregunta seguinte. Cal será vosa posición se imperialismo declara guerra aos soviets. Stop. Enderezo Apartado Correos 650 Moscova". Xullo: aparición de Le surréalisme au service de la révolution. 6-15 de novembro: participación de Aragon e Sadoul no congreso de Kharkov. 3 de decembro: incidentes durante a proxección de L'Âge d'or no Studio 28. Nace Jean-Pierre Duprey. Aragon: La peinture au défi. Breton e Éluard: L' Inmmaculée Conception.

                                                  ENSAIO DE SIMULACIÓN DA DEBILIDADE MENTAL

Entre todos os homes de vintecatro anos, recoñecín que para se elevar ao rango de home de ben, non era necesario ter máis consciencia do seu valor que a que eu tiña. Hai tenpo sostiven que a virtude non era estimada, e que meu pai tiña razón cando quería que me elevara por cima dos seus conxéneres. Non entendo en absoluto que se entregue a cruz da Lexión de Honra a personalidades estranxeiras de paso por Francia. Acho que esa condecoración debería reservarse aos oficiais que fixeron actos de valentía e aos enxeñeiros de minas que saen da Escola Politécnica. Con efecto, o Grande Mestre da Orde de Cabalaría non debe ter siso para recoñecer o mérito alá onde non existe. De todas as distincións, a de oficial é a máis afalagadora. Mais un non pode estar sen o seu diploma. Meu pai deu aos seus cinco fillos, nenos e nenas, a mellor instrución e unha boa educación. E non o fixo para que aceptasen un exemplo sen retribucoión nunha administración que non paga. [...] Escribín ao presidente da república unha carta
secreta en papel de oficio para lle pedir unha entrevista. A escuadra do Mediterráneo cruza neste momento ao longo de Constantino, mais o almirante concede demasiados permisos. Un soldado axoénllase en van por humildade perante o seu superior, a orde é a orde. A disciplina gaña cando o xefe é xusto mais firme, non se conceden galóns porque si ou de calquer modo e o marechal Foch merecía sen dúbida ser o marechal Foch. [...] Son eu quen debeu amputar a muller do sexo do home baixo o pretexto da cirurxía estética. Estou máis acabado que un folletín. Ninguén se tomaría o traballo de causarme traballo. Son fraco como unha cepa á sombra da súa única folla. Son verdadeiramente calquer, arrástrame sobre as muletas da miña fiestra, deberían reducirme a golpes de chifrre, deberían facerme o enorme favor de pasarse o meu pé baixo a mesa.

Desnos: Corps et biens; Péret: L'ange garde chiourne.
1931.- Novembro: Aragon publica "Font Rouge". Inicio do "Affaire Aragon". Proclamación da República Española. Proclamas contra a Exposición colonial e a favor da queima de igrexas e conventos en España. Breton: L'union libre.

                                                       NON VISITEDES A EXPOSICIÓN COLONIAL

En vésperas do primeiro de maio de 1931 e na antevéspera da inauguración da Exposición Colonial, é arrestado pola policía francesa o estudante indochinés Tao. Para atacalo, Chiappe* sérvese da falsificación e da carta anónima. Fáisenos saber, despois do tempo necesario para previr calquer axitación, que tal arresto, anunciado como preventivo, non é máis que o preludio da expulsión a Indochina. ¿O delito de Tao? Ser membro do Partido comunista, que non é de feito un partido ilegal en Francia, e atreverse a manifestarse diante do Elíseo contra a execución de coarenta anamitas.
A opinión mundial conmoveuse en van pola sorte dos dos condenados a morte Sacco e Vanzetti. Se Tao é abandonado ao arbitrio da xustiza militar e da dos mandaríns, non hai garantía algunha para a súa vida.
Erguer o pano de maneira tan bela era precisamente o que lle facía falta, en 1931, á Exposición colonial.
A idea do bandidismo colonial (a palabra era brillante e a penas de abondo forte), esta idea que data do século XIX, é daquelas que non seguiron o curso debido. Empregouse o diñeiro excedente para mandar a África e a Asia naves, pás e zapas, grazas as cales hai alí finalmente con que traballar por un salario; e tal diñeiro nolo presentan como un donativo feito aos indíxenas. É, pois, natural, preténdese, que o traballo daqueles millóns de novos escravos nos dera os montes de ouro que están en reserva nos subterráneos do Banco de Francia. Mais, que o traballo, forzoso -ou libre - presida este monstroso intercambio; que os homes cuxos costumes -que tratamos de coñecer a través de testemuños raramente desinteresados- é lícito supór que menos pervertidos que os nosos, e é dicir pouco, e que están talvez iluminados como xa non o estamos nós a propósito dos verdadeiros fins da especie humana, do saber, do amor e da felicidade humana; que tales homes dos que, se outra cousa non, nos distingue a nosa cualidade de brancos e que nós, homes sen cor, chamamos homes de cor, se visen obrigados en 1914, polo só poder da metalurxia, a facerse esburacar a pel por un vilísimo monumento funerario colectivo -esta foi polo demais, se non nos equivocamos, unha idea francesa e respondía a un cálculo francés-, eis o que nos permite inaugurar tamén a nós e ao noso modo, a Exposición Colonial e considerar aves de rapina todos os encubridores de semellante empresa.[...]
Puidemos ler en París, hai uns días, un manifesto non mutilado no que Jacques Doriot era presentado como responsábel das matanzas de Indochina. Non mutilado.
O dogma da integridade do territorio nacional, invocado para dar a tales matanzas unha xustificación moral, baséase nun xogo de palabras insuficientes para facer esquecer que non pasa unha semana sen que se derrame sangue nas colonias.
[...]
Aínda que non lles praza ao escandaloso Partido socialista e á xesuítica Liga dos Dereitos do Home, sería un pouco forte que nos distinguiramos entre os bos e os maus modos de colonizar. Os pioneiros da defensa nacional en réxime capitalista, co inmundo Boncour á fronte, poden sentirse orgullosos do Luna-Park de Vicennes. Todos aqueles que se negan a seren os defensores das patrias burguesas saberán opór ao gosto daqueles polas festas e a explotación, a actitude de Lenin que, o primeiro ante todos os principios deste século, recoñeceu nos pobos coloniais os aliados do proletariado mundial
Aos discursos e ás execucións capitais respondede esixindo a evacuación inmediata das colonias e denunciando os xenerais e os funcionarios responsábeis das matanzas de Anam, do Líbano, de Marrocos e da África central.

Adhesión de Victor Brauner. Breton: Union libre. Prévert: Tentative de description d'un dîner de têtes à Paris-France. Dali: L'amour et la memoire. Xapón comeza a conquista de Manchuria.
1932. -16 de Xaneiro, despois da publicación de "Front Rouge" Aragon é inculpado diante da xustiza por incitación á desobediencia dos militares e provocación ao asasinato. Marzo, Bretron defende a Aragon en Miseria da poesía, "l'affaire Aragon" devant l'opinion publique. Aragon desautoriza a publicación e rompe co surrealismo. 30 de abril, René Crevel publica Le clavecin de Diderot

                                             CHANTAXES Á POESÍA

Antes da súa quebra definitiva, as grandes compañías relixiosas -¡ei!, tanto a compañía de Xesús como a Compañía do Gas- recorreron a todos os medios, a todas as publicidades.
O Clero modernizouse, púxose ao gosto do día. Así o abade Violet arremanga as súas saias e , con pé vigoroso, vén ao Club do barrio a discutir a xogada. ¿E necesario que a mocidade se absteña? O meu cura vai á casa dos ricos (evidentemente), á casa dos pobres (góstalle menos), onde os deportistas e, mesmo (di el) a casa dos poetas. Cando non pode, ou non se atreve, ou non quere, ou non se digna a perturbarse persoalmente, envía á súa monxa laica. A máis famosa destas visitas foi a casa do esteta. No seu recibidor, literatura e relixión intercambiaron credenciais. Decidiron facer unha pequena exhibición. O recén convertido deu réplica ao tomista. Houbo, pois, un tam-tam que valía ben todas as historias de colares perdidos, nos taxis, por vedettes en decadencia.
Como por outra parte, a palabra místico fora restaurada de novo, mediante diversas falcatruadas converteuse na variña máxica. Á maneira do prestixitador, eis este siloxismo:
Místico = home relixioso
Home que rexeita reconciliarse co mundo e as súas iniquidades = místico
xa que logo = Home relixioso.
Así, até nas blasfemias, se ve a expresión da fe. O iconoclasta foi baptizado místico en estado salvaxe e, mediante este epíteto, pasaron, como cartas de correos, contrasentidos e fraudes maiores que, por outra parte, xa probaran que saben distinguirse os señores bempensantes da arte e da literatura que finxen interesarse por obras subversivas, só para baleiralas do seu miolo, colocarlles un tutor, xustamente de madeira mística, compracente cos volúbeis de conformismo glosador.
É a grande tradición claudeliana, cuxo mastigar diplomático-partidario-do-bon-deus, desde hai anos, se esforza en converter (fan votar aos mortos) a Rimbaud en bola de caucho moi católica.
Cando lle preguntaron a súa opinión sobre o surrealismo, o poeta-embaixador (porque era un asunto de vivos e non podía beatificar a pesar deles) respondeu cunha grosería.
Polo resto, o surrealismo, ráfaga de ar, esta feito para, desde a súa primeira frase, asustar as ras de pía de auga bendita, xa sabedes, esas pequenas bestas sen corazón, sen bazo, sen papo, sen pulmóns e que respiran pola pel, preferentemente a do cu, pois así, elas se respiran a si mesmas no que teñen de máis característico. Estas queridiñas non escaparon ao contaxio do modernismo e inventaron a poesía pura, que acabou, para rexuvenecelos, en oración, é dicir, en rabo de cágado. O calificativo, trazo á vez evanxéllico e químico, significara que ouviran apostar en diversos cadros. Desde hai moito tempo, a Relixión comprácese en crer qure, na persoa de Pasteur, anexionara a ciencia. No terreno da poesía, tiña a Verlaine. Con todo, o pobre Lelian era demasiado porco. Entón, o abade Brémond, crupier da grande ruleta-partidaria-de-deus, pretendeu pór no seu xogo, no seu peto, toda a poesía. Esta falcatruada valeulle un creto de finura e modernismo, compartindo unha gloria que, en cen anos, dará orgullosa idea da época cando se follen as coleccións dos nosos xornais e revistas literarias.
Sen dúbida, as opinións dos laicos oficiais e semioficiais non valían máis que as banalidades do todo mesturado vestido con saias. Para Paul Souday, por exemplo, a cousa escrita, prosa ou verso, debía, antes de nada, ter como fin a diversión do home honrado. Así, continuaba a ver na poesía só unha aparencia a modo de péndulo.
Dun artigo de Thibaudet, na N.R.F. do 1 de xaneiro de 1932 (¡as queridas!), titulado
Un idealista de provincia, consagrado a Béraud, tiro estas liñas:
"Lamartine introduciu en Francia unha política dos poetas e unha poesía da política. E o sal da políticia, ou a súa alma, son os poetas. Barrès e Maurras son os poetas da política de dereita. ¿E a esquerda? Ela ten, ela procura e non encontrara, se non encontrase. Un día que, nunha recepción oficial, a señora de Noialles ía de ganchete do señor Herriot, o señor Painlevé, que é matemático mais fino, designounos aos seus veciños con estas palabras: dous poetas. Será, por outra parte, unha das glorias da señora de Noailles ter expresado no século XX, entre Jaurès e Barrès, algo deste principio xeneroso da poesía, desta presenza da corrente lamartiniana na vida política francesa".
Porque aclara esta media páxina, é necesario citar esta frase do final do artigo do señor Thibaudet:
"No Senado, Béraud encarnaba con brillo, orixinalidade e invención o mellor da República, un movemento, un vínculo, un diálogo entre tres rostros da República que eu chamaría República dos procuradores, República dos profesores, República das ideas".

Breton, Les vases communicants e Le revolver à cheveux blancs. Tzara: Oú beuvent les loups. Éluard: La vie inmediate
1933.- 15 de maio, aparición simultánea dos números 5 e 6 de Le surréalisme au service de la révolution. 1º de xuño, colaboración dos surrealistas na revista Minotaure. Decembro, aparición en Bruxelas da plaquette "Violette Nozières", os surrealistas defenden unha xove parricida violada polo seu pai. Proclama: La mobilisation contra la guerre n'est pas la paix. (Si voulez la paix, preparez la guerra civil). Exposición surrealista en París:

É necesario visitar a exposición surrealista

Obxectos desagradábeis, cadeiras, deseños, sexos, pinturas, manuscritos, obxectos a cheirar, obxectos automáticos e inconfesábeis, madeiras, estucados, lembranzas intra-uterinas, elementos de soños proféticos, desmaterializacións de desexos, lentes, uñas, amizades de funcionamento simbólico, cadros, deteorizacións de chimenés, libros, obxectos usuais, conflitos taciturnos, mapas, mans, busto de muller retrospectivo, salsichas, cadáveres esquisitos, palacios, martelos, libertinos, parellas de bolboretas, perversións de oídos, melros, ovos ao prato, culleras atmosféricas, farmacias, retratos falidos, pans, fotos, linguas.
¿Lembrades aínda a época en que a pintura era considerada como un "fin en si"?
Nós superamos o período dos exercicios individuais.
Outra cousa é a autoridade. Esta, a pintura surrealista soubo adquirila a despeito de todo oportunismo persoal.
O tempo pasa.
Polo carácter afectivo das vosas citas.
Polas procuras experimentais do surrealismo.
Non queremos reconstruír arcos. Partidarios sinxelos do mellor, procuramos embelecer un pouco, física e moralmente, a fisonomía de París.
Virando as costas aos cadros.
A palabra delito non foi, en xeral comprendida.
¿Lembrádevos?

Xuño 1933

Suicidio de Raymond Roussel en Palermo. Hitler no poder. Os nazis imponen a cruz gamada como emblema nacional de Alemaña. Alemaña e Xapón abandonan a Sociedade de Nacións. Franklin D. Roosevelt inaugura o "New Deal". Breton: Le message automatique. Crevel: Les pieds dans le plat. Jean Vigo: Zéro en conduite, film.
1934.- 5 de febreiro, acusado de hitlerismo, Dali evita a expulsión grazas a unha bufonada. 20 de xullo, René Char publica Le martreau sans maître. 14 de agosto, Breton casa con Jacqueline Lamba. 21 de agosto, Éluard casa con Nusch. Formación do grupo surrealista de Praga. Char toma distancias, chega o canario Óscar Domínguez. Appel à la lutte, declaración do grupo despois dos incidentes provocados pola extrema dereita o 6 de febreiro. Fundación do comité de Vixilancia dos Intelectuais promovido polos surrealistas. Nace o pintor Jorge Camacho. Hitler liquida as SA de Roehm. Asasinato do chanceler austriaco, de extrema dereita mais antinazi, Dollfus polos nazis. Asasinato do xeneral Kirov na URSS. Breton: L'air de l'eau, Point de Jour; Éluard: La rose publique; Péret: De derrière les fagots

                                                                                MIL VECES
                              Entre os restos da fábrica de gas
                              encontrarás unha tableta de chocolate que fuxirá cando te aproximes
                              se corres tan rápido como un tubo de aspirinas
                              irás lonxe detrás do chocolate
                              que perturba a paisaxe
                              ao xeito dun zapato furado
                              sobre o que se chimpa un capote de viaxe
                              para non abraiar os paseantes co espectáculo desa nudez
                              que fai ranxer os dentes das caixiñas de po de arroz
                              caer as follas das árbores como as chimenés das fábricas
                              E o tren pasa sen parar diante dunha pequena estación
                              porque non ten nin fame nin sede
                              porque chove e non ten paraugas
                              porque as vacas aínda non retornaron
                              porque a estrada non é segura e non gosta
                              de encontrar bébedos ou ladróns ou polis
                              Mais se as cotovías fan a fieira na porta das cociñas
                              para se faceren asar
                              se a auga recusase cortar o viño
                              e se eu tivese cinco francos
                              habería algo novo baixo o sol
                              habería moletes que esfarelarían as casernas da xendarmería
                              habería sementes de barba onde os pardais cultivarían vermes de seda
                              habería na palma da miña man
                              un pequeno farol frío
                              dourado como un ovo ao prato
                              e tan lixeiro como a sola dos meus zapatos voaría como un nariz fai
                              de modo que o fondo do mar sería unha cabina telefónica
                              desde onde ninguén nunca conseguiría ningunha comunicación

                                                                      ******************************

                              Pixa nosa que estás na cona
                              Que o noso cu sexa furado
                              Que se vacíen os collóns
                              Así na boca e noutros lugares
                              Dános a nosa mamada de cada día
                              E sobade as nosas nádegas
                              Así como nós as beixamos aos que sobamos
                              E metédenos ben fondo a lanza
                              Así sexa pixa

 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega