O surrealismo. Unha achega documental

Páxina Anterior

Cronoloxía do surrealismo (parte 7ª)

Páxina Seguinte

v1xggsurrealismo013g.html

Picasso: Le désir attrapé par la queue. Breton: Génese et perspective artistique du surréalisme. Orson Welles: Cidadán Kane.
1942.- Marzo, Breton traballa como locutor de "A voz de América fala aos franceses". Xuño, fundación en Nova York da revista bilingüe (francés-inglés) VVV, dirixida por David Hare na que colaboran os surrealistas espallados por todo o planeta. Morre o pintor surrealista checo J. Styrsky. Exposición do surrealismo en Nova Iork. Ocupación total de Francia polos nazis. Desembarco anglo-americano en África do Norte. Breton: Situation du surréalisme entre deux guerres, Fata Morgana

                                                                           FATA MORGANA
                                                                                (fragmento)

Se eu fose unha cidade dis Ti serías Nínive sobre o Tigre
Se fose un instrumento de taballo Prougo ao ceo negro ti serías a cerbatana dos cazadores nas vidreiras
Se fose un símbolo Ti sería un fento nunha nasa
Se tivese un fardel a levar Ese sería unha bola feita de cabezas de armiños que crían
Se debese fuxir de noite por un camiño Ese sería o sulco do xeranio
Se puidese ver detras de min sen virarme Ese sería o orgullo do torpedo.

Que bonito

En nada de tempo
É preciso convir que viuse abrir nun soño
Os suntuosos vestidos de tul bordado de abelorios polas regadoras municipais
E mesmo irse ao outro barrio baixo a glacial ollada do almirante Coligny
O derradeiro vendedor de papel de Armenia
Dos nosos días soñas que unha expedición se forma para a captura do paxaro Quetzal do que só se posúi en vida si en vida catro exemplares
Que vimos virar branca a ruleta dos mercaderes de pracer

Que recorda iso

Nos hoteis das plantas verdes é a hora en que as bisagras das portas sen nome
Cun golpe de arco apréstanse a se separar como os paxaros os zapatos mellor acordados
Nos chanzos da escaleira dourados no molde de pasta rompido onde se cristaliza o bismuto
Á luz dos castelos vitrificados do monte Knock-Farril no condado de Ross
Un día un novo día iso faime pensar nun obxecto que garda o meu amigo Wolfgang Paalen

1943.- Exposición surrealista en Estados Unidos. Os nazis son derrotados en Stalingrado. Desembarco aliado en Sicilia e o sur de Italia. Capitulación de Italia. Conferencia de Teheran: Churchill, primeiro ministro británico, Stalin, secretario xeral do PC da URSS e Roosevelt, presidente dos USA, reúnense para falar do curso da guerra e, en última instancia, repartírense o planeta. César Moro: Le château de Grisou: A.P. de Mandiargues: Dans les annés sordides. Michel Leiris: Haut-Mal:


                                                  A NAI

A nai, de loito, é a morte que espera á veira da fosa en que se reflicten as nubes toldadas -son as exequias do pai unha mañá de inverno (os penachos negros treman, abátese un vento mau, espesa os dedos dos carregadores, cor de viño tinto espeso)
A nai, de negro, malva, violeta -ladroa das noites- é a bruxa cuxa industria escondida vos pon no mundo, a que vos ananina, vos elixe, vos mete no caixón, cando non abandona -último brinquedo- ás vosas mans para que o coloquen amabelmente no ataúde, o seu corpo encollido.
A nai -de negro, de azul, de verde, de vermello- é a inmortal amarelecida, o poeirento ramo da noiva. Clara virxe, ela porén xemeu cando o home -carpinteiro da dor- lle puxo nas entrañas a taravela, a pedra angular, a clave da abóbada, a fin de que un recanto do sangrento edificio prospere e aniñe a humana infelicidade...
A nai -besta enlouquecida- é o volcán tumultuoso que vos cospe. (Mais o cráter -expelindo a súa púrpura de cinsas, o seu fardelo de lavas ardentes- non sorrí nunca...)
A nai -estatua cega, fatalidade erguida no centro do santuario inviolado- é a feiticeira que vos acaricia, o vento que vos incensa, o mundo que todo inteiro vos penetra, vos sube ao ceo (alzado sobre múltiplas espiras) e vos apodrece.
A nai é a cadela e a ogresa, o vampiro que frecuenta os soños o espectro de súbito desperto que se interpón entre a alma (ricas pilastras, altaneiras ruínas) e toda alegría, todo amor puro.
A nai -sexa nova ou vella, bela ou fea, misericordiosa ou teimosa- é a caricatura, o monstro feminino ciumento, o Prototipo degradado -até tal punto que a Idea (pitonisa podrecida empoleirada no trípode da súa austera maiúscula) non é máis que a parodia dos vivos, cambiantes pensamentos...
A nai -seus cadrís: redondos ou secos, seu seo: trementes ou duros- é declinio prometido, desde a orixe, a toda muller, o esmagamento progresivo da rocha centileante baixo o fluxo dos menstruos, a sepultura lenta -baixo a area do deserto senil- da caravana luxuriosa e carregada de beleza.
A nai -anxo da morte que espía, do universo que enlaza, do amor que a vaga do tempo rexeita- é a gralla no deseño insensato (signo dun seguro veleno) a lanzarse bacias profundas, xeradoras de círculos para as augas esquecidas.
A nai -poza sombría, eternamente de loito por todo e por nós mesmos. É a pestilencia vaporosa que se irisa e que explode, inflando burbulla a burbulla a súa grande sombra bestial (vergoña de carne e de leite), véu rillado que un raio aínda por nacer debería rachar.
¿Ocorreráselles algunha vez a unha desas grandes porcas arrastrarse cos pés nus durante séculos para expiar este crime: ternos parido?

Peret: La parole est à Péret.
1944.- J. Brunius e E.T.L. Messens, surrealistas belgas refuxiados en Londres publican Idolatry and confusion, contra a poesía da Resistencia. G. Luca e Trost animan un grupo romeno. Desembarco aliado en Normandía. Francia, instaura a IV República, Charles de Gaulle presidente provisional. Morre, nun campo de concentración, Max Jacob. Breton: Arcane 17.
1945.- Breton visita Arizona e Novo México. Vai a Haití Onde pronuncia diversas conferencias e coñece a Magloire-Saint-Aude e René Depestre. Morren Robert Desnos e Pierre Unik, ambos os dous deportados. Morre Valéry, o xeneral de Gaulle, presidente da Francia liberada, decide facerlle funerais nacionais. Conferencia de Ialta. Toma de Berlin polas tropas soviéticas. Mussolini é asasinado polos partisanos italianos. Os americanos lanzan bombas atómicas sobre as cidades xaponesas de Hiroshima e Nagasaki. Fin da segunda guerra mundial. Péret: Le deshonneur des poètes. Maurice Nadeau: Histoire du surréalisme. Jules Monnerot: La poésia moderne et le sacré. Georges Henein, surrealista exipcio, publica no Cairo Prestige de la terreur, sobre o lanzamento da bomba atómica sobre as cidades de Hiroshima e Nagasaki:

          O 8 de agosto de 1945
Isto non é unha tese. Pois unha tese non soamente se escribe con sangue frío e con todas as precaucións literarias ao uso, senón que aínda necesita unha acumulación de referencias e de datos máis ou menos estatísticos aos que non quixese sacrificar o movemento de revolta e de furor que me dita este texto. Ademais, o antigo público das teses, desertando de toda reflexión prolongada, comprácese hoxe na lectura dos múltiples "digest" en circulación e no relato de intrigas sentimentais, diplomáticas e policiacas que unha prensa entregada a todas as ignominias lle serve, cada mañá, co almorzo.
Isto non é unha tese e non se satisfai con ser só unha protesta. Isto é ambicioso. Isto quere provocar os homes adormecidos na mentira; dar un sentido e un branco e un alcance duradeiro ao desgosto dun momento,á nausea dun instante. Os valores que presidían a nosa concepción da vida e que nos dirixían, aquí e acolá, nos illotes de esperanza e nos intervalos de dignidade, son moi metódicamente saqueados por acontecementos en que, para colmo, se nos invita a ver a nosa vitoria, a saudar a eterna destrución dun dragón que sempre renace, mais a medida que se repete a escena, ¿non percibides o cambio que se opera nos trazos do heroe? Évos, porén, doado observar que, a cada torneo, San Xurxo parécese cada vez máis ao dragón. Axiña San Xurxo só será unha variante fedorenta do dragón. Máis aínda, un dragón camuflado, experto en nos facer crer, dun lanzazo, ¡que o imperio do Mal foi derrubado!
O 8 de agosto de 1945 será para algúns unha data intolerábel. Unha das grandes citas da infamia fixadas pola Historia. Os xornais relacionan con delicias os efectos da bomba atómica, futuro instrumento de polémica, de pobo a pobo. As emisións radiofónicas do atardecer anuncian a entrada en guerra da Unión Soviética contra as cinsas e as ruínas do Xapón. Dous acontecementos, de amplitude desigual, sen dúbida, mais que participan do mesmo horror.
A opinión mundial erguérase colérica para protestar contra o uso da iperita polos aviadores fascistas en Etiopía. O bombardeo da aldea de Gernika, arrasada polas escuadrillas alemás en España, chegou para mobilizar -nun mundo aínda orgulloso da súa liberdade- millóns de consciencias xustas. Cando Londres, á súa vez, foi mutilada polas bombas fascistas, sóubose de que lado do incendio se situaban os valores a defender. Logo soubemos que Hamburgo ardía do mesmo fogo que Londres, instruíusenos dos beneficios duna nova técnica de bombardeo chamada "bombardeo por saturación", mediante a cal inmensas zonas urbanas eran submetidas a un nivelamento ineluctábel. Estas práticas perfeccionadas, estes supremos refinamentos no asasinato non tiñan nada que pudiese elevar a causa da liberdade, o partido do home. [...] estes xogos inhumanos aparecen xa como irrisorios, agora que a bomba atómica presta servizo e que os bombarderos democráticos ensaian as súas virtudes no pobo xaponés. Que importa, con efecto, o asasinato premeditado de algunhas ducias, de algunas centenas de miles de civís xaponeses. Todos sabemos que os xaponeses son amarelos e, para máis de impudor, amarelos malvados, os chinos representan os amarelos "educados". Un personaxe que non é un criminal de guerra senón o almirante William Halsey, declarou: "Estamos a piques de queimar e afogar eses monos bestiais de xaponeses e sentimos tanto pracer en queimalos como en afogalos". Estas palabras exaltantes e tranquilizadoras da idea que os xefes militares queren facerse da dignidade humana, esas palabras foron pronunciadas diante dun operador de actualidades...
San Xurxo esaxera, comeza a nos parecer máis repugnante que o dragón.
[...]
Contra o odioso aparellamento do conformismo, contra a ditadura dos "medios" que esquecen os fins cos que se invocan, a Xioconda da utopía pode, non destruílo, senon portar de novo o seu sorriso e devolver aos homes a faísca prometeica na que se recoñecera a súa liberdade recobrada.
É TEMPO DE VOLTAR DOURAR O BRASON DA QUIMERAS...

O Cairo, 17 de agosto de 1945

1946- Volta de Breton a París. O 7 de xuño participa na homenaxe a Antonin Artaud no teatro Sara Bernhardt. Execución de Pierre Laval, colaborador dos nazis. Insurrección vietnamita en Tonkin. Comeza a guerra civil en Grecia. Independencia de Filipinas. Hans Arp: Le siége de l'air

                                        VEAS NEGRAS

                                   no meu corazón de néboa
                                   morre a quimera das rosas
                                   un astro séntase no bordo da miña cama
                                   está vello e fendido

                                   arañas grises van en fileira
                                   cara ao horizonte das veas negras
                                   vanse como para o enterro dunha fada
                                   o baleiro suspira

                                   os meus pobres soños perderon as súas asas
                                   os meus pobres soños perderon as súas chamas
                                   apértanse os cóbados
                                   sobre o ataúde do meu corazón
                                   e soñan con migallas grises

                                   o día volta aparecer
                                   mais xa non teño forzas
                                   e o ceo desce e me cobre
                                   abre para sempre os ollos

Jean Ferry: Le tigre mondain.
1947- Abril: Liberté est un mot vietnamien, primeiro aviso á sociedade francesa:

¿Hai unha guerra en Indochina? Pódese dubidar; os xornáis da Francia "libre", submetidos máis que nunca á consigna, calan. Publican timidamente resumos militares victoriosos mais atrapallados. Para reconfortar as familias, asegúrase que os soldados son "economizados" (os banqueiros denúncianse polo estilo dos seus comunicados). Nin unha palabra da feroz represión exercida alá en nome da democracia. Todo está feito para agachar aos franceses un escándalo co que o mundo enteiro se conmove.
Pois hai guerra en Indochina, unha guerra imperialista emprendida, en nome dun pobo que el propio acaba de ser liberado de cinco anos de opresión, contra outro pobo que unánimemente quere a súa liberdade.
Esta agresión reveste unha significación grave:
dunha parte, proba que nada cambiou: como en 1919 o capitalismo, despois de explotar o patriotismo como as máis nobres consignas de liberdade, quere retomar o poder enteiramente, restaurar a potencia da súa burguesía financiera, do seu exército e do seu clero, continúa a súa política imperialista tradicional,
por outra, proba que os deputados da clase obreira, desprezando a tradición anticolonialista que foi un dos máis firmes vectores do movemento obreiro, en flagrante violación do dereito tantas veces proclamado dos pobos a dispór de si propios, aceptan -uns por corrupción, outros por submisión cega a unha estratexia imposta desde acima e cuxas esixencias, desde agora ilimitadas, tenden a disfrazar ou inverter os verdadeiros móbies de loita- asumir a responsabilidade da opresión ou converterse, a despeito dunha certa ambivalencia de comportamento, en cómplices.
Aos homes que conservan algunha lucidez e algún sentido da honestidade decímoslles: é falso que se poida defender a liberdade aquí impondo a servidume noutra parte.
É falso que se poida levar en nome do pobo francés un combate tan odioso sen que deiten rapidamente consecuencias dramáticas. .
A matanza disposta habilmente por un monxe almirante só tende a defender a opresión feroz dos capitalistas, dos burócatras e dos padres. E abonda de brincadeiras: non se trataría de impedir que o Vietnam caia en mans dun imperialismo concorrente, ¿pois cando se viu que o imperialismo francés conservara algunha independencia; cando se viu que fixese outra cousa, desde hai un cuarto de século, que ceder e vender? ¿Que protección satisfai de asegurar a tales ou cales dos seus escravos?
Os Surrealistas, para quen a reivindicación principal foi e continúa a ser a liberación do home, non poden calar perante un crime tan estúpido como estúpido. O Surrealismo só ten sentido
contra un réxime de que todos os membros solidarios só encontraron como don de alegría exaltante esta ignominia sangrenta, réxime que, a penas nacido, afunde na lama dos compromisos, das concusións e que só é un preludio calculado para a edificación dun próximo totalitarismo.
O Surrealismo declara, con ocasión desta nova perversidade, que non renunciou a ningunha das súas reivindicacións e, menos que a ningunha outra, á vontade dunha transformación radical da sociedade. Mais sabe canto son ilusorios os chamados á consciencia, á intelixencia e mesmo aos intereses dos homes, canto nestes planos a mentira e o erro son fáceis, as divisións inevitábeis: é por isto que o dominio que escolle é máis amplo e máis profundo, á medida dunha verdadeira fraternidade humana.
Está, xa que logo, designado para erguer a súa protesta vehemente contra a agresión imperialista e dirixir o seu saúdo fraternal aos que encarnan, neste momento, o devir da liberdade.

En xuño 21 surrealistas asinan o manifesto Ruptura inaugurale contra o partido comunista.

O Surrealismo definiu xeralmente a súa posición política por relación á do Partido Comunista. Este non cesou de reservar as súas inxurias máis velenosas a aqueles que, definíndose por relación a el máis que por relación a ninguna formación burguesa, non teñen medo a pasar por temerarios recoñecendo, afirmando e subliñando á vez a súa importancia histórica. A sorte común e constante de diversos elementos revolucionarios de oposición ao Partido Comunista é seren rexeitados por este á categoría máis vilipendiada dos malfeitores públicos. Nós resignariámonos voluntariamente se nos non importase seren clasificados por espíritos honestos mais non avisados, sen máis amplo exame de toda clase de calumnias, nos rangos da contrarrevolución. [...] Cando a cuestión nos é posta por referentes estalinianos da contabilidade da súa dependencia política e dunha actividade surrealista, non podemos facer outra cousa mellor que motivar a nosa resposta negativa lembrando a estas personaxes de curta memoria que nunca cesamos, nós, de proclamar a nosa adhesión indefectíbel á tradición revolucionaria do movemento obreiro, tradición da que o Partido Comunista se afasta cada día máis. Non nos facemos ilusións sobre o acollemento que pode ser resevado por burócratas asalariados a semellante proclama hoxe reafirmada. Renovámola, non obstante, con vigor expresando aos políticos de profesión, aos cales non podería dirixirse, que a consideramos definitivamente irreductíbel ás esixencias da táctica, o que, esperamos, acabará por nos desacreditar aos ollos destes epígonos. [...] Repetimos aquí que o Partido Comunista, adoptando -por necesidades mal concibidas dunha loita que xa non está cualificado para levar a bo termo- os métodos e as armas da burguesía, como un erro fatal e non resgatábel, erro que non só compromete cada día as conquistas parciais da clase obreira e adía indefinidamente a hora da súa vitoria decisiva, senón que fai resplandecer aínda a complicidade flagrante deste Partido Comunista cos que onte chamaba os seus inimigos de clase. Dos Procesos de Moscova até a sabotaxe, en España, da guerra civil en proveito da burguesía primeiramente, logo do fascismo, a filiación é lóxica que prolongan os desenvolvementos máis recentes da política comunista.
[...]
O sentido moral é sen dúbida a realidade humana que o Partido Comunista pisotea máis cotidianamente. Puidemos pensar durante algúns anos que este zapateado, que, en certas circunstancias, na altura dos procesos de Moscova, por exemplo tomou a forma dun zapateado lúbrico, era o feito específico do comportamento estaliniano. [...] Mais as nosas esixencias morais, por relativamente respectadas que sexan polos movementos proletarios de oposición ao estalinismo, non están, deste lado tampouco, libres de toda decepción [...]
Non é desde onte, pensamos, que resoan no máis profundo do home. O clamor de Rimbaud verbo da vida, e a consigna de Marx verbo do mundo. Mais que desde a prática razoábel e racional da consciencia superou á prática apaixonada do inconsciente, é dicir, desque o último dos mitos se fixou nunha mixtificación deliberada, o segredo que permitía coñecer e actuar parece terse perdido. É hora de promover un mito novo propio a conducir o home cara á etapa ulterior do seu destino final.
Esta empresa é específicamente a do Surrealismo. É a súa grande cita coa Historia.
O soño e a revolución están feitos para pactar, non para se excluíren. Soñar a Revolución,non é renunciar a ela, senón facela dobremente e sen reservas mentais.
Frustrar o que non se pode vivir, non é fuxir da vida, senón precipitarse totalmente nela e sen retorno.

O SURREALISMO É O QUE SERÁ


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega