O surrealismo. Unha achega documental

Páxina Anterior

Cronoloxía do surrealismo (parte 8ª)

Páxina Seguinte

v1xggsurrealismo013h.html

7 de xullo, exposición Le surréalisme en 1947 na Sala Maeght. Adhesions de A. Jouffroy, Sarane Alexandrian, J. Schuster, J.-L. Bédouin, A.P. de Mandiargues. Insurrección anticolonialista en Madagascar. Independencia da India. Comeza o Plan Marsahall que cambiará as economías dos países da Europa ocidental. Antonin Artaud: Van Gogh ou le suicidé de la societé. Malcolm de Chazal: Sens plastique.
1948.-Morte de Antonin Artaud.

     POST-SCRIPTUM
     Quen sou?
     De onde veño?
     Eu son Antonin Artaud
     e basta dicilo
     como sei dicilo,
     inmediatamente
     veredes o meu corpo actual
     voar en fragmentos
     e en dous mil aspectos notorios
     refacer un corpo novo
     onde nunca máis
     poderedes
     esquecerme.

Exclusión de Matta, Jouffroy, Alexandrian e Brauner. Exposicións internacionais do surrealismo en Praga e Santiago de Chile. A la niche les glapisseurs de Dieu, declaración contra a apropiación cristiá de Sade por parte de Pierre Klossowski. Suicidio de Ashile Gorky. Fundación da revista Néon. Golpe dos comunistas en Checoslovaquia. Tito rompe coa URSS. Asasinato de Gandhi. Creación do Estado de Israel. Breton: La lampe dans l'horloge, Martinique, charmeuse de serpents, con deseños de André Masson. Morre S. M. Eisenstein.
1949.- Adhesión de A. Dax, J.-P. Duprey e M. Zimbacca. Comeza a "caza de bruxas" nos USA. Vitoria dos comunista, dirixidos por Mao Ze Dong, en China. Créase o Pacto do Atlántico Norte (OTAN). Comezan os procesos nos países dominados pola Unión Sovietica, proceso Rajk en Hungría. Breton: Flagrant délit, sobre un falso Rimbaud. Morre Maurice Maeterlinck.
1950.- Almanach surréalista du demi-siècle, número especial de La Nef. Inicio da guerra de Corea. Bédouin: André Breton. Michel Carrouges: André Breton et les donnés fondamentales du surréalisme. Jean Pierre Duprey: Derrière son double.13 de xuño: nunha Carta aberta a Paul Éluard publicada en Combat, Breton, invocando a súa viaxe a Praga de 1935, pide ao seu antigo amigo intervir a favor de Zavis Kalandra, condenado a morte.

                                                                      CARTA ABERTA A PAUL ÉLUARD

Hai 15 anos, por invitación dos nosos amigos surrealistas checos, ti e mais eu fomos a Praga. Demos conferencias, concedimos entrevistas. Máis recentemente sei que foches moi festexado, mais dunha maneira máis convencional, máis oficial. Non debes ter esquecido o acollemento de Praga.
Nada nos afastaba daquela: desde o punto de vista político estabamos lonxe de pretender a ortodoxia. Estabamos convencidos do que pensabamos. O que pensabamos estaba, aos nosos ollos, rixidamente condicionado pola actividade poética que, entre todos, nos concernía desde o inicio. Se, no camiño, estabamos abertos á reivindicación social, se queriamos concibila unicamente baixo a forma ardente que lle preparara a revolución bolchevique, se todos os nosos esforzos tendían a reducir, entre os puntos de vista "culturais" do partido comunista e os nosos, as diferenzas que subsistían, non xulgabamos menos necesario defender as nosas posicións cando procedían de certezas alcanzadas no eido da nosa exploración particular. Había autenticidade no noso testemuño: o menor compromiso nun sentido ou noutro pareceríanos falsear este testemuño de por si, estariamos perdidos aos nosos ollos.
É nestas condicións que chegamos a Praga, ansiosos, a pesar de todo, da recepción que sería reservada á nosa mensaxe. Unha cousa é afrontar un público estraño cando está decidido, cando vai facer rexistro das súas conviccións; outra ir a el como portavoz debidamente comisionado de organizacións poderosas sen ter nada máis que tirar do propio fondo. Repito, ti e mais eu estabamos de acordo. Na axitación un pouco febril dos primeiros días había, se te lembras, un home que viña, se sentaba connosco, que se esforzaba en nos comprender, era un home aberto. Este home non era un poeta, mais nós o escoitbamos. O que lle decíamos non se parecía inadmisíbel, o que nos obxectaba moitas veces convencíanos. Foi el que, na prensa comunista, fixo as máis penetrantes análises dos nosos libros, as reseñas máis válidas das nosas conferencias. Non cesou, en tanto que puido, de pór a noso carón grandes auditorios nos que se mesturaban obreiros e intelectuais.
No plano humano, esta asistencia, esta xenerosidade, foron para nós dun inmenso valor. O Bulletin publicado en Praga o 9 de abril de 1935, en checo e en francés, asinado por ti e por min, afírmao expresamente.
Penso que retiveches o nome deste home: chámase -ou chamábase- Zavis Kalandra. Non ouso decidir o tempo do verbo, xa que os xornais din que o xoves pasado foi condenado a morte polo tribunal de Praga. Despois das "confesións" en regra, enténdese. Noutro tempo ti sabías, coma min, que pensar destas confesións. Kalandra sabíao tamén cando en 1936 foi expulsado do P.C. despois do comentario que lle inspirara o "proceso dos 16" en Moscova. Sei que despois chegou a ser un dos dirixentes do Partido Comunista Internacional (sección checa da IV Internacional), mais ¿como guindarías ti a primeira pedra, ti, que pouco antes firmaches un texto titulado
Do tempo en que os surrealistas tiñan razón, concluíndo así o noso desafío formal ao réxime estaliniano -texto que calquer pode reler hoxe?
¿A guerra e a ocupación estabelecerían tal división entre os homes para que Kalandra se pasara claramente ao lado mau? ¿Sería culpábel de disidente da Resistencia? Mais non, xa que os seus artigos de 1939 -nos que en plena ocupación nazi non tiña medo a facer escarño da propaganda hitleriana- lle custaron seis anos de encarceramento (nos campos de Ravensbruck e Sachsenhausen, principalmente)
¡Ora! Non é o bosque que impide ver os traidores. Ti, a quen coñecin durante moito tempo o respecto e o sentido sagrado da voz humana, mesmo na entoación, ¿encontras ti a voz de Kalandra baixo estes farrapos de propaganda cutre: "O meu fin era obter o espallamento do bloqueo discriminatorio, tal e como é imposto polos imperialismos ocidentais, en Checoslovaquia a fin de atentar contra a súa prosperidade económica e encamiñala cara á marshalización"?
¿Cómo, no teu foro interno, podes aguantar semellante degradación do home na persoa do que se mostrou amigo teu*?

                                                                                                              ANDRÉ BRETON


*
A esta carta Paul Éluard respondeu en Action: "Teño de abondo que facer polos inocentes que claman a súa inocencia para me ocupar dos culpábeis que claman (sic) a súa culpabilidade". Zavis Kalandra foi executado pouco despois. Cfr. Louis Pawels: "Os 'porcos' entre os poetas" (Combat, 21-VI-50)

1951.- Febreiro-marzo, o "affaire Carrouges e Pastoureau" provoca diversas saídas: Patrick Waldberg, J. Hérold, Maurice Heine, etc. Adhesión de Adou Kyrou, Gerard Legrand, Robert Benayoun, Bernard Roger, etc. Morte de Karel Teige, surrealista checo


                                   O SURREALISMO A CONTRACORRENTE

...O grupo surrealista que se topa hoxe apremiado nunha loita polémica defensiva en dúas frentes quer contra a dereita e a reacción académica e conservadora quer contra a liña cultural do Partido Comunista Checoslovaco, é plenamente consciente que a situación exterior sobre a que se proxecta a tensión política requere que, para a cooperación das forzas intelectuais antifascistas e, sobre todo, para a colaboración e a unidade de acción da vangarda artística e científica que se reclama sen diferenza dos partidos da área socialista, se elabore unha sólida base ideolóxica na que poida basearse especialmente a disponibilidade a unha loita común pola
liberdade de creación contra toda tentativa de regulamentación.
O grupo surrealista demostrou máis dunha vez nos feitos o propio esforzo de colaboración con outros autores que se sitúan fóra do grupo e cuxa actividade consideramos próxima da nosa e importante para o desenvolvmento dunha nova arte. A segunda exposición do grupo surrealista (as coleccións de Styrsky e de Toyen), que Jan Mukarovsky inaugurou en Praga e Bratislava cun discurso seu transformouse -sobre todo co
vernissage de Brno onde Roman Jakobson e Jiri Kroha deron polémicas conferencias- nunha válida demostración pola liberdade da creación de vangarda e unha protesta contra calquer tentativa de limitala.
...No acto da súa constitución (1934) o grupo surrealista checo definiu a súa propia relación co materialismo dialéctico e a súa situación no centro das loitas culturais e sociais a través dunha discusión que, non obstante a súa dureza e os ecos tempestivos levantados, foi emprendida con seriedade e no ton dun debate entre camaradas. Os principios que entón defendiamos continúan a ser para nós válidos e a eles permanecemos fieis. Non existe ningunha diferencia de óptica entre "O surrealismo en discusión" e a posición expresada en "O surrealismo a Contracorrente"
... Os redactores dos xornais comunistas ao mesmo tempo que versifican eslógans sobre a unidade necesaria estenden alegremente a man a académicos conservadores e vulgares fabricantes de "kischt", certamente non en nome dunha defensa común contra a reacción cultural (...) senón para se lanzaren con eles a unha guerra de exterminio contra os "ismos" da "arte dexenerada" e prepararen así o terreno da reacción. As similitudes cada vez máis frecuentes entre os ataques dos xornais fascistas e comunistas (soviéticos ou ocidentais) combatendo o "formalismo perverso", son evidentes: corroboran non só as mesmas opinións estéticas senón tamén os mesmos métodos de loita contra a creación independente e non regulamentada.
...É a política e a prática cultural soviéticas, e non a súa crítica aberta, que son erróneas e extremadamente perigosas na situación actual en relación ao papel da URSS como da loita por unha frente antifascista. E de toda evidencia que os nosos opositores quererían impornos esta alternataiva: silencias os penosos acontecementos da vida cultural e política da URSS co pretexto de miraculosas vitorias dos planos quinquenais e do poder do Exército Vermello, e aínda co pretexto da ameaza fascista -ou deixar que nos lancen ao campo dos inimigos do socialismo. Rexeitámonos a deixar que nos aperten entre as tenaces inquisitoriais desta alternativa monstruosa e hipocritamente elaborada.
...Libres de todo compromiso, o surrealismo e a actividade do Grupo Surrealista de Praga, no futuro máis aínda que no pasado, contuinuarán a evoluír
a contra-corrente.

China invade o Tibet. Execución do matrimonio Rosenberg nos USA, acusados de espionaxe a favor da URSS. Césaire: Discours sur le colonialisme. Schehadé: Monsieur Bob'le.
1952. - Marzo-Xuño, conversas de Breton con André Parinaud, que dará como resultado o libro de Breton: Entretiens. Novembro, aparición da revista Médium. Communication surréaliste. Morte de Paul Éluard.

OBXECCIÓN A TODAS AS HOMENAXES A PAUL ÉLUARD

Eu digo o que vexo
o que sei
o que é verdade
Paul Éluard, 1943

Un odio tradicional á poesía non perdeu a oportunidade de precipitarse sobre o "fait-divers" da morte de Paul ÉLUARD para lapidalo con coroas funerarias que, ben considerado, non conseguen senón confundir, na vida e na obra de ÉLUARD, aqueles dous períodos que o propio ÉLUARD clarificou dunha vez por todas.
En 1939 termina a intervención de ÉLUARD na Poesía. Preso da ambición de actuar, de forma máis desagregadora canto máis directa, rompe co seu pasado e decide submeterse á grande cloaca da reacción estaliniana. Aragón estende os brazos a aquel que, anos antes, o despedira do Surrealismo cun famoso e sangrento "Certificado". Doloroso sería citar en detalle todos os chanzos da descida ao inferno. A imprensa comunista mundial encarregouse oportunamente de manternos ao corrente das tristes claudicacións de ÉLUARD: confección de saladas patrióticas de resistencia: "Liberdade, liberdade querida...", negación do seu nome para o indulto dun antigo compañeiro condenado a morte polos novos amos, poema onomástico aos 70 anos do "Pai dos Pobos", grazas a quen "vivimos sen dúbidas e desde a máis profunda sombra producimos a vida e dispomos do porvir" (¡).
Con todo isto, logra a pouco envexábel popularidade que na morte o ateigaría de homenaxes que, confundindo, consciente ou inconscientemente, para o caso dá o mesmo, a época fulgurante de ÉLUARD coa súa actuación burocrática, tende a tirar todo para o cubo do lixo.
Precisamente porque sabemos canto debemos a ÉLUARD, erguémonos contra toda posíbel asimilación aos corifeos da última hora: catedráticos, bombeiros, universitarios, reporteiros, cantantes, etc... que ignoraban ÉLUARD poeta, para se aproveitaren, como corvos, dos despoxos servidos cotidianamente en forma de discursos, conferencias ou poemas, polo substituto comunista de Paul ÉLUARD.

CÉSAR MORO & ANDRÉ COYNÉ
                                             Lima, 1953

Adhesión de Simon Hantaï e José Pierre. Revolta do Mau-Mau en Kenia. Morre Pierre Mabille. Péret: Air mexicain. Bédouin e Zimbacca: La invention du monde, film
1953.- Xullo-agosto, invención do xogo "Un no outro". Novembro: Médium. Nouvelle série. Morte de Francis Picabia


                                                            a cabeza en coma dos meus ombros
                                                            como resposta ao meu pensamento
                                                            e perante min unha figura imaxinaria
                                                            recorda as miñas memorias flutuantes
                                                            vexetación bonita de impaciencia noiva
                                                            conversa de amor
                                                            que non é un servizo militar
                                                            xa vexo a cruceciña
                                                            ornada por unha fita
                                                            a fumar un pitelo
                                                            por cima das demolicións
                                                            encontrei a galiña doente
                                                            déixame beixarte
                                                            animar cunhas masaxes o segredo da virtude
                                                            alegría inxenua de felicidade
                                                            ollar para a fidelidade
                                                            que gosta dos votos de castidade
                                                            como fillo de madona bordel de noite gasta
                                                            [...] as orellas son todas naturais
                                                            o meu lacaio é o pararrarios
                                                            das boas noticias
                                                            morrer de fame será sempre
                                                            orixe de pesar
                                                            se vostedes non racionaren acima de toda probidade
                                                            o pan e mais o sal
                                                            ten unvestido verdadeiramente pintoresco
                                                            mais non vos quero aborrecer
                                                            describíndoa

e J. Heisler. Fundación de Phases, movemento que se reclama do surrealismo. Morte de Stalin. Armisticio en Corea. Breton: La clé des champs. Joyce Mansour: Cris; G. Legrand: Des pierres de mouvance. A. Kyrou: Le surréalisme au cinéma.
1954.- Max Ernst é excluído por aceptar o Grand Prix da Bienal de Venecia. "O un no outro", xogo surrealista. O exército francés é derrotado en Dien-Bien-Fu, Vietnam. Comeza a guerra de Alxeria. M. Carrouges: Les machines celibataires.


               SEN ESPERANZA, SEÑOR OFICIAL
               As "máquinas celibatarias" de Michel Carrouges
                              (fragmento)

Como as precedentes obras crítica do Sr. Carrouges, o libro
Les Machines Célibataires ten fins apoloxéticos moi evidentes. Trátase de votar a pór en circulación, coidadosamente correxida e mellorada, a "proba" polo consentemento universal. A existencia dun ateísmo consciente, afirmado, non soamente polas teses filosóficas senón tamén polas obras de arte, parecía, con razón, que puxera fóra de circulación este mecanismo anacrómico; pouco importa, eis Carrouges e a súa pomba:
Non nos quedará máis que esbozar a patoloxía do ateísmo, mais tamén, se se quere a título de compensación, mostrar que é necesario desconfiar dos xuízos sumarios e que a pneumatoloxía permite descpobrir até no seo do ateísmo unha misteriosa loita da Pomba celeste e do dragon infernal. (S.11)
Pomba, maiúscula; dragón, minúscula.
Esta parte da introdución de
La mystique du surhomme é tamén válida para Les Machines Célibataires que puido ser ventaxosamente reemprazada por Survivance des mythes religieux et espécialment chrétiens.
Que o crente vexa por todas partes probas da existencia de Deus, nas nervuras dunha folla como nos aneis de Saturno, no nacemento dun neno como nun acidente de autobús, sabémolo e esta clase de especulacións nos deixa perfectamente indiferentes. Mais cando un crítico pretende demostrar que as obras máis representativas do espírito moderno non teñen, en derradeira análise, outro contido que o relixioso, vémonos obrigados a protestar. Tanto máis que o lado brillante da obra é susceptíbel de iludir e de disimular ao lector as feblezas, por non dicir máis, da argumentación.
Un estudo exhaustivo, unha refutación completa esixiría desenvolvementos dunha extensión comparábel á do propio libro. Non se trata de facelo aquí. Limitareime a dar unha descrición dos métodos de Carrouges e a mostrar, coa axuda dalgúns exemplos, como os aplica.
...........................................
Non, o libro de M. Carrouges non é "unha das sínteses máis esclarecedoras da nosa época". Só nos pode esclarecer sobre a monomanía relixiosa do seu autor. É a tentativa desesperada dun brillante oficial da Igrexa que, ouvíndo renxer a vella máquina, querería asociar á súa restauración ou á súa transformación as forzas vivas do amor e da poesía -como o oficial de Kafka tentaba interesar ao viaxeiro na súa.
Jehan Mayoux


Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega