O surrealismo. Unha achega documental

Páxina Anterior

Cronoloxía do surrealismo (parte 10ª)

Páxina Seguinte

v1xggsurrealismo013j.html

1961.- Adhesión de Jorge Camacho. Exposición surrealista en Milan. Fundación de La bréche. Action surréalista. Conflito entre a URRS e Albania. Atentados da OAS en Francia. Bédouin: Vingt ans de surréalisme e Benjamin Péret. Cabanel. Maliduse.
1962.- Relacións con Pierre Alechinsky. Morren W. Faulkner e Yves Klein. Independencia de Alxeria. Crisis dos miseis en Cuba. Comeza o Concilio Vaticano II: a confusión está servida. Morte de Georges Bataille

                                                                 A PUBLICACIÓN DE "UN CADÁVER"
                                                                           (15 de xaneiro de 1930)*

Notas sobre a publicación de "Un cadáver"
No outono de 1929 apareceu en LA RÉVOLUTION SURRÉALISTE o SEGUNDO MANIFESTO DO SURREALISMO. ANDRÉ BRETON púñame en causa e, principalmente, acusábame de reunir contra el os disidentes e os excluídos do surrealismo: "Quizais, dicía, o SR. BATAILLE vese forzado a agrupalos e se o consegue ao meu parecer, será moi interesante. Tomando a saída para a carreira que o SR. BATAILLE organiza, hai xa: os SRS. DESNOS, LEIRIS, LIMBOUR MASSON, e VITRAC; non se explica que o SR. RIBEMONT-DESSAIGNES, por exemplo non estexa aínda alá". En suma, o SEGUNDO MANIFESTO acusaba algúns surrealistas citados no "primeiro" que, segundo BRETON, perderan moralmente o dereito de se reclamaren do movemento: ARTAUD, CARRIVE, Francisc GERARD, LIMBOUR, MASSON VITRAC, Jacques BARON, Pierre NAVILLE, DESNOS, RIBEMONT-DESSAIGNES, Tristan TZARA. De feito, a disolución do grupo era máis seria aínda que o que estas primeiras rupturas representaban. Michel LEIRIS excluírase en propio desde había tempo e entre (mais ou menos) a redacción do SEGUNDO MANIFESTO e a súa aparición, Raymond QUENEAU, daquela cuñado de BRETON, Jacques PRÉVERT e Max MORISE romperan e, como para dar sentido ás alegacións de BRETON, entraran en relación comigo.
A dicir verdade, non houbo nada que respondese a un novo grupo, heterodoxo, que respondese ao primeiro. Persoalmente, avanzaba, nesta época, polo camiño do erotismo ou do que denotaba subversión erótica. Tentaba daquela a publicación dun ALMANACH EROTIQUE, do que Pascal PIA (que dirixiría COMBAT e logo se convertiría no redactor xefe de CARREFOUR) sería o encarregado en tanto que editor clandestino (acababa de publicar en 1927, LE CON D'IRENE, d'ARAGON -con augafortes de MASSON- e en 1928 HISTORIA DO OLLO, que eu asinara LORD AUCH -AUCH era a abreviación de "aux chiottes"* que empregaba entón o meu amigo FRAENKEL (un dos primeiros protagonistas de dada), LORD tiña para min o sentido que se lle dá nas traducións inglesas da Biblia (MASSON era tamén o autor das ilustracións -litografías- de HISTORIA DO OLLO). MASSON deume entón unhas admirábeis ilustracións para JUSTINE, que aínda espero publicar, LEIRIS un texto que, desenvolvido, converteuse en L'ÂGE D'HOMME, LIMBOUR un bonito conto que probabelmente se extraviou. Maurice HEINE, sen por outra parte romper con BRETON, deume un belo texto inédito de SADE. Eu propio escribín o meu [
o: un] VALOR DE USO DE D.A.F. DE SADE, que destruín.
A crise económica, que alcanzou axiña o comercio dos libros de luxo, impidiu que o proxecto se levase a cabo: non houbo, de maneira ningunha, un movemento erótico. De feito, signatarios do segundo CADÁVER, que apareceu o 15 de xaneiro de 1930, só estiveron unidos por unha hostilidade. Hoxe estou inclinado a crer que as esixencias de BRETON que conduciron á ruptura xeralizada dos anos 1928-1929, estaban no fondo xustificadas, había en BRETON un desexo de consagración común a unha mesma verdade sobirana, un odio a toda concesión desde o momento en que se trataba desta verdade da que quería os seus amigos fosen a expresión, a menos de non ser xa os seus amigos, entre os cales me contaba aínda. Mais BRETON equivocouse ao ligarse estreitamente ás formas exteriores desta fidelidade. Daí procede un malestar tanto máis grande que tendo unha especie de prestixio hinóptico -unha autoridade inmediata excepcional-, usouno sen reservas, sen unha verdadeira prudencia. É así que podía maltratar a ARAGON (que estaba entón, debía ser en 1928, no cumio da súa notoriedade, ao punto que este último, saíndo unha tarde, despois dunha escena, do taller da calle Fontaine, lle dixo a MASSON: "E pensar que rompín coa miña familia para chegar a isto". A autoridade de BRETON tiña, con efecto, algo de xordeira paternal. Polo demais, acho que un carácter máis paciente, máis reflexivo non conseguiría tampouco formar a comunidade consagrada ao sentido profundo do SURREALISMO que André BRETON soñou. Non hai nada, con efecto, neste principio que sexa bastante claro, bastante autoritario, para romper o individualismo moderno, o orgullo persoal. Hai a contradicción entre a liberdade esencial ao surrealismo e o rigor, sen o cal se escurece e substitúe a vida insignificante á prática sobirana da que el se reclama.
Sexa o que for, no estreito medio literario que se formou, non arredor de min, senón arredor da revista DOCUMENTS (que, co nome de "secretario xeral", dirixía realmente, de acordo con Georges.-Henri RIVIERE, hoxe conservador do Musée du Folklore no Palais Chaillot, e coa oposición do director titular, o poeta alemán Carl EINSTEIN). A maior parte dos signatarios do segundo CADÁVER colaboracron, con efecto, en DOCUMENTS, e esta colaboración era a proba da súa moi débil cohesión. Foi Robert DESNOS quen tivo a idea de responder ao SEGUNDO MANIFESTO, retomando a conta de BRETON, a forma e o título do panfleto que emporcara os funerais públicos de Anatole FRANCE. Lémbrome que estabamos daquela diante da terraza de LES DEUX MAGOTS. Falábase arredor de min: a idea pareceu excelente e o meu amigo Georges-Henri RIVIERE procuroume axiña os quiñentos francos para a súa publicacón. Cando voltei ver DESNOS díxome que despois de todo, a idea era má, que falara apresuradamente, mais que despois de reflexionar, todo isto non ía a ir en descrédito de BRETON, que isto afortalaría o seu creto. Mais eu comezara a pór a cousa en funcionamento e, malia as súas reticencias, conseguín persuadir a DESNOS que me dese un texto a pesar de todo. Jacques-André BOIFFARD encarregouse da montaxe fotográfica, a partir da páxina de LA RÉVOLUTION SURRÉALISTE onde todos os participantes do grupo están representados cos ollos fechados [...]
Hoxe estou seguro que DESNOS tiña razón; hai moitas outras cousas na miña vidas coas que non estou de acordo, mais un CADÁVER é a maior. Odio este panfleto como odio as partes polémicas do SEGUNDO MANIFESTO. Esas acusacións, denotan facilidade e axitación permanente: o silencio, dunha parte e doutra tería sido preferíbel. O propio BRETON, nunha "advertencia", escribe: "Persuádome, ao deixar publicar de novo o SEGUNDO MANIFESTO DO SURREALISMO, que o tempo encarregouse por min de limar os seus ángulos (uñas) polémicos. Querería que este manifesto corrixise, aínda que fose á miña costa, os xuízos ás veces precipitados que formulei... Única reserva: a remorso que teño dunha mocidade onde a presa podía ser sobirana, onde non parecía que a paixón fose nunca digna de desconfianza. Equivocárame mais a inexperiencia excúsame de que me parecese penosa, a necesidade da experiencia é a tara da realización: se non estivesemos tan impresionados polos tatexos da infancia, nunca os nosos pensamentos profjundos teíran a lixeireza que mide a profundidade"

*aux chiottes: nos retretes

1963.- Nova edición de Nadja revisada polo autor. En febreiro de 1963, o grupo surrealista reparte unha octavilla lembrando a sorte dos revolucionarios españois:

A vía inicua
                                                                                                         "España é a retagarda de Europa (Charles de Gaulle)

Un comunicado oficial, relativo ao encontro dos ministros do Interior francés e español, sinala que estes "tiveron ocasión de examinaren o comportamento de grupos e individuos que, aproveitándose dos deberes tradicionais da hospitalidade, pretenden turbar as relacións harmoniosas entre os dous países". A AFP precisaba: "A sorte dos activistas da OAS é sen dúbida tamén a dos republicanos españois no exilio, foi un dos principias temas de discusión".
A cambio dun confortábel afastamento de espantallos da OAS fóra de uso, de Gaulle oferece á vinganza franquista os revolucionarios e os republicanos de España. Hai un precedente deste mercadeo na historia deste país, o precedente chámase Pétain. Así, de novo, o terror a escala internacional ameaza de novo os supervivintes da derradeira grande insurrección que fixo durante moito tempo rachar as vértebras dun planeta que tende a adormecer nun sono mortal.
Terror baixo condición, certamente; un segundo comunicado, oficioso este, fixo saber que a sorte dos españois refuxiados difería da dos cómplices de Ortiz ou Argaud, na medida "en que eles non preparaban un atentado contra a vida do xeneral Franco" ("Le Monde", 1º de febreiro.) Nada, sabémolo, máis fácil que simular tal atentado.
Calquer que sexa a amplitude da nosa audiencia, estamos obrigados a elevar contra esta infamia unha protesta solemne, aínda que só fose por fidelidade aos ideais que todos se empregan a rebaixar hoxe ao rango de anécdota pintoresca ou de lembranza emocionada. Outro supervivente da guerra de España merece a nosa particular atención, André Malraux que, desde o día en que foi nomeado ministro, calou perante a tortura en Alxeria, perante a represión das actividades anticolonialistas, perante a masacre, na estación de metro de Charonne, hai un ano, de nove traballadores Parisinos polas "brigadas especiais" de Frey-Papon; ¿calará mais unha vez? A "esquerda", deplorando
mezzo voze que unha tan boa "intelixencia" xulgase deber ceder á "personaxe" do Xeneral, ¿continuará a eloxialo en todo momento?
No lamazal baptizado como Vª República, faise cada vez máis fácil contar os que rexeitan batuxar.
                                                                                                                   París, 8 de febreiro de 1963

Morre Tristan Tzara. Revolucións en Siria e Irak. Asasinato do presidente estadounidense John F. Kennedy
1964.- J.-C. Silberman: Enseignes surnoises. G. Legrand: Les etrennes antidatées. J.-L. Bédouin: La poésie surréaliste. Proceso e condena do poeta Iosip Brodsky -futuro premio Nobel de literatura- por "vagancia", na URSS. Neste país, cae Kruschev.
1965.- Novembro, exposición internacional do surrealismo co lema "O desvío absoluto". Intensificación da guerra de Vietnam. Revolta negra en Los Ángeles. R. Benayoun: Erotique du surréalisme:

Se se acepta a definición de erotismo que propon Schwaller de Lubicz, a saber: "A maxia da totalidade, expresada principalmente polo depertar da potencia sexual", maxia cuxo sentido, precisa Schwaller, non podería ser outrro que o da unión, comprenderase por que, nun libro sobre o erotismo, será tan corrente a cuestión do amor.
Alén da interpretación puramente mecanicista do acto sexual, a eleción reiterada dunha parella permanece separada da súa avaliación precisa, despois do voto electivo mesmo, por unha gama tan estendida de sorpresas e de desenvolvementos, que sobarda o xogo moi correntemente evocado da autointoxicación, mesmo dunha simple fixación da libido.
A perda de controles, tan inquietante na perspectiva dunha pura técnica da copulación, efectivamente é para os amantes o garante dun sobexamento dialéctico de todo movemento deliberado, tanto afectivo como corporal, en proveito dun enlouquecemento, dun derroche (no sentido nobre da palabra) que pode, a partir do fortuíto, facer acceder ao sublime. Nas relacións recíprocas, paralelas ou concomitantes, que existen entre o amor e o acto do amor. Non se podería dicir exactamente cal deles é "revelador" do outro.
O medio século que acaba de transcorrer renovou os conceptos sexuais moito máis que catro milenios de orxías, de ritos eróticos ou de inquisicións. A revolución psicanalítica, a "educación" sexual, o uso de anticonceptivos, o control de hormonas, a cirurxía dos cambios de sexo ou a inseminación artificial, derrubou mitos estabelecidos, precipitou fenómenos que a consciencia colectiva difería ou solicitaba desde hai séculos, trastornando equilibrios inmemoriais.
Nos nosos días, o marques de Sade, no canto dos vintesete anos de cadea, pagaría os seus delitos, ao cabo anodidos, cunha pequena multa no tribunal correccional. Casanova sería celebrado na prensa sentimental á maneira dun play-bou, o cabaleiro de Leon sería operado tan banalmente como Coccinelle. A sexualidade reducida a unha terapéutica considerada como unha franquicia social ou unha benigna actividade de grupo, modificada por manipulacións nos laboratorios ou polo intercambios de órganos, sofre un duplo proceso de promoción e de banalización.
Está condicionada por unha mestura de seguridade material e inseguridade moral: a presenza permanente dunha noción moi pouco abstracta do aniquilamento, debida ao espectro atómico, a precipitación irreversíbel dos ritmos vitais e o culto confesado da violencia, aumentaron o ton mórbido do comportamento sexual medio. O gosto pola
perfomance, polo rebordar no físico, que testemuña hoxe un terror precoz por deixarse beixar, desemboca nunha forma cada vez máis corrente no atletismo sexual, inhumano mecanicista até límites incontrolábeis*. A beleza estereotipada fundada sobre imaxes de referencia que exclúen todo misterio, toda aura persoal, remodelou a sexualidade segundo un rexistro limitado de "situacións", ao mesmo tempo que as enquisas sexuais, a estatística e os estudos sociolóxicos reduciron o acto de amor, racionalizárono á medida do esquema máis simplista.
A desaparición gradual das prohibicións, na cal Bataille** vía, equivocadamente ou con razón, a condición esencial dunha "consciencia clara e distinta", enxendra unha perda de valor que conduce a sexualidade á insignificancia. A camaradaxe sexual entre xoves (postulado esencial sobre o que non existe aínda un estudo pertinente), a provocación publicitaria, completamente fixada nun estandar arbitrario de suxestión sensual, vulgarizan o erotismo, fano pasar ao rango das actividades de tempo libre, das que se sabe que desembocan cada vez con máis frecuencia no mundo do traballo. O erotismo, metáfora da sexualidade, invertido na fórmula, democratízase, conducindo cara a un deserto da acción e o sentimento, e mesmo cara a unha fórma do "fastío" contemporáneo, que describiu Moravia nun libro homónimo***.
Fatalmente, esta familiareidade, esta rotina signada polo lasitude, van acompañadas dun empeño de desvalorización do amor. Mentres que as fotonovelas e as novelas populares continúan a exaltar unha forma cada vez máis nebulosa, cada vez máis convencional do idilio (a cal tende obrigatoriamente cara ás vodas trunfais ou cara á perda das ilusións), os espíritos cultivados, aproveitando as cores á moda do cinismo, ridiculizan as paixóns que pretenden desmitifcar, en canto non lles interesa máis que renovar as técnicas de copulación ou elevar o rufianismo ás alturas dunha dignidade.
Aquí, non obstante, é o tedio o que inspira a desdeñosa posta en punto morto da exaltación. Alén do número dous, ese irmán do segredo, un desespero inexplicábel anima as festas colectivas do sexo. Unha manía de perfección e de omnisciencia no exercicio do coito, un tecnicismo febril, unha kinestesia dos transportes efectivos confire, aos adeptos da
dolce vita, un espleen non desprovido de compracencia, que atribúe a non sei que "espírito do século" os seus aspectos máis inmediatamente negativos. No momento en que Antonioni constata, non sen un atroz desgarramento, que o amor seconverteu praticamente en antonómico do coñecemento, presume unha crise xeral dos sentimentos, unha inadecuación do Eros fronte á condición renovada do home mais tamén ese masculinismo desenfreado do macho moderno que inspirou a Jacques Rigaut este berro amargo: "Ámote demasiado como para ter algo que dicirte. A rapaza máis bela do mundo non pode darme o que teño****.
En medio desta crise, que é unha crise da imaxinación, o surrealismo oferece o único sinal positivo, a única esperanza dunha reconciliación do home coa súa natureza profunda. Se a sexualidade se libera, a través das súas peripecias, da dominación humana, talvez sexa porque o ser sexuado, despoxado da súa unidade fundamental tenta sobrevivir dialecticamente por medio dun esforzo máis ou menos cósmico cara á integridade, como testemuñan de modos variábeis Blake, Jacob Boehme, Poe ou Schwaller. Unha harmonía suprema dos corpos non pode concibirse senón no plano dunha ética sexual que confundiría o desexo humano co desexo universal; ética, como se verá, que non pode situarse máis alá dunha revalorización total da muller consciente dos seus medios e da súa intuición.

En momentos en que a relixión, constatando o fracaso do matrimonio en tanto que contrato, recoñece con desgosto a importancia do que chama "o enlouquecemento erótico"*****, queda por restituír urxentemente á muller, "pedra angular do mundo material" a noción natural dese poder erótico que a igrexa, no curso das idades, lle fixo perder en proveito dunha forma máis ideal, máis aberrante tamén, de adoración.
A sobrevaloración da muller que opera o surrealismo, por intolerábel que pareza a certos espíritos, xa marcou o seu camiño. Oponse ao que implica a libertinaxe en tanto que misoxinia difusa, perfeccionismo manierista funcional. Mais é que os surrealistas, rexeitando reducir o acto amoroso a un simple xesto, inversamente, farano depender de todos os modos de expresión e das máis altas funcións do espírito. "Nós reducimos a arte á súa máis simple expresión, que é o amor, exclamaba Breton, para quen o "convulsivo" convértese no criterio mesmo de beleza. como simple confirmación das cousas, a historia da arte non cesara de limitar o amor a unha representación enteiramente simbólica, en cambio o surrealismo tende a submeter a creación artística ao ditado do inconsciente, outorgándolle as cores mesmas da éxtase, "estado vital da lucidez cega do desexo" (Dali).
"O amor recíproco, o único que nos podía interesar é aquel que se pon a xogar o inhabitual na práctica, a imaxinación na rotina, a fe na dúbida, a percepción do obxecto interior no obxecto exterior", escribían os autores de
A Inmaculada Concepción. A erótica do surrealismo, verase, tende aínda a identificar o ditado do desexo co do inconsciente, a facer do amor un equivalente da "metáfora onírica" que está na orixe de toda creación, e, por iso, mesmo a transformar o acto de amor nun acto demiúrxico. O erotismo só se converte en amor cando crea. A aventura surrealista ten de revolucionaria (entre outras cousas, que por vez primeira, quizais, na historia dotou ao sexo dun modo de expresión. No surrealismo, o erotismo exprésase directamente, abandona o mundo do silencio. Este sobexamento ilimitado do ser, este naufraxio das referencias que procura a éxtase, o surrealismo situouno, logo expresouno en termos obsesionantes, na vertixe automática. Finalmente, nun intento máis deliberadamente reivindicativo, asegurando o que se puido interpretar como a unidade do espírito e do desexo.

*A concepción deportiva do amor, co que comporta de coacción exterior na procura da explotación e o temor excesivo ao fracaso podería conducir ocasionalmente a certos crimes sádicos onde se viola sen ter consciencia ou mesmo sen lembralo, como se experimenta unha perda nocturna de seme.
**"O interdicto elimina a violencia e os nosos movementos de violencia (enrtre os cales figuran os que responden ao impulso sexual) destrúen en nós o tranquilo ordenamento sen o cal a consciencia humana é inconcibíbel". Georges Battaile,
L'Erotisme.
***Ver
La Noia.
****Ver R.B. Pour un bilan positif du sujet, en "Positif". Xullo 1960. Jacquesc Rigaut.
Papiers Posthumes e Agence general du suicide.
*****En particular na masturbación, que califica moi esquisitamente como "exoneración mecánica" (J.-J. Pauvert Éd.)



Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega