O surrealismo. Unha achega documental

Páxina Anterior

Capítulo 3. O grande malentendido: surrealismo e revolución (parte 2ª)

Páxina Seguinte

v1xggsurrealismo004b.html
                                        Frente vermella
     ...................................................................

Un azucarillo para o meu canciño
Un dedo de campaña Si Señora
Estamos Chez Maxim's o ano mil
novecentos trinta
Póñense tapetes baixo as botellas
para que o seu cu aristocrático
non sofra das dificuldades da vida
tapetes para esconder a terra
tapetes para apagaren
o romor das solas dos camareiros
     .........................................................................

Quebrade os faros como aristas
facede bailar os quiosques os bancos as fontes Wallace
Camaradas
Liquidade os polis
Camaradas
Liquidade os polis
Máis lonxe máis lonxe cara ao oeste onde dormen
os nenos dos ricos e as putas de primeira clase
Avanza alén da Madelaine proletariado
Varre coa túa forza o Elíseo
Tamén ti tes dereito ao Bois de Boulogne entre semana
Un día farás saltar o Arco do Triunfo
Proletariado coñece a túa forza
Coñece a túa forza e desencadéaa
Prepara o seu día espera a súa hora
o seu minuto o seu segundo
en que o golpe será mortal
e o chumbo tan seguro que todos os médicos social-fascistas
inclinados sobre o corpo da vítima
por moito que deslicen os seus dedos para furaren baixo a camisa de encaixe
e ausculten con aparellos de precisión aquel corazón xa en descomposición
non encontrarán o remedio habitual
e serán prendidos polos revoltosos que os lanzarán ao paredón
Fogo contra Leon Blum
Fogo contra Broncour Frossard Déat
Fogo contra os osos sabios da socialdemocracia
     ..................................................................................

                                                            Louis Aragon
Novembro 1931

Ruptura que chega despois de diversos acontecementos -entre eles o suicidio de René Crevel- que teñen lugar durante o Congreso Internacional de escritores pola defensa da cultura, que se celebrou en xuño de 1935. En xullo, vinteseis surrealistas asinan o manifesto Do tempo en que os surrealistas tiñan razón, onde denuncian: a vaga de cretinismo que sopra na URSS, o culto ao xefe, ao pai, á familia, a política da III Internacional, e acaban: "A este xefe, a este réxime, non podemos máis que manifestarlles formalmente a nosa desconfianza". Un ano despois comezaban os procesos de Moscova, que os surrealistas denunciaron. Leon Trostki, co que Breton se encontra en México en 1938, é asasinado por un esbirro estalinista de nacionalidade española, pertecente ao Partit Socialista Unificat de Catalunya. En 1947, o grupo surrealista, recomposto, publica o manifesto Ruptura inaugural (23), contra o PCF, contra o movemento comunista que xa non é revolucionario.
     Despois da ruptura co comunismo estalinista, os surrealistas achéganse progresivamente ás pósicións de Léon Trotski. Con todo, tampouco os trosquistas franceses foron uns compañeiros de viaxe fáceis. Benjamin Péret, que durante tres anos militou na Oposición de esquerda -trosquista- do Brasil, viu como lle era denegada a súa militancia no movemento trosquista francés, dirixido polo ex surrealista Pierre Naville, se antes non "renegaba" do surrealismo. É só a partir da ruptura co estalinismo que os trosquistas acollen, primeiramente con desconfianza, despois con certo entusiasmo, os surrealistas. As relacións entre eles continuarán despois do encontro en México entre Breton e o fundador da IV Internacional, que dará lugar ao manifesto, asinado por Breton e Diego Rivera; a sinatura deste último aparecía por motivos tácticos, mais escrito por Troski e Breton, "Por unha arte revolucionaria e independente", que aparecerá en México en xullo de 1938. De resultas deste encontro nacerá a F.I.A.R.I (Federación Internacional da Arte Revolucionaria e Independente), e en decembro dese ano o órgano desta Federación, Clé, dirixido por un home de confianza de Pierre Naville e futuro historiador do surrealismo, Maurice Nadeau. Nos poucos numeros aparecidos de Clé, cuxo comité estaba formado por Yves Allégret, André Breton, Michel Collinet, Jean Giono, Maurice Heine -surrealista-, Pierre Mabille -surrealista-, Marcel Martinet, André Masson -surrealista-, Henry Poulaille, Gérard Rosenthal (ex surrealista que abandonara o movimendo canda Pierre Naville), Victor Serge, Maurice Wullens,

 

 ROGO DE INSERCIÓN PARA "CLÉ"

Toda tendencia progresiva en arte é difamada polo fascismo como unha dexeneración. Toda creación libre é declarada fascista polos estalinistas.
Uns por comodidade de espírito, outros por docilidade partidista, numerosos intelectuais miran e representan a revolución social quer como terminada quer como irrealizábel. É tempo de rebelarse contra tal descoñecemento das realidades que nos arrodean e do determinismo que as goberna.
A revolución está inscrita na orde do século. Terá lugar malia os falsarios e os derrotistas que, aínda onte, lle xuraban fidelidade. Mais é necesario, na medida mesma en que é ineluctábel, esclarecela, comprendela e pór fin ás confusións ideolóxicas existentes. Á vez pola cultura que encarnan e polos móbiles afectivos que comandan a súa vocación, os escritores e os artistas están chamados a xogaren en todo período prerrevolucionario un papel específico que ninguén máis pode encher, pois a revolución que nós queremos, destinada a "cambiar a vida", destinada a "transformar o mundo", ten dereito a un concurso non improvisado senón, pola contra, longamente premeditado.
As grandes obras do pasado engadíndose ás obras do presente, deben contribuír, polo seu poder emotivo, a levar o ton revolucionario indispensábel á acción liberadora.
É a esta tarefa precisa que quere se consagrar a F.I.A.R.I. É a súa razón de ser e actuar. É igualmente neste sentido que Clé, o boletin da F.I.A.R.I. -o mesmo que as súas outras actividades- servirá as causas intimamente solidarias da arte, da revolución, do home.
Contra todas as forzas de represión e de corrupción, sexan fascistas, estalinistas ou relixiosas, o que queremos:

A Independencia da arte -pola revolución,
a revolución -pola liberación definitiva da arte

viu publicados traballos de Breton, Pastereau, Robert Rius, Péret e outros surrealistas e de escritores non surrealistas como o italiano Ignazo Silone e un etcétera que seria longo reseñar.
     Cando estala a segunda guerra mundial, tanto os surrealistas como os trosquistas dispérsanse. Unha vez acabada esta, moitos trosquistas, entre eles Naville, Gerard ou Nadeau, abandonarán toda militancia partidaria, aínda que despois se acheguen a un ou outro movemento: Gerard ao Rassemblement Démocratrique, patrocinado por Sartre, ao que tamén apoian indirectamente os surrealistas, Naville participará na fundación do Partido Socialista Unificado; os surrealistas, aínda que algún deles milite na IV Internacional, como o dramaturgo Sylvain Itkine -asasinado pola Gestapo, como foron asasinados ou morreron outros surrealistas, até un total de nove dun grupo que non superaba os cincuenta, na loita contra o nazismo- ou o sempre rebelde Benjamin Péret, que despois revisara a tanto a súa actividade -surrealista e política- como o seu pensamento político e surrealista. Os surrealistas, malia todo e non militar na IV Internacional, sentiranse ligados, mais ou menos sentimentalmente, mais ou menos emocionalmente, á figura de Trostki, como é o caso de Breton, Jehan Mayoux -sempre anarquista- ou Benjamin Péret. Péret, en 1945, con Natalia Sedov -a viúva de Trotski- e G. Munis, intentarán un cambio de rumbo da IV Internacional que, ao non producirse, precipita a súa saída da organización trosquista para formar novos grupos con camaradas españois, como o galego Jaime Fernández (24). Grupos que se sitúan alén do trosquismo, e que denuncian á URSS xa non como un estado obreiro dexenerado, cantinela que os trosquistas non están dispostos a abandonaren, senón como un estado que cualifican como "capitalismo burocrático de estado".

Anarquismo e surrealismo
En Arcane 17, que ve luz en 1945, André Breton escribe: "Sempre conservarei para a bandeira vermella, libre de distintivos e de enseñas, os ollos que tive para ela aos dazaseis anos, cando, durante unha manifestación popular nas proximidades da outra guerra, a vin despregarse a millares no ceo baixo do Pré Saint-Gervais. E, non obstante -noto que coa razón nada podo explicar-, continuarei a vibrar aínda mais ao evocar o momento en que ese mar flamante foi traspasado, en puntos pouco numerosos e claramente circunscritos, polo voo de bandeiras negras. [...] En torno ás bandeiras negras, é certo, facíanse máis sensíbeis os estragos físicos, mais a paixón traspasara realmente algúns ollos, deixara neles puntos de incandescencia inesquecíbeis. [...] xamais esquecerei o alivio, a exaltación e o orgullo que me causou, unha das primeiras veces que, de neno, me levaron a un cemeterio, o descobrimento -entre tantos monumentos funerarios deprimentes ou ridículos- dunha simple lousa de granito gravada en maiúsculas vermellas coa seguinta divisa: NIN DEUS NIN AMO" (25). Este libro de Breton, escrito en 1944, está atravesado, tamén, polo pensamento do chamado socialismo utópico: Flora Tristan, Charles Fourier -sobre todo- e, en certa maneira, o Père Enfantin. Na citada proclama-manifesto "Ruptura inaugural", pódese ler: "O surrealismo e estes diferentes movementos [as diversas tendencias e partidos proletarios á marxe dos PCs], que se extende mesmo até a anarquia -é posíbel que do lado da anarquía os escrúpulos morais do surrealismo encontrasen máis apaciguados que noutra parte-, encóntranse aínda nun plano á vez de protesta canto o presente e de reivindicación intranxisente e lúcida canto o futuro". Non esquezamos, tampouco, que a declaración colectiva "Liberdade é unha palabra vietnamita", polo chovinismo da Francia recén liberada naquel momento, abril de 1947, gobernaba o país un executivo tripartito (gaullistas, socialistas e comunistas saído da Resistencia, presidido por Ramadier), unicamente foi reproducida polo órgano anarquista Le Libertaire, en cuxas páxinas, ese mesmo mes de abril, André Julien saudaba o retorno de André Breton que trouxera "dous novos escritos cuxo contido explosivo non traizoa o de Nadja e o dos Manifestos" (26) (trátase de Arcane 17 e Prolegómenos a un terceiro manifesto do surrealismo ou non). Durante os anos que van de 1947 a 1951, os contactos entre surrealistas e a Federación anarquista francesa van medrando; no citado hebdomario desta organización ven lume diferentes textos de surrealistas, desde proclamas colectivas a artigos de Benjamín Péret e André Breton. É entón que o responsábel do semanario, Georges Fontenis, convida os surrealistas a escribiren no órgano anarquista. A verdade, como afirma Pietro Ferrua, para a maior parte dos anarquistas os surrealistas eran unha curiosidade (supomos que burguesa). Mais estes, sen un órgano propio naquel momento, e tamén levados da boa fe dalgúns deles que participan nas reunións da Federación anarquista -outros como Jehan Mayoux militan en provincia desde hai anos- ou da necesidade de clarificar o seu pensamento -como Benjamín Péret-, van colaborar con paixón e sen nunca baixar o seu nivel: escríbese para obreiros como se escribe para intelectuais.
     As colaboracións dos surrealistas en Le Libertaire están recollidas no volume Surréalisme et anarchie (27), organizado por José Pierre. Repasando as colaboracións propiamente surrealistas, as recollidas nos Billets surréalistes, vese que estes falan tanto de arquitectura -contra a arquitectura funcionalista, o que non debía sentar moi ben ao populismo anarquista- como de soño, de ecoloxía -un texto "avanzado" de Jacqueline Sénard-Duprey, a dona do poeta Jean-Pierre Duprey-, de poesía, de pintura, de revolución ou de revolta. Foi precisamente unha resposta a L'homme revolté, de Albert Camus, o 30 de maio de 1952, "Évolution", escrita por Adou Kyrou co pseudónimo de Jean Charlin -usaba diversos pseudónimos por estar a tramitar o permiso de residencia, xa que escapara da represión antiesquerdista que se estaba a levar a cabo en Grecia (28), e se ben escribía co seu nome as críticas de cine, cando falaba de política usaba pseudónimos-, vai producir a primeira protesta dos anarquistas e unha polémica "intramuros" entre anarquistas e surrealistas que acabará coa desaparición das sinaturas destes últimos do órgano da Federación anarquista.
     Se, digamos, a ruptura cos anarquistas non foi tan dramática como cos comunistas, quizais foi debido a que, como afirma José Pierre no citado volume, a ruptura cos primeiros tivo como orixe o "crime" -é dicir, o asasinato de Trotski e outros- cometido por estes, cos segundos, simplementes, debeuse á "necidade" dos anarquistas. Con todo, tampouco cabe esquecer que o máis político dos surrealistas, Benjamín Péret, nunca foi anarquista, aínda que colaborara nos seus órganos.
Mais os surrealistas non se limitaron a escribir sobre temas que, teóricamente, lle eran propios. G. Goldfayn, Adou Kyrou, dous dos homes que con Gérard Legrand e Robert Benayoun (tamén surrealistas) darían o empuxe definitivo á revista de cinema Positif, farán reseñas de cinema nas páxinas de Le Libertaire. E Benjamin Péret escribirá catro artigos -que no fondo era un ataque ao sindicalismo dos anarquistas- de grande interese: Os sindicatos contra a revolución, un estudo sobre de como os sindicatos sempre traizoaron ou estiveron en contra da revolución (véxase Apéndice A).

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega