O surrealismo. Unha achega documental

Páxina Anterior

Capítulo 3. O grande malentendido: surrealismo e revolución (parte 1ª)

Páxina Seguinte

v1xggsurrealismo004.html

3. O grande malentendido: surrealismo e revolución.

Dúas foron as grandes revistas surrealistas de antes segunda guerra mundial: La Révolution surréalista (12 números, do 1 de decembro de 1924 ao 15 do mesmo mes de 1929; LRS, endiante) e Le surréalisme au service de la révolution (6 números, de xullo de 1930 a maio de 1933; LSASDLR). Dous títulos que sinalan o grande erro do surrealismo. Expliquémonos.
     Agora que xa non existe a Unión Soviética, nin uns países autochamados "socialistas" que defender da agresión imperialista (aínda que si haxa países que sofren esta agresión, mais non son socialistas, Cuba, por exemplo), agresión que permitía alcumar de traidores, fascistas e outros substantivos e adxectivos que deberían avergoñar a quen os usaron, a todos aqueles que denunciaban a inxustiza que reinaba nos países comunistas, a todos aqueles que negasen o carácter socialista daquelas sociedades, a todos aqueles que xa antes de 1940 denunciaban a URSS como unha prisión de homes, pobos e pensamento. Agora que xa non existen eses países, unha das maiores imposturas do século, pódese falar, sen chantaxes de ningunha clase, das relacións entre poesía -e cultura- e comunismo. Unhas relacións que durante moito tempo estiveron marcadas polas relacións entre o movemento surrealista e o movemento comunista, e que acabaron en traxedia. [Despois de 1940 diversos grupos de "vangarda" puxéronse ás ordes dos Pcs e repetiron o acto surrealista, mais esta vez foi como comedia, como ben vira Karl Marx (o surrealismo revolucionario, o existencialismo sartreano, o grupo Tel Quel, etc.). Poden ser desculpados se se ten en conta o grande prestixo dos Pcs europeos saídos da Resistencia contra o nazismo -xa ninguén se acordaba da responsabilidade da III Internacional na subida dos fascismos-, mais despois da repetición dos procesos de Moscova nos diferentes países do Leste europeo onde o "socialismo" fora instalado polos tanques rusos, e logo da invasión de Hungría de 1956, crer na bondade revolucionaria do comunismo soviético, e non só do soviético, era pechar os ollos á historia e non ver o que podía vir, e que veu, mais esa é outra historia que non nos trae aquí.]
     Mais antes de nada fagamos un pouco de historia, sucintamente:
O primeiro número de La révolution surréaliste sinala que se prepara unha revolución. A palabra revolución sae no prefacio que abre a revista e que asinan J.-A. Boiffard, P. Éluard e R. Vitrac. Na portada: "É necesaria unha nova proclamación dos dereitos do home". E na contraportada, un aviso: "Estamos nas vésperas dunha REVOLUCIÓN. Podedes participar", e dáse o enderezo do Bureau de Recherches Surréalistes. Era, lembrémolo, o 1 de decembro de 1924.
     De outubro de 1924 a novembro de 1925, a actividade pública, logo privada, do Bureau, celebra o soño, Oriente, exalta o xenio de cada individuo participante, brande a bandeira negra da revolta, proclama o fin da era cristiana, engade fe á loucura, toma o camiño que leva á iluminación -profana, no senso que lle dá W. Benjamin, ou rimbaldiana. O surrealismo, "carregado dunha ardente paciencia entra, aos menceres, nas esplendorosas cidades", diriamos parafraseando a Rimbaud. A revolución do espírito está a camiñar. O berro desesperado e doloroso de Antonin Artaud: "O surrealista que desespera de atinxir o espírito (...) é a única Cabeza que emerxe no presente". A utopía comunitaria do surrealismo, a utopía surrealista do surrealismo, está a piques de ser realidade mediante a asociación libre de homes libres.

       DECLARACIÓN DE XANEIRO DE 1925

Por motivos dunha falsa interpretación do noso intento, estupidamente distribuída ao público, temos que declarar o seguinte a toda a crítica gaguexante, llteraria, dramática, filosófica, estética e mesmo teolóxica contemporánea:
1º Non temos nada a ver coa literatura;
mais somos moi capades, en caso de necesidade, de nos servirmos dela como todo o mundo.
2º O
surrealismo non é un novo, ou máis fácil, medio de expresión nin unha metafísica da poesía; e un medio de liberación total do espírito
               e de todo que se lle aparenta.
3º Estamos decididos a facer unha Revolución.
4º Xuntamos a palabra surrealismo á palabra revolución unicamente para evidenciar o carácter desinteresado, distanciado, e mesmo totalmente desesperado, desta revolución.
5º Non pretendemos mudar os usos e costumes do homes mais pensamos demostrarlles a axilidade das súas ideas e sobre que bases movedizas, sobre que alicerces ergueron as súas tremelicantes casas.
6º Facemos á Sociedade este aviso solemne:
Atención aos desvíos, cada paso en falso do voso espírito encontraranos enfrente.
7º Estaremos moi atentos a calquer viraxe do voso pensamento.
8º Somos especialistas da Revolta.
Non hai medio de acción que, se é necesario, non sexamos capaces de usar.
9º Dicimos moi especialmente ao mundo ocidental:
                              o surrealismo existe
-¿que é este novo ismo que se agarra a nós?
-O surrealismo non é unha forma poética.
É un berro do espírito que volta a si propio e está decidido a destruír todas as súas barreiras
                              se é necesario con medios materiais.

Bureau de Recherches surréalistes, 15 R. De Grenelle.
Louis Aragon, Antonin Artaud, Jacques Baron, Joë Bousquet, J.-A. Boiffard, André Breton, Jean Carrive, René Crevel, Robert Desnos, Paul Éluard, Max Ernst, Th. Fraenkel, Francis Gérard, Michel Leiris, Georges Limbour, Mathias Lubeck, Georges Malkine, André Masson, Max Morise, Pierre Naville, Marcell Noll, Benjamin Péret, Raymond Queneau, Philippe Soupault, Dédé Sunbeam, Roland Tual.

     Mais... no outono de 1925 outra revolución interfire: a revolución social. Os membros das revistas La révolution surréaliste, Clarté (marxistas próximos ao Partido Comunista Francés -PCF), Philosophies e máis os surrealistas belgas de Correspondance reúnense e discuten. Os surrealistas politízanse ao colaboraren con Clarté. O 3 de novembro, despois dunha reunión, Desnos, en nome dos surrealistas, le unha declaración que é o inicio dun equívoco que durará dez anos: "Nunca houbo unha teoría surrealista da Revolución. Nunca crimos nunha 'Revolución Surrealista' (...) Nós queremos a revolución, nós queremos os medios revolucionarios. Estes medios, hoxe, ¿quen os detenta? A Internacional Comunista e, en Francia, o Partido comunista francés". L'Humanité, con retoques, publica a declaración e felicítase da adhesión de xoves inteletuais á doutrina comunista.
     En agosto dese mesmo 1925, 28 surrealistas asinarán, con outros intelectuais, os das revistas nomeadas e máis, a proclama La révolution d'abord et toujours! (A revolución desde o inicio e sempre), do que se tiraran 10.000 exemplares. Durante o outono os diferentes grupos reúnense e discuten. Clarifican puntos e posicións políticas -Breton négase a introducir a poesía en cuestións políticas e a política en cuestións de orde poética. Créase un comité -secreto-: Jean Bernier e Marcel Fourrier por Clarté, Henri Lefebvre e Pierre Moranghe por Philosophies, Aragon, Artaud, Breton e Éluard polos surrealistas. O grupo Correspondance non se une.

  

   A REVOLUCIÓN DE INICIO E SEMPRE

O mundo é un entrecruzar de conflitos que, aos ollos de calquer home minimamente advertido, exceden o cadro do simple debate político ou social. A nosa época está singularmente falta de videntes. Non obstante, a quen non se encontre desprovido dalgunha perspicacia, é imposíbel non tentar soportar a consecuencia humana dun estado de cousas absolutamente perturbador.
Máis que o despertar do amor proprio de pobos hai moito escravizados, e que ademais só parecen apuntar á reconquista da súa independencia, máis que no conflito insaciábel das reivindicacións obreiras e sociais que axitan Europa, acreditamos na fatalidade dunha liberación total. Baixo os golpes cada vez máis duros que lle asestan, é fatal que o home acabe por transformar a súa posibilidade de relación.
Perfectamente conscientes das forzas que hoxe axitan o mundo, desexamos, mesmo antes de enumerarnos e de pormos á obra, proclamar o noso total distanciamento, e certa nosa purificación, das ideas que están na base da civilización europea recente e de toda a civilización baseada nos insoportábeis principios do deber e da necesidade.
Mais aínda que o patriotismo, que é unha histeria como outra calquer, pero máis vacua e envelenadora do que calquer outra, o que nos repugna é a idea de Patria, que é realmente o concepto máis parvo e o menos filosófico para o que tentan arrastranos .
Certamente, somos Bárbaros, pois énos repugnante certa forma de civilización.
En todo lugar onde impera a civilización ocidental todos os lazos humanos foron destruídos, agás os que tiñan por motivo o interese, o "pago ao contado". Hai máis dun século que a dignidade humana é rebaixada á función de valor de troca. Xa é inxusto, xa é monstruoso que os desposuídos sexan oprimidos polos posuidores, máis cando esta opresión excede o cadro do simple salario e toma, por exemplo, a forma de escravitude que a alta finanza fai pesar sobre os pobos, iso é unha iniquidade que ningunha masacre expiará. Recusámonos a aceptar as leis da Economia e do Cambio, recusámonos a aceptar a escravitude do Traballo e, en escala máis lacta, declarámonos en insurección contra a Historia. A Historia está rexida por leis que se dobran á vileza dos individuos e nós non somos humanitarios en ningun grau ou especie. É o noso rexeitamento de toda lei consentida, a nosa esperanza en formas novas, subterráneas e capaces de abalar a Historia, de quebrar o encadenamento irrisorio dos feitos, que nos fai voltar os ollos para Asia. Pois, en definitiva, necesitados da Liberdade, mais dunha Liberdade erguida sobre a nosa máis profunda necesidade Espiritual, sobre as esixencias máis estritas e máis humanas da nosa carne (en verdade, serán sempre os outros quen terán medo). A época moderna xa cumpriu o seu papel. O estereotipo dos xestos, dos actos, das mentiras de Europa completou o ciclo da abxección. É hora que os Mongois acampen nos nosos dominios. Dalgunha maneira debemos temer que a violencia a que nos entregamos nos asalte de improviso, nos ultrapase. Para nós, iso aínda non é de abondo, aconteza o que acontecer. Importa que se vexa no noso camiño, máis que a confianza absoluta que facemos nun tal sentimento que nos é común, o sentimento de revolta, sobre o cal se fundan as únicas cousas válidas.
Colocando por diante das nosas diferenzas o noso amor pola Revolución e a nosa decisión de eficacia, e no dominio aínda moi restinxido que é o noso, nós,
Clarté, Correspondance, Philosophies, La Révolution Surréaliste, etc., declaramos o seguinte:
1º O exemplo magnífico dun desarmamento inmediato, integral e sen contrapartidas que foi dado ao mundo en 1917 por Lenin en Brest-Litosk -desarmamento cuxo valor revolucionario é infinito-, non cremos a vosa Francia capaz de seguilo;
2ª En tanto que, pola maior parte, mobilizábeis e oficialmente destinados a vestir o abxecto capote azul-horizonte, repudiamos enerxicamente e de todas as maneiras futuras a idea dunha subxeción de tal orde, dado que, para nós, Francia non existe;
3º Non será necesario afirmar, nestas condicións, que apoiamos plenamente e asinamos o manifesto lanzado polo Comité de Acción contra a guerra de Marrocos, e tanto máis canto os seus autores están submetidos a medidas xudiciais;
4º,Padres, médicos, profesores, literatos, poetas, filósofos, xornalistas, xuíces, avogados, académicos de todas as especies, todos vós, signatarios do imbécil panfleto chamado "Os Intelectuais ao Lado da Patria", denunciarémosvos, confundirémosvos en todas as ocasións, can aplicado a ben rillar a patria, só a idea do óso a roer anímavos.
5º Somos a revolta do espírito: consideramos a Revolución sangrenta como vinganza ineluctábel do espírito humillado polas vosas obras. Non somos utopistas: só concibimos a revolución baixo a súa forma social. Se en calquer lugar existen homes que viran erguerse contra eles unha alianza tal que non vexan a ninguén que non os reprobe (traidores a todo o que non é Liberdade, insubmisos de toda clase, presos de dereito común), que non esquezan que a idea de Revolución é a mellor e a máis eficaz salvagarda do individuo.

Agosto 1925

     Por desacordos, Lefebvre e o seu grupo abandonan. Artaud retírase. Quedan só Clarté e os surrealistas. Deciden que desaparezan as dúas revistas e conflúan nunha: La guerre civil, que por falta de apoio do PCF non verá luz nunca.
     No outono de 1926, e respondendo ao libro de Pierre Naville, Les intellectuels et la révolution, primeiro surrealista que ingresa no partido, Breton publica en folleto -que manda destruír- Lexítima defensa. O escrito, con todo, aparece na revista LRS nº 6, pertecente a decembro. Nel, Breton ataca a política cultural dos comunistas e sobre todo as páxinas culturais, e as xerais, de L'Humanité -"indigna do papel de educación proletaria que pretende asumir"- e defende a total automía do surrealismo, mesmo fronte ao marxismo. Un ano despois -1927-, nunha asemblea na que se examina a situación do grupo, diversos surrealistas deciden entrar no Partido Comunista Francés -Breton, Péret, Aragon, Eluard, Noll, Crevel, Unik, etc.-, Artaud vaise e Soupault dimite. Outros -Queneau, Prévert, Baron, Desnos, Malkine, etc- refusan. Breton, xa militante, é enviado a unha célula de empregados da compañía do gas e demándanlle, ao que se nega, un informe sobre a situación da industria pesada en Italia. Non acode máis ás reunións de célula.
     De 1927 a 1932 os surrealistas colócanse detrás do PCF e da patria do socialismo, dos que non critican as súas consignas políticas (que xa comezan a ser esquizofrénicas), en cambio, no plano cultural, as liortas proseguen. En 1930, Aragon e Georges Sadoul son invitados á Segunda Conferencia Internacional de Escritores Revolucionarios en Kharkov. Rematan asinando unha crítica do Segundo manifesto e unha frase que reproducimos sen comentarios: "Como membros do Partido, recoñecemos que deberiamos provocar o control efectivo da nosa atividade literaria polo partido e submeter esta actividade ao seu control". E para acabar de rematala, Aragon escribe o poema "Front Rouge", no que, entre outras cousas, toma pola súa conta as acusacións contra o Partido Industrial (é dicir, a oposición de esquerdas a Stalin, que aproveita a acusación de sabotaxe da producción para fusilar a un monte de opositores á súa política industrial e agraria que levaria nos anos 30 á URSS a unha grande vaga de fame. Os homes e mulleres do chamado Partido Industrial, todos vellos bolcheviques, foron fusilados), pide fogo sobre a cabeza de Leon Blum e a socialdemocracia, etc. O 16 de xaneiro de 1932 Aragon é inculpado pola xustiza francesa por incitación ao asasinato -digamos que tivo máis sorte cando pediu fogo sobre a cabeza de Leon Trostki. Breton e os surrealistas saen na súa defensa. Aragon condena o folleto de Breton Miseria da Poesía, que era unha defensa da poesía e un ataque á poesía de circunstancia de Aragon e ao infame xornalismo praticado por L'Humanité. Prodúcese a ruptura. Acababa unha amizade de quince anos, e surrealistas e comunistas fican ao borde da ruptura total.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega