O surrealismo. Unha achega documental

Páxina Anterior

Cronoloxía do surrealismo (parte 6ª)

Páxina Seguinte

v1xggsurrealismo013f.html

1938.- Xaneiro-febreiro, exposición internacional do surrealismo. O Dicionario abreviado do surrealismo serve como catálogo. Abril-xullo, viaxe de Breton a México e encontro con Leon Trostki: Por unha arte revolucionaria independente. Hitler anexiona Austria. Terceiro proceso de Moscova. Munich: as democracias ceden ante as ditaduras Breton-Éluard: Dictionnaire abrégé du surréalisme. N. Calas: Foyers d'incendie.

                                                                           FOYERS D'INCENDIE
                                                                                (fragmento)

ORACIÓN E POESÍA. Teoricamente quedáballes outro camiño a seguir*, mais este conduciríaos lonxe da revolución; quedáballes o camiño relixioso pois tamén a relixión outorga satisfaccións á vida emotiva. Se o revolucionario vai contra o suicidio é porque darse morte é capitular perante o obstáculo. O suicidio marca o fracaso do desexo. Se o sacerdote detesta o desexo tanto como o revolucionario, é porque suicidarse é recoñecer explicitamente a primacía do material sobre o espiritual. Evidentemente, o crente non admitirá esta explicación, pois non admite probas contra Deus. O sacerdote fai todo o posíbel para ocultar este aspecto da súa ética da vida e nunca logra facelo tan perfectamente como cando di aos crentes que non deben rexeitar a vida que lles foi dada por El. Mais isto só é unha contraverdade, semellante a aquela de que se serve o soño para expresar unha cousa que di coa axuda do seu contrario. Non é Deus quen nos deu a vida e como a vida non provén dun acto voluntario, non pode ser "dada", mais se non é dada, non podemos ter obriga cara quen queira que sexa, pois non hai tal donador de vida. Non obstante, isto non é así para o crente, pois para el a vida é dada, enxendra unha obriga. Para o crente, a vida é deber e non desexo e o pracer convértese en cárrega, xa que o fin do deber non pode ser o pracer. Porque levamos o comportamento revolucionario e o comportamento relixioso á súas extrema consecuencia lóxica -que a súa actitude cara á negación afectiva da vida, ante o sucidio-, puidemos descubrir a esencia da contradición entre o segundo elemento da relación desexo e milagre e desexo e revolución. Para o que cre en Deus orar non é desexar, é, pola contra, un deber, é dar grazas. A relixión non pode ser unha ética do desexo pois sacrifica o desexo polo deber. Orar non é soamente afastarse da transformación do obxecto, é tamén negar o desexo. Esta consecuencia da actitude relixiosa foi moi ben esclarecida por filósofos árabes como Acampace e sobre todo por Abu Bacer, que concibe a conquista como unha fuxida do mundo, como unha sorte de desasimento do mundo sensíbel por graus sucesivos. Para el, o home sepárase, en primeiro lugar, da sociedade, despois da natureza, e por último das formas.
Xa exprese o desexo ou a oración, a enerxía liberada polo ser mesmo condúceo, con relación ao obxecto, en dúas direccións diferentes. O desexo diríxeo cara á transformación do obxecto, mentres que a oración o fai fuxir do obxecto. Para nós, a relixión está, en derradeira instancia, contra a arte, xa que está contra o obxecto e contra o desexo [...]
A poesía é desexo de conquista mentres que a oración expresa unha fuxida do obxecto. O artista, o poeta, son revolucionarios, mais o crente fica fundamentalmente reaccionario, malia as aparencias moitas veces contrarias. Todo revolucionario é poeta, pois debe estar inspirado polo dato inmediato, e todo poeta é revolucionario, pois intenta transormar o dato inmediato. Durante ese tempo o crente ora e o sacerdote submétese ao seu Deus.
Di o subxectivista Herbert Read que "o impulso estético é inherente ao home", e engade que o único problema é saber "até que punto unha relixión particular educa ou afortala a inhibición deste impulso". Eis a opinión dun crítico que se coida moderno e que se comprace en citar a Hegel, Marx, Freud, Lenin e Breton. Despois de todo o que o marxismo e o surrealismo aportaron de novo ao exame do feito relixioso, Herbert Read pregúntase aínda con ar disciplente, cales son os efectos psíquicos do encontro de dous impulsos, o relixioso e mais o artístico. ¡Para Read o problema da arte só é unha cuestión de impulso ou de "temperamento"! lendo semellantes enormidades tense o dereito a preguntar en que poden servir a dialéctica e o surrealismo se non son utilizados para profundizar os nosos coñecementos. ¡E non é profundizalos estabelecer un paralelismo entre impulso relixioso e impulso artístico!. ¿Serían, pois, o surrealismo e o marxismo, como o son para algúns, soamente unha maneira de parecer moderno? ¿En que se diferencian entón Art and Society do propio Read, dunha revista de modas? O grande luxo de Vogue ou de Harper's Bazar non é nada en comparación coa soberba presentación de Art and Society. Mais o feitizo que experimentamos á vista de belas páxinas e excelentes fotografías corre o risco de esvairse moi cedo como todo o que trae a moda. Lendo críticas como as de Read, podemos repetirmos a digna frase de Jaurès: "Aqueles que nos trouxo a moda a moda voltará levalos". Voltará levalos aínda que leven o nome dunha modista ou dun crítico.
En tanto que manifestación de impulso ou de enerxía, é dicir, en tanto que oración, a relixión non pode ser senón nefasta. Toda actitude estética que sostivese o contrario sería para nós contra-revolucionaria. A poesía, en tanto que impulso, é unha blasfemia e a oración, como toda fuga unha traizón. [...]
E a propósito da idea, faremos ben en lembrar as palabras que Marx (que dito sexa entre paréntese estudou os fenómenos moito mellor que os fenomenoloxistas de hoxe) pronunciou sobre Eugène Sue, e que Breton con razón citou, pois adquiren hoxe unha significación aínda maior: "Para o home para quen o mundo exterior se cambia en simple idea, as simples ideas convértense en seres sensíbeis". Evitar dar unha concepción idealista do mundo, talvez é a tarefa do revolucionario. A tarefa do artista, e de todo home, é a de crear formas, e as formas só son fortes cando están solidamente vinculadas á terra, cando se levantan da terra, non cando caen do ceo. A imaxe de Prometeo permanecerá sempre a máis bela que se poida opór a Deus. O lume brotará das entrañas da terra. O lume, a materia e mais a lava, as imaxes e as ideas. Todo brota desta terra ou doutras terras. As formas son máis sólidas cando son compostas co fin de seren opostas ao mundo concreto, pois e a este mundo que elas pertencen entón son máis violentas, máis ricas en sorpresas, resisten mellor aos choques exteriores, desvean un universo maravilloso de accións, un mundo que, para a nosa afectividade, é un deslumbrante pero moi obxectivo azar.

*
Está a falar de Maiakovski e René Crevel (NdT.)

1939.- Ruptura con Éluard. Xaneiro, Julien Gracq, Au château d'Argol. Dali é expulsado. Segunda guerra mundial, Betron, Éluard e Péret son mobilizados. Breton encontra a Gracq en Nantes. Max Ernst, súbdito alemán, é internado nun campo de concentración. J. Herold adhírese ao grupo. Roberto Matta e Yves Tanguy vanse aos USA. W. Paalen instálase en México. Triunfo de Franco en España. Pacto xermánico-soviético, que se reparten Polonia.

¡FORA AS LETTRES DE CACHET*!
¡ABAIXO O TERROR GRIS!

[...] Os temas de indignación arriscan con ultrapasar a capacidade de indignación humana. Onte, centenares de homes e mulleres, traizoados nas súas máis modestas esperanzas, erraban nun océano do que todos os portos lles eran hostís e só deben a súa salvación provisonal a unha iniciativa de última hora. Mentres, en España, asasínase cegamente a calquer que non manifeste cara a Franco o entusiasmo a que este se cre debido, en Francia encérrase aos republicanos españois como a touros furiosos. Os mesmos homes están condenados, alén dos Pirineus, a unha morte segura, indispensábel para o mantenemento do fascismo; aquén dos Pirineos, a uns sofrimentos e privacións que lles son inflinxidos nos campos hospitalarios que coñecemos. Por todas partes a peor violencia exércese en proveito da peor reacción.
Até hoxe, neste país, a liberdade individual gozaba duna protección relativa. Mais trátase para o goberno francés de loitar contra os estados totalitarios coas súas mesmas armas, entre estas figura, en bo lugar, a supresión da liberdade individual.
Neste momento tres homes están na cadea sen que se lles imputase ningún cárrego. Non se pode reprocharlle outra cousa que unha loita feroz contra a absurda guerra que ameaza, a favor do advento dunha sociedade que erradicará as orixes mesmas da guerra.
O estudante
Schmit está en prisión desde hai máis de tres meses. Steve, da Federación de Técnicos, xa vítima da represión patronal despois da folga do 30 de novembro, está na cadea desde o 12 de abril. O profesor Rigal, diplomado de estudos superiores, licenciado en filosofía, está encarcerado desde o 7 de maio. Os tres foron detidos no seu domicilio de París e trasladados á prisión de Metz. A instrución, aberta serodiamente contra eles, é absolutamente secreta. Estes tres homes son, sen ninguna razón pública, afastados do mundo nunha desas Bastillas cuxa destrución celebra este ano, sen ironía e sen demasiado pudor, o 150 aniversario.
[...]
Invitamos a todos aqueles a quen aínda non contaxiou o abxecto chauvinismo, a todos os que ousan pensar libremente, a se uniren a nós para protestaren contra os pérfidos decretos-leis que dan licencia ao Estado Maior para exercer desde agora a súa ditadura facendo pasar por "atendado contra a Defensa Nacional", ler espionaxe, a acción de homes valerosos, de cuxa honestidade e lucidez nós respondemos.

NON SE TRATA DA SÚA LIBERDADE SENÓN DA LIBERDADE DE TODOS
(xuño 1939)

Morte de S. Freud. Aimé Césaire: Cahier d'un retour au pays natal

     Ao final do abrente...
     Vaite, decíalle eu cara de poli, cara de madeiro, vaite detesto os lacaios da orde e os abellóns da esperanza. Vaite mal amuleto, chincha de frade. Logo virábame cara a paraísos para el e os seus perdidos máis tranquilo que a face dunha muller que minte e alá, anainado polos efluvios dun pensamento nunca canso, alimentaba o vento ceibaba os monstros e escoitaba subir do outro lado do desastre un río de rulas e de trebos da sabana que levo sempre nas miñas profundidades a unha altura inversa á do vixésimo andar das casas máis insolentes e por precaución contra a forza putrefacta dos ambientes crepusculares, recorrida día e noite por un sagrado sol venéreo.

     Ao final do abrente abrollado de enseadas fráxeis as Antillas famentas, as Antillas picadas de vexigas, dinamitadas de alcool, encalladas na lama desta bahía, na poeira desta cidade sinistramente encalladas.

[...]

Partir.
Como hai homes.hienas e homes-panteiras eu serei un home xudeo
un home-cafre
un home-indio-de-Calcuta
un home-de-Harlem-que-non-vota

E o home-fame, o home-insulto, o home-tartaruga podíase en calquer momento agarralo, mallalo a paus matalo -perfectamente matalo- sen ter que render contas a ninguén sen ter que dar excusas a ninguén

un home-xudeo
un home-pogrom
un canciño
un mendigo
¿mais é que e mata o Remorso belo como o rostro de estupor dunha dama inglesa que achase na súa sopeira un cráneo de Hotetonte?

Voltarei achar o segredo das grandes comunicacións e das grandes combustións. Direi tempestade. Direi río. Firei tornado, direi folla. Direi árbore. Serei mollado por todas as choivas, humedecido por todos os orballos. Rolarei como sangue frenético sobre a lenta corrente do ollo das palabras en cabalos loucos en nenos louzáns en coágulos en tapadeiras en vestixios de templos en pedras preciosas o suficientemente lonxe para desalentar os mineiros. Quen non me comprenda tampouco comprenderá o ruxido do tigre.

Leonora Carrington: La dame ovale.
1940.- Xaneiro, exposición internacional do surrealismo en México. Péret é encarcerado por propaganda "derrotista". Outubro, diversos surrealistas refúxianse en Marsella onde inventa un novo xogo de cartas. Morte de Maurice Heine e Saint-Pol Roux. Wifredo Lam entra en contacto cos surrealistas. Asasinato de Trotski en México. Derrota de Francia. Invasión de Dinamarca, Noruega, Holanda e Bélxica polas tropas alemanas. Pétain alíase a Alemaña e proclama o estado corporatista francés. L'humour noir e Fata Morgana de Breton son prohibidos pola censura do réxime de Vichy. Pierre Mabille: Le miroir de merveilleux

O adxectivo "maravilloso", a forza de ser mesturado indistintamente cos outros superlativos, perdeu toda significación. Pola contra, o substantivo gardou o seu vigor. Evoca o conxunto de fenómenos extraordinarios e incríbeis que constitúen os resortes esenciais dos relatos fantásticos. O auditorio habitual destes: nenos, personaxes entusiastas ou melancólicas quere ser sustraído das condicións sórdidas da vida cotiá para ser transportado a un mundo tallado á medida dos seus desexos. Non obstante, superado o primeiro choque emotivo, a atención diríxese axiña cara a exploración dos poderes ignorados do home e os aspectos descoñecidos da natureza, ela non se demora moito no aparello dos decorados e das maquinacións que usan os contos. Déixase romper o veo que esconde a realidade total dun universo incomprensíbel.
Procedendo a esta exploración sen fin, o espírito inquiétase polo valor dos elementros que emprega, dubida do seu poder. Querería distinguir con certeza o maravilloso verdadeiro do fantástico do extraño, das ilusións miríficas. Ora, a ebriedade do descobrimento, a mudanza verdadeira creada pola amplitude de horizontes, confúndense facilmente coas emocións de calidade inferior que os artificios literarios, as parodias culpábeis poden provocar. Sei que unha sensibilidade real raramente se equivoca. Distingue instintivamente o verdadeiro do falso, aquí radica o seu carácter esencial. Coñece a porta fechada que conduce ao tesouro e a que só é un decorado van. ¡Mais sobre cantas trampas debe trunfar! Os arrebatos paixonais, o peso dos costumes mentais impostos poden, a cada instante, alterar a vixilancia sensíbel.
Así non achando no pensamento colectivo de hoxe unha definición válida do maravilloso e preocupado de estender a investigación, non podo aceptar sen reservas unha definición ditada simplemente polo meu gosto persoal.
O preciso verificar paso a paso o testemuño dos séculos na balanza da propia sem¡nsibilidade e confrontar despois as conclusións desta coa indicacións seculares.
A cárrega das experiencias pasadas condénsase no nome. Fagamos pois sofrer ao maravilloso un interrogatorio civil mais non o fagamos coa hostilidade dun xuíz, ou a indiferencia dun científico, que el sexa a primeira etapa da viaxe.
A ciencia da linguaxe resume todas as outras ciencias. De cantas emocións non son eu debedor, malia a deplorábel atmosfera de sequedade abstracta na que os gramáticos e os intelectuais especializados situaron o estudo das palabras. A ciencia do Verbo, ciencia ligada ao desenvolvemento da vida, converteuse en preocupación de bibliotecarios. Fronte ao estudo das linguas antigas, experimento o premio do meu esforzo presente. Teño a impresión de ser vigoroso nas costas dun oceano, en cuxa profundidade miles de cidades de Ys foron mergulladas. A auga e mais a area que as apañaron en plena actividade conserváronas. Son miñas a condición de que saiba descubrir os elementos deste imperio desaparecido. Noutros instantes a estratificación das palabras, das gramáticas e das sintaxes apareceume semellante ás capas xeolóxicas visíbeis ao longo do pozo dunha mina. A exploración etimolóxica é entón un verdadeiro descenso á procura do chan primitivo veciño do fogo central das primeiras emocións traducidas, momento fixado en que o desexo incandescente foi formulado

1941.- 24 de marzo, Breton embarca copn destino a Martinica. Xullo, a revista Tropiques, dirixida por Aimé Césaire e René Ménil sinala o paso por Martinica de Breton e André Masson. Agosto, declaración colectiva do grupo surrealista "La main à la plume", que continúa o surrealismo baixo a ocupación nazi.

                                   ESTADO DE PRESENZA

Por moito que o tempo avance montado nun cabalo negro, nun cabalo branco ou peor, nun cabalo gris, non por iso a poesía deixa de ser a
arte "de expresar o inexpresábel", e, máis que como arte, aparécesenos sobre todo como unha necesidade de procurar nos fondos máis aparantemente inviolábeis da floresta das palabras, non soamente as máis difíceis de dicir, senón tamén ás que se mostran á vez máis impermeábeis e máis hostís á permeabilidade das consciencias imbecis.
Se se nos quere dicir que a nosa época ten outras preocupacións en mente que a de facer poesía, responderemos: "¡Nós tamén!"; seremos aínda felices que se dignen finalmente nos xustificar, só sería dirixindonos tal reproche.
Se se no di ou non que a nosa acción é superflua, entón responderemos: o superfluo supón o necesario e é xustamente a harmonía desta contradición que nos fai mais falta, a que temos máis interese en renovar, ou, cando menos, en cuxa renovación temos o deber máis estrito de colaborar, mesmo na moi débil parte que nos é accesíbel.
Non é porque os imbecis non nos comprendan que nós non debamos comprender os imbecis.
Rexeitaremos sempre fuxir da poesía pola realidade, mais sempre rexeitaremos fuxir da realidade pola poesía.
E por iso estamos hoxe obrigados a responder á grande pregunta de Baudelaire:
     ¿Cómpre partir? ¿Quedar? Se podes quedar, queda...
nós sabemos que so se pode fuxir no espazo e non somos aínda de abondo vellos para poder decentemente xogar á brisca..
Nós quedamos.
E con isto queremos dicir que non renunciamos nin a avanzar no tempo nin a avanzalo.

J.-V. Manuel, Marc Patin, Jean Hoyaux, J.-F. Chabrun, Paul Chancel, Noël Arnaud. La main a la plume, agosto 1941.

Péret en México. Agresión alemana conta a URSS. Agresión xaponesa a Pearl Harbour. Os EE.UU. declaran a guerra ao Eixo. MagloireSainte-Aude: Dialogue de mes lampes

I
Polas miñas lámpadas traspasadas...
Bo camiño, peregrino.

IV
Dores dos meus cilios inquietos,
A emoción auga do poema.

Declamaciòns e doces como Elza.

O diálogo 41
Máis indolente que Elisa Bretón.

Maiúsculas no alto empoleiradas
Nos pólos das miñas lámpadas.

Viúvo e con van coidado
Ao halo do meu lamento.

V
Poema do prisioneiro
Ao dobre dos soles relembrados.

Matracas sepultas
No corazón do peregrino.

VII
Derradeiro lied
Pálidos amores solemnes...

Derradeiros xogos.

Derradeiros fogos.

Para o meu guiñol
O meu traspaso murcho
Nos peiráns do meu silencio.


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega