O surrealismo. Unha achega documental

Páxina Anterior

Capítulo 5. Poesía surrealista: o signo ascendente (parte 1ª)

Páxina Seguinte

v1xggsurrealismo006.html

5. Poesía surrealista: o signo ascendente.

Para o surrealismo a poesía é portadora dun proxecto de transformación radical que, á marxe do movemento de emancipación política, reivindica a emancipación completa de todos os sentidos e todos os atributos humanos. Por iso, Breton, desde o Primeiro manifesto, malia parecer que di o contrario (lémbrese a súa definición de surrealismo: "s. m. Automatismo psíquico puro polo cal nos propomos expresar, sexa verbalmente, sexa por escrito, sexa mediante calquer outra maneira, o funcionamento real do pensamento. Ditado do pensamento en ausencia de todo control exercido pola razón, fóra de toda preocupación estética ou moral" (38) -subliñamos nós), o certo é que para o surrelismo a poesía é a prosecución da verdade, que está base base de toda actividade válida. De aí a súa orixinalidade, que non provén dunha ruptura cos modos de expresión artística tradicionais, nin no compromiso con forzas políticas soi-disant revolucionarias, nin no descubrimento de novos métodos de creación no dominio da escrita e a pintura, ou na invención de novas técnicas: na subordinación de toda actividade política e artistico -literaria- na procura da verdade radica a verdadeira orixinalidade do surrealismo.
     Esta orixinalidade, en tempos confusos como os da segunda metade da década dos coarenta, leva a Breton a matizar o que é, ou como se produce, a poesía. Así escribe o grande texto Signe ascendant (39) (no que moitos viron un cambio de agullas no surrealismo), tan incomprendido, mesmo polos máis intelixentes dos seus discípulos. Este texto é un pequeno ensaio, datado o 30 de decembro de 1947, que apareceu na revista Néon. É un ensaio de elucidación do pracer analóxico que procura a imaxe poética, trata tamén sobre a natureza profunda desta e que dirección debe seguir para responder á esixencia surrealista de "máis consciencia" e benestar humano. "Lembrárase que hai trinta anos, Pierre Reverdy, sendo o primeiro a falar sobre a orixe da imaxe, chegou a formular esta lei capital: 'canto máis afastadas e xustas sexan as relacións das dúas realidades aproximadas, tanto máis forte será a imaxe, máis poder emotivo e realidade poética terá'. Esta condición, que é absolutamente necesaria, de ningunha maneira podería ser suficiente. Sitúase ao seu carón outra esixencia que, en derradeira instancia, ben puidese ser de orde ética. [...] A máis bela luz sobre o sentido xeral, obrigatorio, que debe tomar a imaxe digna dese nome, ofrécenola este apólogo zen: 'Por bondade búdica Bashô modificou un día, con inxeniosidade, un hai-ku cruel composto polo seu humorístico discípulo Kikaku. Tendo dito este: 'Unha libélula vermella -arrancádelle as asas- un pemento'. Bashô sustituiu: 'Un pemento -poñédelle asas- unha libélula vermella'" (40). Para moitos dos surrealistas, e dos seus inimigos, Breton convertíase ao "aire da época", é dicir, á chamada poesía comprometida. Non era certo. A preocupación moral que preside este texto non está en contradición co pensamento bretoniano, pois en verdade o autor de O revólver dos cabelos brancos, tanto en 1924 como en 1947, só pide aos poetas que vixíen a súa linguaxe e non cuestiona o caráter automático (inconsciente) das analoxías que estabelece. O signo ascendente non é unha regra, senón un dato. Signo ascendente non é unha instrucción para usos senón que describe o funcionamento das imaxes estabelecidas; imaxes poéticas nas que o surrealismo procurou o esbozo dunha maneira de vivir e tentou por todos os medios non desmerecer delas.
     Cando Breton cita a anécdota de Bashô como exemplo da esixencia que se coloca a carón da imaxe, a esixencia que ben puidese ser ética, que de certo o é, simplemente estaba a dar un paso máis. Estaba a ratificar que na poesía surrealista se expresa con forza a solidariedade entre poética, ética e política, que a poesía é inseparábel dunha representación da sociedade, dunha maneira de pensar a colectividade. Un paso que comezara en 1924 co Manifesto do surrealismo, matizara nas vísperas da segunda guerra mundial, na Antoloxía do humor negro (41) cando nas palabras preliminares que lle apuña aos textos de Raymond Roussel afirma que nin a escrita automática pode esixirlle ao home "a perda integral do control lóxico e moral dos seus actos".
     A rectificación feita por Bashô no sentido de pemento-libélula ao hai-ku cruel do seu discípulo conduce a unha concepción do mundo e do que o home debe facer. Para Bashô, para Breton, a imaxe debe engadir, debe facer algo máis. A única traxectoria posíbel é a da pureza inocente dos adeptos: do chumbo ao ouro, por usar un simil alquímico. Na alquimia o chumbo é material vil e só é considerado tendo en conta as súas posibilidades. A materia vil só permanece vil se o adepto non intenta transformala ("toda escrita é unha porcada", Artaud), mais desde o momento en que se introduce no forno, todo é posíbel. A alquimia nunca é inmóbil, e é a esa virtude dialéctica que se liga Breton. Con todo, e como ben di unha das máis intelixentes e feroces discípulas de André Breton, Annie Le Brun -que pertenceu ao grupo surrealista de París até a súa disolución-, no xa citado Qui vive: "cabe preguntarse se Breton non recorre a este 'Signo ascendente' como a un efecto de óptica, á vez para ver no encontro poético soamente o que liga aos seres e as cousas, e para non ver que este encontro ten tamén por efecto irremediábel liberar os uns e os outros das súas pexas" (42). Penso que non. Breton recorre ao "signo ascendente" contra o "signo descendente" -do que dá un exemplo no seu ensaio: "Guitarra, bidet que canta", verso de Paul Morand, paradigma de falso poeta que usa de encontros "innobres". Estes encontros innobres son o signo descendente, marcado polo depreciativo e o deprimido, non só para responder á terríbel pregunta que puxera Adorno, "¿É posíbel facer poesía despois de Auschwitz?" -xa sabemos a resposta de Paul Celan, por certo, tradutor de Breton ao alemán- e a quen desde a poesía comprometida se respondía con "baixa" moralidade, senón tamén para tornar ratificar o que estaba a "predicar" desde 1924: só no poema é posíbel unha solidariedade entre o político e a moral, pois sen a poética, política e ética se separan. Con Signo ascendente, o seu autor non facía máis que continuar, póndoo ao día, o programa-pensamento dos seus máis directos devanceiros: o romantismo alemán. Lembremos que no texto O máis antigo programa sistemático do idealismo alemán, que apareceu en 1917 entre un feixe de papeis que pertenceran a Hegel, e que os expertos din que foi escrito por Schelling, mais que non descartan corixendas de Hölderlin e do mesmo Hegel -de quen é a caligrafía do manuscrito- lese: "En último lugar, a Idea que as une todas, a idea de beleza, tomada a palabra no máis alto sentido platónico. Pois estou convencido que o acto supremo da razón, aquel polo que abraza todas as ideas, é un acto estético e que verdade e bondade non son máis que irmás unidas na beleza" (43) (subliñado no orixinal). Cámbiese estético por poético e os dous textos, o alemán e o de Breton, serán iguais. Como é igual o fin procurado por ambos os dous movementos, o idealismo-romantismo alemán e o surrealismo, pois ambos procuraban unha sociedade onde reinase "a unidade eterna. Nunca máis unha mirada desprezativa, nunca máis o cego temor do pobo perante os seus sabios e os seus sacerdotes. É só entón que nos espera un desenvolvemento igual de todas as forzas, as particulares como as de todos os individuos. Ningunha forza será xa reprimida. ¡Reinarán entón a liberdade e a igualdade de todos os espíritos!"44.
     Ese "signo ascendente" é visíbel na grande poesía surrealista -en toda grande poesía, surrealista ou non-, mais tamén nun pequeno poema, como por exemplo, este de Breton, tan mal lido, que quere ser unha negación da historia occidental, das raíces greco-latinas que conduciron á Europa á grande debacle que se producira anos antes de ser escrito -poema de que o automatismo é evidente. Unha negación posta en boca dun individuo dun pobo oprimido, masacrado polo home branco. Eis o signo ascendente.



RANO RARAKU

Que belo é o mundo
Grecia nunca existiu
Non pasarán
O meu cabalo encontrou o seu bico no cráter
Homes-paxaros nadadores curvos
Voaron arredor da miña cabeza pois
Eu son tamén
Quen está alá
Case completamente enterrado
Xoguete dos etnógrafos
Na amigal noite do Sul
Non pasarán
Os que avanzan son ridículos
As altas imaxes caíron

          1948






Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega