O surrealismo. Unha achega documental

Páxina Anterior

Cronoloxía do surrealismo (parte 9ª)

Páxina Seguinte

v1xggsurrealismo013i.html

1955.-Morre Yves Tanguy

O elemento sorpresa na creación dunha obra de arte é, para min, o factor máis importante -sorpresa para o propio artista tanto como para os outros. "A sorpresa debe ser procurada por si mesma, incondicionalmente" (André Breton, L'Amor fou).
O cadro desenvólvese perante os meus ollos, revelando sorpresas a medida que progresa. Isto prodúceme a sensación dunha liberdade completa e por esta razón son incapaz de preparar un plano ou de facer un esbozo previo.
Achou que hai pouco a gañar no intercambio de opinións con outros artistas concernendo á ideoloxía da arte ou os métodos técnicos. Moi solitario no meu traballo, son, de feito, case ciumento. A xeografía non ten ningunha influencia sobre el, nin as preocupación da comunidade no seo da que vivo. Traballo moi irregularmente e por "crises" -algunhas veces durante máis dunha semana continuada mais nunca en máis dun cadro á vez, nin tampouco dun só medium. Traballar a horas regulares seríame insoportábel, pois todo o que poida parecer unha obriga é para min a negación de toda fantasía no traballo creador.
Algúns dos meus cadros foron acabados moi rapidamente, outros leváronme dous ou tres meses ou máis. Isto non depende das dimensións da tela.
Naturalmente, interésome polo traballo de outros. Entre os meus pintores preferidos citarei a Hieronymus Bosch, Cranach, e Paolo Ucello entre os antigos mestres, e De Chirico (período metafísico) entre os contemporáneos.
E, para acabar, se tivese de procurar razóns para a miña pintura, sería como se me encadease eu mesmo.

Primeiro submarino atómico dos USA. Conferencia dos países non alienados en Bandung. J. Mansour: Déchirures. Breton: Entretiens.
1956.-Fundación da revista Le surréalisme, même. Adhesión de Radovan Isvic. Au tour des libres Sanglantes, manifesto a prol da desestalinización. Hongrie, soleil levant, despois da entrada dos tanques rusos en Budapest que esmagan a insurreción obreira.

A prensa mundial dispón de especialistas para tirar conclusións políticas dos recentes acontecementos e comentar a solución administrativa pola cal a ONU non deixará de sancionar a derrota do pobo húngaro. Canto a nós, perténcenos proclamar que Thermidor, xuño 1848, maio 1871. agosto 1936, xaneiro 1937 e marzo 1938 en Moscova, abril 1939 en España e novembro 1956 en Budapest, alimentan o mesmo río de sangue que, sen equívoco posíbel, divide o mundo en amos e escravos. A astucia suprema da época moderna, é que os asasinos de hoxe asimilaron o ritmo da historia e que en nome da democracia e o socialismo funciona a morte policiaca, en Alxeria como en Hungría.
Hai exactamente 39 anos, o imperialismo franco-británico* tentaba acreditar a súa visión interesada da revolución bolchevique facendo de Lenin un axente do Kaiser; o mesmo argumento é utilizado hoxe polos pretendidos discípulos de Lenin contra os insurrectos húngaros, confundidos, no seu conxunto, con algúns elementos fascistas que deberon, inevitabelmente, inmiscuirse entre eles. Mais en período de insurrección o xuízo moral é pragmático:
OS FASCISTAS SON OS QUE DISPARAN SOBRE O POBO. Ninguna ideoloxía está segura perante esta infamia: é o propio Gallifet que torna, sen escrúpulos e sen vergoña, nun tanque coa estrela vermella.
Únicos entre todos os dirixentes comunistas "mundiais", Maurice Thorez e a súa banda proseguen cínicamente a súa carreira de retoños deste Gepeu que, decididamente, ten a pel tan dura que sobrevive a Stalin.
A derrota do proletariado húngaro é a do proletariado mundial. Calquer que sexa o xiro nacionalista que deberon tomar a resistencia polaca e a revolución húngara, trátase dun aspecto circunstancial, determinado, ante todo, pola presión colosal e furiosa do Estado ultranacionalista que é Rusia. O principio internacionalista da revolución proletaria non está en causa. A clase obreira foi degolada a baioneta, na súa totalidade, en 1871 polos versalleses de Francia. En Budapest, fronte aos versalleses de Moscova, a mocidade -mais alá de toda esperanza rebelde á educación estaliniana- prodigoulle un sangue que non pode deixar de determinar o seu curso propio na transformación do mundo.

Sus au miserabilisme, contra os pintores Bernard Buffet e Fernand Léger. Comeza a desestalinización da URSS a raíz do XX congreso do PCUS. Motíns obreiros en Poznan (Polonia) e Berlin Oriental contra as autoridades comunistas. Nacionalización do canal de Suez por Exipto: Francia, Inglaterra e Israel invaden este país. Péret: Anthologie de l'amour sublime. Schuster: Lettre a Aimé Césaire. Morre Bertold Brecht
1957.- Suicidio de Oscar Domínguez. Adhesión de V. Bounoure. Independencia de Malasia e Ghana. Kruschov elixido secretario xeral do PCUS. Bellmer: Anatomie de l'image

Acho que os diversos modos de expresarse: pausa, xesto, acto, soño, palabra, grafismo, creación de obxectos... derivan todos dun mesmo conxunto de mecanismos psicofisiolóxicos e obedecen todos, en orixe, a unha mesma lei. A expresión elemental, aquela que non ten un intencións comunicativas preconcibidas, é un reflexo. ¿A que necesidade, a que impulso do corpo obedece?
Tomemos, entre os reflexos provocados por unha dor de moas, por exemplo, a contracción violenta dos músculos da man e dos dedos, coas uñas que afundimos na carne. Esta man apretada é unha fonte artificial de excitacións, un "dente" virtual que, atraéndoa, separa o fluxo sanguíneo e os nervios da fonte real da dor para diminuír a súa existencia. A dor de moas aumenta a custo da man; a súa expresión, o "pathos lóxico", non sería a resultante visíbel.
¿Non debe deducirse que a máis violenta como a máis imperceptíbel modificación reflexiva do corpo, dun membro, da lingua, dun músculo, encontrará explicación na tendencia a desorientar, a desdobrar unha dor, a crear un centro "virtual" de excitación? Isto é certo, e induce a concibir a continuidade desexada da nosa vida expresiva baixo forma dunha serie de transportes deliberantes que conducen do malestar á súa imaxe. A expresión, con todo o que comporta de pracer, é unha dor falida, unha liberación.
A formación algo estraña destes centros virtuais de excitación parece ser o factor esencial da expresión, e debe ser obxecto dunha investigación máis metódica, a efectuar no ámbito da percepción interior que, consciente ou inconscientemente, temos do noso organismo e das migracións do seu centro de excitación predominante; percepcións que computarán "as tensións musculares", "a orientación no espazo", "as sensacións tácteis" e a aportación "das faculdades auditiva e olfativa" a esa coalición.
Abonda unha ollada para comprobar que o vocabulario ordinario mal se adapta a este mundo en perpetuo cambio de esquemas interactivos, ningún dos cales repite os outros, e dos cales se cultivou escasamente a descrición simultánea.

R. Benayoun. Anthologie du non-sens. Breton e Legrand: L'art magique.
1958.-Fundación da revista anti-gaullista 14 de Julliet, sendo un dos seus directores Jean Schuster. 23 de maio, fin da IV República francesa, nace a V baixo a éxida do xeneral de Gaulle. Proclama colectiva contra os físicos nucleares:

               DESENMASCARADE OS FÍSICOS, BALEIRADE OS LABORATORIOS

Nada, completamente nada, distingue hoxe a Ciencia dunha ameaza de morte permanente e xeralizada: a discusión rematou, a de saber se debía asegurar a desgraza ou a felicidade dos homes, en tanto que é evidente que cesou de ser un medio para se converter nun fin. A física moderna, porén, asegurou, e aínda promete, resultados tanxíbeis baixo a forma de montóns de cadáveres. Até agora, en presenza de conflitos entre nacións, é dicir, perante o posíbel aniquilamento dunha civilización, reaccionabamos segundo os nosos criterios políticos de sempre. Mais velaí a especie humana destinada á destrución completa, sexa polo emprego cínico de bombas atómicas, fosen elas "propias" (¡) ou polas devastacións debidas aos residuos que,
á espera, contaminan de maneira imprevisíbel as condicións atmosféricas e biolóxicas da especie, pois unha carreira delirante das explosións "experimentais" continúa baixo o pretexto de "fins pacíficos". O pensamento revolucionario e as condicións elementais da súa actividade fican reducidas a unha marxe tal que deben afortalar as bases da súa revolta e, nun mundo que só sabe nutrir o seu propio cáncer, voltar encontrar os acasos descoñecidos do furor.
Non é a unha actitude humanismo a que apelamos. Se a relixión foi durante moito tempo o opio do pobo, a ciencia está ben situada para lle tomar o relevo. As protestas contra a carreira de armamentos, que certos físicos finxen asinar hoxe, esclarécennos máis aínda sobre o seu complexo de culpabilidade que é, en calquer caso, un dos vicios máis infames do home. O peito que se golpea demasiado tarde, a confianza outorgada aos mornos balidos do rabaño pola mesma man que arma os carniceiros, esa canción, nós, coñécemola. O cristianismo, e os seus lentes aumentados que son as ditaduras policiacas, nola ensinaron.
Nomes con ilustres títulos oficiais, asinantes de advertencias dirixidas a instancias incapaces de igualar a amplitude do cataclismo, só son aos nosos ollos un pasaporte moral para eses señores que continúan, ao mesmo tempo, reclamando créditos, escolas e carne fresca. De Xesús na cruz ao investigador "angustiado" mais incapaz de renunciar a fabricar morte, a hipocrisía e mais o masoquismo trunfan. A independencia da mocidade, así como a honra e a existencia mesmo do espírito, están ameazadas por unha negacións da consciencia máis monstruosa aínda que o medo do ano mil que precipitou xeracións cara aos mosteiros e canteiros cara ás catedrais.
¡Abaixo a teoloxía da Bomba! ¡Organicemos a propaganda contra os chantaxistas do "pensamento científico"! E,
á espera, boicoteemos as conferencias consagradas á exaltación do átomo, asobiemos os filmes que dormen e adoutrinan a opinión, escribamos aos xornais e organismos públicos para protestaren contra os innumerábeis artigos, reportaxes e emisións radiofónicas en que se expón, sen ningún pudor, esta nova e colosal impostura.

G. Cabanel: A l'animal noir. Bounoure: Préface a un traité des matrices.
1959.- Suicidio de Jean-Pierre Duprey

                                                                      A DOR COMO A DOR
Non asinarei máis co meu nome, non abrirei máis os ollos, amasarei o meu pan sen procurar explicalo, non me darei máis en espectáculo.
Ou ben será o inferno, o inferno a muller violada sempre aberta. O inferno no viño, a vida na barrica.
E sairei sen cesar de min mesmo, do peixe azucarado, estreitamente perigoso, para abrirme nunha pedra no sexo da miña solidade, na morte coa cal te agarrarei os cabelos -para facer creceren as flores. Amáñate meu amor, amáñate á miña forma, esta noite deitareime no teu silencio sen pagarlle.
Cuspirei a miña honra os ollos fechados como un tumor de estrela nun esgarro de pureza excesiva. A dor como a dor, meu amor como o teu amor, a liberdade como a sinto.
Mais non é aínda isto, o que é necesario, o que sería máis difícil é un bo novo siso, moi nodoso, moi ososo, mesmo tráxico, como un soño de asesino no soño dun home honesto.

e W. Paalen. Morte de Benjamin Péret. 2 de decembro, execución do testamento do marqués de Sade por Jean Benoit. 15 de decembre: octava exposición internacional do surrealismo colocada baixo o signo de Eros. Reconciliación con Matta e Brauner. Triunfo da guerrilla cubana, Fidel Castro toma o poder. Comezan a loita no Congo belga pola independencia. Breton: Constellations.
1960.- Setembre: Declaración sobre o dereito á insubmisión na Guerra de Alxeria, ou Declaración dos 121, escrito por Jean Schuster -o discipulo predilecto de Breton-, Dionys Mascolo, Claude Roy e Maurice Blanchot -correxido finalmente por Breton.

A comezos do mes de xullo último, por iniciativa dalgúns dos asinantes, a declaración seguinte foi submetida á reflexión de escritores, artistas, universitarios e recibiu até hoxe o acordo de 121 deles.

Un movemento moi importante desenvólvese en Francia, e é necesario que a opinión francesa e internacional estexa mellor informada, no momento en que o novo xiro da guerra de Alxeria debe conducirmos a ver, non a esquecer, a profundidade da crise que se abriu hai seis anos.
Cada vez máis franceses son perseguidos, emprisionados, condenados, por refusar a participaren nesta guerra ou por axudaren aos combatentes alxerianos. Destanuralizados polos seus adversarios, mais tamén edulcorados por aqueles mesmos que terían o deber de defendelos, os súas razóns permanecen xeralmente incomprendidas. É, non obstante, insuficiente dicir que esta resistencia aos poderes públicos é respectábel. Protesta de homes feridos na súa honra e na xusta idea que se fan da verdade, ten unha significación que ultrapasa as circunstancias nas cales se afirmou e que é necesario recuperar, calquer que sexa a saída dos acontecementos.
Para os alxerianos, a loita, proseguida quer por medios militares, quer por medios diplomáticos, non comporta ningún equívoco. É unha guerra de independencia nacional. Mais para os franceses, ¿cal é a súa natureza? Non é unha guerra estranxeira. Nunca foi ameazado o territorio nacional de Francia. É máis: está levada contra homes que o Estado finxe considerar como franceses, mais que loitan precisamente para deixaren de selo. Non abondará dicir que se trata dunha guerra de conquista, guerra imperialista, acompañada ademais de racismo. Disto hai en toda guerra, e o equívoco persiste.
De feito, por unha decisión que constituía un abuso fundamental, o estado, desde o principio, mobilizou clases enteiras de cidadáns co único fin de conseguir o que el mesmo designaba como unha tarefa policiaca contra unha poboación oprimida, a cal só se rebelou por un proído de dignidade elemental, xa que esixe ser finalmente recoñecida como comunidade independente.
Nin guerra de conquista, nin guerra de "defensa nacional", nin guerra civil, a guerra de Alxeria converteuse pouco a pouco nunha acción propia do exército e dunha caste que refusan ceder diante dun levantamento do que mesmo o poder civil, percibindo o afundimento xeral dos imperios coloniais, parece disposto a recoñecer o sentido.
Hoxe é, principalmente, a vontade do exército que sustenta este combate criminal e absurdo, e este exército, polo papel político que diversos dos seus representantes lle fan xogar, actuando moitas veces abertamente e violentamente fóra de toda legalidade, traizoan os fins que o conxunto do país lle confía, compromete e arrisca con perverter a propia nación, forzando aos cidadáns baixo as súas ordes a se faceren os complices dunha acción facciosa ou envilecedora. ¿É necesario lembrar que, quince anos despois da destrucción da orde hitleriana, o militarismo francés, a consecuencia das esixencias de semellante guerra, conseguíu restaurar a tortura e convertela de novo unha institución en Europa?
É nestas condicións que moitos franceses atrévense a cuestionar o sentido de valores e obrigas tradicionais. ¿Que é o civismo cando, en certas circunstancias, convértese nunha submisión vergonzosa? ¿Non hai casos en que o rexeitar servir é un deber sagrado, en que a "traizón" significa o respecto coraxudo pola verdade? E, cando pola vontade dos que o utilizan como instrumento de dominación racista ou ideolóxica, o exército se afirma en estado de rebelión aberta ou latente contra as institucións democráticas, ¿a rebelión contra o exército non toma un sentido novo?
O caso de consciencia púxose desde o inicio da guerra. Prolongándose, é normal que este caso de consciencia se resolva concretamente mediante actos cada vez máis numerosos de insubmisión, de deserción, como por actos de protección e axuda aos combatentes alxerianos. Movementos libres que se desenvolveron á marxe de todos os partidos oficiais, sen a súa axuda e, finalmente, a pesar da súa reprobación. Mais unha vez, e fóra dos cadros e das consignas preestabelecidas, naceu unha
resistencia, por unha toma de consciencia espontánea, procurando e inventando formas de acción e medios de loita en relación cunha situación nova á que os agrupamentos políticos e os xornais de opinión decidiron, sexa por inercia, sexa por timidez doutrinal, sexa por prexuízos nacionalistas ou morais, non lle recoñecer o sentido e as esixencias verdadeiras.
Os abaixo asinantes, considerando que todos se deben pronunciar sobre actos que no sucesivo é imposíbel presentar como crónicas de aventura individual; considerando que eles propios, no seu lugar e segundo os seus medios, teñen o deber de intervir, non para daren consellos aos homes que deben decidirse persoalmente fronte a problemas tan graves, senón para pediren aos que os xulgan que non tomen equivocadamente palabras e valores, declaran:
-Respectamos e xulgamos xustificado o rexeitamento a tomaren as armas contra o pobo alxeriano.
-Respectamos e xulgamos xustificada a conduta dos Franceses que estiman ser o seu deber aportaren axuda e protección aos alxerianos oprimidos en nome do pobo francés.
-A causa do pobo alxeriano, que contribúe de maneira decisiva a aniquilar o sistema colonial, é a causa de todos os homes libres.

(continúan, por orde alfabética, 121 sinaturas, de Arthur Adamov a René Zazzo)

Esta declaración non foi concibida como unha petición publica. Por diversas razóns, até o día en que é publicada, só foi submetida a unha parte daqueles cuxo acordo foi procurado.
A lista de sinaturas queda aberta, en vista a unha próxima edición, aos artistas e intelectuais de calquer disciplina
(1 de setembro de 1960)

Morte de Pierre Reverdy e Maurice Blanchard, este último heroe da primeira guerra mundial, resistente na segunda a traballar dentro do ventre da besta nazi (nas fábricas de avións que os alemáns tiñan nas aforas de París, Blanchard era enxeñeiro aeronáutico)

                                                                                          EU SON
                                                                 Eu son o macho, o devorador.
                                                                 Eu son o insaciábel e eu son o instrumento
                                                                 Eu son o millionario levado polos ventos,
                                                                 Eu son o vagamundo, eu son o conquistador.
                                                                 Eu son o espontáneo, o louco, o delirante,
                                                                 Eu son o torbeliño, eu son o murmurador.
                                                                 Eu son o reprimido e eu son o inconstante,
                                                                 E danzo baixo as augas, e ligo os continentes.

                                                                 Eu son o construtor, eu son o fecundador,
                                                                 Eu son a profundidade, o Éter, o equidistante,
                                                                 Eu son os catro ríos, a árbore e a serpente.

                                                                 Eu son o inconsolado, o orgulloso, o penetrante.
                                                                 Eu son a mañá rosa sempre renacente
                                                                 Eu son a noite, o Mañá, eu son o instante.

                                                                                ODA A STALIN

-Evacúa, ¿o ben amado Caradepoli? ¿evacúa el tamén?
-Si, EL evacúa.
-¡Oh! ¡Entón isto pode cambiar o aspecto do globo! Mais dime ¿é merda o que EL evacúa!, ¿o xenial Pai dos Pobos? ¿O ben amado Cara de poli? ¡Oh! ¡Non! ¡Dicídenos que é coiro de Rusia o que EL evacúa! ¡Mentide un pouco! ¡Piedade para os que temos Fe!
-¡Non! ¡EL evacúa merda!
-Mais o seu ollo de cu verdade, ¿non é de platino? ¿Non o fecha cunha esmeralda grosa como a miña cabeza e finamente tallada?
-¡Non! EL ten o ollo do cu verde con efeito, mais longas e divinas hemorroides colgan cando EL pousa a SÚA inmundicie, facendo carantoñas, agonizando, plaff, plaff e plaff.
-¡Oh! ¿Mais EL ten unha pixa de ouro, o Ben amado pola sexta parte do globo? ¡Decídeme que non fai como todo o mundo! Zeus Olimpo tiña unha mais non funcionaba, era unha imaxe poética aragonesca* como a lúa. ¡Mais EL! O grandexenialben-amado-Cara de poli! ¿EL debe semear todas as histéricas do Partido cada mañá, no seu almorzo?
-¡Non! EL sempre foi cornudo. ¡Aleluia!
-¡Porco! Méntenos un pouco. Temos necesidade de crer, ¡nós!, ¿ou ben será necesario voltar a comezar?
-¡Non! ¡Vós comeredes a SÚA merda!

                                                  Maurice Blanchard

Exposición internacional en Nova Iork dirixida por Marcel Duchamp. Intervención da ONU no Congo. Diverxencias entre China e a URSS. J. Mansour: Rapaces.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega