O surrealismo. Unha achega documental

Páxina Anterior

Cronoloxía do surrealismo (parte 11ª)

Páxina Seguinte

v1xggsurrealismo013k.html

J.-P. Duprey: La fin et la manière. C. Courtot: Introduction à la lecture de Benjamín Péret.
1966.- O Grupo RUpTURE, que se reclamaba do surrealismo, intenta, mediante carta dirixida ao grupo de París, a reconstrución da Federación Internacional por unha Arte Revolucionaria Independente. Membros da sección francesa da IV Internacional tamén estaban pola tarefa. A resposta dos surrealistas, nun texto escrito por Vincent Bounoure, e retocado por Breton, Nin hoxe nin desta maneira, afirma que as condicións dos anos trinta son moi diferentes que as dos anos 60, tanto política, economica como culturalmente, e que, nese momento, facer da loita contra o dirixismo artístico un programa de agrupamento, é engadir leña á confusión actual, e acaban decindo que hoxe -1966, e hoxe, engadimos nós, 2001- "a liberdade ten menos necesidades de defensores que de inventores". Morte de Hans Arp, Alberto Giacometti, Victor Brauner e André Breton

                                             ANTES A VIDA
Antes a vida que eses prismas sen espesor mesmo se son as cores máis puras
Antes a vida que esa hora sempre coberta que eses terríbeis autos de chamas frías
Que as pedras amolecidas
Antes ese corazón con freo posto
Que esa poza de murmullos
E que ese pano branco que canta a vez no ar e na terra
Que esa bendición nupcial que une a miña frente á da vaidade total
                                   Antes a vida

Antes a vida cos seus lenzois conxuratorios
As súas cicatrices de evasións
Antes a vida que ese rosetón sobre a miña tumba
A vida da presenza só da presenza
Onde unha voz di Estás aí onde outra responde Estás aí
A penas estou aí
E sen embargo aínda cando xogasemos ao que facemos morrer
                                   Antes a vida

Antes a vida antes a vida Infancia venerábel
A fita que surxe dun fákir
Seméllase á corredeira do mundo
O sol ben pode non ser máis que un despoxo
Por pouco que o corpo da muller se lle pareza
Pensas ao contemplar a traxectoria a todo o longo
Ou somente ao fechar os ollos sobre a adorábel tormenta que se chama a túa man
                                   Antes a vida

Antes a vida coas súas salas de espera
Aínda que un saiba que nunca será introducido
Antes avida que eses estabelecementos termais
Onde o servizo se forma por colares
Antes a vida desfavorábel e longa
Cando os libros se fecharán aquí sobre raios menos doces
E cando alá fose mellor que mellor fose libre si
                                   Antes a vida
Antes a vida como fondo de desdén
A esa cabeza suficientemente fermosa
Como antídoto de esa perfección que ela reclama e teme
A vida o disfarce de Deus
A vida como un pasaporte virxe
Unha pequena vila como Pont-à-Mousson
E como todo xa está dito
                                   Antes a vida

Revolución cultural en China. No mundo occidental triunfa a mini-saia. José Pierre: Le surréalisme.
1967. Abril, aparición de L'Archibras. Varios membros do grupo surrealista son invitados a Cuba. Jean Schuster: À l'ordre de la nuit, au désordre du jour.
1968.- Morte de Marcel Duchamp

¿DEBE IR O ARTISTA Á UNIVERSIDADE?
Burro como un pintor.
Esta expresión francesa remóntase, cando menos, ao tempo da vida de Bohemia de Murger, cara a 1880, e continúa a empregarse como chiste nas discusións.
¿Por que habería que considerar o artista como menos intelixente que calquera outra persoa?
¿Sería porque a súa habilidade técnica é esencialmente manual e non garda unha relación inmediata co intelecto?
Sexa o que for adoita sosterse que o pintor non necesita unha educación particular para chegar a ser un grande Artista.
Mais esas consideracións, hoxe perderon vigor. As relacións entre o Artista e a sociedade cambiaron desde o día en que, a finais do século pasado, o Artista afirmou a súa liberdade.
No canto de ser un artesán empregado por un monarca, ou pola Igrexa, o artista de hoxe pinta libremente e xa non está ao servizo dos mecenas a quen, pola contra, impón a súa propia estética.
Noutros termos o Artista áchase hoxe completamente integrado na sociedade.
Emancipado desde hai máis dun século, o Artista de hoxe preséntase como un home libre, dotado das mesmas prerrogativas que o cidadán común e fala de ti a ti ao comprador das súas obras.
Naturalmente, esta liberación do Artista ten como contrapartida algunhas das responsabilidades que podía ignorar cando só era un paria ou un ser intelectualmente inferior.
Entre estas responsabilidades, unha das máis importantes é a da EDUCACIÓN do intelecto, aínda que, profisionalmente, o intelecto non sexa a base da formación do xenio artístico.
Moi evidentemente, a profisión de Artista ocupa un lugar na actual sociedade a un nivel comparábel co das profesións "liberais". Xa non é, como antes, unha especie de artesanato superior.
Para se manter a ese nivel e para se sentir igual aos avogados, os médicos, etc., o Artista debe recibir a mesma formación universitaria.
Aínda máis, o Artista desempeña na sociedade moderna un papel moito máis importante que o dun artesán ou un bufón.
Áchase enfrontado cun mundo baseado nun materialismo brutal onde todo se valora en función do BENESTAR MATERIAL e onde a relixión, tras perder moito terreno, xa non é a grande dispensadora de valores intelectuais.
Hoxe o artista é unha curiosa reserva de valores paraespirituais en oposición absoluta co FUNCIONALISMO cotián polo cal a ciencia recibe a homenaxe dunha cega admiración. Digo cega, pois non creo na importancia suprema desas solucións científicas que nin sequera rozan os problemas personais do ser humano.
Por exemplo, as viaxes interplanetarias parecen ser un dos primeiros pasos cara ao, digamos, "progreso científico" e, non obstante, en derradeira análise só se trata dun ancheamento do territorio posto a disposición do home. Non podo evitar considerar iso como unha simple variación do MATERIALISMO actual que arrastra o individuo afastándoo cada vez máis da procura do seu eu interno.
Isto lévanos á importante preocupación do artista de hoxe, que consiste, ao meu parecer, en se informar e estar ao corrente do chamado "PROGRESO MATERIAL COTIÁN".
Dotado dunha formación universitaria como lastre, o Artista non debe temer que lle asalten complexos nas súas relacións cos seus contemporáneos. Grazas a esta educación, posuirá os instrumentos axeitados para se opór a ese estado de cousas materialista a traves da canle do culto ao eu nun marco de valores espirituais.
Para ilustrar a situación do Artista no mundo económico contemporáneo, observaremos que carlquer traballo ordinario está remunerado máis ou menos segundo tempo de horas pasadas en realizalo, mentres que no caso dunha pintura, o tempo dedicado á súa execución non entra no cómputo cando se trata de fixar o seu prezo, e cando este prezo varía coa notoriedade de cada artista.
Os valores espirituais ou internos antes mencionados e cuxo dispensador, por así dicilo, é o Artista só atinxen ao individuo
tomado por separado, en contraste cos valores xerais que se aplican ao individuo parte da sociedade.
E baixo a aparencia, gañas teño de dicir baixo o disfarce, dun membro da raza humana, o individuo vive de feito en total solidade e unicidade e as características comúns a todos os individuos tomados en masa non teñen ningunha relación coa explosión solitaria dun individuo entregado a si mesmo.
Max Stirner, no século pasado, estabeleceu moi claramente esa distinción na súa notábel obra
Der Einziger und Sein Eigentum, e se grande parte da educación aplícase ao desenvolvemento destas características xerais, outra parte, igualmente importante, da formación universitaria desenvolve as faculdades máis profundas do individuo, a autoanálise e o coñecemento da nosa herencia espiritual.
Tais son as importantes cualidades que o Artista adquire na Universidade e que lle permiten manter vivas as grandes tradicións espirituais coas que a propia relixión parece perdeu contacto.
Acho que hoxe máis que nunca o Artista ten encomendada esa misión pararrelixiosa: manter acesa a chama dunha visión interior que parece dispór da obra de arte como da súa tradición máis fiel para o profano.
Damos por sentado que para cumprir esa misión fai falta o máis alto grau de educación.

Exposición surrealista en Praga coincidindo coa chamada primavera de Praga, ou procura dun "socialismo con rostro humano", experiencia truncada coa entrada en Checoslovaquia dos tanques do Pacto de Varsovia. Francia, Italia, Iugoeslavia, viven a experiencia da rebelión estudantil, cuxo cumio se acada en Francia coa rebelión coñecida como Maio do 68. Jean Schuster: Flamboyant de Cuba, arbre de liberté. V. Bounoure. L'Évenement surréalista. J. Mansour: Le bleu des fonds.
1969.- Febreiro Abril: disensións no grupo de París. Outubro, desde as páxinas de Le Monde, Jean Schuster decreta a disolución do grupo, que non é aceptado por outros membros como Radovan Isvic, Marianne Van Hirtum, Vincent Bounure, Michel Ziccamba, Annie Le Brun, etc., que dará lugar ao grupo de París do movemento surrealista, agrupado en torno ao Bulletin de Liaison surréaliste que publica dez números.

O surrealismo despois de 1969

"Un rumor insistente, que co tempo tomou a gravidade esmagante e a consistencia granítica do dogma, propaga que o surrealismo desapareceu, como movemento organizado e como acción colectiva, en 1969. ¿De que se trata?
Tres anos despois da morte de Breton, algunhas das figuras máis coñecidas do grupo surrealista, Jean Schuster, José Pierre, Gérard Legrand e varios máis, proclamaron a necesidade de pór fin a toda actividade colectiva que se reclamase do surrealismo. No seu artigo, "Le quatrième chant" (
Le monde, 4 de outubro de 1969), Jean Schuster estabelecera a distinción, que fixo fortuna, entre o "surrealismo eterno", "compoñente ontolóxica do espírito humano" e o "surrealismo histórico", que se considera acabou o seu percorrido en 1969.
Esta clasificación era moi discutíbel: por unha parte, se o surrealismo achou devanceiros en todas as culturas do pasado, e se a poesía e a liberdade son constantes antropolóxicas da especie humana, o movemento surrealista como tal é histórico e non manifesta ninguna "eternidade" -por outra parte é imposíbel, por razóns xa argumentadas hai algúns milenios por Heráclito: Ta panta rei, todo cambia, todo deita, todo se transforma. Doutra parte, grazas ás accións de colectivos diversos a través do planeta, o movemento surrealista sobreviviu á súa crise de 1969: o seu desterro aos arquivos "históricos" era un pouco prematuro.
Lembremos o esencial dunha historia que é pouco coñecida, senón deliberadamente ocultada. Á disolución pronunciada por Schuster, Vincent Bounoure oponse nun texto titulado "¿Nada ou que?" que propón a continuación do movemento. Cunha tiraxe de cen exemplares, este documento -seguido dunha enquisa- circula en París e Praga e suscita numerosas respostas, a maioría positivas, que serán reunidas en marzo de 1970 nun volume,
Pour communication. Réponses a l'enquête "Rien ou quoi?".
Os surrealistas Parisinos que rexeitan o abandono reagrúpanse -en relación estreita cos seus amigos de Praga- arredor do
Bulletin de liaison surrealista. Nos dez números do BLS participan, entre outros, Jean-Louis Bédouin, Micheline e Vincent Bounoure, Vratislav Effenberg, Marian Van Hirtum, Robert Lebel, Joyce Mansour, Jehan Mayoux, Jan e Eva Svankmajer, Michel Zimbacca.
Na editorial do primeiro número do BLS pódese ler: "Ninguén ten o dereito a definir unha 'liña' surrealista e moito menos a impór o itinerario. Mais é dereito de cada un de nós describir a súa propia traxectoria e fixar os puntos sobre os cales amaña a dos outros...". Lendo o Bulletin podémonos iniciar no xogo dos contrarios, nos relatos paralelos e participar no debate sobre "surrealismo e revolución" con Herbert Marcuse.
En 1976 esta actividade continúa coa publicación, baixo a dirección de Vincent Bounoure, do volume colectivo
La Civilisation surréaliste. Coa participación de redactores do Bulletin así como (entre outros) de René Alleau, Jean Markale e Martín Stejskal.
Mentres Bernard Caburet denuncia a "civilización excremental" en que os seres humanos se converten nas "máis fermosas cabezas do gando económico para os frigoríficos do futuro", Vincent Bounoure e Vratislav Effenberger lembran, nun artigo común, que "fronte á resignación racionalista e o irracionalismo metafísico que continúa a rimar a acción", o surrealismo apela á "subversión das condición psicolóxicas da existencia humana con intención de rematar cos efectos devastadores do conflito entre o principio de pracer e o principio de realidade".
En 1977 as Éditions Savelli (París) reunen os dez números publicados do Bulletin de liaison surréaliste nun volumen e publican os dous números dunha nova revista titulada
Surréalisme surréalisme. Surréalisme está belamente ilustrada por obras de Karon Baron, Gabriel der Kervorkkian, Marianne Van Hirtum, Albert Marencin, Pierre Moliner e outros moitos. Áchase, entre outros, un chamado (outubro 1976) para a liberación de Paulo de Paranagua, poeta e surrealista brasileiro emprisionado en Arxentina, un soberbo texto de Joyce Mansour ("Le caisier verge ou la traverse du Mer Rouge") e a imaxe do xogo das colaxes paralelas (fabricadas con stocks de imaxes idénticas distribuídas aos participantes). Sen esquecer un debate entre Vincent Bounoure e Michel Lequenne sobre "Perversión e revolución" e o descobrimento por parte de Michel Zimbacca dos 36 verbos de amar ("cosmordre", asphojouir", "prismaginer", "soiffamer").
Nos anos que seguen, o grupo concéntrase en actividades internas, para volver á superficie a partir de 1990. Durante esta epoca certo número de persoas exteriores ao grupo proseguen unha actividade inspirada no surrealismo: é o caso, por exemplo, de Alain Joubert, Annie Le Brun e Mimi Parent.
A persistencia do surrealismo -como a da toupeira escamada,
Condylura cristata- é discreta mais perfectamente visíbel: hoxe hai grupos surrealistas activos non soamente en París, senón tamén en Praga, Estocolmo, París Chicago e Sao Paulo. Os anos 90 viron unha floración de revistas que materializan esta actividade SURR (Surréalisme, Utopie, Rêve, Révolte) (París), Analogon (Praga), Salamandra (Madrid), Stora Salter (Estocolmo), Arsenal (Chicago), Manticore (Leeds). Apareceron dos números do Bulletin surréaliste international (en 1991 e 1992) con debates, enquisas, documentos e, por primeira vez, un texto común dos diferentes grupos denunciando as sinistras celebracións do quinto centenario do "descobrimento" de América. Se en París estas actividades non teñen o mesmo eco que hai trinta ou coarenta anos, en Praga acontece o contrario: nunca, desde 1945, o grupo tivo tal impacto cultural. En canto a Madrid, Estocolmo e Sao Paulo é a primeira vez que coñecen unha actividade surrealista colectiva.
Certamente, estas actividades son moitas veces marxinais, ignoradas polos medios de comunicación, descoidadas polos "especialistas" universitarios. É un feito, mais como dicía moi ben o vello Fichte:
Umso Schlimer för die Tatsachen! ("¡Tanto peor para os feitos!"). O que quere dicir, neste caso: tanto peor para os críticos, os especialistas e outros membros da academia das inscricións e belas artes, o surrealismo está noutra parte.
Sería necesario, pois, falar dun surrealismo que non é nin "eterno" nin está "historicamente acabado", senón actual. Remítome ao sentido orixinario do termo latino (século 13)
actualis: "actuante". Os surrealistas actúan colectivamente en varios países e continentes. Esta actividade non aspira á imitación das obras pasadas, senón que intenta continuar a aventura, descobrir novas e inéditas figuras do maravilloso, explorar cuartos, corredores, faiados descoñecidos do "castelo invisíbel". Esta capacidade de innovación é o único medio para fuxir dos aneis asfixiantes da boa constritor da eterna repetición do mesmo.
Trátase dunha actualidade intempestiva, no sentido das
Unzeitgemeässen bretrachtningen ("consideracións intempestivas") de Nietzsche, é dicir. Alimentadas por unha hostilidade irreconciliábel cara á pseudocultura europea contemporánea. Segundo o Petit Robert, o intempestivo é "o que se produce a contratempo", o que "non é conveniente" nin "oportuno". ¿Pódese imaxinar actividade máis a contratempo -é dicir, contra este tempo-, menos "oportuna" ou "inconveniente" que a do grupo surrealista ao fin do século 20? ¿Pódese imaxinar unha prática máis "impropia", "inoportuna" ou "inconveniente" que a dun colectivo que se reclama sempre da exploración surrealista do descoñecido"?*
Contrariamente ao que moitas veces se pensa, a temporalidade do surrealismo non é da mesma natureza que a das chamadas "vangardas artísticas", que se sucederon unhas a outras despois dun efémero período de floración: fauvismo, cubismo, expresionismo, futurismo, dadaísmo. Seméllase máis ben, dunha maneira profunda e durábel, á dos grandes movementos culturais -á vez artísticos, filosóficos e políticos- como o barroco e o romantismo.
O surrealismo, como a alquimia, o socialismo ou a filosofía romántica da natureza, é unha cuestión de tradición. Remite a un conxunto complexo de riscaduras-escritas, documentos e rituais; a transmisión dunha mensaxe esotérica, filosófica ou política; á continuidade de práticas máxicas e poéticas. Aquel que non sabe iluminar no pasado a faísca da esperanza, non ten futuro.
Mais o surrealismo é tamén, como a bruxería, a piratería e a utopía, unha cuestión de imaxinación creadora. Como os cangaceiros, os bandidos de honra dos campos brasileiros, están condenados a innovar: as rotas consagradas, os vellos camiños, os sendeiros explorados están en mans do inimigo. É necesario achar novos vieiros, trazalos no terreno: é o caminar o que fai o camiño.

Michel Löwy, filósofo marxista, membro do grupo surrealista de París desde 1975.
L'Étoile du matin. Marxisme et surréalisme
*Sinónimos de intempestivo, sempre segundo monsieur Robert.





Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega