O surrealismo. Unha achega documental

Páxina Anterior

Cronoloxía do surrealismo (parte 5ª)

Páxina Seguinte

v1xggsurrealismo013e.html

1935.-14 de febreiro, Alberto Giacometti é excluído do grupo. Fins de marzo-abril, Viaxe a Praga, para inaugurar a Exposición internacional do Surrealismo, de Breton e Éluard. Maio, exposición internacional do surrealismo en Santa Cruz de Tenerife coa presenza de Breton e Péret.

Situados nestes momentos do mundo, de loita, de organización de masas, de verdadeiras forzas colectivas impulsadas polas máis escuras necesidades internas sobre todos os mitos individuais, momento en que o "iso" -o ancestral e colectivo se coloca en franca loita co "eu" -o consciente e persoal- cabería formular esta pregunta que se fai nestes momentos a psicoloxía, é dicir: ¿Non poderá suceder que a humanidade estexa pasando por momentos psicolóxicos de verdadeiro contaxio colectivo en que se borran as adquisicións individuais, momentos en que o inconsciente social se coloca en primeiro termo? E esta pregunta -sen formularse- pode quedar contestada perfectamente polo manifestado por André Breton na conferencia do Ateneo de Santa Cruz de Tenerife: "Vivimos nunha época en que o home se pertence menos que nunca; non é sorprendente que tal época, na que a angustia de vivir alcanzou a súa máxima altitude, vexa abrirse na arte as grandes esclusas. O artista á súa vez comeza a abdicar da personalidade á que era antes tan cioso. Está, xa que logo, en posesión das chaves dun tesouro, mais este tesouro non lle pertence e devenlle por sorpresa case imposíbel de apropialo para si: este tesouro non é outro que o tesouro colectivo" . E é necesario facer notar que esta posición de Breton é aínda máis avanzada que a sostida por Malraux, que di: "O traballo dun artista ocidental consiste en crear un mito persoal a través dunha serie de símbolos". Pois ben -continúa Breton- "Non se trata da creación dun mito persoal, senon da creación dun mito colectivo". Entón, ¿a arte, como manifestación do artista -home- , con todos os seus problemas é un medio para fins comúns? "Si. Toda a evolución da arte nolo garante. Por iso a arte non debe perder de vista que o seu obxecto máis vasto é o de 'revelar á consciencia os poderes da vida espiritual' [....] A obra de arte non é válida senón en tanto fai pasar por ela os reflexos tremorosos do futuro"
[...] O Surrealismo coloca o "iso" sobre o "eu". O instintivo fronte ao consciente. As forzas ancestrais e reprimidas como expoñentes da verdadeira realidade interna, como íntima manifestación, como exacta aportación psíquica, para a construción dun mundo de representacións máis sincero, máis auténtico, máis persoal. Loita contra as barreiras da consciencia, contra a censura dunha orde moral estabelecida, agrupando e seleccionando de maneira voluntaria as aportacións subsconscientes con auxilio de "estímulos" reais para, no libre xogo das percepcións internas e externas, anular a misión fiscalizadora do "eu". [...]
Se observamos nestes momentos a paisaxe cultural de España, temos de recoñecer que -agás contadas excepcións- todo aquel movemento de vangarda alentado por "Gaceta literaria", e no que estaba enrolada toda a mocidade española, convérteuse, por falta de firmeza ideolóxica, en empresas xornalísticas de tipo comercial, confesional, etc. Faltou naquel momento, tráxico, decisivo, perfilar accións e vontades, alguén que se colocase por cima da voráxine da época, de aquel liquidar e edificar "ismos", e soubese ver o que entón foi imposíbel. Que o movemento surrealista non era un "ismo" máis naquela hora decisiva do naufraxio [...]
Quen, como Giménez Caballero, non soubo descobrir a súa entrañábel significación, senón que continuou até os derradeiros momentos de "Gaceta Literaria" apoiando e propagando o surrealismo como un movemento "dadaísta" de provocación e inxuria, vén nestes momentos de España, dunha España en mans da reacción, a alentar un espírito fascista nas mocidades españolas, amaparándose naquela autoridade que adquiriu desde a súa posición literaria de vangarda. [...]
Todos os mercaderes das máis anticuadas mercadorías danse cita na capital de España. Aí esta "Cruz y Raya", desenterrando as exhaustas entrañas dunha tradición, enmascarando formas e expresións avanzadas tras unha carauta de catolicismo intelectualizado co que pretende afogar o sentido revolucionario do noso tempo [...] E o máis lamentábel é o analfabetismo de Alberti, que ten en Francia su paralelo en Louis Aragon, que foi ao congreso de Moscova a contarmos se se veste deste ou do outro xeito [...] . Alberti, que permite publicar as súas obras literarias nunha editorial católica, facendo unha profesión revolucionaria en poesía, sen saber que era na orientación de "Sobre los Angeles" onde estaba a entrada a unha poesía autenticamente revolucionaria. [...] atrás queda esa xeración do 98 servindo á política máis reaccionaria, sementando o seu pesimismo habitual entre a mocidade. Negamos todo este panorama confuso, duns e doutros, erguendo unha bandeira que condensamos nas seguintes conclusións:
Contra a guerra, como unha solución que ten o capitalismo para resolver as súas contradicións económicas e sociais.
Contra o fascismo, forma política que toma a clase burguesa na última etapa do seu derrubamento definitivo.
Contra a patria, que divide os homes, enfrontándoos como inimigos, no asasinato da fraternidade humana.
Contra a relixión, tiránica espiritual e económica, posta ao servizo dos explotardores para dilatar a chegada dunha nova hora colectiva.
Contra a arte de propaganda, posta ao servizo de calquer idea política. A arte ten revolucionariamente unha misión que cumprir dentro de si propia.
Contra a indiferenza política e a inercia social dos escritores que contribúen a escravizar o home, sen tomar posicións para a súa liberación.
Contra toda a arte de resurección de valores mortos, os neos e demais alcumes con que se encobre unha indixencia doutrinal.

André Breton, Agustín Espinosa, Pedro García Cabrera, Domingo López Torres, Benjamin Péret, Domingo Pérez Mink e Eduardo Westerdhal.
"Boletín internacional del surrealismo", nº 2, Santa Cruz de Tenerife, outubro 1935

18 de xuño, suicidio de René Crevel. 25 de xuño, no Congreso de escritores para a defensa da cultura, Éluard le un discurso de Breton, a quen lle prohibiron a palabra. Agosto, declaración colectiva "Do tempo en que os surrealistas tiñan razón", que marca a ruptura definitiva co comunismo oficial. Fundación de Contre-Attaque (unión de intelectuais contra o fascismo).

                                        CONTRE-ATTAQUE
          UNIÓN DE LOITA DOS INTELECTUAIS REVOLUCIONARIOS
I.           RESOLUCIÓN.

1º Violentamente hostís a calquer tendencia, baixo calquer das súas formas, que controle a revolución en proveito das ideas de nación ou de patria, dirixímonos a todos aqueles que, por todos os medios e sen reservas, están decididos a derrubar a autoridade capitalista e as súas institucións políticas.
2º Decididos a vencer e non a discutir, consideramos eliminado a todo o que sexa incapaz de esquecer unha fraseoloxía política sen saída e de pasar a unhas consideracións realistas.
3º Afirmamos que o réxime actual debe ser atacado cunha táctica renovada. A táctica tradicional dos movementos revolucionarios só serviu aplicada á liquidación das autocracias. Aplicada á loita contra os réximes democráticos, levou por dúas veces ao desastre ao movemento obreiro. A nosa tarefa esencial e urxente é a constitución duna doutrina resultante das experiencias inmediatas. Nas circunstancias que vivimos, consideramos criminal a incapacidade de tirar licións da experiencia.
4º Somos conscientes de que as condicións actuais de loita esixirán de todos aqueles que estexan decididos a se apoderaren do poder unha violencia imperativa non inferior a calquer outra, sexa cal for a nosa aversión cara ás diferentes formas da autoridade social, non retrocederemos perante esta necesidade ineluctábel, así como tampouco perante todas aquelas que as consecuencias da acción que emprendemos poidan impornos.
5º Xa neste momento afirmamos que o programa da Frente Popular, cuxos dirixentes acadarán probabelmente o poder no marco das institucións burguesas, esta abocado ao fracaso. A constitución dun goberno do pobo, duna dirección de saúde pública, esixe unha infexíbel ditadura do pobo armado.
[...]
7º A unión corresponde a marxistas e non marxistas. Ningún dos puntos esenciais da doutrina cuxa elaboración asume como tarefa está en contradicción coas bases fundamentais do marxismo, a saber:
-A evolución do capitalismo cara a unha contradición destrutora.
-A socialización dos medios de producción.
-A loita de clases como factor histórico e como fonte de valores morais esenciais.
11º Non nos sentimos movidos por ninguna hostilidade de asceta contra o benestar dos burgueses. O que queremos é facer compartir o benestar a todos os que o produciron. En primeiro lugar, a intervención revolucionaria debe acabar coa impotencia económica: aporta consigo a forza, o poder total, sen os cales os homes continuarán condenados á producción desordenada, á guerra e á miseria.
[...]
14º Sen a menor reserva, a Revolución debe ser completamente agresiva, só pode ser totalmente agresiva. Como o demostra a historia dos séculos XIX e XX, pode ser desviada a favor das reivindicacións agresivas dun nacionalismo oprimido; mais pretender encerrar a Revolución no marco nacional dun país dominador e colonialista, só demostra a insuficiencia intelectual e a timideza política dos que emprenden ese camiño. A revolución levantará os homes pola súa profunda significación humana, pola súa significación universal, e non por unha apoucada concesión ao seu egoísmo, ao seu conservadurismo local. Todo canto xustifica a nosa vontade de erguernos contra os escravos que gobernan, interesa a todos os homes da terra sen distinción de cor.

Adhesión de W. Paalen. Nacen K. Klapheck e Jean-Claude Silbermann. Inicio dos procesos de Moscova e aparición do "estakhanovismo". A Italia fascista ataca Etiopía. Alianza franco-soviética. Éluard: Facile. Raymond Roussel: Comment j'ai écrit certains de mes livres (póstumo). Unha noite na ópera, filme dos Irmáns Marx.
1936.- 11 de xuño-4 de xullo, exposición internacional do surrealismo en Londres. A Frente Popular francesa gaña as elecións. A Frente Popular gaña as eleccións en España en febreiro, En xullo, levantamento fascista en España contra o goberno republicano.

NON EXISTE LIBERDADE PARA OS INIMIGOS DA LIBERDADE
                                                                                     Robespierre

As guarnicións do Marrocos español e algunhas dIivisións metropolitanas rebeláronse, tropas africanas tentan desembarcaren en Alxeciras. Toda a España obreira érguese unánime contra a tempestade fascista. Os mineiros de Riotinto parten cara a Sevilla rebelada, escoltados por camións cheos de dinamita. Os mineiros ocupan o desfiladeiro de Despeñaperros para barraren o camiño ao exército andaluz. Madrid ameazado será defendido polos valentes combatentes de Outubro vidos de Asturias.
A Frente Popular comprende agora o que custa administrar o inimigo de clase: o goberno distribúe finalmente armas ás masas obreiras. Os milicias rapidamente constituídas patrullan e vixían.
O goberno francés da
Front Populaire, que administrou o inimigo fascista máis que o de España, ¿comprenderá que está ameazado polo mesmo perigo? ¿Até cando os partidos que a apoian van descoidar armar a clase obreira?
Hai, porén, unha medida de solidariedade que se impón urxentemente. Diferila sería unha debilidade, con desprezo de toda prudencia, de toda xustiza, de todo pudor:
Gil Robles, o home do fascismo español, refuxiouse en Biarritz.

DETEDE A GIL ROBLES.
                                                                                20 de xullo de 1936


¿NEUTRALIDADE? ¡ESTUPIDEZ, DELITO, TRAIZÓN!

A política de neutralidade, instaurada polo ministerio francés de Asuntos Exteriores, comeza a dar os seus froitos de amargura e cinsa: xa o fascismo se apunta un primeiro e sangrento revés da frente Popular.
Con respecto á Frente Popular en loita pola liberdade do Ocidente, a neutralidade que mantén o goberno francés equival á aplicación de sancións máis rigorosas que as que coñeceu a Italia fascista despois de violar os seus compromisos para poder submeter a Etiopía. ¿Por que este escarño da solidariedade que liga, pola vida e pola morte, ás dúas democracias de Francia e España?
Querer impedir agora que se constitúan en Europa dous bloques hostís revela unha concepción política en retardo de cando menos quince anos. Os dous bloques xa son realidade, non só sobre o papel, senón, o que é moito máis grave, nos espíritos. Hoxe, a metade nacionalista de Francia, envelenada por unha prensa a soldo, está, conscientemente ou non, gañada para o fascismo e lista para prostituírse a Hitler ou a Mussolini. Se a Frente Popular, que pretende gobernar, continúa a contemporizar cos seus inimigos internos e sancionando imperiosamente os seus amigos do exterior, o día de mañá, a "Francia" do pasado e da morte pode esperar reducir e anular á Francia da esperanza e da vida -da esperanza e da vida que non recoñecen fronteira ningunha. Non só son dúas Españas as que hoxe se estrangulan entre si.
¡Recapacita, Frente Popular! ¡Lánzate en apoio da Frente Popular española! ¡Non máis con discursos e mocións, senón con voluntarios e material!
¡Renóvate, Frente Popular! ¡Afasta de ti a todos os parvos e traidores! Emprende, sen esperar máis, unha depuración despiadada!. Lembra a advertencia de Saint-Just: "A revolución está no pobo e non na reputación dalgunhas personaxes".
¡Frente Popular! ¡Organiza urxentemente as masas! ¡Constitúe, adestra e arma as milicias proletarias, sen as cales non es máis que unha fachada! Chegou o momento de tirar proveito do vello argumento dos teus adversarios: ¡a afirmación concreta da forza é o primeiro garante da seguridade!

Agosto, 1936

Péret en España no fronte de Aragon, nas Brigadas do POUM, despois nas anarquistas. Setembro, declaración pública e folleto condenando o proceso de Moscova, Paul Éluard non figura entre os asinantes. Alemaña ocupa militarmente Renania. Breton: A verdade sobre os procesos de Moscova; Éluard: Les mais libres; Péret, Je ne mange de ce pain-là.
1937.- Apertura da Galeria Gradiva. Abril: Benjamin Péret retorna a Francia. 9 de octubro, conferencia de André Breton sobre o humor negro. Exposición internacional do surrealismo en Xapón. Primeiras relacións co pintor chileno Roberto Matta e Leanora Carrigton. Artaud é internado. Segundo proceso de Moscova. Agresión xaponesa contra China. André Breton, L'amour fou. Éluard: Les mains libres, L'évidence poétique

                                             A EVIDENCIA POÉTICA
                                                       (fragmento)

Hoxe, a solidade dos poetas, desaparece. Eis que son homes entre os homes, eis que teñen irmáns.
Hai unha palabra que me exalta, unha palabra que nunca puiden ouvir sen que un grande estremecemento unha grande esperanza, a máis grande, capaz de vencer as potencias da ruína e da morte que esmagan os homes. Esa palabra é fraternización (fraternisation).
En febreiro de 1917, o pintor surrealista Max Ernst e mais eu encontrabamos na frente, a un quilómetro a penas un do outro. O artilleiro alemán Max Ernst bombardeaba as trincheiras onde eu, soldado da infantería francesa, montaba garda. Tres anos despois eramos os mellores amigos do mundo e loitabamos xuntos, encarnizadamente, pola mesma causa, a da emancipación total do home.
En 1925, ao principio da guerra de Marrocos Max Ernst sostiña comigo a consigna de ffraternización do Partido Comunista Francés. Afirmo que entón se preocupaba de cousas que lle afectaban na medida en que en 1917, no meu sector, virase obrigado a preocuparse de cousas que non lle afectaban. ¿Por que non nos fora posíbel, durante a guerra, dirixirmos un ao outro, tendéndonos a man espontaneamente, violentamente, contra o inimigo común: a Internacional do proveito?
"¡Oh, vós que sodes meus irmáns porque teño inimigos!", dixo Benjamin Péret.
Contra estes inimigos, mesmo nos límites extremos do desalento do pesimismo, nós nunca estivemos sós. Todo, na sociedade actual, levántase ante cada un dos nosos pasos para nos humillar para nos facer virar para atrás. Mais nós non perdemos de vista que é porque nós somos o mal, o mal no sentido en que o entendía Engels, porque con todos os nosos semellantes cooperamos á ruína da burguesía, á ruína da súa beleza e a súa bondade.
Aquilo contra o que combatemos xuntos, é precisamente aquel ben, aquela beleza suxeitos ás ideas de propiedade, de familia, de relixión, de patria. Os poetas dignos deste nome rexeitan, como os proletarios, deixárense explotar. A verdadeira poesía está contida en todo o que non se conforma con esta moral que, para manter o a súa orde, o seu prestixio, só sabe construír bancos, cuarteis, prisións igrexas, bordeis. A poesía verdadeira está contida en todo o que libera o home de todo aquel ben espantoso que ten a cara da morte. Está tanto na obra de Sade, de Marx ou de Picasso como na de Rimbaud, na de Lautrémont ou de Freud. Está na invención da radio, na expedición do Cheliuskin, na revolución de Asturias*, nas folgas de Francia e de Bélxica. Pode estar tamén na fría necesidade, a de coñecer ou comer mellor, como no gosto polo maravilloso. Desde hai máis de cen anos, os poetas desceron dos cumes nos que coidaban se encontraren. Baixaron ás rúas, insultaron aos seus patróns, xa non teñen deuses atrévense a beixar na boca a beleza e o amor, aprenderon os cantos de revolta da multitude infeliz e, sen descanso, tentan ensinarlle os seus.
Pouco lles importan os sarcasmos e os risos,xa están afeitos. Mais agora están seguros de falaren para todos. Teñen a súa propia consciencia da súa parte.

*
Despois, na maravillosa defensa do pobo español contra os seus inimigos.


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega