BVG Voltar atrás |
Certames literarios. Fallos
XV PREMIO VICENTE RISCO DE CIENCIAS SOCIAIS
María Pilar García Negro gaña a XV edición do Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais co traballo O clamor da rebeldía. O nacemento do ensaio na literatura galega contemporánea, simultáneo ao nacemento da conciencia de xénero: análise e interpretación de textos rosalianos.A gañadora deste prestixioso premio sinalou que no seu traballo “deféndense dúas teses, a primeira delas é que o ensaio no ámbito da literatura de Galiza naceu no século XIX, non no XX, coa poeta e, a segunda, que a conciencia de xénero en Galiza procede tamén dela”.
VIII PREMIO DE POESÍA CAIXANOVA
Deserto diamantino, de Xavier Rodríguez Baixeras, resultou a obra gañadora do VIII Premio de Poesía Caixanova, dotado con 12.000 euros e ao que concorreron un total de sesenta e oito orixinais.
Segundo consta nas bases do galardón, a obra será editada na colección Arte de Trobar, coeditada por Caixanova e o PEN Clube de Galiza.
V PREMIO BIBLOS-PAZOS DE GALICIA
Pablo García Martínez é o gañador do V Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos. O galardón, consistente no dereito a traballar nunha novela, fallouse no transcurso dunha cea literaria que se desenvolveu na noite do 10 de xullo na Casa Grande do Bachao, preto de Santiago. A obra, que ten o título provisional de Relato dun estalido xordo, comezará agora a súa etapa de redacción definitiva na que o autor contará con Manuel Rivas como titor e que rematará cara a fin de ano coa súa publicación en galego e en castelán.Pablo García Martínez marchou a Euskadi aos 17 anos para cursar a carreira de xornalismo na Universidade do País Vasco (EHU) durante dous anos, antes de tramitar o seu traslado á Universidade de Compostela. Nela estivo os cursos académicos 2005-2006 e 2006-2007 antes de cursar o último ano académico na Universidade de Coimbra, ao abeiro do programa Erasmus. Desde xullo do ano 2008 traballa no xornal dixital Vieiros, encargándose principalmente da sección deportiva, mais tamén doutros temas que lle solicita puntualmente a dirección do medio. Durante este ano combinou o traballo no diario dixital coa xestión das páxinas web Galiza Olímpica e Nsaio.
V PREMIO A ARTIGOS XORNALÍSTICOS NORMALIZADORES CONCELLO DE CARBALLO
O xuri do V Premio a Artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo integrado por Belén Puñal, Goretti Sanmartín Rei e Nel Vidal Barral— acordou concederlle o premio, dotado con 1.200 euros, ao artigo 'A nena que berra', de María Pilar García Negro. O xuri decidiu tamén outorgarlle un accésit sen dotación económica ao artigo 'GZ Power', do autor lugués Marcos Abalde Covelo.
CONCURSO DE CONTOS DE NENOS PARA NENOS CARLOS CASARES
O júri formado por Xabier P. Docampo, José Mondelo, Mar Hermida e Soledade González Maside, resolveu o seguinte:
1º.- Prémios da Categoria A (Nenos e nenas de 9 a 12 anos)Primeiro prémio: Cada ollada unha historia de Iria Esperón Abril. CEIP Banho de Xanza-Valga (Pontevedra)
Segundo prémio: Unha boneca moi especial de Katia Pérez Pereira. CPI de Zás (A Corunha)
Accésit: O soño de voltar de Matias Nuñez Gil. CEIP Curros Enriquez de Celanova (Ourense)
A princesa Cisne de Ada Freire Vázquez. CEP Álvarez-Limeses de Pontevedra
2º.- Prémios da Categoria B (Rapaces e raparigas de 13 a 16 anos)
Primeiro prémio: Atlántico de Beatriz Rodríguez Fernández. IES Blanco Amor de Ourense
Segundo prémio: Historia dun chicle de Helena Salgueiro Golán. IES Antonio Fraguas de Santiago de CompostelaAccésit: Renacer da eternidade de María Laura Carrillo Neira. IES Manuel García Barros da Estrada (Pontevera)
Recordas? O cuco labicha de Iván Prado Rodríguez. IES Cidade de Antioquía de Xinzo da Limia (Ourense)
Agradecemos a participaçom de todos os concursantes e felicitamos mui especialmente aos ganhadores, e também queremos recordar que o acto de entrega de diplomas e prémios será o dia 20 de maio as 20 horas, na sede da Fundaçom Caixa Galicia, Cantom Grande, da cidade da Corunha.
PREMIOS AELG 2009
Na celebración da Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritores en Lingua Galega, foron entregados os premios á mellor obra publicada no 2008 nas modalidades de ensaio, literatura infantil e xuvenil, poesía, narrativa, tradución, teatro, traxectoria xornalística e blog literario, así como á institución que salientara na defensa e difusión da nosa cultura.
Os galardóns, concedidos por escritores/as para escritores/as, levan camiño de se afianzar como uns dos de máis prestixio no noso panorama literario.
Da conxunción de votos emitidos nunha primeira quenda polos asociados/as á AELG -coa participación dos socios/as de Gálix para elixir a mellor obra de Literatura Infantil e Xuvenil e dos membros do Colexio de Xornalistas para a modalidade de Traxectoria xornalística-, elaborouse unha listaxe de obras finalistas correspondentes a cada xénero dos mencionados, sobre a que os socios e socias emitiron de novo o seu voto nunha segunda quenda para elixir as obras gañadoras dos Premios AELG.Unha vez computados os votos, os gañadores do Premio AELG ás mellores obras publicadas no 2008 son:
Ensaio: Miguel Anxo Murado, pola súa obra Fin de século en Palestina (Galaxia)
Literatura Infantil e Xuvenil: Xabier P. Docampo, pola súa obra O libro das viaxes imaxinarias (Edicións Xerais de Galicia)
Poesía: Xulio L. Valcárcel, pola súa obra A melancolía dos corpos (Ediciones de la Sociedad de Cultura Valle-Inclán)
Narrativa: Inma López Silva, pola súa obra Memoria de cidades sen luz (Galaxia)
Teatro: Teresa Moure, pola súa obra Unha primavera para Aldara (Deputación Provincial de A Coruña)
Mellor traxectoria xornalística: Ana Romaní.
Blog Literario: Marcos Valcárcel, polo seu blog As uvas na solaina.
Institucións: Sección de Literatura do Liceo de Ourense.
Escritora Galega Universal: Elena Poniatowska.
II PREMIO DE POESÍA MARÍA MARIÑO
Este sábado 9 de maio tivo lugar en Teo o fallo do II Premio de Poesía Mariño convocado pola Asociación Teenses pola Igualdade e patrocinado pola compostelá libraría, Abraxas.
O xuri, composto por Don Salvador García-Bodaño, Dona Ana Blanco Gómez, Dona Guillermina Domínguez Touriño, Don Ramón Brea Rey e Don Javier Crespán Goicoechea, decidiron elixir como gañadora dos 500 euros correspondentes ao primeiro premio, a Dona Celia Parra Díaz polo poema titulado "De novo a náusea". Resultou gañadora do segundo premio, dotado con 300 euros, Dona María Canitrot Trillo que se presentou co poema "Comendo mazás no medio do deserto".
Tanto o xuri como a representante de Teenses Pola Igualdade, Rosa Gómez Limia manifestaron á súa satisfacción polo alto grao de participación neste Segundo Premio o que se presentaron 48 traballos procedentes de diversos puntos xeográficos da Península como tamén do estranxeiro.
Nun solemne acto a celebrar o vindeiro 22 de maio no Restaurante Os Robles de Cacheiras (Teo) terá lugar a entrega dos galardóns ás gañadoras.
XXXIV PREMIO NACIONAL DE NARRACIÓNS CURTAS MODESTO RODRÍGUEZ FIGUEIREDO
Iván García Campos resultou gañador da presente edición do Certame, dotado con 600 euros, por Unha casa chea de xanelas. O xurado concedeulle ao premio ao escritor valorando "a capacidade narrativa, o detallismo na construción psicolóxica dos personaxes e o multiperspectivismo para crear a historia, mestura de realidade e imaxinación".Accéstis: Colleita de sombras de Chelo Suárez Muíños d'A Coruña e Un pintor malogrado de Alberto Gómez Aneiros de Santiago de Compostela.
Traballo propostos para publicación: Ai padriño!, A corrente salvaxe e Happy sunday.
Tanto os traballos premiados como os propostos para publicación, se así o permiten as autoras e autores, serán publicados nun tomo da Colección 'Premios Modesto Rodríguez Figueiredo' pola Editorial O Castro.
V PREMIO ESTORNELA DE TEATRO PARA NENOS
O xuri integrado por Valentín García Gómez, Xoán Andrés Fernández Castro e Luís Reimóndez Fernández concedeu o premio da quinta edición do Estornela de teatro escrito para nenas e nenos a Bernardino Graña pola obra Larpancia saborosa do lobo e da raposa. O galardón está dotado con 1.500 euros e a publicación da obra en Ediciós do Castro.
XX PREMIO DE NARRATIVA TORRENTE BALLESTER
O escritor e xornalista Carlos G. Reigosa é o gañador da vixésima edición do premio Torrente Ballester pola súa novela A vida do outro.
Un galardón convocado pola Deputación da Coruña e dotado con 25.000 euros e mais a pubicación da obra.
XXI PREMIO NACIONAL DE POESÍA XOSE MARÍA PÉREZ PARALLÉ
O poemario (de)construçom, de Susana Sánchez, recibiu o premio Xosemaría Pérez Parallé na súa vixésima primeira edición. O xurado, integrado por Valentina Carro, Alfredo Ferreiro e Rafa Villar emitiu o seu fallo por unanimidade. A obra premiada será publicada pola editorial Espiral Maior.
VI PREMIO PURA E DORA VÁZQUEZ DE NARRACIÓN
Encontros ás agachadas, de Concha Blanco, foi a obra gañadora do premio "Pura e Dora Vázquez" de narración que convoca a Deputación de Ourense. O galardón está dotado con tres mil euros e a publicación do texto.
IV PREMIO DE INVESTIGACIÓN VALLE-INCLÁN
Todo Valle-Inclán en Roma, do Grupo de Investigación Cátedra Valle-Inclán da Universidade compostelá, resultou o traballo gañador do Premio de Investigación Valle Inclán convocado pola Deputación de Pontevedra e polo Concello de Vilanova e que está dotado con 18.000 euros.
O xurado acordou concederlle un primeiro accésit de 4.000 euros ao traballo titulado La revolución espectacular. El teatro de Valle-Inclán en la escena mundial, presentado por José María Paz Gago. Un segundo accésit de 2.000 euros foi para o traballo La Galicia arcádica de Aromas de Leyenda. Huellas de la pastoral clásica en el primer poemario de Valle-Inclán, presentado por Soledad Pérez.
A Deputación de Pontevedra, patrocinadora do premio, promoverá a publicación e divulgación dos traballos premiados.
VII PREMIO DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL RAÍÑA LUPA
Na sétima edición do Premio de Literatura e Infantil Raíña Lupa, convocado pola Deputación da Coruña, resultou gañadora a obra A peripecia de Roi, do escritor Carlos Gómez López. O premio está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra gañadora.Carlos López obtivo tamén o premio Merlín 2007 pola súa obra Minimaladas.
IV PREMIO DE ENSAIO CONCEPCIÓN ARENAL
O Xurado da IV edición do premio de ensaio Concepción Arenal, reunido na sede da Deputación Provincial da Coruña, presidido pola deputada Silvia Seixas, por delegación do Presidente da Deputación, e formado por Mª do Carme García Negro, Mª Xosé Agra, Goretti Sanmartín, Jorge García e Marta Dacosta, decidiu por unanimidade declarar deserto este premio na convocatoria correspondente a 2008.
III PREMIO DE NARRATIVA BREVE REPSOL YPF
O narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro é o novo gañador do III Premio Repsol YPF de Narrativa Breve en lingua galega pola a súa obra A verdade como mal menor.
O galardón está dotado con 9.000 euros e a publicación da obra.
I PREMIO CIVILTÀ DELLE MINORANZA
O escritor Alfredo Conde vén de recibir o Premio Civiltà delle Minoranza. O galardón, outorgado en Turín, creado pola Fundación Grinza-Cavour, a Rexión do Piamonte e a Fundación Cassa dei Risparmio de Turín, quere contribuír á recuperación do sistema e os valores presentes na civilización das linguas minoritarias.
I PREMIO VICTORIANO TAIBO
Carlos Negro resultou gañador do I Premio Victoriano Taibo, dotado con 3.000 euros, polo traballo presentado baixo lema Cultivos tranxénicos. O xurado concedeulle ao premio ao poeta valorando "a orixinalidade con que se aborda o ton elexíaco, mediante o emprego da ironía e a parodia, con densidade lírica e coidado formal". A obra será publicada en outono.
XVI PREMIO DE POESÍA ESPIRAL MAIOR
O xuri do XVI Premio de Poesía Espiral Maior acordou concederlle o premio ao libro Açougue do poeta luso Amadeu Baptista (Porto, 1953).
O premio consiste nunha cuantía económica da 12.000 euros ademais da publicación na colección de Espiral Maior dunha tirada inicial de 12.000 exemplares.
IV PREMIO BIBLOS-PAZOS DE GALICIA
Berta Dávila Fernández é a gañadora do IV Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos. O galardón, consistente no dereito a traballar nunha novela, fallouse no transcurso dunha cea literaria que se desenvolveu na noite do 18 de xullo na Casa Grande do Bachao, preto de Santiago, con asistencia de máis dun cento de persoas representativas do mundo literario e cultural galego e con convidados doutros lugares do mundo.Estudante de Filoloxía Hispánica na Coruña, a autora ofrécenos en Bailarei sobre a túa tumba (título provisional da obra galardoada) un proxecto que, segundo o xuri, "pode cualificarse de ambicioso e dunha sorprendente madurez". «A autora tenta recoller o xeito de ver o mundo e de enfrontarse á vida dos membros da que ela chama a "xeración Xabarín", é dicir, a dos mozos e mozas que naceron na década dos oitenta e "viron os xogos olímpicos na tele, pero non se lembran demasiado»...
O premio conleva unha escultura de Luís Loureira, un ordenador portátil, a estancia ao longo do mes de outubro na Casa Grande do Bachao para ultimar Bailarei sobre a túa tumba baixo a tutela de Agustín Fernández Paz e a edición da obra en galego e castelán antes de rematar o ano.
XX PREMIO DE NOVELA MANUEL GARCÍA BARROS
O escritor ferrolán Xesús Constela vén de resultar gañador do XX Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) do Concello da Estrada ao acadar coa obra Á espera do lusco fusco a maioría dos votos do xuri. O galardón ten unha dotación de 9.015 euros e a publicación da obra na editorial Galaxia. A novela é unha metáfora burlesca da literatura que pon en entredito a ficción tradicional como convención e xoga coa tradición literaria de Shakespeare e Cervantes a Blanco Amor, para acabar constituíndo un divertimento en busca da liberdade literaria e da esencia da escrita.
Constela gañou o Premio Torrente Ballester de 2003 co seu primeiro libro As humanas proporcións.
XVI PREMIO CARVALHO CALERO DE CREACIÓN LITERARIA-NARRACIÓN CURTA
Henrique Dacosta gaña o Premio Carvalho Calero de Narración Curta coa súa obra Unha mada de doce relatos. O autor suma tres vitorias no mesmo certame. O premio está dotado con 3.000 e mais a publicacion da obra.O xuri acordou deixar deserto o premio na categoría de investigación lingüística e literaria.
VI CERTAME DE TEATRO INFANTIL E XUVENIL "ATENEA 2008"
O Xurado do VI Certame de Teatro Infantil e Xuvenil “Atenea 2008”, que organiza o Ateneo Ferrolán, co patrocinio de Caixa Nova, composto por María José Doce Rey, Aurora Rivas Hermida, Esperanza Vidal Martínez e Francisco Oti Ríos acordou o seguinte FALLO:Conceder o Premio de Categoría Especial ao grupo de teatro do Colexio “Carmen Polo”, dirixido por María Victoria Suárez.
Conceder Premio a:
Grupo do CEIP “Centieiras” do concello de Fene coa obra “Todo é un conto”, dirixido por Mª Cointa Pazos García.
Grupo “Atios”, do CEIP “Atios”, coa obra “O galo Quirico”.Grupo do CEIP “Cruceiro Canido”, coa obra “Berenguela”, dirixida por Maravillas Beceiro.
Grupo da Asociación Os Amigos “Arco Iris” do Concello de Valdoviño coa obra “A Farsa das zocas” dirixida por Lucía Caneiro.
Grupo IES CARBALLO CALERO coa obra “Un casting para Melchor” dirixida por Mª Pilar Patiño.
Grupo “Pasapadentro” da Asociación Cultural Melandrainas de Arteixo, coa obra “La niña que riega las albahacas” dirixida por Marga Fernández e Queta Soto.Todos eles recibirán un premio, de igual contía, por un total de 250 Euros, doados por Caixa Nova, ACTO que terá lugar o próximo venres día 20 ás oito da tarde no salón de actos do Ateneo Ferrolán.
O Xurado quere destacar e valorar publicamente os traballos e esforzos adicados por parte de todo os grupos participantes, dentro das grandes diferencias de medios económicos e humanos e, moi especialmente naqueles colexios onde se conseguiu ese compromiso e unidade no traballo da comunidade escolar.
Para rematar o Xurado de Atenea 2008, quere felicitar o Ateneo Ferrolán polo seu compromiso permanente e desinteresado coa cultura, sobre todo na súa base, os pequenos, e a Caixa Nova pola súa sensibilidade e compromiso, así como recomendarlles e alentarlles na continuidade deste Certame.
PREMIO FUNDACIÓN CAIXA GALICIA DE LITERATURA XUVENIL 2008
O Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros, foi nesta ocasión para a escritora Marilar Aleixandre polo seu libro A cabeza de Medusa. O premio foi concedido por unanimidade e trata a problématica de dous novos estudantes.
XXIII PREMIO MERLÍN DE LITERATURA INFANTIL
Mar Guerra, xornalista e escritora, resultou gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros. Xenaro e o misterio da mochilota verde, presentada baixo o lema ...Cómpre botar unhas palabriñas máxicas, foi considerada polo xurado como un "thriller psicolóxico".
PREMIO XERAIS DE NOVELA 2008
Manuel Lourenzo González resultou gañador do Premio Xerais de Novela 2008, dotado con 25.000 euros, pola súa segunda obra para adultos, O Xardín das pedras flotantes, considerada polo xurado como "un relato de amor, insólito, extraordinario e pasional".
O galardón está dotado con 25.000 euros e a obra será publicada a comezos do outono.
XIV PREMIO DE POESÍA MIGUEL GONZÁLEZ GARCÉS
O poemario Construcións, do escritor de Eduardo Estévez, gañou o XIV Premio de Poesía Miguel González Garcés. O poemario en galego estivo exposto ao público en internet en todas as fases da súa creación.
XXVII PREMIO ESQUÍO DE POESÍA
Xavier Lama foi o gañador do Premio Esquío de Poesía en galego por Melancolía líquida da idade das vacas, mentres que o galardoado na categoría en castelán foi o madrileño Miguel García Posada, que presentou El lamento de las praderas. Os accésits foron para Xosé Luís Mosquera por Amebas, en galego, e para Eugenio Maqueda Cuenca, por La mirada secuestrada. O primeiro premio está dotado con 10.000 euros para as dúas modalidades lingüísticas, mentres que os accésits recibirán 2.500 cada un.
V CERTAME LITERARIO CONCELLO DE AMES
As escritoras Inma López Silva e Anxos Sumai e o poeta Rafa Vilar foron os encargados de decidir cales son os 18 textos premiados no V Certame Literario que convoca o Concello de Ames. Os premios repártense en dúas modalidades, narrativa e poesía, e en cada unha delas hai tres categorías segundo as franxas de idade ás que pertenzan. 105 traballos chegaron ao departamento de Cultura dentro do prazo da convocatoria, que se pechou o 12 de abril. Deles, 55 eran textos de narrativa e 50 de poesía. A procedencia dos textos foi moi variada, e quixeron participar no certame persoas de diferentes puntos de Galicia, sobre todo das cidades da Coruña e Vigo, pero tamén de fóra do país.
En narrativa, o gañador na categoría destinada aos menores de 14 anos foi Xaime Santiago Subiela, de Ames por Ó fin reunión familiar e na de 14 a 18 anos Daniel Martínez Mariño, tamén amiense, polo texto O tempo que nos queda. Na categoría de máis de 18 anos a gañadora foi unha veciña de Rois, Conchi Lago Ces, co traballo Primeira noite.
En canto á poesía, recibirá o primeiro premio na categoría de menores de 14 anos Nuria Rodríguez Rivas, de Ames, por O castelo encantado. Na dos 14 aos 18 acadou o primeiro premio Rosa Catarina Piñeiro Fariña, de Ames, por Memorial de Malditos. O santiagués Alberte Momán Noval foi o gañador na categoría de máis de 18 anos polo poema Agora.
Todos eles xunto con aqueles que obtiveran o segundo e o terceiro premio nas diferentes categorías e modalidades recibirán a súa recompensa o vindeiro sábado, Día das Letras Galegas, que este ano se celebra en homenaxe a Xosé Manuel Álvarez Blázquez. O acto de entrega terá lugar a partir das 17:30 na Casa da Cultura do Milladoiro e comezará coa actuación dos alumnos da Escola Municipal de Música de Ames, a EMMA. Despois de escoitar varias pezas musicais, os gañadores e gañadoras recollerán os premios e lerán parte dos textos. Para pechar este acto músico-literario volverán actuar os alumnos e alumnas da EMMA.
A decisión do xurado estivo baseada na unanimidade. Rafa Vilar declaraba a súa "satisfacción por participar nesta elección, na que se puxo de manifesto a calidade de moitos textos e o bo nivel de galego".
CONCURSO LITERÁRIO CARLOS CASARES
O júri formado polos escritores Xosé Manuel Martínez Oca e Xabier P. Docampo e Soledade González Maside membro da Agrupaçom Cultural O Facho, resolveu o seguinte:
A) Declarar deserto o prémio para a Categoría A (Nenos e nenas de 6 a 8 anos)
B) Premios da Categoría B (Nenos e nenas de 9 a 12 anos)
Primeiro prémio: O Sapo Saltón de Iria Esperón Abril. Aluna de 5º curso no CEIP Banho da Xanza, Valga (Pontevedra)
Segundo prémio: A avoa e eu de Lorena Barrera López. Aluna do CEIP Vista Alegre, Burela (Lugo)
C) Prémios da Categoría C (Rapaces e rapazas de 13 a 16 anos)
Primeiro prémio: A Caza da Quimera de Brais Lamela Gómez. Aluno do IES Basanta Silva, Vilalba (Lugo)
Segundo prémio: Narco de Noelia Toja Mañón. Aluna do CPI de Zas, Zas (A Corunha))
XI PREMIO DE POESÍA AVELINA VALLADARES
A poetisa Berta Dávila Fernández, co poemario A auga toda do teu corpo, foi a gañadora do premio de poesía Avelina Valladares, convocado polo Concello da Estrada e dotado con 2.000 euros. Despois de examinar as 32 obras que concorreron ao concurso, o xurado resolveu conceder o premio ao poemario presentado baixo o lema Graciela Buendía. Os xuíces destacaron «o carácter desta poesía de amor concibida como expresión radical do ser, crónica dunha ausencia e expresión sentimental e dramática da dor diante da morte». Valoraron ademáis «a linguaxe directa» que, segundo indicaron, «é proba da experiencia inmediata do amor vivido».
CERTAME LITERARIO DE RELATO DE AVENTURAS ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS
Por segundo ano consecutivo o premio do Certame Literario de Relato de Aventuras Avilés de Taramancos entregaráselle a Mario Franco (Compostela, 1934). O xurado declarou gañadora do certame a obra A capela maldita, cuxo argumento xira arredor de diversas lendas do imaxinario galego. O relato conta con ilustracións de Paula Pardela. O escritor gañou este mesmo certame o pasado ano co relato A derradeira campaña do Capitán Samuel.
VI PREMIO CAIXANOVA DE POESÍA
Carlos PenelaMartín (Vigo, 1975) recibiu o Premio de Poesía Caixanova pola súa obra Sombras, rosas, sombras nun acto oficial ao que asistiron o director de Obras Sociais de Caixanova, Guillermo Brea, e o presidente do PEN Clube de Galicia e presidente do xurado desta sexta edición do certame, Luis González Tosar.Segundo consta nas bases do galardón, a obra será editada na colección Arte de Trobar, coeditada por Caixanova e o PEN Clube de Galiza.
VI CERTAME DE POESÍA CONCELLO DE CARRAL
O xurado do XI Certame de Poesía “Concello de Carral”, acordou elixir o poemario titulado Gramática da afirmación, do ourensán Paulino Peña Álvarez, como gañador desta edición do concurso literario.
O xurado, formado por formado por Luciano Rodríguez, Ánxeles Penas García e Xosé Luís Mosquera Camba, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura María José García Fariña, e con Carlos Lorenzo Pérez como secretario, destaca da obra “a súa madurez lírica, o excelente manexo da lingua, o contrapunto que establece entre lingua e terra, a súa gran musicalidade, o sorprendente das súas imaxes, e que é un libro construtivo”.
A esta edición do premio de Carral presentáronse 38 poemarios, e está previsto o acto de entrega do premio para o día 23 de maio na Biblioteca Municipal de Carral. Paulino Peña recibirá como premio 2.000 euros, ademais de ver publicado o seu libro na colección de Poesía da Editorial Espiral Maior.
PREMIO TRASALBA 2008
Olga Gallego, a primeira muller que entrou na Real Academia Galega (RAG) e durante moitos anos a única da institución, foi elixida por unanimidade Premio Trasalba 2008, o galardón que entrega anualmente a Fundación Otero Pedrayo como recoñecemento ás persoas que contribuíron a preservar a identidade e a cultura galega. Esta é a segunda ocasión na que o galardón recae nunha muller des que se creou en 1983, xa que Pura Vázquez o recibiu hai doce anos.
O Premio Trasalba ten carácter honorífico e concrétase nunha homenaxe que se celebra na casa grande de Cimadevila, na parroquia de Trasalba (Amoeiro), o derradeiro domingo do mes de xuño. Ese día, nun acto literario presidido polo titular da RAG -que á vez é presidente de honor da Fundación, se ben a presidencia executiva é actualmente de Víctor Fernández Freixanes-, entregaráselle á homenaxeada un libro de recoñecemento, un debuxo que Isaac Díaz Pardo deseña sempre para a ocasión e unha placa de lembranza. Na edición deste ano o tamén bibliotecario, arquiveiro e documentalista Pablo Sánchez-Ferro, vogal técnico do equipo de dirección do Padroado e neto de Xesús Ferro Couselo, será o encargado de pronunciar a laudatio da personalidade agasallada.
IV PREMIO FREI MARTÍN SARMIENTO
Despois das votacións feitas por máis de 5.000 alumnas e alumnos de 32 colexios resultaron gañadores e gañadoras nas distintas categorías:
Primeira Categoría (1º e 2º de primaria) Concha Blanco con Poemas para pintar. Segunda Categoría (3º a 5º de primaria) Gloria Sánchez por Dez piratas. Terceira Categoría (6º de primaria a 2º de ESO) An Alfaya con Zoa e Azor. Cuarta Categoría (3º de ESO a Bacharelato) Domingo Villar por Ollos de auga.
PREMIOS AELG 2008
O sábado, 26 de abril de 2008, falláronse os Premios AELG 2008 no transcurso da Cea das Letras que tivo lugar Santiago de Compostela.
Resultaron gañadores e gañadoras nas distintas categorías:
Sextinario: trinta e seis + tres de Marica Campo, Premio AELG 2008 Poesía. O soño da febre de Miguel Anxo Murado, Premio AELG 2008 Narrativa. O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz, Premio AELG 2008 Literatura infantil e xuvenil. Poemas canónicos (Kavafis) tradución de Yolanda Vilarchao, Premio AELG 2008 Tradución. Ciclo de Marte de Millán Picouto, Premio AELG 2008 Teatro. Asemade, entregouse o Premio AELG Ensaio a Justo G. Beramendi pola súa obra De provincia a nación: historia do galeguismo político.Así mesmo, entregáronse o premio Escritora Galega Universal á poeta cubana Nancy Morejón; o galardón para Institucións que recaeu na Mostra de Teatro de Ribadavia e o premio Mellor Traxectoria Xornalística a Xosé L. Méndez Ferrín.
XXVII PREMIO ESQUÍO DE POESÍA
Xavier Lama foi o gañador do Premio Esquío de Poesía en galego por Melancolía líquida da idade das vacas, mentres que o galardoado na categoría en castelán foi o madrileño Miguel García Posada, que presentou El lamento de las praderas. Os accésits foron para Xosé Luís Mosquera por Amebas, en galego, e para Eugenio Maqueda Cuenca, por La mirada secuestrada. O primeiro premio está dotado con 10.000 euros para as dúas modalidades lingüísticas, mentres que os accésits recibirán 2.500 cada un.
PREMIO DE NARRATIVA ÁNXEL FOLE
O xuri do Premio Ánxel Fole, que organiza a Concellería de Cultura e Turismo do Concello de Lugo, que dirixe Concepción Burgo, concedeu, na categoría de galego, o primeiro premio a Francisco Rozados "Rochi" pola obra O vestiario máxico do abade e o segundo a Rocío Leira Castro polo seu traballo As 7 tristes notas do meu valse.Na categoría de castelán resultaron gañadores: Miguel Anxo López Alba pola obra titulada O cepillo de dentes e Juana Burgo polo relato A mesma luz, as mesmas cores.
Nesta X edición presentáronse ao concurso de narración curta 38 obras en galego e 50 en castelán. O certame está dotado, en cada unha das súas modalidades, con dous premios de 1.000 e outros dous de 500 euros, para o primeiro e o segundo clasificado en cada unha das categorías.
PREMIOS DA CRÍTICA
O escritor e xornalista coruñés Luís Rei Núñez coa obra O señor Lugrís e a negra sombra e a poeta Helena de Carlos co poemario Vigo foron recoñecidos cos Premios Nacionais da Crítica nas categorías de narrativa e poesía, respectivamente, en galego.
A Asociación Española de Críticos Literarios concedes estes premios ás mellores obras literarias nas categorías de narrativa e poesía publicadas durante o ano anterior nas catro linguas oficiais do estado.
PREMIOS PEDRÓN DE OURO E PEDRÓN DE HONRA 2008
O patronato da Fundación Pedrón de Ouro decidiu conceder o Premio Pedrón de Ouro ao catedrático de Historia Contemporánea Xusto Beramendi (Madrid, 1941) polo seu traballo de investigación sobre o nacionalismo galego. O poeta Xosé Lois García (Chantada, 1945) foi galardoado igualmente co Pedrón de Honra, premio co que se quere distinguir a persoas ou entidades que desenvolven fóra de Galiza un labor en favor dos sinais de identidade do país.
O acto de entrega dos galardóns terá lugar na Casa-Museo de Rosalía, en Padrón, o día vindeiro 18 de maio.
XVII PREMIO IRMANDADE DO LIBRO
O escritor Xosé María Álvarez Cáccamo é o gañador da XVII edición do premio Irmandade do Libro ao mellor autor do ano, concedido pola Federación Galega de Libreiros.
PREMIO BLANCO AMOR
Inma López Silva, Santiago, 1978, recibiu o premio Eduardo Blanco Amor 2007 pola súa obra Memoria de cidades sen luz.Convértese así na terceira muller en obter este premio, tras Ursula Heinze e Dolores Ruiz. A obra, como nas últimas edicións do premio, será publicada por Editorial Galaxia.
XVI PREMIO DE INVESTIGACIÓN XOHANA TORRES
Serrana Mercedes Rial García resultou a gañadora da XVI edición do Premio de investigación Xohana Torres, polo seu traballo Desde o campo e o mar ata o tear e o fogar a invisibilidade rómpese en mil anacos. As mulleres do campo na Galicia da Época Moderna. A esta edición do certame presentáronse tres investigacións.
XIII PREMIO VICENTE RISCO DE CIENCIAS SOCIAIS
Xosé Lois Ladra Fernández gaña a XIII edición do Premio Vicente Risco de CCSS co traballo A pesca fluvial tradicional en Galicia. Caneiros, pescos e pesqueiras.
XXIV PREMIO DE POESÍA CIDADE DE OURENSE
O xuri do XXIV Premio de Poesía Cidade de Ourense decidiu dar por gañador ao poeta Rafa Villar (1968) pola súa obra Migracións. O xuri, integrado por representantes do Grémio Literário de Vila Real (Portugal) así como por Francisco Xosé Fernández Naval, Teresa Devesa Graña e Maria Luísa Calvo Cid, destacou "o carácter intenso e comprometido, así como a música e ritmo interior que se inicia no primeiro poema e se mantén constante até o final da obra".
VIII PREMIO DE POESÍA FIZ VERGARA VILARIÑO
A xornalista e poeta Olalla Cociña (1979, Viveiro) vén resultar gañadora do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño na súa oitava edición. O xuri reunido na casa do Concello de Sarria o pasado día 29 de marzo acordou por unanimidade conceder o premio ao libro presentado baixo o lema Xardín de terra que resultou da autoría de Olalla Cociña.
IV PREMIO NARRATIVAS QUENTES EDICIÓNS POSITIVAS
O xuri lector decidiu que o título Os milagres de Cristamar, da que é autora Chelo Suárez, é a gañadora do premio de literatura erótica Narrativas Quentes nesta cuarta edición.
XVI PREMIO ÁLVARO CUNQUEIRO PARA TEXTOS TEATRAIS
Roberto Salgueiro, coa obra Historia de chuvia que cae todos os días, acadou o Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais 2007.
É a cuarta vez que Salgueiro acada o Cunqueiro. O xuri salientou deste texto a dramatización que o autor fai dos conflitos sociais presentes en Galiza na actualidade como son a falta de perspectivas laborais, as cargas familiares, a emigración, o choque xeracional. O premio está dotado con 6.000 euros e a publicación da obra.
II PREMIO MANUEL MARÍA DE LITERATURA DRAMÁTICA INFANTIL
Carlos Losada faise co Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil coa súa obra Game over. Este premio implica a dotación económica de 4.000 euros e a súa publicación.
XV PREMIO MANUEL LUEIRO REY DE NOVELA CURTA
O xuri, presidido por Manuel Quintáns, concedeu por unanimidade o premio da décimo quinta edición do Lueiro Rey de Novela Curta a Ramón Caride, pola obra O frío azul. O galardón está dotado con 3.000 euros e a publicación do texto.
II PREMIO DE NARRATIVA BREVE REPSOL YPF
Anxos Sumai gañou o II Premio de Narrativa Breve Repsol YPF pola obra Así nacen as baleas. O xuri estivo formado por Xosé Luis Axeitos, Miguel Anxo Fernán-Vello, Henrique Rabuñal, Anxo Tarrío e Carlos Lema.O galardón está dotado con 6.000 euros e a publicación da obra.
III CERTAME DE BANDA DESEÑADA OMIX VALADOURO
Jerónimo Piñeiro de Castro gaña a terceira edición do certame de banda deseñada coa obra Os nomes esquecidos.Tamén se decidiu facer unha mención de honra para Antonio Seijas Cruz e a súa historia Globos.
II CERTAME DE POESÍA ERÓTICA ILLAS SISARGAS
O poemario Baile Atha Cliath, do escritor de Redondela Alberte Momán Noval, gañou a segunda edición do Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas, organizado pola Asociación Caldeirón e o Concello de Malpica. O gañador recibirá 1.150 euros e verá publicada a súa obra.O xuri decidiu outorgar un accésit que recaeu na obra Baixo o Sol de Mesina e no seu autor Lino Braxe.
II CERTAME DE NOVELA CURTA DO CONCELLO DO VALADOURO
O xuri do II Premio de Novela Curta do Concello do Valadouro -presidido por Eulogio Fernández Sampayo- acordou conceder este premio a Don Adolfo Caamaño Vázquez de Pontevedra que se presentou baixo o pseudónimo Hanko coa obra Un vulto sospeitoso.
O premio consiste nunha cuantía económica de 1.000 euros.
XV PREMIO DE POESÍA ESPIRAL MAIOR
Yolanda Castaño gaña a XV edición do Premio de Poesía Espiral Maior coa obra Profundidade de campo.Á presente edición do premio, organizado pola editora do mesmo nome e patrocinado por Ámbito Cultural, presentáronse 161 libros orixinais chegados de Galiza, Portugal, Brasil e cidades como Madrid e Barcelona.
O premio ten unha dotación económica de 12.000 euros e inclúe a publicación da obra na colección de Poesía de Edicións Espiral Maior cunha tiraxe de 2.000 exemplares.
III PREMIO BIBLOS-PAZOS DE GALICIA
Patricia Casas Vázquez, coruñesa de 24 anos, foi a gañadora do 3º Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos. A autora ofrece en Vidas entrelazadas (título provisional da obra galardoada) unha visión do transcorrer da existencia urbana.O xuri estivo integrado polo gañador do ano pasado, Alberto Ramos; o xornalista e escritor Camilo Franco; o director literario de Biblos, Tucho Calvo, e a escritora e profesora Helena Villar Janeiro, que ademais de actuar como secretaria será a titora de Patricia Casas no que queda para rematar a súa novela.
O premio conleva unha escultura de Luís Loureira, un ordenador portátil, a estancia ao longo do mes de outubro na Casa Grande do Bachao para ultimar Vidas entrelazadas baixo a tutela de Helena Villar Janeiro e a edición da obra en galego e castelán antes de rematar o ano.
Con Patricia Casas foron finalistas Cristina Ferreiro Leal e Raquel Campos Pico.
VII PREMIO DE NOVELA POR ENTREGAS DE LA VOZ DE GALICIA
O xuri da sétima edición do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, Santiago Lope, Miguel Anxo Murado, Luís Ventoso, Ernesto Sánchez Pombo e Tucho Calvo, decidiu declarar gañadora a novela Habitación 202, da autoría de Concha Blanco.
Ademais da publicación diaria no mes de agosto nas páxinas de La Voz e unha posterior edición do libro, o premio ten unha dotación económica de 6.000 euros.
XIX PREMIO DE NOVELA MANUEL GARCÍA BARROS
Francisco Castro gañou o XIX Premio Manuel García Barros de Novela coa súa novela histórica As palabras da néboa.O libro será editado por Galaxia e está ambientado na Galiza do século XVI.
V PREMIO DE XORNALISMO CIENTÍFICO
O Premio de Xornalismo Científico, concedido pola Consellaría de Innovación e Industria e dotado con cinco mil euros, recaeu na súa quinta edición en Iolanda Fernández, por unha serie de noticias publicadas en El Corrreo Gallego sobre as investigadoras do país.
O segundo premio ex aequo foi para Antón López Mariño, Xaquín Pedrido, Natalia Sueiro e Blanca Iglesias.
XIII PREMIO RAFAEL DIESTE DE TEATRO
O Premio Rafael Dieste de Teatro, convocado pola Deputación da Coruña e dotado con seis mil cincocentos euros, ademais da publicación e representación da obra galardonada, recaeu na súa decimoterceira edición na escritora Teresa Moure. Unha primavera para Aldara, primeira incursión da autora no teatro, aborda temas de actualidade a través dunha trama histórica segundo palabras de Gustavo Pernas Cora, voceiro do xuri.
PREMIO FUNDACIÓN CAIXA GALICIA DE LITERATURA XUVENIL 2007
An Alfaya resultou gañadora da II Edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, organizado por Edicións Xerais de Galicia, pola súa obra Illa Soidade.
A autora de A sombra descalza (White Ravens 2006) e Premio Merlín 1997 por ¡Sireno, sireno!, verá a súa novela publicada no outono.
XXII PREMIO MERLÍN DE LITERATURA INFANTIL
Carlos López Gómez, humorista gráfico en prensa, resultou gañador do Premio Merlín 2007 de Literatura Infantil, dotado con 7.500 euros. Minimaladas, titulo da obra galardonada, recolle oitenta e catro historias protagonizadas por animais.O acto tivo lugar, na Illa de San Simón (Concello de Redondela), o 9 de xuño. A obra será publicada no outono do presente ano.
PREMIO XERAIS DE NOVELA 2007
Este sábado 9 de xuño tivo lugar na illa de San Simón, no Concello de Redondela, o fallo da XXIV edición do Premio Xerais de Novela. A profesora viguesa Rexina Rodríguez Vega foi a gañadora pola súa obra Cardume.
O galardón está dotado con 15.000 euros e a obra será publicada a comezos do outono.
PREMIO VICENTE RISCO DE CREACIÓN LITERARIA
Xosé Vázquez Pintor vén de gañar o premio Vicente Risco de Creación Literaria coa súa obra Lira. O certame, ao que se presentaron até 13 traballos, está dotado cun galardón de 6.000 euros e a publicación do libro.
XIII EDICIÓN PREMIOS LOIS PEÑA NOVO
O xuri da XIII edición dos Premios Lois Peña Novo, reunido en Soutomaior e presidido por Marisol López Martínez, Secretaria Xeral de Política Lingüística, decidiu outorgar os premios Peña Novo deste ano ao psiquiatra Antón Seoane, á empresa Consultora Galega S.L. e ao Concello de Catoira e Gonzalo Navaza polo libro Toponimia de Catoira.
XI CERTAME FRANCISCO AÑÓN DE POESÍA
A coruñesa Cristina Ferreiro Real é a gañadora do XI Certame Francisco Añón de Poesía, convocado polo Concello de Outes. A obra coa que obtivo o galardón, que está dotado con 1.000 euros e a súa publicación, leva por título Ansiedade e planetas.
O xuri que fallou os premios concedeu un accésit á ourensá Alba Cid por Con pés de la.
IV EDICIÓN PREMIO DE POESÍA FERMÍN BOUZA BREY
O estudante vilagarcián David Souto Alcalde foi o gañador da cuarta edición do premio de poesía Fermín Bouza Brey que concede o Concello de Vilagarcía. A dotación económica do premio é de 3.000 euros e o acto de entrega terá lugar o xoves, Día das Letras Galegas.
PREMIO OTERO PEDRAYO 2007
O xurado do premio Otero Pedrayo decidiu otorgar o galardón ao humanista e xeógrafo lucense Francisco Xavier Río Barja.
Destacouse o traballo deste académico da Lingua Galega e da Academia da Ciencias como continuador do propio Otero Pedrayo.
PREMIO DE POESÍA MARÍA MARIÑO
Este sábado 5 de maio tivo lugar en Teo o fallo do Premio de Poesía Mariño convocado pola Asociación Teenses pola Igualdade e patrocinado pola compostelá libraría, Follas Novas.
O xuri, composto por Marilar Aleixandre, poeta, Salvador García-Bodaño, escritor e membro da Real Academia Galega, Xosé Amancio Liñares Giraut, escritor, Mª Camiño Noia, escritora, e Helena Villar Janeiro, presidenta do Padroado Rosalía de Castro, decidiron elixir como gañador dos 1.000 euros correspondentes ao primeiro premio, a Adolfo Caamaño Vázquez polo poema titulado Elexía dos Aléns. Resultou gañador do segundo premio, dotado con 500 euros, Marcelino Sisto Deibe que se presentou co poema Xinete no cabalo da memoria.
Tanto o xuri como a representante de Teenses pola Igualdade, Rosa Gómez Limia, manifestaron a súa satisfación polo alto grao de participación a este Primeiro Premio ao que se presentaron 83 traballos procedentes de diversos puntos xeográficos da Península como tamén do estranxeiro.
Nun solemne acto a celebrar o vindeiro 18 de maio no Pazo de Adrán de Teo (Calo) terá lugar a entrega dos galardóns aos gañadores.
XI PREMIO DE POESÍA AVELINA VALLADARES
Nove, de María Lado, foi a obra gañadora do Premio de Poesía Avelina Valladares convocado polo Concello da Estrada.
O xuri, integrado por Xosé Luna, María Xesús Nogueira, Miguel Outeiro e Noni Araujo, valorou a novidade e modernidade da obra poética da autora.Ao certame presentáronse 49 poemarios, ten unha dotación económica de 1.500 euros e a cerimonia de entrega será o vindeiro Día das Letras Galegas 2007.
XVI PREMIOS IRMANDADE DO LIBRO
Nun acto celebrado no Concello de Carballo, a Federación de Libreiros de Galiza deu a coñecer a nómina de premiados na edición de 2007 dos galardóns Irmandade do Libro. Estes foron: o Centro Ramón Piñeiro, na modalidade de "Institución"; a Libraría Ler, de Santa Comba, no apartado "Libraría"; a obra O feísmo, de Difusora das Letras, Artes e Ideas, como "Obra editorial do ano"; a Biblioteca Virtual (BIVIR) da Asociación de Tradutores/as Galegos/as, na sección "Medios de comunicación e novas tecnoloxías"; Os libros arden mal, de Manuel Rivas, como "Libro do ano"; Fina Casalderrey, "Autora do ano", e o CEP Marcos da Portela de Monteporreiro, na epígrafe "Centros de ensino".
VI PREMIO DE ENSAIO RAMÓN PIÑEIRO
O xuri do VI Premio de Ensaio Ramón Piñeiro, organizado pola Editorial Galaxia e Unión Fenosa, decidiu conceder o premio a Alexandre García-Caballero e Ramón Area Carracedo, polo seu ensaio sobre a emigración titulado: Psicopatoloxía do retorno.
Nesta VI edición o xuri estivo formado por Benxamín Casal, Susana Reboreda, Ramón Villares, Víctor F. Freixanes e Carlos Lema que actuou como secretario.
Segundo o xuri, os autores, que traballan como psiquiatras, abren o xénero do ensaio a outros campos do saber como a medicina e a psiquiatría, e enfocan un tema importante para a sociedade galega como é o da emigración desde un punto de vista absolutamente orixinal.
VI PREMIO DE TRADUCIÓN PLÁCIDO CASTRO
O día 20 de xaneiro de 2007 reuniúse na Casa do Concello da vila de Baiona o xuri do Premio de Tradución Plácido Castro, na súa sexta convocatoria, correspondente ao ano 2006.
O xuri composto polos seguintes membros: Xosé Luis Franco Grande (Real Academia Galega), Xosé María Gómez Clemente (Fundación Plácido Castro), Carlos Arias Iglesias (Xunta de Galiza), Dolores Sánchez Palomino (Asociación de Tradutores Galegos), e María del Mar Gómez (IGADI), resolveu:
Outorgarlle o premio Plácido Castro 2006 ex aequo a Xoán Montero, pola tradución de O banqueiro anarquista, de Fernando Pessoa, e a Ekaterina Guerbek (texto revisado por Maite Veiga), pola tradución de Diario dun tolo.
Asimesmo, recoñécese con accésit o traballo de José García Mayoralas, pola súa contribución de divulgación científica no eido da psicanálise e polo traballo de elaboración terminolóxica, pola tradución de Os fantasmas, de Michéle Perron-Borelli.
XVIII PREMIO DE NOVELA MANUEL GARCÍA BARROS
Manuel Veiga gañou a décimo oitava edición do Premio de Novela Manuel García Barros pola súa novela Lois e Helena buscándose un día de tormenta.O xuri desta XVIII estivo formado por Luis Alonso Girgado, Xosé Manuel Eyré, Carlos Lema, Xosé Monteagudo e Valentín García Gómez, que actuou como secretario.
A novela vai ser publicada na colección literaria da Editorial Galaxia.
XXXII CERTAME MODESTO R. FIGUEIRIDO DE NARRACIÓNS BREVES
María Esther Fernández Carrodeguas foi a gañadora da 32ª edición do certame Modesto R. Figueirido de narracións breves co seu relato "Subir o telón".
O xuri premiou tamén os relatos "O monstro no labirinto" de Begoña Paz Rey e "A cota láctea" de César Carracedo Pose.
O xuri estivo composto por Avelino Abuín de Tembra, Xosé Ramón Fandiño Veiga, Paco Martín, Marilar Aleixandre, Carlos Negro, Xosé Manuel García Trigo e David Otero como secretario.
A entrega do premio farase o día 30 de xaneiro no salón de actos do Concello de Moaña.
V PREMIO DE POESÍA CAIXANOVA
O poemario Mudanzas, de Marilar Aleixandre, resultou a obra gañadora do V Premio de Poesía Caixanova, dotado con 10.000 euros e ao que concorreron un total de sesenta e oito orixinais.
Segundo consta nas bases do galardón, a obra será editada na colección Arte de Trobar, coeditada por Caixanova e o PEN Clube de Galiza.
XIV PREMIO MANUEL LUEIRO REY DE NOVELA CURTA
O xuri do XIV Premio Lueiro Rey de Novela Curta decidiulle conceder o galardón á escritora Mariña Pérez Rei, pola obra Canícula. O premio está dotado con 3.000 euros e a publicación do texto.
A obra do escritor vigués Xavier Franco Alonso, Aínda, resultou finalista.Sotelo Blanco Edicións publicará as dúas obras.
VI PREMIO DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL RAÍÑA LUPA
A sexta edición do Premio de Literatura e Infantil Raíña Lupa, convocado pola Deputación da Coruña, foi gañada pola obra Viaxe a Libunca, do escritor Antonio Yáñez Casal. O premio está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra gañadora.O finalista desta sexta edición foi Xerardo Quintiá Pérez pola súa obra Ke_Tumba Ke_Tamba.
XIX PREMIO NACIONAL DE POESÍA XOSE MARÍA PÉREZ PARALLÉ
O libro Poemas das ortigas, da xornalista Xia Arias, recibiu o premio Xosemaría Pérez Parallé na súa décimo novena edición. O orixinal foi seleccionado por un xuri que integraban María do Cebreiro, Medos Romero e Mario Regueiro. Destacaron da obra gañadora a súa linguaxe fluída e fresca e as súas referencias literarias pouco frecuentes na nosa tradición galega. A obra premiada será publicada pola editorial Espiral Maior.
IV PREMIO CENTRO RAMÓN PIÑEIRO DE ENSAIO BREVE
O xuri presidido por Ramón Máiz concedeu o premio da cuarta edición do Ramón Piñeiro de Ensaio Breve a Alba Martínez Teixeiro, pola obra A pretensa nostalxia da autoridade. (Unha interpretación parcelar de O Porco de pé, de Vicente Risco). O galardón está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra na Colección Cadernos Ramón Piñeiro.
I PREMIO DE NARRATIVA BREVE REPSOL YPF
Miguel Sande gañou o I Premio de Narrativa Breve Repsol YPF coa obra Se algún día esta muller morta.
O galardón está dotado con 6.000 euros e a edición do texto cunha tiraxe de 1.500 exemplares.
O xuri estivo formado por Xosé Ramón Barreiro, presidente da RAG, Dolores Vilavedra, Miguel Anxo Fernán-Vello e Carmela González, editora. Estivo presidido por Marisol López, Secretaria Xeral de Política Lingüística. Todos eles acordaron por unanimidade a concesión deste premio, do que foi finalista Xavier Lama polo seu escrito O insomnio dos minotauros.
IV PREMIO "PURA E DORA VÁZQUEZ" DE NARRACIÓN
A historia máis incrible que nunca liches, de Breogán Riveiro, foi a obra gañadora do premio "Pura e Dora Vázquez" de narración que convoca a Deputación de Ourense e está dotado cun premio de tres mil euros e a publicación do texto.
XV PREMIO ÁLVARO CUNQUEIRO PARA TEXTOS TEATRAIS
Claudia Grandal, coa obra Ocaso Otero, acadou o Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais.
O xuri salientou a axilidade e economía teatral da peza. O premio está dotado con 6.000 euros e a publicación da obra.
I PREMIO MANUEL MARÍA DE LITERATURA DRAMÁTICA INFANTIL
Paula Carballeira, coa obra Boas noites, é a primeira gañadora do Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil.
Este premio implica a dotación económica de 4.000 euros e a súa publicación.
O xuri, composto por Laura Tato, Carlos Paulo Martínez Pereiro, Dolores Vilavedra, Rubén Ruibal e Gloria Sánchez, adoptou por maioría concederlle o premio desta primeira edición á devandita obra.
V CERTAME LITERARIO RAMÓN DEL VALLE-INCLÁN
Arrítmicos eran os corazóns, de Ramón Vilar, foi a obra gañadora do primeiro premio do V Certame Valle-Inclán.
Os integrantes do xuri decidiron concederlle o segundo premio á escritora de Curtis Raquel Boo pola obra titulada Intres. Estegalardón está dotado con 500 euros, mentres que o gañador recibirá 1.000.
O xuri estivo composto por Aurora Marco, Helena Villar Janeiro, Xoán Xosé Fernández Abella, Xoán Guitián Rivera e Carlos Mosteiro.
III PREMIO VALLE-INCLÁN
Anxo Abuín González e Eliane Lavand-Fage son os gañadores ex aequo do III Premio Valle-Inclán de ensaio. Anxo Abuín, profesor da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, percibirá 12.000 euros polo seu traballo A palabra nos ollos ou o alfabeto en movemento: unha aproximación á dramaturxia de Valle-Inclán desde a estética do silencio.
A Deputación de Pontevedra, patrocinadora do premio, promoverá a publicación e divulgación dos traballos premiados.
XXVI PREMIO ESQUÍO DE POESÍA
Luz Pichel acadou o Premio Esquío de Poesía en galego na súa 26ª edición co poemario Casa pechada. Xavier Lama foi finalista nesta mesma categoría con Tigres como Fausto con ollos de bruma.
Entre as obras en castelán resultou premiada a obra Veintiocho cantos augurales de José Luís Giménez-Frontín.
O gañador en cada unha das dúas categorías obtén un premio en metálico de 9.000 euro, mentres que os finalistas recibirán 1.500 cada un, ademais da publicación da súa obra poética na colección Esquío.
II PREMIO DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL MEIGA MOIRA 2006
Este ano resultou gañadora do Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Meiga Moira convocado por Baía Edicións, o relato Lóbez, traballo presentado baixo o lema Signatus, sendo o autor o ferrolán Antonio Yáñez Casal. Esta obra levará inicialmente o título de Lóbez.
Este premio implica a dotación económica de 2.500 euros e a edición da obra dentro da colección infantil e xuvenil de Baía Edicións, Meiga Moira.
E como finalistas, comparten premio: Os sons da buguina de Carlos Labraña e Unha cabana na Lúa de Santiago Jauréguizar.
Este galardón implica a edición dentro da colección infantil e xuvenil da Baía Edicións, Meiga Moira, das dúas obras.
O xuri estivo composto polo profesor de Literatura Galega da Universidade da Coruña Carlos-Paulo Martínez Pereiro, actuando como Presidente, pola profesora de galego de ensino medio Dores Fernández López e os escritores Conchi Regueiro e Xavier Barreiro Liz, actuando de vogais, e por Mª Belén López Vázquez, en representación de Baía Edicións e actuando como Secretaria. .
I PREMIO DE NOVELA CURTA DO CONCELLO DO VALADOURO
O xuri do I Premio de Novela Curta do Concello do Valadouro -presidido por Ana Geada Losada, Concelleira de Cultura- acordou conceder este premio a Don Gerardo Neira Pereira de Santiago de Compostela que se presentou baixo o pseudónimo Ordoño de Oscos coa obra "Da Terra de Deus".
O premio consiste nunha cuantía económica de 1.000 euros.
XIV PREMIO DE POESÍA ESPIRAL MAIOR
O xuri do XIV Premio de Poesía Espiral Maior -integrado por Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé María Álvarez Cáccamo e Xosé Rodríguez Baixeras- acordou concederlle o premio ao libro Para unha luz ausente de Xavier Seoane.
O premio consiste nunha cuantía económica da 12.000 euros ademais da publicación na colección de Espiral Maior dunha tirada inicial de 12.000 exemplares.
II PREMIO BIBLOS-PAZOS DE GALICIA PARA MENORES DE 25 ANOS
O xuri do II Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos -integrado por Darío Xohán Cabana, Iria López, Xosé Ramón Pena e Tucho Calvo -acordou concederlle o primeiro premio ao libro Dor pantasma de Alberto Manuel Ramos.
Trátase sunha historia sobre o baleiro que deixa na familia e nos amigos a desaparición dunha moza da comarca de viguesa.
O gañador recibiu unha escultura de Luís Loureira, unha segunda versión de A peneira dos soños e unha computadora portátil, e verá a súa obra publicada na colección Mandaio.
XXIII PREMIO OURENSE DE CONTOS PARA A MOCIDADE
Francisco Castiñeira Romar, coruñés de 29 anos, acadou o Premio Ourense de Contos para a Mocidade que na súa 23ª edición, convocaron a Casa da Xuventude e a Agrupación de Libreiros de Ourense, co patrocinio da Concellaría de Cultura, Festas e Festival de Cine do Concello de Ourense e a Delegación Provincial da Igualdade e do Benestar, como contribución á festa do Día das Letras Galegas. Pola obra "Inventario de nubes" recibirá 750 euros, ademais de vela publicada. Dela di o autor: "está estructurada en dez partes, cada unha delas cun tipo de nube como eixo, que lle valen ao atormentado protagonista-narrador como fío para tecer a súa historia en primeira persoa. Foi pensada para intercalar cada unha destas dez partes (dez nubes) polo medio doutra escolma de relatos que xa teño redactado e da que ando na procura de editora".
Tamén se publicarán os catro accésit, que recaeron en Beatriz Lorenzo, de Ourense, polo conto "Laranxas amargas"; Mario Otero Iglesias, do Corgo, Lugo, polo conto "Mathematica"; Miguel Segador López, de Ourense, pola obra "Orfeo Alleado" e Alba Cid, tamén de Ourense, polo conto "Un acordeón para a nostalxia" —este último, dentro do apartado de menores de 18 anos—. Cada un dos catro recibirá 200 euros de premio.
Ao concurso presentáronse trinta e nove contos de trinta e cinco autores e autoras procedentes de toda Galiza. O xuri estivo composto por Serafín Alonso, Raquel Feijoo, Marco Valerio Lama, Nieves Pérez, Mª Xesús Sarmiento e Benito Losada, como secretario sen voto.
A entrega do premio farase o 3 de xuño, na próxima Feira do Libro, que terá lugar en Ourense.
II PREMIO A ARTIGOS XORNALÍSTICOS NORMALIZADORES CONCELLO DE CARBALLO
O xuri do II Premio a Artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo integrado por Xosé Ramón Freixeiro Mato, Mercedes Queixas Zas, Olga Patiño Abeixón e Nel Vidal Barral acordou por unanimidade concederlle o primeiro premio ao artigo "Sinfonía en galego maior", de Ana Rodríguez Barreiro, e o segundo ao artigo "Un idioma na cetaria", de Ramón Vilar Landeira.
O primeiro premio está dotado con 900 euros en metálico e a publicación en todos os medios colaboradores o domingo 21 de maio, no caso dos medios diarios, e no número inmediatamente posterior no caso dos medios non diarios. O segundo premio está dotado con 300 euros en metálico e a publicación en todos os medios colaboradores o sábado 20 de maio, no caso dos medios diarios, e no número inmediatamente posterior no caso dos medios non diarios.
Ana Rodríguez Barreiro naceu en 1978, é de Lugo e é funcionaria do corpo de profesores de ensino secundario. O seu artigo, «Sinfonía en galego maior», destaca pola súa calidade e sonoridade, e nel analízase a transmisión interxeracional da lingua e faise un chamamento ao uso do galego como lingua do país.
Ramón Vilar Landeira naceu en 1973 e é de Cerceda. É licenciado en Filoloxía Galega e traballa no mundo do xornalismo. Foi colaborador habitual da edición Carballo de La Voz de Galicia, onde mantiña a sección Radiografías, e na actualidade traballa como redactor en El Faro de Vigo. Tamén e autor de narrativa e poesía e gañou varios premios nestes xéneros. O seu artigo, «Un idioma na cetaria» analiza o problema da diglosia.
A entrega de premios terá lugar o día 18 de maio, no transcurso dunha mesa redonda sobre "Os medios de comunicación escrita en galego", en que participarán os seguintes membros da Asociación de Medios Escritos en Galego (AME): Lois Rodríguez (editor do xornal dixital Vieiros); Xavier Cea (subdirector do xornal Galicia Hoxe); Guillermo Rodríguez (director de A Peneira), e Belén Puñal (coordinadora de Tempos Novos). O acto terá lugar ás 20.30 h no Pazo da Cultura de Carballo.
XX PREMIO LITERARIO ÁNXEL FOLE
O xuri da vixésima edición do Premio Literario Ánxel Fole, que convocan anualmente a Fundación Caixa Galicia e o xornal lucense El Progreso, decidiu por unanimidade declarar gañador o estudo "Cucou ou cuco cuqueiro (Lingua e estilo na obra de Manuel María)", da autoría do bergantiñán Xosé Ramón Freixeiro Mato, profesor titular da área de Filoloxía Galego-Portuguesa da Universidade da Coruña.
Freixeiro Mato xa gañara este certame na súa sétima edición, consagrada á figura de Noriega Varela. Os promotores do Ánxel Fole, co que se pretende incentivar o estudo e análise da produción artística dos intelectuais lucenses máis emblemáticos, anunciou que a convocatoria de 2007 estará dedicada ao médico, humanista e antropólogo Rof Carballo.
XXI PREMIO ANTÓN LOSADA DIÉGUEZ
Os Concellos de Boborás e Carballiño e a Deputación Provincial de Ourense deron a coñecer as obras vencedoras do Premio Antón Losada Diéguez nas súas modalidades de creación literaria e de investigación. O primeiro dos galardóns correspondeu a Contra Maquieiro, de Xosé Luís Méndez Ferrín. Manuel Ferreiro recibiu o premio á investigación por Eduardo Pondal: Poesía galega completa IV. Os Eoas.
Os 6.000 euros cos que está dotado cada un dos premios serán entregados o día 10 de xuño no pazo natal de Antón Losada en Moldes.
I CERTAME DE POESÍA ERÓTICA ILLAS SISARGAS
O poemario Arredor do teu corpo, do vigués Antonio García Teixeiro, gañou a primeira edición do Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas, organizado pola Asociación Caldeirón e o Concello de Malpica.
V CERTAME DE RELATOS DE AVENTURAS ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS
O rei dos lobos, de Xerardo Neira, foi a obra gañadora do V Certame de Relatos de Aventuras Antón Avilés de Taramancos, dotado cun premio de tres mil euros e a publicación do texto.
Trátase dun relato ambientado na época de dominación sueva en Lugo, que o autor presenta como un códico antigo.
PREMIO RÚA NOVA DE NARRACIÓNS XUVENÍS 2006
O escritor Ramón Caride deu a coñecer o fallo do xuri do Premio Rúa Nova de Narracións Xuvenís 2006, promovido pola Fundación Caixa Galicia. Nesta edición, o galardón na modalidade de lingua galega ficou deserto, se ben se decidiu conceder unha mención ao relato Peripecias de un limaco, de Elena Rodríguez Flores, de doce anos e natural de Lugo.
IV PREMIO EIXO ATLÁNTICO DE NARRATIVA GALEGA E PORTUGUESA
O xuri da cuarta edición do Premio Eixo Atlántico de Narrativa Galega e Portuguesa elixiu entre as duascentas quince obras presentadas o traballo intitulado Monbars, en que Hixinio Puentes recupera "a memoria do mar" nunha narración que xira á volta da figura do pirata francés que dá nome ao romance.
O premio está dotado con 18.000 euros e a publicación do texto gañador en galego, castelán e portugués.
VII PREMIO VICENTE RISCO DE CREACIÓN LITERARIA
O Premio Vicente Risco de Creación Literaria, convocado polo Concello de Ourense e a Fundación Vicente Risco en colaboración coa Editorial Sotelo Blanco (que publica o texto gañador), recaiu este ano no romance Os mércores de Fra, do vigués Xurxo Sierra Veloso.
Neste seu terceiro romance, Xurxo Sierra achégase ao tema da obsesión diante da morte.
PREMIO IRMANDADE DO LIBRO
Nun acto celebrado no Casino de Viveiro, a Federación de Libreiros de Galiza deu a coñecer a nómina de premiados na edición de 2006 dos galardóns Irmandade do Libro. Estes foron: a Asociación de Escritores en Lingua Galega, na modalidade de "Institución", a Libraría Gráficas Santiago, de Ribadeo, no apartado "Libreiro"; o xornal Galicia Hoxe, na sección "Medios de comunicación"; a Enciclopedia da Bioética, editada pola USC, como "Mellor libro do ano"; Teresa Moure, "Mellor autora", e o CEP Monteporreiro, na epígrafe "Centros de ensino" (neste apartado, Castrelo de Cambas e Riomaior de Vilaboa recibiron accésits).
O xuri estivo integrado por Xaime Corral, presidente da Federación de Libreiros; Miguel Anxo Fernán-Vello, presidente da Asociación Galega de Editores; Ana Blanca Roig, catedrática da Universidade de Santiago; Isabel Álvarez, bibliotecaria; Carlos Arias, en representación da Consellaría de Cultura; Xurxo Patiño, secretario da Federación de Libreiros, e Miguel Salas, presidente da Agrupación de Libreiros de Ferrol.
III PREMIO DE XORNALISMO FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO
O director xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, e o presidente do xuri, Alfredo Conde, deron a coñecer o gañador da terceira edición do Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego, que organiza a entidade bancaria e está dotado con doce mil euros. Nesta ocasión, o galardón recaeu en Eduardo Rolland Etchevers, polo seu artigo "O galego dos Sioux", publicado no Faro de Vigo o día 11 de decembro de 2005.
IX PREMIO DE INVESTIGACIÓN XESÚS FERRO COUSELO
A novena edición do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo, convocado polo Concello de Valga, foi gañada polo estudo Labregas, Emigradas, Estraperlistas e Represaliadas. Experiencias de vida e lembranzas de mulleresna Galicia rural: 1900-1960", de Raúl Soutelo Vázquez.
XI PREMIO VICENTE RISCO DE CIENCIAS SOCIAIS
O estudo "A emigración galega no Brasil", de Erica Sarmiento da Silva, foi elixido gañador polo xuri da undécima edición do Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais. A autora, filla dunha emigrante galega en Rio de Janeiro, é estudante de doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela, no departamento de Historia Contemporánea de América da Facultade de Xeografía e Historia.
Segundo destacou o xuri, trátase do primeiro traballo destas características que se fai sobre a emigración galega no Brasil.
V PREMIO DE TRADUCIÓN PLÁCIDO CASTRO
Reunido na vila pontevedresa de Baiona, o xuri da V edición do Premio de Traducción que convoca a Fundación Plácido Castro, presidido nesta ocasión por Francisco Fernández Rei, decidiu, por unanimidade, conceder o galardón ex aequo a Fernando Pérez-Barreiro Nolla e Iolanda Galanes Santos, polas traducións de Breviario do pensamento clásico chinés e A herdanza dos caracteres adquiridos de Michel Delsol, respectivamente.
Aliás, o xuri declarou como Finalistas, a Ramón Iglesias Míguez, pola tradución de A Casa de veraneo de Kneller, de Ha-Kaitanah Shel Kneller, primeira tradución do hebreo ao galego; e a Xoán Garrido Vilariño, pola tradución de Historia de Shoah, de Georges Bensoussan.
O xuri estivo integrado por Xosé Masría Gómez Clemente (Asociación de Traductores Galegos), Xulián Maure (Fundación Plácido Castro), Francisco Fernández Rei (Real Academia Galega), Auria Fernández Rodríguez (Universidade de Vigo), Carlos Arias Iglesias (Xunta de Galicia), e como secretaria, María del Mar Gómez (IGADI).
É a terceira vez que se falla ex aequo este Premio, dotado con 3.000 euros e único no seu tipo en Galicia. Na primeira edición recaeu en Lois Tobío e Valentín Arias; Xesús Riveiro Costa; Enma Lázare; e Xela Arias e Moisés Rodríguez Barcia, foron os gañadores das catro anteriores edicións.
O premio será entregado o próximo 28 de xaneiro en Cambados, vila onde faleceu Plácido Castro.
Igualmente, a Fundación convoca en Santiago a VII Conferencia Anual Plácido Castro que se celebrará o próximo 25 de xaneiro, coincidindo co natalicio do autor, no Club Internacional de Prensa, para abordar o panorama da prensa galega en tempos de Plácido Castro, da man de Luís Álvarez Pousa, profesor da USC e membro do Consello Asesor do IGADI.
VII PREMIO DE XORNALISMO LITERARIO E DE OPINIÓN ROBERTO BLANCO TORRES
O Premio de Xornalismo Literario e de Opinión Roberto Blanco Torres, organizado polo Concello de Cuntis e a Universidade de Compostela e dotado con seis mil euros, recaiu na súa sétima edición no galeguista Isaac Díaz Pardo, en recoñecemento pola serie de artigos publicados as segundas feiras no xornal La Voz de Galiza so o título "Crónicas inconformistas".
IV PREMIO INTERNACIONAL DE NOVELA XOSÉ RUBIA BARCIA - CIDADE DE FERROL
O traballo presentado so o lema "Unha anduriña no sol", que finalmente terá o título de Como paxaro caído do niño, de Xosé Manuel Martínez Oca, resultou gañador da cuarta edición do Premio Internacional de Novela Xosé Rubia Barcia - Cidade de Ferrol, na modalidade de lingua galega. O galardón está dotado con 2.000 euros e a publicación da obra seleccionada.
II PREMIO PEN CLUBE DE GALICIA
Un xuri integrado por Luís G. Tosar, Helena Villar Janeiro, Modesto Fraga e Bieito Iglesias concedeu á escritora Úrsula Heinze (Colonia, 1941) o II Premio PEN Clube de Galicia, galardón de carácter bianual que se alterna co Premio Rosalía de Castro, que tamén convoca o colectivo.
Heinze xa recibira con anterioridade os premios Merlín de Literatura Infantil (1986), Ramón Cabanillas de Tradución (1991), Blanco-Amor (1993) e Losada Diéguez (1994). Para alén dunha extensa obra de creación, ten traducido títulos de Heinrich Böll, Uwe Johnson, Mira Lobe, Günter Grass, Elisabeth Heck e Michael Ende.
V PREMIO DE HISTORIA MEDIEVAL DE GALICIA
O ensaio Autobiografía de Valério do Bierzo, do profesor da Universidade Federal de Paraná (Curitiva) Renan Frighetto, fíxose co Premio de Historia Medieval de Galicia na súa quinta edición. O texto verá a luz na Editorial Toxosoutos, promotora do galardón xunto coa Fundación Comarcal Noia, e o seu autor recibirá un premio de 3.000 euros e unha escultura de Alfonso Costa.
O segundo premio desta convocatoria foi declarado deserto.
IV PREMIO DE POESÍA CAIXANOVA
O poemario Herdo do canto, de Arcadio López-Casanova, resultou a obra gañadora do IV Premio de Poesía Caixanova, dotado con 10.000 euros e ao que concorreron un total de sesenta e dous orixinais.
Segundo consta nas bases do galardón, a obra será editada na colección Arte de Trobar, coeditada por Caixanova e o PEN Clube de Galiza.
VIII PREMIO DE POESÍA CONCELLO DE CARRAL
Segundo a decisión do xuri integrado por Xurxo Alonso, Cesáreo Sánchez Iglesias e Miguel Anxo Fernán-Vello o Premio de Poesía Concello de Carral 2005 correspóndelle ao poemario Cartas do Terceiro Día, de Marcos Sánchez Calveiro.
No acto de entrega, que terá lugar o día 2 de decembro ás 20 horas no Biblioteca da Casa de Cultura de Carral, apresentarase a edición da obra premiada en 2004, Breviario de Aldemunde, de Xurxo Alonso.
V PREMIO RAMÓN PIÑEIRO DE ENSAIO
O estudo "O suxeito postmoderno", da autoría da xornalista Rebeca Baceiredo, foi elixido polo xuri da quinta edición do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, galardón convocado pola Editorial Galaxia e Unión Fenosa e que está dotado con tres mil euros.
A autora, licenciada en Xornalismo e con estudos de terceiro ciclo en Filosofía, analiza a estética postmoderna e a súa incidencia na capacidade intelectual do suxeito contemporáneo.
XVIII PREMIO NACIONAL DE POESÍA XOSE MARÍA PÉREZ PARALLÉ
O poemario Tanxerina, do ferrolán Mario Regueira, recibiu o premio Xosemaría Pérez Parallé na súa décimo oitava edición. O orixinal que será publicado por Espiral Maior foi seleccionado por un xuri que integraban Rosa Méndez Fonte, Miro Villar e Carlos Negro.
XIII PREMIO MANUEL LUEIRO REY DE NOVELA CURTA
Un xuri presidido por Xesús Alonso Montero concedeu o premio da décimo terceira edición do Lueiro Rey de Novela Curta a Manoel Riveiro Loureiro, pola obra Xullo-Agosto. O galardón está dotado con 3.000 euros e a publicación do texto.
Como novidade desta edición, foi elixida unha obra finalista, mención que recaeu en Licor de abelá con xeo, de Xurxo Sierra Veloso.
II PREMIO LUÍSA VILLALTA A INICIATIVAS NORMALIZADORAS
O xuri da segunda edición do Premio Luísa Villalta de Iniciativas Normalizadoras, galardón promovido polos Servizos de Normalización Lingüística das tres universidades galegas en colaboración coa Dirección Xeral de Política Lingüística, decidiu premiar os seguintes traballos:
Na categoría de deseños de campañas de promoción da lingua galega, o primeiro premio dotado con mil euros foi para Sonia María Salceda Millarengo e Beatriz Vilaverde Santamariña, por (In)fórmate; o segundo e terceiro premios de seiscentos e trescentos euros, respectivamente correspondéronlles a Aprender a circular en galego, de Sandra Villar Giner, e Os teus contos, mellor en galego, de Patricia Comesaña Comesaña.
No apartado de artigos xornalísticos, foron distinguidos Primeiros pasos para a erradicación da enfermidade (no colo), de Verónica Salgueiriño Maceira primeiro premio, dotado con seiscentos euros, e A cidade rumorosa, de Isaac Lourido Hermida segundo, con trescentos euros, ficando deserto o terceiro dos galardóns.
© 2006 Biblioteca Virtual Galega